INTRODUCIÓN E ANTECEDENTES A CONSIDERAR
Ten algunha evidente dificultade trazar un percorrido histórico sintético sobre os 50 anos que a actual Facultade de Ciencias da Educación celebra en relación co inicio dos estudos pedagóxicos, con carácter universitario en Galicia, o que se traduciu no inicio destes estudos en xaneiro de 1974. Cincuenta anos nunha institución universitaria conforman un período realmente extenso; atravesado por múltiples variabéis estruturais, funcionais e persoais; por distintas e en ocasións complexas dinámicas.
Non se realizou ata o presente o estudo institucional e sendo así deberei limitarme a trazar -agardo que con oportunidade- algúns liñamentos situados entre a historia, a memoria e a crónica.
O inicio da formación pedagóxica en Compostela en 1974 contaba con antecedentes históricos na cidade e tamén en Galicia. Algún grado de formación no pensamento pedagóxico e o seu cultivo puidéronse realizar institucionalmente en Compostela, cando menos, desde as décadas finais do século XIX; certo é que con pouca intensidade e con evidentes limitacións. Paga a pena salientalo.
Vindo de algo lonxe
O estudo da Pedagoxía comenzou a realizarse en Europa occidental en distintos centros de educación profesional e superior e en varias universidades, en particular no contexto cultural alemán, no tempo central do século XIX. Non será ata comezos do século XX cando se dote en España (en 1904) a primeira cátedra de Pedagoxía na Universidade Central de Madrid, na figura de Manuel Bartolomé Cossío, quen xa impartía desde 1901 un curso de Pedagoxía Xeral no Museo Pedagógico Nacional, este creado inicialmente en 1882 como «Museo Pedagógico de Instrucción Primaria»
Eran os antecedente da creación en 1909 da que será coñecida como Escola de Estudos Superiores do Maxisterio, que en 1932 deixou paso á primeira Sección universitaria de Pedagoxía creada na mesma Universidade Central no marco da súa Facultade de Filosofía e Letras; esta será seguida da creación dunha similar Sección de Pedagoxía na Universidade de Barcelona en 1933. Ambas as dúas serán clausuradas polas autoridades franquistas en 1939.
Entre tanto, en todas as provincias españolas víñanse mantendo as Escolas Normais de Maxisterio (con variacións ao longo do tempo), creadas por volta de mediados do século XIX con carácter de ensinos profesionais, sendo elas, en todo caso, os espazos académicos onde desde o inicio se veu facendo un certo cultivo académico da Pedagoxía. Esta vida das Escolas Normais ou de Maxisterio chegará ata finais do século XX.
Durante o tempo do franquismo volverían crearse Seccións universitarias de Pedagoxía nas Facultades de Filosofía e Letras nas Universidades de Madrid (1944) e de Barcelona (1955). Engadíronse ás anteriores na década dos anos sesenta as Seccións creadas na Universidade de Valencia e na Universidade Pontificia de Salamanca, neste caso baixo o padroado da Conferencia Episcopal Española. Foron estes os centros universitarios onde se formou o profesorado que nutriría á expansión dos estudos universitarios de Pedagoxía no Estado español a partir dos pasados anos 70.
Neste contexto, entre os primeiros alumnos galegos da Escola Normal de Mestres creada en Madrid, como formadora do futuro profesorado das Escolas Normais Provinciais, encóntranse Francisco Sobrino e Antonio Mª de la Iglesia que exercerán como docentes da Escola Normal Superior de Santiago de Compostela, o vigués Xoaquín Avendaño, que será destacada figura como tratadista no plano didáctico e de organización escolar e Castor Araujo e Alcalde, que destacará como docente na Escola Normal de Pontevedra. Entre 1841 e 1845 créanse as Escolas Normais de Ourense, Lugo, A Coruña e Pontevedra. Clausurada a da Coruña, créase en 1849 a Escola Normal Superior de Santiago de Compostela (). En 1860 créase a primeira Escola Normal feminina galega na cidade de Pontevedra, á que lle seguirá en 1865 á da Coruña (con rango de Normal Superior adquirido en 1878). En todas estas Escolas Normais estudábanse algúns contidos relacionados coas formulacións pedagóxicas e coa metodoloxía didáctica, incorporándose, ademais, os contidos de historia da pedagoxía, ao nacer o século XX; ademais editáronse, xunto a numerosos libros de texto, varias publicacións de carácter metodolóxico, didáctico e organizativo escolar, cabeceiras de prensa profesional docente e clebráronse diversos congresos , entre outras iniciativas de alcance pedagóxico.
Entre 1901 e 1914 os estudos de Maxisterio primario pasaron a ser realizados nos Institutos Provinciais de Bacharelato, se ben se mantivo a Escola Superior Normal de Santiago de Compostela. A partir do máis esixente plan de estudos de formacion dos mestres e mestras de 1914 de novo serán as Escolas Normais provinciais e a de Santiago os únicos centros públicos de formación, que en Galicia quedaron do seguinte modo á altura de 1923: Santiago, Ourense e Pontevedra como Escolas só de mestres, A Coruña e Lugo como femeninas e Ourense e Pontevedra con senllas escolas para mestres e para mestras.
Con distintas variacións, tanto durante o tempo da II República como no do Franquismo permanecerán as Escolas Normais, coa aplicación de varios plans de formación e variable e reducida presenza de contidos formativos de carácter pedagóxico (didáctico, metodolóxico e histórico educativo), logo da II República. A tradicional Escola Normal de Santiago será redenominada, aprobada a LXE de 1970 (ao igual que as demais Escolas Normais), como Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EGB2, con existencia institucional ata 1996 (en que pasou a fundirse na nova Facultade de Ciencias da Educación), operándose nela tamén unha parcial renovación organizativa e pedagóxica ().
Antecedentes próximos
No contexto de modernización da sociedade española, en 1969 e formando parte do proceso de reforma xeral da educación, que se concretou na Lei Xeral de Educación, creáronse os Institutos universitarios de Ciencias da Educación (ICE), en cada un dos dez distritos universitarios españoles daquela existentes, e por iso un deles ligado á Universidade de Santiago (a única en Galicia), con misión de formación pedagóxica inicial e continuada do profesorado de niveis non universitarios, de investigación educativa e de documentación e difusión educativa. O paso seguinte foi o da creación en 1973 das que se denominaron Facultades de Filosofía e Ciencias da Educación, mediante distintas segregacións das Facultades de Filosofía e Letras. Estas novas Facultades incluirían as Seccións de Filosofía, de Psicoloxía e de Pedagoxía.
Abríase a porta para que os estudos de Pedagoxía se configuraran con estatuto académico de carácter universitario (docente e investigador) en Galicia, coa estruturación de plans de estudos quinquenais de primeiro e de segundo ciclo, concentrándose neste segundo ciclo a formación pedagóxica. En Galicia este proceso desenvolveuse na Universidade de Santiago, coa contribución dos colexios universitarios creados en 1972 na Coruña e en Ourense que impartiron o primeiro ciclo destes estudos. Unha parte non menor do novo profesorado nestes colexios universitarios e na UNED Pontevedra (con docencia desde 1977) foron sendo egresados da Sección de Pedagoxía da USC.
