Temática e alcance

Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil é unha publicación científica de acceso aberto e periodicidade anual editada polo Grupo de Investigación LITER21(GI-1839-Literatura galega. Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas) do Instituto de Ciencias da Educación (ICE)-Universidade de Santiago de Compostela.
Está patrocinada pola Universidade de Santiago de Compostela; a Rede Temática de Investigación “As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano” (LIXMI, http://www.usc.es/gl/proxectos/lijmi/index.html); o proxecto “Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil” (http://www.cirp.es/prx2/lix.html), que se desenvolve no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; e ELOS-Galicia. Asociación de investigación en Literatura Infantil e Xuvenil.
Creouse co obxectivo de fomentar un espazo de debate e reflexión ao redor da Literatura Infantil e Xuvenil, un foro de análise crítica, de difusión da investigación e de visibilización deste sistema literario.
Para cumprir estes obxectivos, a revista presenta catro seccións: Artigos, con traballos de investigación orixinais sobre Literatura Infantil e Xuvenil, focalizados cara á Historiografía, Teoría literaria, análise de obras literarias, Tradución, Educación literaria e calquera aspecto relacionado; Notas, traballos breves e orixinais, de carácter crítico-divulgativo, que aborden aspectos sinalados na sección “Artigos”; Recensións, comentarios críticos e orixinais sobre monografías, estudos, revistas e calquera outro material de carácter científico que se teña publicado nos dous últimos anos sobre a temática que acolle a Revista; e Para saber máis, repositorio de traballos críticos ou monográficos de autoría individual ou colectiva que se consideren de relevancia para o estudo e coñecemento da Literatura Infantil e Xuvenil, así como bibliografías descritas que orienten a investigación sobre este eido e contribúan ao seu avance.
As linguas de publicación de Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil son o galego, o castelán, o inglés e o portugués.
O portal dixital desta Revista pódese consultar en galego, castelán e inglés.

Proceso de revisión por pares

Os traballos (Artigos e Notas, recibidos na redacción antes do 15 de novembro, e as Recensións, recibidas na redacción antes do 31 de xaneiro) serán revisados por un membro do Comité de Redacción que determinará se o traballo cumpre cos requisitos mínimos para a súa publicación. Determinarase se encaixa temática e formalmente nalgunha das seccións da Revista e se se cumpren as normas de publicación e os requirimentos da Revista para o envío; a este respecto, o autor debe cubrir un "Formulario para autores" e, no seu caso, debe enviar permisos de reprodución de materiais. No caso de que o traballo non cumpra os requisitos mínimos para a súa publicación, o Comité de Redacción enviaralle ao autor en breve prazo (en todo caso, sempre antes dun mes) unha comunicación razoada do rexeitamento.

Os traballos (Artigos, Notas e Recensións) que cumpran os requisitos mínimos indicados serán remitidos en forma anónima a dous expertos, que, no prazo dun mes, deberán emitir un informe sobre a conveniencia da súa publicación. Un membro do Comité de Redacción da revista seleccionará os avaliadores externos que, pola súa traxectoria investigadora, xulgue idóneos para avaliar o contido do traballo presentado. Ademais, poderán considerar tamén nomes de expertos suxeridos polo propio autor, sempre que estes non participasen de ningún xeito na elaboración do traballo, non o lesen previamente e non manteñan co autor un tipo de relación que poida facer depender o resultado da avaliación de criterios que non sexan estritamente científicos. O autor poderá tamén recusar o nome dun máximo de dous potenciais revisores cos que teña un tipo de relación que, do mesmo xeito, poida dar lugar á introdución de criterios alleos á calidade do traballo na avaliación deste. En calquera caso, o nome dos avaliadores non será dado a coñecer ao autor ou autores do traballo (sistema de dobre anonimato). Para que os traballos se publiquen nas seccións Artigos, Notas e Recensións, os dous informes deben ser positivos. Se só unha das avaliacións recomenda a publicación do traballo, este remitirase a un terceiro revisor anónimo cuxo ditame será definitivo.

