Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil é unha publicación científica de periodicidade anual, pero de fluxo continuo, editada polo Grupo de Investigación LITER21 do Instituto de Ciencias da Educación (ICE)-Universidade de Santiago de Compostela.
Está patrocinada pola Universidade de Santiago de Compostela; a Rede Temática de Investigación “As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano” (LIXMI); o proxecto “Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil”, que se desenvolve no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; e ELOS-Galicia. Asociación de investigación en Literatura Infantil e Xuvenil.
Creouse co obxectivo de fomentar un espazo de debate e reflexión ao redor da Literatura Infantil e Xuvenil, un foro de análise crítica, de difusión da investigación e de visibilización deste sistema literario.
Para cumprir estes obxectivos, a revista presenta catro seccións: Miscelánea, con traballos de investigación orixinais sobre Literatura Infantil e Xuvenil, focalizados cara á Historiografía, Teoría literaria, análise de obras literarias, Tradución, Educación literaria e calquera aspecto relacionado; Sección Monográfica, coa mesma estrutura e aspectos formais que rexen para os artigos da Miscelánea, pero que responden a unha temática concreta que se anunciará xunto á respectiva chamada de traballos; Recensións, comentarios críticos e orixinais sobre monografías, estudos, revistas e calquera outro material de carácter científico que se teña publicado nos dous últimos anos sobre a temática que acolle a Revista; e Para saber máis, repositorio de traballos críticos ou monográficos de autoría individual ou colectiva que se consideren de relevancia para o estudo e coñecemento da Literatura Infantil e Xuvenil, así como bibliografías descritas que orienten a investigación sobre este eido e contribúan ao seu avance.
Elos aparece indizada en ERIH+, ESCI, REDIB e MIAR
As linguas de publicación de Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil son o galego, o castelán, o inglés e o portugués. O portal dixital desta Revista pódese consultar en galego, castelán e inglés.

logo_esciRedib Widgetlogo

Actualización da revista en Latindex e novidades nas seccións

2023-11-20

Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil vén de ser valorada novamente por Latindex, de xeito que pasa a ter recoñecidas 36 das 38 características mediante as que se avalía a calidade das publicacións do catálogo (até o momento cumpría 29 das 38 características). Queremos agradecer a todas as persoas que colaboran e traballan porque a revista siga medrando. 

Ademais, aproveitamos o contacto para avisar das novidades nas seccións da revista. Elimínase a sección “Notas” e a sección “Artigos” convértese en dúas sección distintas: “Miscelánea” e “Sección Monográfica”. Así: 

- Miscelánea acolle traballos de investigación orixinais sobre Literatura Infantil e Xuvenil, focalizados cara á Historiografía, Teoría literaria, análise de obras literarias, Tradución, Educación literaria e calquera aspecto relacionado. 

- Sección Monográfica, coa mesma estrutura e aspectos formais que rexen para os artigos de “Miscelánea, pero que responden a unha temática concreta que se anunciará xunto á respectiva chamada de traballos. 

En todo caso, mantéñense as indicacións dispoñíbeis nas normas para autores/as da revista e ofrécese un modelo que se deberá utilizar para a presentación de manuscritos.  

A información sobre “Sección Monográfica” do vindeiro número, 2024, será publicada na sección de anuncios nos próximos días. 

Un saúdo, 

Secretaría de Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil 

Número 10 (2023) PECHADO

2023-09-14

O número de Elos deste ano, 2023, xa está pechado. Os artigos que o completan serán publicados nos próximos meses. Todos os traballos que entraron ao longo de setembro, así como os que entren a partir de agora, serán considerados para o número 11 (2024). Lembramos a todas as persoas interesadas en presentar un traballo que, mediante o proceso de publicación continua, os traballos do número 11 poderían empezar a publicarse en xaneiro-febreiro, en función do tempo que dure o fluxo editorial.

Máis Novas...

Divulgación da literatura infantil a través de contas de influencers en Instagram: factores que inflúen no nivel de engagement

  • Miguel López Verdejo
  • Beatriz Hoster-Cabo
  • Vanesa Sánchez-Canales
Publicado 19-02-2024

Analízase o uso que fan de Instagram autores de contas con alto impacto relacionadas con divulgación de literatura infantil e as respostas dos seus seguidores aos distintos tipos de publicacións mediante o engagement para comprobar o seu interese polo contido. A mostra extráese de 220 publicacións correspondentes a 11 contas sen ánimo de lucro relacionadas con divulgación de literatura infantil. Realízase un estudo exploratorio mixto, identificando as características das contas e analizando o seu contido mediante a adaptación dun instrumento de recollida de información previamente validado. Os datos colléitanse e analizan en Excel e compáranse as contas con maior e menor engagement. Entre outros resultados, destaca que xeralmente presentan lecturas recomendadas xunto a materiais docentes varios para educación infantil e o engagement decrece ao aumentar o número de seguidores. Discusión e conclusións: as recomendacións adoitan limitarse a referencias bibliográficas e unha superficial alusión ao contido; aquelas publicacións que obteñen maior interacción conteñen, de maneira xeral, reels, alusións a poesía infantil ou pretenden axudar na elaboración de recursos didácticos. O procedemento utilizado é aplicable a outras mostras.

No 10 (2023)

Publicado: 2023-12-30

Táboa de contidos

Ver todos os números