No marco das transformacións do panorama universitario español ao longo da pasada década dos anos 90 hai que anotar a procura dunha mellor cualificación formativa do profesorado de niveis non universitarios, para o que sería necesaria unha maior capacitación docente e investigadora do profesorado formador. Este substrato permitiu falar das ciencias da educación (con rango de maior amplitude concedida á denominación de pedagoxía) e dar pasos institucionais a prol de fundir as anteriores Escolas Normais/Escolas universitarias de Formación do Profesorado de EXB e as Seccións de Pedagoxía nas novas Facultades de Ciencias da Educación, como modelo organizativo e institucional dominante, o que no caso da Universidade de Santiago (e no campus compostelano) aconteceu a partir de 1996 e nas novas Universidades da Coruña e de Ourense a partir da LOSUGA (1989). Nas mesmas Escolas Universitarias de Formación do Profesorado de EXB comezaran a incorporarse desde os finais dos anos setenta algúns docentes novos, con mellor cualificación psico-pedagóxica, que contribuían á súa anovación, sumándose a algúns docentes prestixiados presentes anteriormente nas Escolas Normais.
MARCO NORMATIVO, ESTRUTURA INSTITUCIONAL E CURRICULAR
O Decreto ministerial 1974/1973, de 12 de xullo (BOE de 22 de agosto), autorizaba a división das Facultades de Filosofía e Letras e a constitución ou integración de departamentos (como foi o caso en Santiago, de creación do departamento docente de Pedagoxía Sistemática). De seguido, unha Resolución da Dirección Xeral de Universidades e Investigación do MEC determinaba as directrices a seguir por parte dos novos plans de estudos: con materias comúns para Filosofía, Psicoloxía e Ciencias da Educación no primeiro ciclo e materias obrigatorias, segundo a especialidade, reservando as materias específicas para o segundo ciclo. De acordo coas normas citadas, a Orde de 1 de Xaneiro de 1974 indicaba que na Facultade de Filosofía e Letras de Santiago (naquel ano de calendario juliano) se impartirían as ensinanzas correspondentes á División de Filosofía e Ciencias da Educación.
No inicio do curso 1974-75 a División, xa convertida en Facultade, ocupaba os espazos do Colexio de Fonseca. Este tempo primeiro, correspondente co período decanal do profesor Carlos Baliñas, catedrático de Filosofía, viña sendo o tempo de creación do corpo docente básico da nova Facultade, que se conformou no Departamento de Pedagoxía Sistemática por 10 profesores (todos varóns) ata o curso de 1988-89, momento no que esta cifra comezou a rexistrar unha certa expansión. Por Orde ministerial de 3 de marzo de 1976 fora nomeado Gonzalo Vázquez Gómez, procedente da Universidade de Navarra, como Profesor Agregado de «Pedagoxía Xeral» e a el se lle encomendou a dirección do novo departamento compostelá.
Os anos primeiros de asentamento viñeron marcados pola conflitividade docente derivada da incerteza estatutaria e da crecente forza do profesorado non numerario («os PNN») e pola insatisfacción que manifestaba un sector dos docentes dos dous departamentos de Psicoloxía, quen iniciaban as súas demandas de maior autonomía organizativa dentro da Facultade ao punto de desencadearse un serio conflito organizativo, que obrigaría ao Reitor Suárez Núñez a nomear en 1979 un Decano Comisario, o profesor Sierra Marcuño. Cincuenta e setenta estudantes compuxeron, respectivamente, a primeira e a segunda xeira da Sección de Pedagoxía.
Por Decreto ministerial renovaríase o plan de estudos de Pedagoxía a entrar en vigor no curso 1979-80, agora con tres especializacións no segundo ciclo: «Orientación e Educación especial», «Docencia» e «Intervención socio-educativa», o que ía significar o incremento paulatino de materias de neto contido pedagóxico. Ademais, a Facultade migraba ás novas instalacións na Avenida Xoán XXIII, en instalacións veciñas da Escola universitaria de Formación do Profesorado de EXB.
A constitución e desenvolvemento da Sección de Pedagoxía
A aprobación da Lei 11/1983 de Reforma Universitaria (LRU) abría a porta á autonomía universitaria en España, co seu reflexo na elaboración de Estatutos nas distintas Universidades. Deste xeito, aprobados os Estatutos da USC, en decembro de 1985, o Departamento de Pedagoxía Sistemática, daquela baixo a dirección do profesor Xosé Manuel Touriñán López , solicita a súa transformación en Sección de Pedagoxía (), o que abría a posibilidade de establecer unha Presidencia, unha Secretaría e unha Xunta de Sección, con capacidade de adoptar acordos con respecto á contratación de profesorado, plan de organización docente anual, réxime económico, tribunais académicos e creación ou integración de áreas de coñecemento internas.
As tres Seccións da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación ocuparían, no outono do 1986, instalacións propias como tal Facultade no chamado Campus Sur. Abriríase daquela o proceso de creación administrativa da Sección de Pedagoxía con tres departamentos, o de «Teoría e Historia da Educación», o de «Didáctica e Organización Escolar» e o de «Métodos e técnicas de investigación en Ciencias do comportamento e da Educación» e o 21 de maio de 1987, o profesor Agustín Requejo Osorio era electo presidente da Sección, acompañado do profesor Quintín Álvarez, como secretario. En xuño de 1987 eran algo máis de 90 os alumnos e alumnas que se licenciaban en Pedagoxía.
Numerosas son as actividades organizativas e administrativas que se ían desenvolver a partir desta constitución: a acomodación do novo profesorado, a organización de tarefas docentes e de proxección universitaria e social, a celebración por impulso estudantil das «Semanas de Educación», a publicación de Materiais Pedagóxicos nos anos 1986 e 1987 e a distribución anual dos recursos económicos propios da Sección, dotados desde 1988 pola Reitoría, ou a interlocución coa nova Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Na fronteira dos anos 90 comezaban as primeiras falas institucionais cara a creación da Facultade de Educación, sendo daquela Decano o profesor da sección de Filosofía Xosé Luís Barreiro Barreiro coa coordinación de procesos entre a Sección, as Escolas Universitarias de Formación do Profesorado de EXB de Compostela e da cidade de Lugo e o ICE.
Os noventa foron un tempo de maduración (). Con respecto ao propio equipo docente, conformado agora maioritariamente por persoas doutoradas, e ao que se unirán paulatinamente algúns exalumnos e exalumnas que iniciaban a vía de acceso ao exercicio docente, logo de transcurridos períodos como bolseiros de investigación e como axudantes. Un exemplo desta maduración podemos encontralo na elaboración e publicación de libros de programas (Cursos de 1991-92, 1992-93 e 93-94).
Comezaba a aumentar o número de alumnos e alumnas (preferentemente alumnas) licenciadas. E abríase un período de muda dos plans de estudos para dar paso ás novas titulacións: diplomatura en Educación Social, licenciatura en Pedagoxía (1º e 2º ciclo) e licenciatura en Psicopedagoxía (2º ciclo), que neste caso contaría cun 50% do profesorado intervinte pertencente á Facultade de Psicoloxía que renunciaba á implantación da opción especializada de Psicoloxía escolar, ao tempo que a Sección de Pedagoxía renunciaba a manter a especialiación en «Orientación escolar e Educación especial»
O Diario Oficial de Galicia de 17 de agosto de 1993 dispoñía a aprobación desta renovación dos plans de estudo e concedía as titulacións de Educación Social e de Psicopedagoxía tamén ás Universidades de A Coruña e de Vigo (no campus de Ourense), creadas mediante a LOSUGA en 1989. Consecuentemente, aumenta o número dos e das docentes: 22 en 1992 e case 30 en 1993, coa presenza de varios deles pertencentes á Facultade de Psicoloxía e á Seccion de Filosofía.
