Con prefácio de João Ruivo, director fundador de Ensino Magazine, e de João Carrega, director executivo da mesma publicación, temos na rúa este ramallete de Ensayos mínimos sobre la universidad deseada, de José María Hernández Díaz, Catedrático de Historia de la Educación da Universidade de Salamanca e colaborador habitual de Ensino Magazine, revista editada en Castelo Branco (Portugal) por RVJ editores sobre temas de educación superior. O libro recolle unha selección de miradas de doce anos sobre a universidade (2008-2020), onde o autor colaborou cumpridamente todos os meses. Como se recolle na contraportada, os textos falan con realismo e con paixón do que sucede nas aulas, nos corredores, nos despachos de facultades e reitorías, de artigos de revista e libros nos que aflora a vida cotiá do profesorado, do PAS, de moitísimos e moitísimas estudantes, pero tamén da cidadanía á que se deben. Aínda que, ás veces, a reflexión semella crítica e desalentadora, o que prevalece nas páxinas deste libro é a busca da ilusión colectiva por unha universidade mellor e desexada, moi en consonancia co propio talante vitalista e positivo, pero tamén de altura intelectual do profesor Hernández Díaz, valores constantes no seu labor docente e investigador ao longo de moitos anos (como docente na universidade de Salamanca dende 1974, e como Profesor Catedrático dende 1994). Son pequenas píldoras (101 ao final) que invitan a pensar e a actuar, especialmente para os que formamos parte da universidade. Loxicamente, dado que os primeiros artigos son do ano 2008, algunhas temáticas son de máis candente actualidade ca outras.
Dende o punto metodolóxico, a publicación en formato libro para abordar esta temática conta cos seus antecedentes. Hai referencias no propio texto a Francisco Giner de los Ríos, cos seus Escritos sobre la universidad española, que recolle en boa maneira artigos publicados anteriormente no Boletín de la Institución Libre de Enseñanza; de José Ortega y Gasset, coa súa obra Misión de la universidad; de Jordi Llovet, con Adiós a la universidad: el eclipse de las humanidades; até outros máis recentes como o libro de José Carlos Bermejo Barrera, Rectores y privilegiados. Crónica de una universidad, e os seus artigos xornalísticos publicados en El Correo Gallego; de Bill Readings, The University in ruins, ou do propio autor con La Paideia universitaria en la Fiesta de la Ciencia. Na busca constante dunha universidade mellor, as referencias acadan tamén aos homes e mulleres do rexeneracionismo e da reforma da España contemporánea, da transformación da universidade a través da JAE (Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, creada en 1907, e institucións derivadas): os Giner de los Ríos, Cajal, Cossío, Castillejo, Zulueta, Fernando de los Ríos, F. Barnés, Jiménez Fraud, ou mulleres como Dolores Cebrián e Alice Pestana, entre moitos e moitas outras.
Non se trata simplemente dun compendio dos artigos publicados anteriormente. Hai xa na propia estrutura do texto, arredor de sete constelacións, que recollen tanto os elementos do currículo clásico como as novas incorporacións, elementos interesantísimos que lle dan unidade ao discurso, no contexto do departamento e da área á que pertence o autor, a de Teoría e Historia da Educación.
No primeiro apartado, que titula “Ayuntamiento de Maestros... los Profesores”, inspirado en Alfonso X, el Sabio -gran impulsor do Estudio creado polo seu avó Alfonso IX en Salamanca (1218)-, que a mediados do século XIII escribe Las Partidas, Hernández Díaz ocúpase con sentido crítico de temáticas coma o estatuto do profesor universitario, o funcionariado, o bo profesor/a universitario, as titorías, os problemas da universidade, as xubilacións e demais. Alédanos que, como mostra dun profesor universitario exemplar, se detivera na figura de Rogerio Fernándes (falecido o 4 de marzo de 2010), Catedrático de Historia da Educación na Universidade de Lisboa, a quen tivemos a honra de coñecer no seu día, e nos atendeu con toda modestia, a pesar das súas múltiples ocupacións, nun tempo en que estabamos a elaborar uns textos sobre a Historia da Formación do Profesorado nas Escolas Normais.
No segundo apartado ocúpase do alumnado, dos estudantes. As temáticas van dende as clásicas de moitos anos atrás, a outras de total actualidade e ás constantes de sempre: os/as estudantes como corazón da universidade, a chegada das mulleres á universidade, as asociacións estudantís (entre elas a ars tunandi), a intolerancia colexial, a rebeldía dos universitarios, as oportunidades de estudo, as becas, a universidade garante do alumnado, o voto, ou o plaxio, de tremenda actualidade hoxe cos novos medios informáticos. Como bo profesor de Historia da Educación, non se esquece do maio francés, dos estudantes na rúa (1968), coincidindo co 50 aniversario.
