Acerca do Xornal
Temática e alcance
Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil é unha publicación científica de acceso aberto e periodicidade anual editada polo Grupo de Investigación LITER21 (GI-1839-Literatura galega. Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas) do Instituto de Ciencias da Educación (ICE)-Universidade de Santiago de Compostela.
Está patrocinada pola Universidade de Santiago de Compostela; a Rede Temática de Investigación “As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano” (LIXMI); o proxecto “Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil”, que se desenvolve no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; e ELOS-Galicia. Asociación de investigación en Literatura Infantil e Xuvenil.
Creouse co obxectivo de fomentar un espazo de debate e reflexión ao redor da Literatura Infantil e Xuvenil, un foro de análise crítica, de difusión da investigación e de visibilización deste sistema literario.
Para cumprir estes obxectivos, a revista presenta catro seccións: Miscelánea, con traballos de investigación orixinais sobre Literatura Infantil e Xuvenil, focalizados cara á Historiografía, Teoría literaria, análise de obras literarias, Tradución, Educación literaria e calquera aspecto relacionado; Sección Monográfica, coa mesma estrutura e aspectos formais que rexen para os artigos da Miscelánea, pero que responden a unha temática concreta que se anunciará xunto á respectiva chamada de traballos; Recensións, comentarios críticos e orixinais sobre monografías, estudos, revistas e calquera outro material de carácter científico que se teña publicado nos dous últimos anos sobre a temática que acolle a Revista; e Para saber máis, repositorio de traballos críticos ou monográficos de autoría individual ou colectiva que se consideren de relevancia para o estudo e coñecemento da Literatura Infantil e Xuvenil, así como bibliografías descritas que orienten a investigación sobre este eido e contribúan ao seu avance.
As linguas de publicación de Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil son o galego, o castelán, o inglés e o portugués.
O portal dixital desta Revista pódese consultar en galego, castelán e inglés.
Proceso de revisión por pares
Os traballos recibidos na redacción serán revisados por unha das editoras da revista, coa colaboración e asistencia do consello de redacción, que será asignada ao envío e determinará se o traballo cumpre cos requisitos mínimos para a súa publicación. Determinarase se encaixa temática e formalmente nalgunha das seccións da Revista e se se cumpren as normas de publicación e os requirimentos da Revista para o envío; a este respecto, a persoa autora debe cubrir un "Formulario para persoas autoras" e, no seu caso, debe enviar permisos de reprodución de materiais. No caso de que o traballo non cumpra os requisitos mínimos para a súa publicación, a editora correspondente enviaralle á persoa autora unha comunicación razoada do rexeitamento no prazo máximo dun mes dende a asignación do envío á persoa encargada.
Os traballos que cumpran os requisitos mínimos indicados serán remitidos en forma anónima a dúas persoas expertas no tema que deberán emitir un informe sobre a conveniencia da súa publicación. Seleccionaranse en base á súa traxectoria investigadora. Ademais, poderán considerarse tamén nomes de especialistas suxeridos pola persoa autora, sempre que non participasen de ningún xeito na elaboración do traballo, non o lesen previamente e non manteñan cos persoa autora ningún tipo de relación que poida facer depender o resultado da avaliación de criterios que non sexan estritamente científicos. A persoa autora poderá tamén recusar o nome dun máximo de dous potenciais revisores cos que teña un tipo de relación que, do mesmo xeito, poida dar lugar á introdución de criterios alleos á calidade do traballo na avaliación deste. En calquera caso, o nome das dos avaliadores non será dado a coñecer á persoa ou persoas autoras do traballo (sistema de dobre cego). Para que os traballos se publiquen nas seccións Miscelánea, Sección Monográfica e Recensións, os dous informes deben ser positivos. Se só unha das avaliacións recomenda a publicación do traballo, este remitirase a un terceiro revisor anónimo cuxo ditame será definitivo. Unha vez recibidos os informes procederase á aprobación ou rexeitamento do envío, veredicto que será comunicado á persoa autora por correo electrónico xunto aos informes anónimos de avaliación.
Os traballos encargados polo Comité de Redacción da revista serán sometidos ao mesmo sistema de arbitraxe ca aqueles que chegan á redacción sen encarga previa.