A pesar desta aprobación por parte da Xunta de Galicia, a Reitoría da USC, presidida daquela polo profesor Ramón Villares, non autorizaba a implantación no curso 1993-94 do primeiro ciclo da nova titulación de Pedagoxía, malia o feito de ser a única Universidade en Galicia con esa posibilidade de estudos. O que orixinou unha situación de conflito. A remuda reitoral no verán de 1994 na persoa do profesor Darío Villanueva sería a ocasión de que se aprobara a implantación completa da titulación de Pedagoxía e o 12 de Maio de 1995 aprobaba a Xunta da Sección o plan de estudos de Pedagoxía aplicable desde o curso de 1995-96.
Paralelamente seguiu desenvolvéndose desde a Sección o proceso que conduciría á elaboración da memoria institucional para a a creación da Facultade de Ciencias da Educación. En abril de 1994, logo de novas eleccións, a profesora Lourdes Montero Mesa, acompañada dun equipo feminino, pasaba a rexer a Presidencia da Sección de Pedagoxía facéndoo ata outubro de 1996, en que foi nomeada Decana-comisaria, a fin de iniciar a nova Facultade de Ciencias da Educación.
Neste tempo impulsábase a coordinación da docencia entre os tres departamentos, a propósito da implantación das novas titulacións da Sección; avanzábase na súa proxección institucional exterior; iniciábase o equipamento de salas de informática e mellorábanse outras dotacións de recursos, singularmente os de carácter audiovisual; aplicábase o programa Erasmus de mobilidade estudantil e iniciábase o Programa Alfa de mobilidade docente, ademais de proseguir o proceso cara a constitución da Facultade de Educación.
A implantación dos novos plans, cun notable aumento de materias, foi unha ardua tarefa para o conxunto do profesorado, con numerosas horas e grupos de traballo de planificación e de coordinación, tendo en conta as directrices propias de cada título e os perfís das áreas de coñecemento, tendo en conta a distinta consideración das materias (troncais, obrigatorias, optativas -unhas comúns e outras adscritas a un determinado itinerario- e de libre configuración), a súa asignación a distintos departamentos e a súa consideración temporal desde a base de medida dos créditos (teóricos e prácticos) segundo as esixencias da implantación de Espazo Europeo de Educación Superior.
A posta en marcha dos diferentes Practicum (que deberían supoñer procesos de interrelación entre teoría e prácticas), coa contribución dunha estrutura colaborativa de apoio e de redes de centros formativos, que serían receptores do alumnado da Sección e cos que ía ser necesario establecer pautas e protocolos de actuación e de interrelacion académica e organizativa, xeraba igualmente un cúmulo de circunstancias complexas en canto á organización temporal, funcional e de recursos no marco da Sección.
NACE A FACULTADE DE CIENCIAS DA EDUCACIÓN DA USC
O Decreto 384/1996 da Xunta de Galicia, do 17 de outubro (DOG do 5 de novembro) suprimía a Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB no campus de Santiago de Compostela e procedía a crear a Facultade de Ciencias da Educación, subsumindo nesta tanto a Escola Universitaria como a Sección de Pedagoxía da Facultade chamada de Filosofía e Ciencias da Educación, con todos os recursos infraestruturais e dotacionais físicos e humanos dos que dispoñían as dúas unidades institucionais refundidas. O primeiro curso da Facultade (1996-97) foi o dun certo reaxuste administrativo e burocrático, que se situou baixo o decanato-comisariado da profesora Lourdes Montero na antesala das primeiras eleccións decanais da nova Facultade.
Un tempo intenso e creador
Celebradas estas o 8 de Outubro de 1997, resultou electo e asumiu o decanato o profesor Antón Costa Rico, acompañado do profesor Lois Ferradás e das profesoras Lucía Iglesias e Cecilia Portela. Comezaba un denso proceso de articulación: nomeamento da Comisión Permanente provisoria (antes da definitiva en 1998), da comisión redactora do proxecto de Regulamento de Réxime Interno, das imprescindibles comisións informativas da Xunta de Facultade e das distintas coordinacións académicas, abrindo a experiencia dunha ampla participación estudantil mediante representantes electos.
As tarefas burocrático-administrativas tiveron un aumento extraordinario entre elas: disposición dun Rexistro auxiliar administrativo no edificio do campus norte, confección dunha didáctica Guia académica anual, elaboración de normativa de colación de grao, mellora dos procesos anuais de aprobación de PDA, elaboración de calendarios de Practicum, resolución de expedientes de validación, finalización do proceso de informatización da presentación de programas das materias (coa súa presentación Web) e das avaliacións e acreditacións académicas, e incremento de medios e recursos documentais, informáticos (oportuna dotación de dúas Aulas de Informática e nomeamento de profesores/as coordinadores/as das Aulas) e audiovisuais, co apoio da Xunta de Facultade e das súas comisión delegadas. Neste tempo e ata marzo de 2001 rexistráronse máis de 1700 saídas documentais administrativas e algo máis de 3000 entradas de rexistro, con cadencia regular en todo o período.
A final do curso 1997-98 diplomábanse 86 alumnas e alumnos en Educación Social, 110 licenciábanse na titulación de Pedagoxía e arredor de 40 na de Psicopedagoxía. En 2001 os diplomados de Educación Social (en número de 61) recibiran docencia por parte de 21 profesores/as; o alumnado licenciado en Pedagoxía (en número de 106), por parte de 32 e foran 24 os que impartiran materias de Psicopedagoxía á correspondente cohorte (de 48 alumnos/as).
A aprobación dos orzamentos propios da Facultade e o seu reparto permitiría atender ás máis urxentes necesidades de equipamento, así como á creación da sala Padre Sarmiento no edificio do campus Sur e da sala María Barbeito no edificio do campus Norte). Creouse unha Comisión específica da Xunta de Facultade que elaborou o programa de necesidades das sempre reclamadas novas instalacións para o conxunto da Facultade, e xa en 1998 a Facultade formalizara, por impulso decanal, unha emenda claustral ante a Programación plurianual 1999-2000 do Equipo Reitoral.
Neste período accederon 23 candidatos ao exercicio docente mediante a actuación das distintas Comisión de Prazas, 20 profesores mudaron a súa categoría ben como novo profesorado Titular ou como Catedráticos, e 16 membros do profesorado defenderon a súa tese de doutoramento. Pola súa parte, a Comisión Académica da Xunta de Facultade logrou elaborar o primeiro Informe sobre a calidade da docencia impartida na Facultade.
No plano docente e académico hai que anotar que en abril de 2000 puido aprobar a Xunta de Facultade os novos planos para as titulacións de Educación Infantil e de Educación Primaria; no inicio e 2001 aprobábanse os novos plans das titulacións de Educación Social, Pedagoxía e Psicopedagoxía. Con respecto á mobilidade estudantil é oportuno sinalar que foi en 2001 cando se iniciou o programa Sicue, en complemento do Erasmus. A Facultade tamén comezaba a convocatoria anual dos Premios de Licenciatura e de Doutorado, mediante as oportunas comisións avaliadoras.