O terceiro bloque trata da misión orixinaria e principal da universidade, a docencia, os saberes a aprender con convicción e método, as ciencias experimentais e as ciencias sociais, as de proxección tecnolóxica e as que teñen que ver coa saúde das persoas -de total actualidade nestes aciagos tempos de brutal pandemia- das humanidades e aqueloutras que interpelan e enriquecen a condición humana. Hai referencias críticas a Bolonia, á chamada “beatería na universidade”, fetichismos asociados por exemplo, ao uso do power point, reformas, másteres, formación pedagóxica do profesorado, campus didáctico, libros e lecturas, e os tempos de exames.
O cuarto apartado vai dedicado á investigación e á extensión universitaria. No tratamento dos paradigmas investigadores na universidade, aflúe a miúdo a universidade creada en Berlín (1810) por W. von Humbolt, que rompe cos moldes anteriores das universidades europeas para impulsar a libre creación científica, a investigación, modelo que vai ser adoptado a finais do XIX polo poderoso EE.UU. en varias das súas universidades. Ademais do modelo francés, o denominado modelo de universidade napoleónica, centralista, do funcionariado, está o modelo inglés, basicamente o de Oxford e Cambridge, clásico e elitista, mais tamén as novas universidades creadas en varias capitais británicas, con titulacións que amplían o cupo das ensinanzas a aspectos máis prácticos da vida cotiá e a industria, ligadas ao concepto de comprehensive school. Conxugar a investigación coa extensión universitaria foi a universidade desexada por algúns dos nosos cualificados predecesores (Giner, Cossío, Labra...) Xorde así o Grupo de Oviedo, con Álvarez Buylla, Altamira, Alas, Sela, Posada e demais, que teñen proxección na capital co interesantísimo Instituto de Reformas Sociais (1903). Neste contexto, Hernández Díaz ofrécenos suxestivos ensaios mínimos sobre congresos científicos a exame, universidade e servizo público, nanotecnoloxía ibérica, sexenios de transferencia, Bolonia para pais, universidade da experiencia ou universidades populares, entre outros. Non faltan tampouco as análises críticas referidas ao establecemento de imposicións externas, representadas en artigos científicos JCR ou en revistas en Scopus, que resulta particularmente dramática para as humanidades e as ciencias sociais.
A quinta constelación trata da denominada “Paideia universitaria”, a partir dos legados conceptuais clásicos grecolatinos. Achamos referencias a descolonizar a universidade, a universidades transversais, universidade e sustentabilidade, universidade e cambio climático, voluntariado, a paz, a educación para o consumo, actividade física e deporte, noites de verán, etc., con exemplos de novidosas universidades máis alá do experimentado e beneficiado mundo occidental. Pola nosa parte, levamos constatado a aceptación deste tipo de temáticas transversais nun artigo publicado recentemente xunto con Raquel Vázquez Ramil: “Temas transversales, ciudadanía y educación en valores: de la LOGSE (1990) a la LOMLOE (2020)”, aparecido en Innovación Educativa (2020).
O sexto apartado está dedicado a “Pensar y gobernar la universidad”, con profusión de títulos e matices nas actividades de xestión e goberno das universidades. Faise fincapé na responsabilidade de administrar ben os recursos, na transparencia na xestión, de garantir que as instalacións físicas e edificios, así como o patrimonio herdado se manteña en boas condicións de uso, de buscar e ampliar os novos espazos e servizos en procura do beneficio para todos os membros da comunidade universitaria, na necesidade de contar cun proxecto previo de actuación, dos deberes e obrigacións de todos os membros da institución, profesorado, estudantes, persoal técnico a administrativo de apoio, pero tamén dos cidadáns da contorna próxima e remota, do vínculo de maternidade intelectual da “Alma Mater”, de pensar e actuar para o bo goberno desta “república universitaria”, que diría Maquiavelo.
Finalmente, o capítulo sétimo preséntamos “Un horizonte incierto” cara onde pode dirixirse a universidade nos próximos decenios, diante dos acelerados cambios sociais, educativos e universitarios, dos perigos de imposición do neoliberalismo globalizado, da competitividade, dos ránkings, clasificacións, corporacións universitarias multinacionais, que o autor cualifica máis ben de “conflicto de racionalidades”. Pero lonxe dunha visión pesimista, moi en consonancia co talante e o pulso no conxunto da publicación, o autor advirte no horizonte “puntos día a día más abundantes y luminosos de una universidad cosmopolita, constructora de proyectos humanísticos, docentes, investigadores, interculturales e internacionales, solidarios e democráticos”, nos que España non é allea a estes motivos de esperanza.
O libro que reseñamos vai dedicado aos primeiros netos do profesor José Mª Hernández Díaz, Nico e Diana, coa esperanza de que talvez a universidade que no seu día poida acollelos, acade algúns dos desexos que destilan as súas páxinas. Representa a esperanza no presente e no futuro, nas novas xeracións. Noraboa.