Se o traballo é provisionalmente aceptado, o Comité de Redacción da revista poderá incluír na comunicación unha listaxe coas súas propias recomendacións. Entre estas incluiranse, se é preciso, indicacións relativas ao estilo, redacción, corrección gramatical e presentación da información, así como a listaxe de incumprimentos das normas de publicación. Os textos escritos en inglés serán revisados por un corrector experto. O autor deberá realizar antes dun mes as oportunas modificacións ou as alegacións aos cambios solicitados. O novo traballo, cos cambios introducidos, deberá ser enviado á Revista destacando os cambios realizados mediante formato resaltar. Cando sexa precisa algunha aclaración, o autor enviará un documento no que vincule as modificacións realizadas no traballo cos cambios solicitados polos revisores e incluíndo as alegacións que considere pertinentes. A nova versión do traballo, xunto co documento indicado, será enviado de novo aos revisores, os cales, nun prazo de quince días, emitirán un informe sobre a conveniencia ou non da publicación.
Nun prazo de quince días a partir da comunicación dos revisores, a secretaría acordará e notificará a aceptación ou o rexeitamento definitivo do traballo. Nesta notificación, que se realizará mediante correo electrónico, a non ser que o autor solicite un xustificante en papel, solicitaráselle ao autor o envío do traballo nas linguas de publicación da Revista (galego, castelán, inglés e portugués) e indicaráselle así mesmo en qué número da Revista se publicará o traballo.
A notificación de aceptación ou rexeitamento dun traballo será enviada ás persoas autoras nun prazo máximo de 6 meses dende a recepción do envío. Os orixinais que non sexan aceptados para a súa edición serán arquivados.
Frecuencia de publicación
Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil publica traballos en fluxo continuo ata completar cada número, de periodicidade anual. Deste xeito, unha vez que se reciban as versións definitivas dos traballos en galego/portugués, castelán e/ou inglés, engadiranse á táboa de contidos do volume “en curso”.
Política de acceso aberto
O contido de Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil é de acceso libre.
A publicación non ten ningún custo para os autores.
Exención de responsabilidade
Elos non se fai responsable do contido de ningún artigo e o feito de patrocinar a súa difusión non implica, necesariamente, conformidade coas teses expostas.
As persoas editoras, en calquera caso, exímense de toda responsabilidade derivada da eventual vulneración de dereitos de propiedade intelectual por parte do/a autor/a.
Instrucións para os revisores
Sección Miscelánea, Sección Monográfica e Recensións
Obxectivo da revisión
O obxectivo da revisión é determinar se o traballo avaliado posúe o interese e a calidade necesarios para ser publicado, con modificacións ou sen elas, en Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil, ou se ben, se rexeita.
Enfoques da revisión
- Interese temático. As persoas revisoras indicarán se o traballo responde ou non aos criterios temáticos de publicación nesta revista.
- Calidade. As persoas revisoras indicarán así mesmo se o traballo reúne os requisitos mínimos de calidade para merecer ser publicado. No caso das sección Miscelánea e Sección Monográfica, deberanse ter en conta os seguintes aspectos:
- - A orixinalidade e relevancia: o autor fai unha achega nova e relevante para o eido investigado?
- - A adecuación da metodoloxía: o autor emprega unha metodoloxía axeitada?
- - A adecuación das conclusións: están xustificadas axeitadamente as conclusións do traballo a partir dos datos expostos?
- - A presentación da información: o autor estrutura e expón a información de forma axeitada?
- - A explotación da bibliografía: o autor fai uso para a súa investigación da bibliografía precisa? é axeitada a discusión bibliográfica?
Presentación da revisión
As persoas revisoras deberán cubrir o formulario de avaliación, indicando e xustificando se o traballo se axusta aos intereses temáticos e aos criterios de calidade da revista no prazo máximo dun mes desde a recepción do encargo.
Os criterios de calidade deben ser atendidos na revisión e comentados ao longo de todo o informe por parte do avaliador, quen poderá organizar a súa exposición libremente. Agradécense todas as apreciacións realizadas, tanto positivas coma negativas, que se xustifiquen debidamente. Aconséllase tamén que o avaliador, na súa argumentación, diferencie entre observacións principais e secundarias.