Neste marco, anotamos que por empeño decanal se puido chegar a un máximo de participación estudantil (un 20.8%) no proceso de elección de representantes desenvolvido na primavera de 2000. Tamén se emprenderon amplos esforzos de interconexión vital e de mestizaxe. Con este propósito elaboráronse frecuentes «Informes Decanato» distribuídos a todo o profesorado con información sobre as dinámicas do conxunto da Facultade. Neste contexto, aprobouse en 1999 en Xunta de Facultade escoller a figura do Padre Sarmiento, co seu natalicio (8 de Marzo de 1695), como Patrón da Facultade: adiantado na reclamación dos dereitos da infancia e da súa galeguización. Tamén no seu nome se creaban os «Sarmientos de Honra», un recoñecemento público concedido, agás defecto, no Día da Facultade ás biografías docentes de máis alongada traxectoria na Facultade.
Programouse para o curso 1999-2000 a celebración dos 150 anos da creación da Escola Normal Superior en Compostela, baixo o rótulo «Memoria e Proxecto» con iniciativas e actividades diversas: o nomeamento dun profesor Honoris Causa, o primeiro do campo pedagóxico nomeado na USC e tamén nas Universidades de Galicia, correspondendo ao profesor Pierre Furter da Universidade de Xenebra; a recuperación de pezas patrimoniais (unha placa marmórea recordando ao director e profesor Vicente Fraíz Andón; a grande Mesa de Actos; un mapa en relevo de Galicia de 1909); a dedicación dunha rúa no campus sur recordando a Vicente Fraíz Andón; a convocatoria de concursos de cartelística, lema e fotografías con ampla participación do alumnado, e a dos Premios María Barbeito para o recoñecemento dunha memoria de investigación educativa e dunha notable experiencia didáctica; a celebración de Xornadas didácticas sobre a Normalización da lingua galega, con alta participación do alumnado das titulacións de Maxisterio; a preparación dun libro sobre a historia da Escola de Maxisterio, así como a realización dunha exposición no Claustro alto de Fonseca sobre as edicións escolares feitas en Galicia desde mediados do século XVIII ata o inicio dos pasados anos setenta, acompañada de obxectos escolares significativos, varias imaxes e a pintura «A escola de Doloriñas», procedente do Museo Provincial de Lugo; tamén neste caso se realizou, coa necesaria contribución do Servizo de Publicacións da USC a edición dun fermoso e ilustrado Catálogo co título A educación en Galicia. Textos escolares, Escritos de Pedagoxía, Prensa educativa.
A Facultade ⎯con distinta contribución departamental⎯ ampliou a súa colaboración con outras entidades como Agamei, Fundación Mans Unidas, Fundacion Down Compostela, Seminario Galego de Educación para a Paz e a Fundación SM. Retomouse cun novo Consello de Redacción a edición da publicación Adaxe. Revista de estudos e experiencias educativas, da que se editarían os números 14-15 e o 16. Sumouse a Facultade á Marcha Mundial contra a explotación e o traballo infantil no seu paso pola cidade o 4 de Maio de 1998. Por outra parte, a Facultade fíxose presente de modo activo nas reunións da aínda recente Conferencia de Decanos e decanas de Educación.
No ano 2000, co propósito de favorecer de diversos modos a galeguización da Facultade instaláronse cadros e imaxes en relación coa pegada de Castelao e plantouse un castiñeiro escolleito polo profesor Avelino Pousa Antelo, daquela presidente da Fundación Castelao e enlace vivo coa Escola de Maxisterio de Compostela, na que se formara nos anos 1933-36. O profesor Avelino Pousa fora o Padriño de honra no acto público do alumnado diplomado en Maxisterio na fin do curso 1998-99; a el se lle concedeu a insignia de ouro da USC, a petición do Decanato e é recordado mediante un pedrón, con placa informativa, desde 1914 na entrada do Centro. No ano 2000, igualmente, foron honrados desde a Facultade varios profesores senior de escola primaria, entre eles a profesora Antía Cal Vázquez, directora da escola privada e innovadora Rosalía de Castro en Vigo, quen foi madriña de honra do alumnado das titulacións de Maxisterio de aquel ano.
O desenvolvemento institucional ordinario neste século XXI
A fin de marzo de 2001 asumía o Decanato da Facultade o profesor Miguel Angel Zabalza Beraza e comezaba o tempo do funcionamento ordinario das distintas estruturas creadas na Facultade, coa implicación do profesorado, dos departamentos e distintos servizos e recursos humanos implicados no funcionamento ordinario do Centro.
Un tempo que retomaría como Decano o profesor Felipe Trillo Alonso, desde mediados de novembro de 2002 ata fins de 2006, dando novo impulso, mediante a configuración dun equipo amplo de goberno da Facultade, con boas relacións persoais, sen ‘cuotas’ e que atemperou sempre calquera tentación de sectarismo relacional ao pensar no conxunto da Facultade. O Decanato procurou promover as mellores condicións de traballo para o profesorado e de aprendizaxe para o estudantado no medio de inqueridas dificultades. Atendeu á participación colexiada e preocupouse por promover un clima de debate franco, calmo e empático, co uso da persuasión argumentada, ao concebir esta función como exercicio deliberativo.
No plano curricular elaboráronse os Libros Brancos das titulacións o que representou un avance notable desde a perspectiva de asegurar na Facultade perfís profesionais e un currículo relativamente coherente. Foi neste contexto de elaboración cando o Decanato de Compostela asumiu, por elección democrática, a Presidencia da Conferencia española de Decanos. Ocasión igualmente para un traballo de concertación co Ministerio de Universidades para sacar adiante o Master de Profesorado de Educación Secundaria.
Sen logralo na medida dos esforzos realizado procurouse a participación do alumnado na vida da Facultade e a coordinación do profesorado, tanto para o mellor desenvolvemento dun currículo coherente cunha finalidade formativa clara e compartida, como para avanzar nos procesos de innovación metodolóxica, por exemplo no eido da avaliación.
Houbo acertos na resolución de distintos aspectos: acometéronse obras que resolveron algunhas das incomodidades ligadas á insuficiencia e distribución de espazos de vida do profesorado; solucionáronse circunstancias laborais que afectaban á prestación de servizos; creáronse canles de comunicación e de diálogo coas asociacións estudantís presentes na Facultade que reduciron as discrepancias e deron lugar a algunhas boas colaboracións.
Foi tamén preocupación do Decanato a cuestión do novo ou novos edificios da Facultade que integraran todas as titulacións presentes nos dous campus (norte e sur). A constante chamada de atención parecía que iría dar os seus froitos ao punto e chegarse a presentar en 2006 ante o profesorado e desde a Reitoría unha suxerente maqueta arquitectónica, aínda que lamentablemente a cousa quedaría en nada ata hoxe.
Noutra orde de consideracións, e dado que a nova LRU impoñía un cambio no modo de participación dos decanos na Xunta de Goberno da Universidade, promoveuse desde o Decanato a creación dun Colexio de Decanos como instancia onde compartir problemas, pareceres e propostas dun xeito plural, logrando parcialmente este propósito e acadando un funcionamento adecuado durante certo tempo.
A constitución formal da Conferencia de Decanos e Directores de Educación tivo lugar en Santiago de Compostela neste tempo. A misión era clara: definir as titulacións no marco do Espazo Europeo de Educación superior (EEES) e chegar a acordos entre o centros de toda España. Para tal fin resultaba necesario xerar un clima de confianza e de cordialidade por parte de todos, sendo conscientes dos importantes receos sostidos desde as Escolas Universitarias de Maxisterio respecto das Facultades de Ciencias da Educación ou de Formación do Profesorado. Superáronse tales atrancos e puido constituirse a Conferencia na USC, baixo a coordinación deste Decanato, nunha reunión que tivo un alto nivel institucional e positivas condicións de hospitalidade (contando co apoio da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, sendo conselleiro Celso Currás). Desde a Conferencia de Decanos e Decanas abriuse a oportuna concertación co Ministerio de Universidades para sacar adiante o Máster de Profesorado, un logro importante.
Tempos longos e acción continuada
No outono de 2006 e ata o outono de 2014 collería o profesor Lois Ferradás Blanco o temón do goberno da Facultade: un tempo de dous mandatos revalidados democraticamente. O equipo decanal, con preocupacións similares ás do equipo precedente, asumía un amplo conxunto de tarefas organizativas e institucionais para a xestión dunha Facultade complexa polo alto número de titulacións, a alta e constante matrículación, as novas responsabilidades docentes, as dificultades derivadas da división física das instalacións do centro e a planificación e a coordinación de diversos practicum, con alumnado distribuído en centros de formación de toda a xeografía galega.
Complexidade que se deixou sentir diante dos varios e complicados procesos de revisión e de nova elaboración dos plans de estudos a fins da primeira década do século XXI, ocasión de situacións de fricción en relación coa asignación de materias ás distintas áreas, ou á hora de atender á provisión de prazas de profesorado, en conflito cos programas reitorais de oferta e dotación de tales recursos humanos.
A paulatina aplicación das esixencias do EEES trouxo consigo a intensificación dos traballos administrativos e burocráticos relacionados coa implantación destes novos plans. Máis alá da aprobación anual dos plans de organización docente dos distintos Graos e do conxunto de Masters e Programas de Doutoramento da Facultade, cun alto traballo desde as Comisións da Xunta de Facultade (entre as que agora aparecería a de Calidade), iniciouse a elaboración de Informes de seguimento da implantación dos novos plans, para atender aos requisitos estatais (Memorias de Verificación de Títulos) en relación co Sistema de Garantía da Calidade das ensinanzas universitarias, con filtros de control desde a propia USC e a través da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).
Un traballo que comezou a consumir excesivas enerxías da parte do/s Equipo/s Decanal/ais; enerxías que, en troques, se precisarían para pensar e aplicar unha mellor formación pedagóxica do alumnado, a partir dunha máis compartida e menos burocrática coordinación docente, coa consciencia de que a formación de educadoras e educadores ⎯nun tempo convulso como o actual⎯ é unha delicada operación. Sendo así, foron coexistindo, pero non convivindo, un paulatino destaque de profesorado con acreditacións investigadoras, e aínda tamén docentes, coa debilidade en canto á existencia compartida de proxectos formativos integrados (formación baseada en problemas ou proxectos; formación en competencias.
No medio das dificultades, é posible referir logros específicos neste tempo, como o bo nivel de coherencia e efectividade logrado nas especialidades de Educación Musical, na Educación Primaria e no grado de Educación Infantil, ou os alcanzados no ámbito do grado de Educación Social. É posible anotar, ademais, diversas melloras relacionadas coas instalacións, en particular no edificio situado no campus norte, ou cos recursos documentais e bibliotecarios do Centro e as dotacións tecnolóxicas dixitais.
Un novo chanzo organizativo na vida da Facultade se abriu ao iniciarse en 2014 o tempo, delongado durante oito anos, do mandato da equipa decanal liderada pola profesora Carmen Fernández Morante. O centro seguiu experimentando a fragmentación en dous edificios separados coas implicacións derivadas (duplicación de servizos, aumento dos custes de mantemento e das unidades de xestión, dificultades para a colaboración e a identidade comunitaria, discriminación existente nas condicións de traballo e estudo entre os dous edificios), así como a insuficiencia de espazos para atender ao volume de alumnado, das titulacións e do persoal (falla de aulas, de laboratorios, de despachos...).
Outras carencias e limitacións situáronse en relación cos recursos humanos: insuficiencia de PDI e PAS (comparativamente coas ratios promedias na USC) para atender ao volume de alumnado, titulacións e procedementos académicos do centro, chegando a provocar inicios de curso con materias sen cubrir por falla de docentes e protestas de toda a comunidade da Facultade, tanto ante a Reitoría, como ante a Consellería de Educación. Neste período sentiuse gravemente (no marco das restricións económicas xerais que viviu o conxunto das Universidades públicas) a falla de reposición e de renovación da plantilla docente do centro, así como o empeoramento das súas condicións do traballo e o aumento de xubilacións. Unha cuestión que abordaron con arduo traballo os dous novos Departamentos en que en 2016 quedaron refundidos os anteriores existentes na Facultade: o de Pedagoxía e Didáctica, baixo a dirección do profesor Miguel A. Santos Rego, e o de Didácticas Aplicadas, baixo a de José Armas Castro.
No medio destas circunstancias presentouse a pandemia da COVID 2019: todo unha creba de condutas e unha intensa aprendizaxe doutras a fin de poder garantir a continuidade do dereito á formación en contextos de non presencialidade e confinamento e a seguridade sanitaria, A Facultade converteuse en referente e modelo de sistema de organización de rotación da ensinanza (aulas en espello, rotación de grupos presencial e non presencial, preparación das aulas para a nova situación, estudo individualizado de necesidades de todo o alumnado e apoio) para outros centros da USC, non sen que iso provocara dificultades no seo da propia Facultade.
Pódense apreciar tamén elementos valiosos neste tempo. Entre eles, a creación e implementación exitosa dos sistemas de seguimento da calidade no centro, nos servizos e nas titulacións; a obtención da renovación da acreditación de todas as titulacións oficiais da Facultade; ou a posta en marcha de dobres graos de Mestre/a e dunha titulación específica de Máster para perfil de mestres (Máster DIDES) con carácter interuniversitario, completando así o catálogo de titulacións do centro e sendo o máis completo do SUG. Podemos engadir a intervención completa nos dous edificios para garantir a accesibilidade física (servizos, ramplas, iluminación, punto de atención na conserxería, mobiliario, acceso e aparcamento de vehículos adaptados...).
Noutra orde de consideracións, a Decana, Carmen Fernández Morante, revalidou a presidencia (compostelá) da Conferencia de Decanos e Decanas das Facultades de Ciencias da Educación de toda España, desenvolvendo desde ela un vivo traballo de coordinación dos Informes e propostas que sobre necesidades, perfis e competencias da formación do profesorado elevou a Conferencia ante o Ministerio de Educación; outras urxencias políticas pexaron os froitos deste traballo virtuoso.
Finalizamos indicando que este conxunto de preocupacións e labores vén estando presente no novo período de goberno da Facultade, aberto coa elección da profesora María del Mar Lorenzo Moledo no outono de 2022, aínda que por corresponder a un tempo tan próximo non referiremos aspectos específicos, alén de sinalar o vivo e responsable dinamismo dado á esta nova actuación.