Os traballos encargados polo Comité de Redacción da revista serán sometidos ao mesmo sistema de arbitraxe ca aqueles que chegan á redacción sen encarga previa.

O Comité de Redacción comunicará nun prazo máximo de tres meses despois da recepción do traballo e mediante correo electrónico a aceptación (definitiva ou condicionada) ou o rexeitamento das colaboracións. A comunicación irá acompañada dos informes anónimos dos avaliadores. Eventualmente, poderá enviarse un único informe elaborado polo Comité de Redacción a partir dos formularios entregados polos avaliadores.

Se o traballo é provisionalmente aceptado, o Comité de Redacción da revista poderá incluír na comunicación unha listaxe coas súas propias recomendacións. Entre estas incluiranse, se é preciso, indicacións relativas ao estilo, redacción, corrección gramatical e presentación da información, así como a listaxe de incumprimentos das normas de publicación. Os textos escritos en inglés serán revisados por un corrector experto. O autor deberá realizar antes dun mes as oportunas modificacións ou as alegacións aos cambios solicitados. O novo traballo, cos cambios introducidos, deberá ser enviado á Revista destacando os cambios realizados mediante formato resaltar. Cando sexa precisa algunha aclaración, o autor enviará un documento no que vincule as modificacións realizadas no traballo cos cambios solicitados polos revisores e incluíndo as alegacións que considere pertinentes. A nova versión do traballo, xunto co documento indicado, será enviado de novo aos revisores, os cales, nun prazo de quince días, emitirán un informe sobre a conveniencia ou non da publicación.

O Comité de Redacción, nun prazo de quince días a partir da comunicación dos revisores, acordará e notificará a aceptación ou o rexeitamento definitivo do traballo. Nesta notificación, que se realizará mediante correo electrónico, a non ser que o autor solicite un xustificante en papel, solicitaráselle ao autor o envío do traballo nas linguas de publicación da Revista (galego, castelán, inglés e portugués) e indicaráselle así mesmo en qué número da Revista se publicará o traballo.

Frecuencia de publicación

Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil publícase anualmente pero, unha vez que se reciban as versións definitivas dos traballos en galego, castelán e inglés, engadiranse á táboa de contidos do volume “en curso”.

Política de acceso aberto

O contido de Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil é de acceso libre.

A publicación non ten ningún custo para os autores.

Exención de responsabilidade

Elos non se fai responsable do contido de ningún artigo e o feito de patrocinar a súa difusión non implica, necesariamente, conformidade coas teses expostas.
O editor, en calquera caso, exímese de toda responsabilidade derivada da eventual vulneración de dereitos de propiedade intelectual por parte do autor.

Instrucións para os revisores

Sección Artigos, Recensións e Notas

Obxectivo da revisión

O obxectivo da revisión é determinar se o traballo avaliado posúe o interese e a calidade necesarios para ser publicado, con modificacións ou sen elas, en Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil, ou se ben, se rexeita.

Enfoques da revisión

  • Interese temático. Na sección Artigos de Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil só se publicarán (en galego, castelán e inglés) traballos de investigación orixinais sobre Literatura Infantil e Xuvenil, focalizados cara á Historiografía, Teoría literaria, análise de obras literarias, Tradución, Educación literaria e calquera aspecto relacionado. O revisor indicará se o traballo responde ou non aos criterios temáticos de publicación nesta Revista.
  • Calidade. O revisor indicará así mesmo se o traballo reúne os requisitos mínimos de calidade para merecer ser publicado. Por iso deberá ter en conta os seguintes aspectos:
    • A orixinalidade e relevancia: o autor fai unha achega nova e relevante para o eido investigado?
    • A adecuación da metodoloxía: o autor emprega unha metodoloxía axeitada?
    • A adecuación das conclusións: están xustificadas axeitadamente as conclusións do traballo a partir dos datos expostos?
    • A presentación da información: o autor estrutura e expón a información de forma axeitada?
    • A explotación da bibliografía: o autor fai uso para a súa investigación da bibliografía precisa? é axeitada a discusión bibliográfica?