Os comentarios do revisor deben ir vinculados a unha decisión sobre a publicación do traballo. De xeito, que deberá indicar se o traballo
- a) pode publicarse sen modificacións,
- b) pode publicarse, pero con modificacións menores,
- c) pode publicarse, pero con importantes modificacións,
- d) non se pode publicar.
No caso de que as opcións marcadas sexan b) ou c), o revisor deberá explicar con claridade cales son os cambios a realizar para que o traballo poida publicarse. Debe acompañar esa explicación da correspondente xustificación ou remisión aos comentarios referidos á calidade do traballo.
Estilo da revisión
O informe debe ser claro e preciso. Rógase que sexa especialmente claro ao expoñer os aspectos a modificar para que o traballo se poida publicar e ofreza a referencia completa de calquera traballo ao que remita.
Xa que un dos obxectivos principais dos procesos de revisión é contribuír a mellorar a calidade dos traballos a través da crítica construtiva, prégase evitar expresións que poidan desanimar os autores dos traballos no seu proceso investigador (pense que o traballo pode ser dun investigador que se está a iniciar e que vostede, coa súa revisión crítica e construtiva, o pode axudar a mellorar ou reformular aspectos básicos da súa metodoloxía de traballo).
Proceso da revisión
As persoas avaliadoras deben enviar o formulario de revisión no prazo máximo dun mes desde a recepción da tarefa de revisión (en galego, castelán ou inglés). Cada traballo será enviado a dous revisores externos e, se existen discrepancias entre eles, remitirase a un terceiro, cuxo ditame será definitivo. A comunicación da decisión á persoa autora irá acompañada dos informes anónimos dos avaliadores. Eventualmente, poderá enviarse un único informe elaborado polo Comité de Redacción a partir dos formularios entregados polos avaliadores.
Se o traballo é aceptado provisionalmente, a persoa autora deberá realizar antes dun mes as oportunas modificacións ou as alegacións aos cambios solicitados. O novo traballo, cos cambios introducidos, deberá ser enviado á Revista destacando os cambios realizados mediante formato resaltar. Cando sexa precisa algunha aclaración, o/a autor/a enviará un documento no que vincule as modificacións realizadas no traballo cos cambios solicitados polos revisores e incluíndo as alegacións que considere pertinentes. A nova versión, xunto co documento indicado, será enviado de novo aos revisores, quen, nun prazo aproximado de quince días, emitirán un informe sobre a conveniencia ou non da publicación. O Comité de Redacción, nun prazo de quince días a partir da comunicación dos revisores, acordará e notificará a aceptación ou o rexeitamento definitivo do traballo. Nesta notificación, que se realizará mediante correo electrónico, solicitaráselle á persoa autora o envío do traballo nas linguas de publicación da Revista (galego, castelán e inglés) e indicaráselle así mesmo en qué número da Revista se publicará o traballo.
A notificación de aceptación ou rexeitamento dun traballo será enviada ás persoas autoras nun prazo máximo de 6 meses dende a recepción do envío. Os orixinais que non sexan aceptados para a súa edición serán arquivados.
O sistema de arbitraxe é de dobre cego, de xeito que nin os/as autores/as dos traballos deben coñecer o nome dos seus avaliadores nin os avaliadores deben coñecer o nome dos/as autores/as. Por iso se prega aos/ás avaliadores/as non incluír no informe ningún comentario que poida desvelar a súa identidade.
Sección Para saber máis
Obxectivo da revisión
O obxectivo da revisión é determinar se o traballo enviado á Revista (en galego, castelán ou inglés) posúe o interese e a calidade suficientes para ser incluído nesta sección de Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil, ou se pola contra, debe ser rexeitado. A aceptación do traballo e a súa conseguinte publicación non implican a validación das teses ou propostas defendidas nel.
Enfoques da revisión
- Interese temático
- Na sección Para saber máis de Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil só se incluirán traballos críticos ou monográficos de autoría individual ou colectiva que se consideren de relevancia para o estudo e coñecemento da Literatura Infantil e Xuvenil, así como bibliografías descritas que orienten a investigación sobre este eido e contribúan ao seu avance. Como os traballos que se propoñan para incluír en “Para saber máis” poden estar publicados anteriormente noutro formato ou idioma (aínda que non fora o galego, castelán e inglés, nos que se publica esta Revista), non serán examinados por avaliadores externos senón que o Comité de Redacción será o encargado de emitir un informe no que indicará se o traballo encaixa ou non nos ámbitos temáticos sinalados na Revista e debe ser incluído nesta sección.