TRAZOS SINGULARES DUNHA COMUNIDADE VIVA
A vida dunha Facultade universitaria nun tempo de medio século achega múltiples referencias e ten algunha dificultade poder recollelas e poñer o foco sobre todas elas. Caben distintos ollares e puntos de vista. Un ensaio desde o noso ollar podería ser o seguinte que aquí se vai trazando sen ningún orde específico de prevalencia.
Apertura institucional sobre a sociedade e sobre os procesos e dinámicas relacionadas co desenvolvemento e a reforma da educación
A Facultade foi e é sensible aos ritmos e preocupacións da vida social e vida educativa que nos rodea. Non tanto mediante expresas manifestacións emanadas desde o Decanato da Facultade ou desde a Xunta de Facultade, se nos referimos a asuntos fóra da estrita órbita académica, senón sobre todo, debido a iniciativas e actividades emprendidas por un alto número de docentes ao longo deste tempo; sería prolixo e defectuoso referir tan dispares e numerosas mostras. Máis alá das responsabilidades docentes contraídas co alumnado que transitou por este Centro, é indubitable a existencia de comunicacións e intercambios formativos con diversos sectores sociais e profesionais, tanto a través de intercambios persoais como mediante a interrelacións co mundo asociativo profesional. Desde o Centro cara ao seu exterior, mais tamén a través da participación de profesionais exteriores, que enriquecen o traballo formativo.
Unha mostra significativa desta apertura pode ser a que se refire ao ámbito das publicacións. A este respecto, actualmente todo o profesorado dispón dun rexistro ‘X’ de publicacións: “publica o perece” é o dito xeralizado, o que se fai baixo a presión de rankings e de avaliacións: a modo de papers e de informes (in progress e finais) de investigación, en particular. Aquí, queremos aludir, sobre todo, a publicacións que de ordinario se encomendan a públicos lectores situados no exterior dos circuitos estritamente académicos e universitarios de intercambio científico. Desde o inicio da década dos pasados anos noventa podemos anotar unha vintena de nomes ou algúns máis como autores de libros escritos en galego e en castelán con temáticas educativas: varios deles no Servizo de Publicacións da USC, que inclúe entre os seus fondos e no marco da Colección de Clásicos Universais as edicións introducidas do Emilio de Rousseau e de Democracia e Educación de J. Dewey, dous títulos moi significativos no campo pedagóxico. Cómpre indicar, igualmente, a presenza de varios docentes en comisións científicas de diversas coleccións editoriais académicas e a de docentes directores de coleccións editoriais de educación a escala española e galega.
A participación de docentes da Facultade en diversas iniciativas sociais e institucionais de alcance educativo é, igualmente visible, se falamos do Museo Pedagóxico e Galicia, aberto desde 2004 ou de revistas pedagóxicas abertas á comunidade educativa galega, como son os casos da Revista Galega de Educación e de EDUGA.
É oportuno sinalar, sobre todo ao longo do século XXI, a presenza e participación na vida do centro de alumnado (en reducido número) con necesidades específicas (cegueira, xordeira, mobilidade, saúde mental) e de alumnado de procedencia familiar migrante.
A galeguización
Desde os inicios da vida do centro houbo un reducido número de docentes cun declarado compromiso coa batalla da lingua galega no ámbito da Facultade. Esta pulsión permitiu que a Facultade (cos seus antecedentes próximos na Sección de Pedagoxía) aparecera xa daquela como un dos centros dinamizadores desta procura no seo do conxunto da USC. Mediante un proceso e unha tensión continuada (non ausente de complexidade) o centro chegou a contar coa participación dun maior número de docentes e unha sensibilización relativamente ampla, que lle permitiu situarse e mantense na avanzadiña das condutas de avance na USC. Con todo, os balados e as dificultades son moi certas: as políticas estatais de promoción docente pexan coa súa insensibilidade unha maior implicación docente e inciden na propia intensidade de acción institucional propiciada desde a USC; a política autonómica a este respecto é, igualmente, moi insensible máis alá de aparencias e isto alimenta comportamentos sociais de insensibilidade patrimonial e de alienante liberalismo idiomático, que prenden con forza sociolóxica entre a poboación moza que acude ás aulas do Centro, diante do que abaixaron impulsos no Centro. Pode ser oportuno referir que o profesor Antón Costa recibiu en setembro de 2020 o Premio Luís Porteiro da USC na súa terceira convocatoria anual, como recoñecemento institucional da acción continuada desenvolvida a este respecto e que a profesora Marilar Jiménez Aleixandre recibe similar recoñecemento na séptima convocatoria, de 2024.
Conexións españolas e internacionais
Nos primordios do Centro anótanse xa intercambios de formación docente con outros espazos universitarios españoles (neles, ademais, se formou o cadro académico-docente dos anos setenta, xunto a algún outros de carácter internacional: coa Universidade de Stanford (USA), e pronto aparecerán referencias a Londres, a Xenebra, a Roma, a París..., e de aí en diante unha lista non menor de referencias internacionais por razón de estudo no campo das ciencias da educación. Cabe salientar, ademais, a realización dalgúns intercambios formativos que en varios momentos implicaron a mobilización de varios grupos docentes da Facultade con actividades docentes de Terceiro ciclo planificadas e desenvolvidas en África (Guiné, Moçambique), en Portugal, en Chile e no Brasil, de onde derivou, ademais, a presentación e defensa dun apreciable número de teses de doutoramento escritas en lingua portuguesa.
O profesorado do Centro forma parte asociada da diversidade de Sociedades académicas e é oportuno salientar a participación electa dalgúns deles en calidade de presidentes dalgunha destas sociedade en distintos momentos: foron, así, os casos, dos profesores Miguel Zabalza (no ámbito didáctico), de José A. Caride (no da Pedagoxía Social), de Miguel Santos (no da Teoría da Educación), de Antón Costa (no da Historia da Educación) , ou de Jesús Rodríguez (no de materiais e recursos didácticos). É apropiado indicar que a Facultade foi organizadora, a través dos seus Grupos de Investigación, de dous Congresos Nacionais de Pedagoxía (un deles, ademais Iberoamericano), doutros dous de Educación Social e un de Educación Ambiental (con carácter iberoamericano), de encontros de alcance español nos ámbitos da Historia da Educación e da Didáctica, así como outros de carácter galego-portugués en relación coa Formación Profesional e a Historia da Educación.
Neste tempo algunhas profesoras e profesores formaron parte de varios equipos reitorais, en tanto que Vicerreitores/as e tamén, un algo excepcionalmente, de equipos de goberno no marco da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Varios profesores levan participado igualmente en distintos períodos de vida do Consello Escolar de Galicia.
A Facultade compostelá converteuse, por outra parte, no espazo de formación académica da maior parte do profesorado que exerce a súa docencia nas materias de maior contido fundante psico-pedagóxico impartidas na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo e nas Facultades de Educación existentes nas Universidades de A Coruña e de Vigo (nos seus campus de Ourense e de Pontevedra).
Activismo estudantil e participación política e sindical
O activismo estudantil actual ten limitada expresión na vida do Centro, mais ao longo do tempo houbo distintas manifestacións deste. Queda lonxe aquel tempo de frecuentes asembleas e reunións provocadas ante unha situación dada ou un conflito desde asociacións e plataformas estudantis con vinculación maioritaria ao nacionalismo político de esquerdas. A herdanza de ERGA foi deixando paso a outras agrupacións, de ordinario minoritarias, de agit-prop e situacionistas, e por tanto inestables. Á beira delas, é oportuno salientar que máis silenciosamente pode rexistrarse algunha presenza de persoas vinculadas, docentes ou alumnado, a ONGD, a organización non gubernamentais con forte preocupación polo desenvolvemento mundial dos dereitos humanos.
Formou parte deste activismo a organización relativamente estable no tempo das chamadas Semanas de Educación, organizadas na década dos anos oitenta e noventa, como ocasión de aprendizaxes diversas, motivantes e abertas socialmente. Ten habido momentos de activismo motivados por algunhas situacións de autoritarismo e/ou de sexismo docente e tamén se podería falar de mostras de activismo festivo, habitualmente presente no contexto do mundo xuvenil universitario, do que formarían parte as celebracións de actos de licenciatura e de diplomatura, ocasión de elección de determinadas profesoras ou profesores como madriñas ou padriños dunha dada promoción, nuns actos xeralmente contaxiados de «americanismo fílmico». Nos tempos máis recentes hai, ademais, mostras de activismo, máis que no ámbito da ecoloxía, no da loita contra as exclusións e os estereotipos sexistas e en favor da incorporación das reivindicacións promovidas polo movemento LGTBIQ+ e o feminismo.
A historia da Facultade mostra un alto grado neutralidade en relación cos escenarios políticos e sindicais democráticos, mais non é menos certo que a súa vida veu estando transitada polo pluralismo das visións e das orientacións que velis nolis se fan presentes na vida académica e no exercicio docente. Neste contexto, habitualmente foron recoñecibles as adscricións políticas e sindicais de determinados profesores e profesoras, con vencellos ao nacionalismo político de orde progresista nuns casos, ao progresismo socialdemócrata noutros e aínda ao conservadurismo, noutros, observándose isto, tamén, nos resultados electorais alcanzados polas organizacións sindicais presentes, non sendo menores os logrados desde orientacións corporativas.
O Instituto de Ciencias da Educación da USC
Creado ao fío da Lei Xeral de Educación de 1970, iniciou a súa vida este Instituto universitario con triple cometido: formación didáctica e pedagóxica continuada ou “en servicio” do profesorado galego adscrito aos niveis non universitarios; formación inicial de licenciados universitarios conducente á obtención do Certificado de Aptitude Pedagóxica, habilitante para poder ser profesor de Bacharelato e de FP, e apertura de programas de investigación educativa, en cumprimento de programas xerados desde o CENIDE (logo, INCIE) dependente do Ministerio de Educación.
O ICE/USC desenvolveu desde o inicio unha vida institucional independente da Facultade, se ben coa participación de algúns profesores que o chegarían a ser tamén da Facultade, entre eles e en calidade de Director adxunto, Luís Sobrado Fernández. Foi, por volta de 1987, nun contexto de renovación de estruturas universitarias, que lle foi encomendada a Subdirección do Instituto ao profesor José Antonio Caride, e desde 1990 xa a dirección sería encomendada a un profesor da Facultade ata o presente.
Xusto daquela estaban a mudar as tarefas encomendadas ao ICE, ao deixar de prestar a formación pedagóxica «en servizo» dos docentes de niveis non universitarios (ao recollela a Consellería de Educación da Xunta de Galicia), para en troques fortalecer o seu estatuto como staff especializado de apoio a programas de innovación docente (por exemplo, no ámbito da Educación Ambiental, onde chegou a reunir un fondo documental próximo ás 800 monografías), en relación co profesorado que foi xerando conexións co Instituto por razón da súa implicación nos cursos para a obtención do CAP, sumando ao anterior, unha dobre liña de apoio documental e bibliográfico e de edición, ao tempo de procurar manter unha especificidade no ámbito da investigación pedagóxica e da elaboración de Informes, como os entregados ao Consello Escolar de Galicia, de avaliación de concretos aspectos do sistema educativo en Galicia. Foron habitualmente docentes e investigadores/as da Facultade de CC. da Educación quen levaron adiante tales tarefas e outras novas: o ICE foi tamén asumindo programas relacionados coa formación didáctica do profesorado universitario e coa organización de Cursos de Verán con temáticas como a atención aos dereitos e protección da infancia, a educación afectivo-sexual e a educación contra os estereotipos de xénero. Distintas memorias publicadas, informes e publicacións permiten dar conta desta vida do ICE/USC, en particular .
Notas
[*] Pode quedar aquí esta achega sobre os 50 anos de estudos compostelás ligados ás Ciencias da Educación. Poderá ser enriquecida e observada desde outros puntos de vista e con superior soporte documental sometido á análise e a un exercicio de observación crítica, mais polo momento quizais poda quedar aquí unha imaxe a considerar.
[1] Así, foron autores de textos pedagóxicos ou de formación docente como indicamos de modo resumido situando o ano de publicación (Costa, 2004, e Costa e García: 1999b): 1864: F. Sobrino; 1877; E. Ogando y Simón; 1878: J. Avendaño, J. e M. Carderera; 1880: G. Hueso; 1883: A. Ares de Parga; 1887: E. García; 1896: J. E. García Sánchez, J; 1897: G. Rodríguez García; 1898: L. López Elizagaray; 1903: G. Rodríguez García; 1906: Fraiz Andón; 1906: G. Rodríguez García; 1916: E.L. Andre; 1919: J. V. Viqueira; 1927; R. Salgado Toimil; 1971: B. López García.
[3] Nelas impartíanse varias materias con contidos ligados á pedagoxía xeral, á didáctica e a organización e lexislación escolar, con algúns complementos pertencentes aos ámbitos da historia da educación.
[4] Eran materias específicas no primeiro ciclo as de: Hª da Educación, Teoría da Educacion e Didáctica. Eran as do segundo ciclo: Pedagoxía sistemática, Política e administración da educación, Organización e dirección de centros escolares, Didáctica dos contidos básicos, Pedagoxía experimental, Orientación escolar e profesional, Educación de deficientes, Educación comparada e Socioloxía e Economía da Educación con algunha mínima especialización: a de Docencia e a de Orientación Educativa.
[5] Foron os únicos profesores das dúas primeiras xeiras de licenciados en Pedagogía en xuño de 1978 e en 1979 os seguintes: Gonzalo Vázquez, Agustín Requejo, Herminio Barreiro, Xosé R. Alberte, Carlos Rosales, Xosé Cajide, Lisardo Doval, Luís Sobrado e Antón Costa, sendo necesario ter un recordo para aqueles catro docentes iniciais que infelizmente xa non están entre nós: profesores L. Doval, H. Barreiro, A. Requejo e J. R. Alberte. A eles engadíronse un curso máis tarde, entre algún outros, Miguel Zabalza, Xosé Rubal e Xosé M. Touriñan.
[6] Para a elaboración deste apartado tivemos en consideración o texto «Historia da Sección de Pedagoxía (1985-1996)», do que foron autores .
[8] Eran cinco as materias que compoñían o 1º curso: Pedagoxía xeral; Pedagoxía experimental, I; Psicoloxía da educación; Metodoloxía científica e Historia do pensamento contemporáneo. Eran as de 2º curso: Educación e motivación, Pedagoxía experimental, II; Fundamentos biolóxicos da Educación; Teoría da Educación e Antropoloxía. Eran as de 3º curso: Educación e desenvolvemento persoal; Pedagoxía experimental, III; Didáctica, I; Hª da Educación, I, e Socioloxía. Eran as de 4º curso: Didáctica, II; Diagnóstico da educación; Socioloxía da educación; Educación ambiental e Planificación educativa. Eran as de 5º: Organización escolar, Orientación escolar e Hª da Educación, II. Ás anteriores había que sumar as materias de itinerario, escollidas nos cursos 4º e 5º: opción de Orientación e Educación espacial (Educación especial, Psicopatoloxía), opción de Docencia (Didáctica especial, Tecnoloxía educativa, Formación do profesorado, Didáctica de áreas específicas) e opción de Intervención socio-educativa (Pedagoxía social e Psicoloxía social da educación). Para cada unha das materias indicábanse os seguintes apartados de exposición de Programa: contexto da materia, obxectivos xerais e obxectivos específicos (no ámbito do coñecemento e no ámbito das actitudes), estrutura temática (partes e desenvolvemento), bibliográfica básica, complementaria e de referencia, criterios xerais de metodoloxía docente e de avaliación, indicacións e recomendacións finais.
[11] Elisa Jato Seijas, en calidade de Secretaria, Lucía Iglesias da Cunha, bolseira de investigación, e Carmen Fernández Morante, alumna de segundo ciclo.
[12] Daquela eran 12 os profesores (incluindo tres bolseiros) ligados ao departamento de Didáctica e organización escolar, oito os pertencentes ao departamento de Métodos e técnicas de investigación en ciencias do comportamento e 15 os ligados ao de Teoría e Historia da Educación; en conxunto 35, que aumentarían, por mor sobre todo da importante incorporación de alumnado egresado e titulado en calidade de bolseiros de investigación en cada un dos departamentos citados, debendo anotar, ademais, os catro profesores/as ligados ao departamento de Psicoloxía evolutiva e da educación.
[13] As titulacións configuraron os dous primeiros cursos académicos sobre a base de cinco materias por semestre máis practicum (entre troncais, obrigatorias e optativas), reducíndose logo a catro por semestre para acoller a posibilidade de maior optatividade, segundo itinerarios.
[14] Redes en relación cos equipos psicopedagóxicos e orientadores/as escolares no caso da titulación de Psicopedagoxía; con concellos, centros de educación de adultos, penitenciarios e outras institucións no caso da titulación de Educación Social; con centros escolares de distintos niveis para o caso da titulación de Pedagoxía. Este esforzo organizativo e tamén de reclamacións de recursos ante a Reitoría e ante a Xunta de Galicia culminaría en 1996 coa sinatura dun Convenio entre a USC e a Consellería de Educacion para posibilitar a realización da formación do Practicum das diferentes titulacións nos centros formativos públicos de Galicia.
[15] Formaban parte dela 13 profesores/as encadrados no departamento de Educación musical, plástica e corporal, seis no de de Lingua e Literatura (que varios anos máis adiante tamén sería de Ciencias sociais), sete que formaban parte do de Ciencias experimentais,, catro incorporados ao de Psicoloxía evolutiva e da educación, con algúns e algunas outras docentes vinculadas aos departamentos de Didáctica e organización escolar, Teoría e historia da Educación, Historia (Contemporánea e da arte), a diversos departamentos de Filoloxía e aínda ao de Filosofía e antropoloxía social.
[17] Aprobado pola Xunta de Facultade en maio de 1998, e que se renovou no mandato decanal da profesora Carmen Morante.
[18] Incluindo a creación da figura de Coordinador/a de prácticum, así como a sinatura de dous convenios marcos xerais coa Xunta de Galicia e 20 convenios con outras tantas institucións.
[19] É oportuno salientar a alta matrícula que ano a ano recibía a nova Facultade. En múltiples momentos o alumnado rebordaba as instalacións existentes, en particular no campus norte.
[20] En momentos posteriores nominaríanse outros espazos cos nomes dos profesores Herminio Barreiro e Lisardo Doval, así como recordando a figura de Johán Vicente Viqueira, o destacado filósofo e psico-pedagogo galego de quen se cumpren cen anos da súa morte no presente 2024.
[21] No ano 2014 foi nomeado, igualmente, profesor Honoris Causa da USC o profesor Juan Manuel Escudero Muñoz; en 2024, no presente, foino o investigador italiano Francesco Tonucci, a proposta do departamento de Pedagoxía e Didáctica.
[22] Ademais, nomináronse dúas salas de grados cos nomes de Padre Sarmiento, no edificio do campus sur, e da educadora María Barbeito, no campus norte. En momentos posteriores nominaríanse outros espazos cos nomes dos profesores Herminio Barreiro e Lisardo Doval, así como recordando a figura de Johán Vicente Viqueira, o destacado filósofo e psico-pedagogo galego de quen se cumpren cen anos da súa morte no presente 2024.
[23] Foi comunicada esta convocatoria, con apoio económico da Xunta de Galicia, ao conxunto dos centros escolares de Galicia.
[25] Editarase con regularidade ata o nº 20 en 2004, pero logo só se editou o nº 21 e derradeiro en 2008. No seo da Facultade nacería en 1991 a revista Innovación Educativa, por impulso do profesor Carlos Rosales. Esta revista, de carácter anual, consolidaríase por mor do apoio institucional do ICE, dirixido nese momento polo profesor Miguel Santos Rego, baixo a posterior coordinación do profesor Euloxio Pernas.
[26] Por petición decanal no 2000 concedéuselle a insignia de ouro da USC á Editorial Galaxia no seu cincuentenario de vida.
[27] As oportunas achegas sintéticas solicitadas (e que agadezo) a quen exerceron o Decanato da Facultade foron de fundamental importancia para a elaboración deste apartado, por máis que sexa nosa a responsabilidade última do texto. A Decana actual da Facultade, profesora Mar Lorenzo, indicounos que ao estar en pleno exercicio de responsabiliades preferiría, por discreción, non establecer un puntual informe.
[28] Rexistrouse na última década o crecemento constante e insostible dos procedementos administrativos que sobrecargan a dirección do Centro e o PDI. Desde 2015 intensificouse aínda máis a elaboración de documentos normalizados a modo de Autoinformes de seguemento da aplicación de plans académicos, Informes anuais e finais de seguemento, Informes de avaliación para a renovación de acreditacións e Informes sobre os plans de acción titorial seguidos nos distintos graos e titulacions, ademais da de Memorias de calidade e Memorias de verificación de títulos, seguindo criterios documentais e prazos temporais esixentes, obrigatorios e estandarizados.
[29] Por exemplo: Colexio oficial de Educadoras e Educadores Sociais, Seminarios de atención ao alumnado inmigrante, organización de Cursos de Verán, simposios de Educación Social, simposios de aprendizaxe-servizo, asociacións de educadores de tempo libre, a interrelación con entidades como Agamei, Meniños ou Nova Escola Galega.
[30] Desde as estruturas formativas e administrativas do ICE desenvolveuse un amplo, por máis que defectuoso, programa de formación de novos licenciados. Baste indicar que no curso de 1991-92 eran atendidos 1589 alumnos e alumnas por parte de 158 profesores e 414 profesores titores de prácticas situados nos centros escolares de educación secundaria; estes alumnos chegaron a ser 2064 no curso de 1993-94, atendidos por 172 profesores e 790 titores de prácticas, recibindo as súas aulas teóricas en varias cidades galegas, baixo a batuta de Profesores coordinadores locais deste programa formativo.