Presentación da revisión

O revisor deberá cubrir o formulario de avaliación, indicando xustificando se o traballo se axusta aos intereses temáticos da sección Artigos e aos criterios de calidade da Revista, no prazo máximo dun mes desde a recepción do traballo.

Os criterios de calidade deben ser atendidos na revisión e comentados ao longo de todo o informe por parte do avaliador, quen poderá organizar a súa exposición libremente. Agradécense todas as apreciacións realizadas, tanto positivas coma negativas, que se xustifiquen debidamente. Aconséllase tamén que o avaliador, na súa argumentación, diferencie entre observacións principais e secundarias.

Os comentarios do revisor deben ir vinculados a unha decisión sobre a publicación do traballo. De xeito, que deberá indicar se o traballo

  • a) pode publicarse sen modificacións,
  • b) pode publicarse, pero con modificacións menores,
  • c) pode publicarse, pero con importantes modificacións,
  • d) non se pode publicar.

No caso de que as opcións marcadas sexan b) ou c), o revisor deberá explicar con claridade cales son os cambios a realizar para que o traballo poida publicarse. Debe acompañar esa explicación da correspondente xustificación ou remisión aos comentarios referidos á calidade do traballo.

Estilo da revisión

O informe debe ser claro e preciso. Rógase que sexa especialmente claro ao expoñer os aspectos a modificar para que o traballo se poida publicar e ofreza a referencia completa de calquera traballo ao que remita.

Xa que un dos obxectivos principais dos procesos de revisión é contribuír a mellorar a calidade dos traballos a través da crítica construtiva, prégase evitar expresións que poidan desanimar os autores dos traballos no seu proceso investigador (pense que o traballo pode ser dun investigador que se está a iniciar e que vostede, coa súa revisión crítica e construtiva, o pode axudar a mellorar ou reformular aspectos básicos da súa metodoloxía de traballo).

Proceso da revisión

O avaliador debe enviar o formulario de revisión no prazo máximo dun mes desde a recepción do traballo (en galego, castelán ou inglés). Cada traballo será enviado a dous revisores externos e, se existen discrepancias entre eles, remitirase a un terceiro, cuxo ditame será definitivo. A secretaría comunicará nun prazo máximo de tres meses despois da recepción do traballo e mediante correo electrónico a aceptación (definitiva ou condicionada) ou o rexeitamento das colaboracións. A comunicación irá acompañada dos informes anónimos dos avaliadores. Eventualmente, poderá enviarse un único informe elaborado polo Comité de Redacción a partir dos formularios entregados polos avaliadores.

Se o traballo é aceptado provisionalmente, o autor deberá realizar antes dun mes as oportunas modificacións ou as alegacións aos cambios solicitados. O novo traballo, cos cambios introducidos, deberá ser enviado á Revista destacando os cambios realizados mediante formato resaltar. Cando  sexa precisa algunha aclaración, o autor enviará un documento no que vincule as modificacións realizadas no traballo cos cambios solicitados polos revisores e incluíndo as alegacións que considere pertinentes. A nova versión, xunto co documento indicado, será enviado de novo aos revisores, os cales, nun prazo de quince días, emitirán un informe sobre a conveniencia ou non da publicación. O Comité de Redacción, nun prazo de quince días a partir da comunicación dos revisores, acordará e notificará a aceptación ou o rexeitamento definitivo do traballo. Nesta notificación, que se realizará mediante correo electrónico, a non ser que o autor solicite un xustificante en papel, solicitaráselle ao autor o envío do traballo nas linguas de publicación da Revista (galego, castelán e inglés) e indicaráselle así mesmo en qué número da Revista se publicará o traballo.

O sistema de arbitraxe é de dobre anonimato, de xeito que nin os autores dos traballos deben coñecer o nome dos seus avaliadores nin os avaliadores deben coñecer o nome dos autores. Por iso se prega ao avaliador non incluír no informe ningún comentario que poida desvelar a súa identidade.

Formulario de revisión

Sección Para saber máis

Obxectivo da revisión

O obxectivo da revisión é determinar se o traballo enviado á Revista (en galego, castelán ou inglés) posúe o interese e a calidade suficientes para ser incluído nesta sección de Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil, ou se pola contra, debe ser rexeitado. A aceptación do traballo e a súa conseguinte publicación non implican a validación das teses ou propostas defendidas nel.

Enfoques da revisión

  • Interese temático
  • Na sección Para saber máis de Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil só se incluirán  traballos críticos ou monográficos de autoría individual ou colectiva que se consideren de relevancia para o estudo e coñecemento da Literatura Infantil e Xuvenil, así como bibliografías descritas que orienten a investigación sobre este eido e contribúan ao seu avance. Como os traballos que se propoñan para incluír en “Para saber máis” poden estar publicados anteriormente noutro formato ou idioma (aínda que non fora o galego, castelán e inglés, nos que se publica esta Revista), non serán examinados por avaliadores externos senón que o Comité de Redacción será o encargado de emitir un informe no que indicará se o traballo encaixa ou non nos ámbitos temáticos sinalados na Revista e debe ser incluído nesta sección.
  • Calidade
  • O Comité de Redacción indicará así mesmo se o traballo reúne os requisitos mínimos de calidade para merecer ser incluído nesta sección da Revista, tendo en conta e relevancia para o estudo, coñecemento e avance na investigación da Literatura Infantil e Xuvenil.

Proceso da revisión

O Comité de Redacción comunicará nun prazo máximo de tres meses despois da recepción do traballo e mediante correo electrónico a súa aceptación ou rexeitamento para ser incluído nesta sección da Revista.

Indexada en

Elos aparece indizada en ERIH+, ESCI, REDIB e MIAR.

Directrices éticas

A publicación de artigos científicos involucra varios axentes, entre os cales se atopan a editorial, a dirección da revista, os avaliadores dos traballos e os autores. De cada un deles espérase unha conduta ética referida a uns principios, na nosa revista inspirados parcialmente nos que proporciona o Committee on Publication Ethics (COPE) Best Practice Guidelines.

Editorial

A editorial proporciona asistencia e apoio técnico á dirección da revista no uso da plataforma web, e mantén o software actualizado e en condicións de facilitar o proceso de envío, avaliación e publicación dos traballos. Colabora tamén coa dirección da revista na súa indexación e na facilitación de información sobre aqueles requisitos que contribúan a un mellor posicionamento da mesma nas clasificacións ao uso. En xeral, axuda ao incremento da calidade editorial da revista e á súa mellor e maior visibilización, internacionalización e impacto.

Dirección da revista

A dirección da revista asegura que os manuscritos enviados son avaliados atendendo exclusivamente ao seu contido intelectual, sen ter en conta a raza, xénero, orientación sexual, crenza relixiosa, adscrición política ou escola filosófica dos autores. Garante a confidencialidade dos traballos, non revelando a identidade dos mesmos a outros actores que non sexan os membros autorizados da editorial, os avaliadores potenciais, os avaliadores efectivos ou ao consello de redacción da revista. A dirección da revista pode declinar a publicación dun traballo por non cumprir este os requisitos formais esixidos ou por tratar unha temática allea ao seu ámbito. Debe comunicar, dentro dos prazos establecidos, unha vez vistos os informes dos avaliadores e ouvido o consello de redacción, a aceptación ou o rexeitamento dos traballos presentados.

Avaliadores

Os avaliadores deben rexeitar o encargo de valorar un traballo se non se recoñecen cualificados na área temática do mesmo ou se non poden asumir a avaliación dentro do prazo que establece a revista. O informe de avaliación debe ser obxectivo e debe expresarse de maneira razoada e clara. Debe evitar alusións ad hominen, ofensivas ou humillantes e os comentarios deben perseguir a mellora do traballo. Os manuscritos recibidos deben ser tratados como documentos confidenciais e o seu contido non pode ser usado en traballos propios. Os avaliadores deben rexeitar avaliar artigos cando exista algún conflito de interese resultante dunha eventual relación, pasada ou presente, cos autores do traballo ou coas institucións das cales estes dependan.