- Calidade
- O Comité de Redacción indicará así mesmo se o traballo reúne os requisitos mínimos de calidade para merecer ser incluído nesta sección da Revista, tendo en conta e relevancia para o estudo, coñecemento e avance na investigación da Literatura Infantil e Xuvenil.
Proceso da revisión
O Comité de Redacción comunicará nun prazo máximo de tres meses despois da recepción do traballo e mediante correo electrónico a súa aceptación ou rexeitamento para ser incluído nesta sección da Revista.
Indexada en
Elos aparece indizada en ERIH+, ESCI, REDIB, MIAR e Latindex.
Directrices éticas
A publicación de artigos científicos involucra varios axentes, entre os cales se atopan a editorial, a dirección da revista, os avaliadores dos traballos e os autores. De cada un deles espérase unha conduta ética referida a uns principios, na nosa revista inspirados parcialmente nos que proporciona o Committee on Publication Ethics (COPE) Best Practice Guidelines.
Editorial
A editorial proporciona asistencia e apoio técnico á dirección da revista no uso da plataforma web, e mantén o software actualizado e en condicións de facilitar o proceso de envío, avaliación e publicación dos traballos. Colabora tamén coa dirección da revista na súa indexación e na facilitación de información sobre aqueles requisitos que contribúan a un mellor posicionamento da mesma nas clasificacións ao uso. En xeral, axuda ao incremento da calidade editorial da revista e á súa mellor e maior visibilización, internacionalización e impacto.
Dirección da revista
A dirección da revista asegura que os manuscritos enviados son avaliados atendendo exclusivamente ao seu contido intelectual, sen ter en conta a raza, xénero, orientación sexual, crenza relixiosa, adscrición política ou escola filosófica dos autores. Garante a confidencialidade dos traballos, non revelando a identidade dos mesmos a outros actores que non sexan os membros autorizados da editorial, os avaliadores potenciais, os avaliadores efectivos ou ao consello de redacción da revista. A dirección da revista pode declinar a publicación dun traballo por non cumprir este os requisitos formais esixidos ou por tratar unha temática allea ao seu ámbito. Debe comunicar, dentro dos prazos establecidos, unha vez vistos os informes dos avaliadores e ouvido o consello de redacción, a aceptación ou o rexeitamento dos traballos presentados.
Avaliadores
Os avaliadores deben rexeitar o encargo de valorar un traballo se non se recoñecen cualificados na área temática do mesmo ou se non poden asumir a avaliación dentro do prazo que establece a revista. O informe de avaliación debe ser obxectivo e debe expresarse de maneira razoada e clara. Debe evitar alusións ad hominen, ofensivas ou humillantes e os comentarios deben perseguir a mellora do traballo. Os manuscritos recibidos deben ser tratados como documentos confidenciais e o seu contido non pode ser usado en traballos propios. Os avaliadores deben rexeitar avaliar artigos cando exista algún conflito de interese resultante dunha eventual relación, pasada ou presente, cos autores do traballo ou coas institucións das cales estes dependan.
Autores/as
Os/as autores/as deben enviar traballos que presenten unha investigación orixinal sobre un tema claramente identificábel e non previamente publicado. Non deben enviar traballos que inclúan unha parte substancial doutros xa publicados. Os traballos deben redactarse de modo que poidan ser comprendidos ou replicados polos avaliadores. Se se usaren ideas doutros, deben ser claramente referenciadas; o plaxio é unha conduta inaceptábel e a súa detección implica o arquivo do traballo ou a súa retirada da páxina web, se estivese xa publicado. En caso de coautoría, son autores dun traballo todos os que contribúen significativamente ao mesmo; cada autor debería ser capaz de identificar as partes do traballo de que son responsábeis os outros coautores e debe gardar confidencialidade dos diversos contidos até que o artigo sexa publicado. O envío simultáneo do traballo a outra ou outras revistas é condición suficiente para o seu arquivo. Se no proceso de edición os autores descobren erros ou impropiedades no seu traballo, comunicarano coa maior celeridade ao director da revista, e colaborarán na súa subsanación. Os autores deberán facer constar o posíbel conflito de intereses entre as conclusións do seu traballo e as fontes de financiamento do mesmo.
