Actualización da revista en Latindex e novidades nas seccións
Publicado o 2023-11-20Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil vén de ser valorada novamente por Latindex, de xeito que pasa a ter recoñecidas 36 das 38 características mediante as que se avalía a calidade das publicacións do catálogo (até o momento cumpría 29 das 38 características). Queremos agradecer a todas as persoas que colaboran e traballan porque a revista siga medrando.
Ademais, aproveitamos o contacto para avisar das novidades nas seccións da revista. Elimínase a sección “Notas” e a sección “Artigos” convértese en dúas sección distintas: “Miscelánea” e “Sección Monográfica”. Así:
- Miscelánea acolle traballos de investigación orixinais sobre Literatura Infantil e Xuvenil, focalizados cara á Historiografía, Teoría literaria, análise de obras literarias, Tradución, Educación literaria e calquera aspecto relacionado.
- Sección Monográfica, coa mesma estrutura e aspectos formais que rexen para os artigos de “Miscelánea”, pero que responden a unha temática concreta que se anunciará xunto á respectiva chamada de traballos.
En todo caso, mantéñense as indicacións dispoñíbeis nas normas para autores/as da revista e ofrécese un modelo que se deberá utilizar para a presentación de manuscritos.
A información sobre “Sección Monográfica” do vindeiro número, 2024, será publicada na sección de anuncios nos próximos días.
Un saúdo,
Secretaría de Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil