Camiño e peregrinacións na LIX (Compostela no horizonte). Marta Neira Rodríguez, Blanca-Ana Roig Rechou e Isabel Soto López (coords.). Vigo: Edicións Xerais de Galicia, Red Temática LIJMI e Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. 2020, 496 pp. (ISBN: 978-84-9121-754-1)
Lucía España Fariñas
Camiño e peregrinacións na LIX (Compostela no horizonte). Marta Neira Rodríguez, Blanca-Ana Roig Rechou e Isabel Soto López (coords.). Vigo: Edicións Xerais de Galicia, Red Temática LIJMI e Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. 2020, 496 pp. (ISBN: 978-84-9121-754-1)
Elos: Revista de Literatura Infantil e Xuvenil, no. 8, 2021
Universidade de Santiago de Compostela
Copyright © Universidade de Santiago de Compostela
Esta obra está bajo una Licencia Creative Commons Atribución-NoComercial-SinDerivar 4.0 Internacional.
Received: 27 July 2021
Accepted: 01 November 2021
Este monográfico, publicado pola Rede temática de investigación “Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano” (LIJMI), xira ao redor do estudo da presenza, do sentido e do influxo do Camiño e mais a peregrinación na Literatura Infantil e Xuvenil (en adiante, LIX) dos ámbitos lingüísticos castelán, catalán, galego, portugués, vasco, brasileiro e mexicano.
Nas seguintes liñas ofrécese unha recensión formulada para ‘abrir camiño’ a través dun percorrido cunha media ducia de paradas, nun xogo de equivalencias polos diferentes bloques temáticos nos que se estrutura a pescuda desta comunidade docente e investigadora. Esta andaina, ao igual que as monografías de LIJMI, diríxese aos diferentes axentes da mediación ou a calquera outro lectorado con vontade de propiciar o encontro entre os libros e os seus naturais destinatarios.
A saída do percorrido encomeza no limiar que detalla a cerna da investigación, que xa vén adiantada na capa. O peritexto título recolle os dous eixes que vertebran o traballo: o “Camiño”, que alude aos diferentes espazos que configuran un percorrido cara a un destino; e a “peregrinación”, que se refire á viaxe espiritual e cultural na procura dun fin. O binomio destas dúas verbas proporciona unha visión ampla da temática que se vai precisando grazas ás dúas lecturas que resultan do cotítulo enmarcado entre paréntese, unha que fixa Compostela como meta (nas que se sitúan a meirande parte das panorámicas ibéricas) e outra que non concreta ou pon o foco no punto de chegada do itinerario (caso do ámbito iberoamericano). Título e fotografía da capa son as primeiras propostas atinadas, ben porque o primeiro matiza os enfoques presentes nos distintos marcos xeográficos, ben porque a segunda amosa unha ruta lastrada que percorren os pés dunha persoa anónima superpostos por varias grafías intelixibles, que evocan no lector a idea do inicio dunha viaxe a través da confluencia dos vieiros da humanidade e da vía das letras. Á súa vez, esta foto marcará a mensaxe e o estilo das ilustracións que serven de portada que antecede a algúns dos apartados do volume.
O groso da monografía estrutúrase nun par de panorámicas correspondentes con cada un dos ámbitos, complementadas por unha escolma de 70 obras para a educación literaria, das cales se analizan polo miúdo 25 desas producións, ademais de recollerse un artigo que examina as pontes entre a arte e o camiño. Un lector que descoñeza os monográficos anteriores da Rede LIJMI sorprenderase pola incorporación do traballo sobre educación artística, mais agradecerá esta vontade multidisciplinar, aínda minoritaria, dos docentes plásticos, pois achegan claves estéticas que fornecen o criterio para conceptuar o corpus literario.
A citada introdución non detalla un aspecto de interese, o da xustificación da escolla da temática. Quizais poida explicarse esta imprecisión atendendo a unha tríade de posibles propósitos: a celebración do ano xacobeo, dada a proximidade temporal entre a data de edición e de conmemoración; a superación do baleiro existente na sistematización e tratamento deste tema, agás no caso do panorama galego que xa contaba cos volumes de 2010 Itinerario de lecturas. De Camiño a Compostela pola LIX e Antoloxía. A Santiago. Relatos de Camiño infanto-xuvenís; e a tendencia de seu do colectivo investigador por abordaren cuestións de actualidade e influencia desde a LIX.
A primeira pousa do percorrido leva até o ámbito ibérico. Nieves Martín Rogero detecta unha abordaxe simbólica da que conclúe que a presenza da peregrinación se espalla ao longo de diferentes períodos entre o século XX e o XXI, entendendo así a viaxe como a arela humana de estender a súa vida a través do achegamento ao descoñecido, o divino e o alén. Resalta que o percorrido sobranceiro é o que conecta Roncesvalles con Compostela e establece unha produtiva clasificación: un grupo de obras cunha perspectiva interdisciplinar orientadas ao lectorado neófito e que se caracterizan pola súa finalidade didáctica; outro conxunto formado por novelas xuvenís medievais de carácter histórico que acollen o espírito do Camiño e que destacan polas intertextualidades; un terceiro grupo de narracións actuais de misterio que pertencen a varias coleccións e que poñen a énfase no percorrido iniciático do protagonista; e, por último, o ronsel minoritario da temática nos xéneros da poesía e o teatro.
En relación co ámbito catalán, Caterina Valriu e Moisés Selfa debullan un conxunto de obras vencelladas polo seu cronotopo co Camiño de Santiago e outras peregrinacións por territorios catalanfalantes. No tratamento da temática, prima a concepción da peregrinación como unha viaxe única con finalidade espiritual que serve para repensar as formulacións vitais, alén de lúdica nalgunhas creacións. Subdividen a produción en novelas históricas ateigadas por un ton de carácter místico no que se leva a cabo unha procura da identidade, relatos lendarios cara a lugares sacros coa compaña das amizades, e poemas nos que a crítica da Virxe actúa como motor da transformación do comportamento do peregrino.
Carmen Ferreira Boo actualiza na panorámica galega os citados estudos sinalando as claves temáticas desta produción. Sorprende como organiza as obras narrativas pois separa as que se dirixe á nenez das que se orientan cara á mocidade, mais sen xustificar esta división. Agradécese a inclusión de obras de banda deseñada, as antoloxías e o álbum, aínda que estes dous últimos sen o acompañamento da matización “infantil e xuvenil” que si aparece nas demais obras. Este corpus reflicte unha ampla variedade de lugares das diferentes etapas das rutas xacobeas, así como alusións ás súas tradicións e personaxes; no entanto, na maioría delas faise fincapé na meta: Compostela. Amais, predomina o tratamento do Camiño como espazo de experimentación persoal que leva á madurez. Con todo, a principal contribución é a mostra de que, malia a relevancia e o valor universal do Camiño, non existe un corpus o suficientemente abondoso que sirva como elemento de configuración do ámbito lingüístico galego. Esta idea sustenta a apelación de Ferreira Boo ás xeracións de escritores para contribuíren na consolidación desta temática e así engrosar a súa produción que serve de aproximación ao coñecemento do noso acervo galego e sementa un elemento de identidade nacional.
No que atinxe ao contorno portugués, estudado por Ana Cristina Vasconcelos de Macedo, Elisama Soraia Sousa de Oliveira e Madalena Marcos Carlos Teixeira da Silva, estas afástanse das súas homólogas ibéricas, debido á menor presenza do Camiño de Santiago. Este conxunto de textos confórmano fundamentalmente narracións, algunhas pezas dramáticas e reescrituras que beben da tradición oral nas que o tema da peregrinación posúe varios sentidos, mais que comparten un denominador común: o desprazamento espacial conta cunha lectura metafórica que permite a un heroe descubrir o seu valor a si mesmo e aos outros. Esta pluralidade de sentidos delimítase en tres categorías, segundo o motivo que leva o protagonista a emprender a súa viaxe, que ordenadas de maior a menor representatividade son: unha travesía de busca na que o camiño de saída e retorno cara ao fogar vai estar ateigado de obstáculos cuxa superación carrexa unha evolución no protagonista, o camiño como medio de autocoñecemento, a viaxe motivada polos desexos e soños do heroe, e a peregrinación individual ou colectiva cara a diversas terras santas (Lisboa, Dinamarca, Santiago de Compostela, Fátima...).
A panorámica do ámbito vasco, a cargo dos investigadores Xabier Etxaniz e Jose Manuel López Gaseni, mostra unha produción que non sitúa o punto de atención na meta ou o achado dun misterio, senón na construción do relato do propio proceso. O tema do Camiño de Santiago nas letras vascas ten unha cativa presenza, sendo todas as obras recollidas moi recentes e cun predominio de figuras masculinizadas. Diferéncianse entre as novelas nas que, alén do camiño a Compostela, aparecen outras metas coma o Tíbet ou o afastado Oriente e nas que se fusionan as etapas do itinerario físico coas fases de desenvolvemento persoal das personaxes, e outras narracións nas que o Camiño é o pretexto que dá lugar á abordaxe de temas históricos ou traxectorias individuais. Como singularidade da LIX en éuscaro, aparecen libros que representan a interculturalidade do Camiño como punto de confluencia de costumes e pobos.
O terceiro alto nesta recensión detense nas panorámicas iberoamericanas. Eliane Aparecida Galvão Ribeiro Ferreira e Silvana Augusta Barbosa Carrijo deseñan unha estrutura dinámica na que se guía ao lector a través dunha navegación polas diferentes fases da produción da LIX brasileira. Cada período reflicte unha mudanza na maneira de abordar este tema, condicionada pola realidade sociopolítica de cada momento histórico. Nesta LIX, como a peregrinación é un motivo pouco común, o artigo céntrase na viaxe que é un tópico recorrente na súa narrativa. Esta novela de viaxe defínese pola presenza dun protagonista insatisfeito coa súa realidade que se dirixe cara ao ignoto na procura de respostas ás que accede da man da superación de varias probas que ha enfrontar. Ao tempo, constátase a existencia de tres tipos de percorridos: o interior, que se produce sen desprazamento territorial; o exterior, cun viaxante en desprazamento; e unha amálgama de ambos, na que as personaxes transitan física e emocionalmente. Estas historias de heroes interveñen no proceso formativo da humanidade, xa que supoñen un convite á reflexión sobre a diversidade de camiños polos que pode transitar cada persoa e ás súas posibilidades de escolla, axudando a cuestionar as ideas previas e a configuración da identidade.
Laura Guerrero Guadarrama, Itzel Vargas e Monserrat Flores salientan na panorámica mexicana que o prestixio e asentamento do apóstolo Santiago como patrón de varias poboacións neste territorio favoreceu a proliferación de varios relatos representados nesta tradición. Por mor da menos abondosa influencia na LIX que na oralidade, orientaron o estudo máis ben no concepto da viaxe como icona de crecemento e descubrimento persoal a partir dunha escolma de obras actuais que destacan por teren unha visión rupturista. Resaltan varias tipoloxías de viaxes: a interior ou de autodescubrimento nas que as investigadoras denuncian a vixencia na narrativa dun arquetipo de heroe masculino que contrasta co labor de revisión dos grandes relatos levado a cabo na modernidade, e mais a viaxe onírica como autocoñecemento a través de obras dramáticas nas que se confunden as fronteiras entre realidade e fantasía á vez que tratan os fenómenos sociais da migración e o exilio.
A cuarta paraxe deste percorrido detense na epígrafe “Unha selección para a educación literaria”, configurada por 70 títulos: 12 obras para o marco castelán, galego e mexicano; 10 para o portugués e o brasileiro; 9 para o catalán, e 5 para o vasco. Resulta rechamante a ordenación convencional por orde alfabética do primeiro apelido do autor, fronte a outros criterios de corte cualitativo con maior interese para a persoa mediadora como podían ser a temática ou o xénero. De cada obra si se compensa esta eiva coa inserción dunha breve nota na que se indica a referencia bibliográfica, a autoría, as edicións que posúe, os premios recibidos así como as principais liñas temáticas. É unha mágoa constatar, unha vez máis, que a produción narrativa segue sendo máis abondosa que o teatro, o álbum e as antoloxías; agárdase que esta preponderancia teña o tempo contado e poida reverterse axiña.
Próxima á citada selección lectora chegamos á parada da sección “Comentarios cara á formación lectora”, na que se achega unha análise crítica de 25 obras consideradas de maior representatividade. Bótase en falta que non se especifiquen os elementos que se tiveron en conta á hora de elaboraren esta escolla, que desapareza a catalogación por ámbitos e que se dispoñan os títulos por orde alfabética. En conxunto, o carácter coral e mais as diferentes perspectivas existentes dan como resultado un amplo abano de comentarios heteroxéneos, entre os que destaca o enfoque ecocrítico na liña marcada pola Axenda 2030 do que bota man Itzel Vargas para a análise da obra Cosas pequeñas y extraordinarias (2017).
A penúltima estación desta recensión a modo de andaina, correspóndese co artigo “Arte e camiño” de Carmen Franco-Vázquez. Valórase o estudo dos diálogos que se establecen entre artes, examinando as ilustracións dos libros da LIX galega que abordan este tópico, onde se atopan acenos ás miniaturas medievais, representacións da figura do peregrino, espazos das diferentes rutas xacobeas entre outros aspectos. Todos estes elementos enlázanse coa inicial panorámica das diferentes significacións do camiño nas representación artísticas que van dos petróglifos prehistóricos até a contemporaneidade da man do artista Jannis Kounellis, un percorrido no que prevalece a imaxe do camiño como símbolo das pegadas que deixa o ser humano na terra.
Como meta deste itinerario, faise unha reflexión sobre as achegas desta monografía cuxa esencia capta a inaugural expresión ‘abrir camiño’ coa que bota a andar este percorrido e que suxire a idea do progreso. Unha evolución que se inicia coa evidencia das tebras que posúe a produción que xorde ao abeiro da significación do Camiño e mais da peregrinación na literatura dirixida aos máis novos para que estes tópicos universais se alicercen como signos de identidade nacional na cativada. Amais, o avance foméntase combatendo esa sombra co alumeamento das posibilidades da temática co fin de propiciar o xermolo de novas producións que continúen a singradura do corpus analizado.
O seguinte percorrido, que emprendan os mediadores e formadores, debería beber do adianto que ofrece este libro, pois nel atópase un recurso útil de apoio do labor de semente do hábito lector na infancia e na xuventude, xa que amosa unha ampla diversidade de contidos, estilos, edicións e presentacións visuais a ter en conta para a promoción da lectura. Asemade, esta monografía ofrece aos axentes da mediación un estudo teórico do corpus literario, que é un bo medio para facilitar a elaboración dunha selección de obras de calidade, fronte a outras alternativas como catálogos ateigados de intereses comerciais, foros de lectores cargados de impresións subxectivas ou propostas didácticas que restrinxen as posibilidades creativas das experiencias de ensino ou animación lectora que xurdan ao acubillo do encontro cos libros.
Additional information
España Fariñas, Lucía (2021). Camiño e peregrinacións na LIX (Compostela no horizonte) (2020). Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil, 8, “Recensións”, 1-5. ISSN-e 2386-7620. DOI http://dx.doi.org/10.15304/elos.8.7875
Vol.
Num. 8
Año. 2021
Camiño e peregrinacións na LIX (Compostela no horizonte). Marta Neira Rodríguez, Blanca-Ana Roig Rechou e Isabel Soto López (coords.). Vigo: Edicións Xerais de Galicia, Red Temática LIJMI e Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. 2020, 496 pp. (ISBN: 978-84-9121-754-1)
Lucía España Fariñas
Universidade de Vigo,España
Nota de copyright
Como citar
Outros datos estatísticos
Descargas
Descargas (Últimos 12 meses)