Estas directrices están en consonancia co código ético da Universidade de Santiago de Compostela, editora da revista: https://www.usc.es/gl/goberno/valedor/codigoetico/CodigoEtico.html
Inclusión e diversidade
Uso de linguaxe inclusiva e non sexista
Elos promove e alenta a utilización dunha linguaxe inclusiva que teña en conta a diversidade, impulse o respecto a todas as persoas e sexa sensible ás diferenzas, fomentando deste xeito a igualdade social e de oportunidades. Polo tanto, débese coidar que os traballos enviados non conteñan xerga, estereotipos, suposicións ou prexuízos propios de maiorías dominantes, evitando referencias negativas a unha persoa pola súa idade, xénero, raza, etnia, cultura, orientación sexual, clase social ou estado de saúde. Antes de proceder a calquera envío, debe verificarse que a redacción estea libre de prexuízos ou nesgos como os manifestados. Para tal efecto, recoméndase, por exemplo, usar o xénero neutro sempre que for posible ou, cando se trate dunha discapacidade, utilizar denominacións actuais e respectuosas no canto de termos antigos e estereotipados que poidan resultar ofensivos.
Para máis información, pode consultarse a Guía para un uso no sexista de la lengua (2019) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), realizado pola Universidade Autónoma de Madrid.
Diversidade
A revista favorece a inclusión e a diversidade no ámbito da investigación da que é promotora e difusora. En particular, alenta e vea polo incremento de grupos infrarrepresentados, como mulleres, persoas doutras etnias ou colectivos socialmente desfavorecidos, no equipo editorial e outros procesos necesarios, como autoría ou avaliación de traballos.
Declaración universal de dereitos humanos
Convención sobre os dereitos das mulleres
Política de preservación de arquivos dixitais
Esta revista desenvolve diversos procesos destinados a garantir a accesibilidade permanente dos obxectos dixitais que alberga nos seus propios servidores:
- Copias de seguridade.
- Seguimento da contorna tecnolóxica para prever posibles migracións de formatos ou software obsoletos.
- Metadatos de preservación dixital.
- Utilización de DOI.
Os arquivos publicados nesta páxina web están dispoñibles en formatos facilmente reproducibles.
Política antiplaxio
Esta revista é membro de Similarity Check, unha iniciativa lanzada por Crossref que agrupa a varias editoriais co fin de protexer a orixinalidade dos contidos que publican.
Similarity Check utiliza o software iThenticate para detectar coincidencias e similitudes entre os textos sometidos a avaliación e os publicados previamente noutras fontes.
Protocolos de interoperabilidade
Elos proporciona unha interface OAI-PMH (Open Arquives Initiative Protocol for Metadata Harvesting) que permite que outros portais e servizos de información poidan acceder aos metadatos dos contidos publicados.
Especificacións:
OAI-PMH Protocol Version 2.0
Dublin Core Metadata 1.1
Ruta para os colleitadores:
https://revistas.usc.gal/index.php/elos/oai
Patrocinadores
O equipo editorial de Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil quere amosar o seu agradecemento a todas as Institucións que contribúen a que esta Revista saia do prelo.
Universidade de Santiago de Compostela
Red temática de investigación "Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano" (LIJMI)/ "As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano"
Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
ELOS-Galicia. Asociación de investigación en Literatura Infantil e Xuvenil
Fontes de financiamento
O equipo editorial de Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil quere amosar o seu agradecementoGrupo de Investigación LITER21 (GI-1839 - Literatura galega. Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas, da Facultade de Filoloxía. Departamento de Filoloxía Galega-Universidade de Santiago de Compostela por editar esta Revista.
Donante: Grupo de Investigación LITER21 (GI-1839 - Literatura galega. Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas)
Historia
Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil é unha publicación científica de periodicidade anual editada polo Grupo de Investigación LITER21 (GI-1839 - Literatura galega. Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas, da Facultade de Filoloxía. Departamento de Filoloxía Galega-Universidade de Santiago de Compostela, que se creou en 2013 co obxectivo de fomentar un espazo de debate e reflexión ao redor da Literatura Infantil e Xuvenil, un foro de análise crítica, de difusión da investigación e de visibilización deste sistema literario.