Autores

Os autores deben enviar traballos que presenten unha investigación orixinal sobre un tema claramente identificábel e non previamente publicado. Non deben enviar traballos que inclúan unha parte substancial doutros xa publicados. Os traballos deben redactarse de modo que poidan ser comprendidos ou replicados polos avaliadores. Se se usaren ideas doutros, deben ser claramente referenciadas; o plaxio é unha conduta inaceptábel e a súa detección implica o arquivo do traballo ou a súa retirada da páxina web, se estivese xa publicado. En caso de coautoría, son autores dun traballo todos os que contribúen significativamente ao mesmo; cada autor debería ser capaz de identificar as partes do traballo de que son responsábeis os outros coautores e debe gardar confidencialidade dos diversos contidos até que o artigo sexa publicado. O envío simultáneo do traballo a outra ou outras revistas é condición suficiente para o seu arquivo. Se no proceso de edición os autores descobren erros ou impropiedades no seu traballo, comunicarano coa maior celeridade ao director da revista, e colaborarán na súa subsanación. Os autores deberán facer constar o posíbel conflito de intereses entre as conclusións do seu traballo e as fontes de financiamento do mesmo.

Estas directrices están en consonancia co código ético da Universidade de Santiago de Compostela, editora da revista: http://www.usc.es/valedor/codigoetico/codigoetico.html

Política de preservación de arquivos dixitais

Esta revista desenvolve diversos procesos destinados a garantir a accesibilidade permanente dos obxectos dixitais que alberga nos seus propios servidores:

- Copias de seguridade.
- Seguimento da contorna tecnolóxica para prever posibles migracións de formatos ou software obsoletos.
- Metadatos de preservación dixital.
- Utilización de DOI.

Os arquivos publicados nesta páxina web están dispoñibles en formatos facilmente reproducibles.

Política antiplaxio

Esta revista é membro de Similarity Check, unha iniciativa lanzada por Crossref que agrupa a varias editoriais co fin de protexer a orixinalidade dos contidos que publican.

Similarity Check utiliza o software iThenticate para detectar coincidencias e similitudes entre os textos sometidos a avaliación e os publicados previamente noutras fontes.

Protocolos de interoperabilidade

Elos proporciona unha interface OAI-PMH (Open Arquives Initiative Protocol for Metadata Harvesting) que permite que outros portais e servizos de información poidan acceder aos metadatos dos contidos publicados.

Especificacións:

OAI-PMH Protocol Version 2.0
Dublin Core Metadata 1.1

Ruta para os colleitadores:

http://www.usc.es/revistas//index.php/elos/oai

Patrocinadores

O equipo editorial de Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil quere amosar o seu agradecemento a todas as Institucións que contribúen a que esta Revista saia do prelo.

Universidade de Santiago de Compostela

Red temática de investigación "Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano" (LIJMI)/ "As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano"

Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

 

ELOS-Galicia. Asociación de investigación en Literatura Infantil e Xuvenil

 

Fontes de financiamento

O equipo editorial de Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil quere amosar o seu agradecementoGrupo de Investigación LITER21 (GI-1839 - Literatura galega. Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas, da Facultade de Filoloxía. Departamento de Filoloxía Galega-Universidade de Santiago de Compostela por editar esta Revista.

Donante: Grupo de Investigación LITER21 (GI-1839 - Literatura galega. Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas)

Historia

Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil é unha publicación científica de periodicidade anual editada polo Grupo de Investigación LITER21 (GI-1839 - Literatura galega. Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas, da Facultade de Filoloxía. Departamento de Filoloxía Galega-Universidade de Santiago de Compostela, que se creou en 2013 co obxectivo de fomentar un espazo de debate e reflexión ao redor da Literatura Infantil e Xuvenil, un foro de análise crítica, de difusión da investigación e de visibilización deste sistema literario.