No 33 (2021)
O fenómeno das peregrinacións. Reflexións e prácticas desde unha perspectiva interdisciplinar
Os estudos sobre as peregrinacións, o que se veu denominar “Pilgrimage Studies”, manifestáronse como un campo de traballo en expansión nestes primeiros anos do século XXI. A crecente interacción cultural, propiciada en boa medida pola denominada sociedade da información, motivou o recoñecemento de que os
fenómenos de peregrinación locais teñen espellos en moitas outras latitudes. Neste sentido, pode afirmarse que Santiago de Compostela e o Camiño constitúen un fecundo laboratorio na materia. Nesta cidade, e desde os propios grupos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, reflexionouse, publicado e organizado eventos sobre o denominado “fenómeno xacobeo”, tanto desde as disciplinas de Historia da Arte, como da Xeografía, a Historia, a Filoloxía ou a Economía. Mesmo, nos últimos anos creouse unha Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións.
Non é este un fenómeno illado. En efecto, outras universidades crearon Centros para dinamizar estudos sobre a peregrinación e organizar actividades e publicacións. O Centre for Pilgrimage Studies da Universidade de York, o Oxford Pilgrimage Studies Network ou o Pilgrimage Studies Network son algúns exemplos. Paralelamente a este proceso institucional, tamén se publicaron artigos académicos e libros especializados, así como fomentado xornadas e estudos que buscan reflexionar sobre as peregrinacións desde unha perspectiva global. De tal forma, a comprensión das peregrinacións tórnase máis complexa. As novas liñas de traballo introducen o turismo e os impactos políticos e económicos como unha parte importante nas investigacións. Paralelamente, amplíase o foco de interese. Así, o Magreb, o Sueste asiático, a India, Malaisia, as Illas do Pacífico, Australia, África do Sur ou América Latina complementan a Europa como focos de estudo de fenómenos de peregrinación.
O número 33 da Revista SÉMATA, da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, ofrece un marco para presentar investigacións sobre o fenómeno das peregrinacións, no que se combina a reflexión teórica cos estudos de caso. O dossier que se ofrece, composto por dez traballos, desexa profundar nunha das sinais de identidade da revista SÉMATA, que é a multidisciplinaridade. Asentada nas disciplinas da Xeografía, a Arte e a Historia como campos institucionais, pero tamén como frutíferos campos de saber, pretendemos desde elas propiciar un encontro entre diversas disciplinas propias das ciencias humanas e sociais, tales como a Filoloxía, a Literatura, a Economía ou o Turismo. O obxectivo consiste en problematizar sobre as peregrinación co fin de alcanzar diferentes puntos de vista teóricos e empíricos, e mostrar así unha idea complexa sobre o fenómeno desde distintos enfoques epistémicos, que poden –e deberían– complementarse.
Publicado: 2022-03-25