Temática e alcance

Sémata é unha revista interdisciplinar, de periodicidade anual, que publica traballos orixinais de investigación sobre calquera das especialidades relativas ao eido das Ciencias Sociais e das Humanidades. Os números da revista posúen un carácter monográfico e rotatorio entre as áreas de Xeografía, Historia e Historia da Arte.

Proceso de revisión por pares

Os textos recibidos que non se ateñan de maneira estrita ás normas que se indican serán devoltos. Cada artigo será submetido a unha dobre revisión externa e anónima por parte de expertos na materia, designados polo Consello Editorial. Acéptanse orixinais en calquera destas tres linguas: galego, portugués e español. O avaliador debe remitir o formulario de revisión no prazo máximo dun mes dende a recepción do traballo. O Consello de Redacción comunicará nun prazo máximo de catro meses despois da recepción do traballo e mediante correo electrónico a aceptación (definitiva ou condicionada) ou o rexeitamento das colaboracións. A comunicación irá acompañada dos pareceres anónimos dos avaliadores. O autor deberá realizar en breve prazo as oportunas modificacións. O novo traballo, coas mudanzas inseridas, haberá ser enviado á revista no prazo máximo dun mes dende a recepción dos informes. O Consello de Redacción, nun prazo de quince días, acordará e notificará a aceptación ou o rexeitamento definitivo do artigo

Frecuencia de publicación

Anual

Política de acceso aberto

Sémata facilita o acceso sen restricións a todo o seu contido.

Como é lóxico, a publicación non ten ningún custe para os autores.

Indexada en

A  revista está indexada nas seguintes bases de datos: PASCAL, Fuente Académica Plus, CIRBIC, DIALNET, DICE, LATINDEX, ISOC, Modernitas Citas, REBIUN, RESH, Ulrich’s Directory, MIAR, REDIB.
Conta cun índice de impacto en Humanidades de 4.380 (MIAR), cunha valoración de difusión internacional do 10.5% (DICE), coa categoría B (ANEP), e cumpre 32 dos 33 criterios de LATINDEX.

Exención de responsabilidade

Sémata non se fai responsábel do contido de ningún artigo. A súa publicación non implica necesariamente conformidade coas teses expostas. O editor, en calquera caso, exímese de toda responsabilidade derivada da eventual vulneración de dereitos de propiedade intelectual por parte do autor.

Instruccións para os revisores

O obxectivo da revisión é determinar se o artigo avaliado posúe o interese e a calidade abonda para ser publicado, con modificacións ou sen elas, ou se debe ser rexeitado.

Focaxes da revisión:

Observacións sobre o contido

  1. Interese científico (actualidade, orixinalidade, etc.)
  2. Metodoloxía e fontes
  3. Bibliografía
  4. Achegas relevantes
  5. Algunha parte do traballo é superflua e debe ser suprimida?

Observacións sobre a forma

  1. Redacción
  2. Estrutura xeral do estudo

Presentación da revisión O revisor deberá cubrir o formulario en liña. Haberá indicar e xustificar se o traballo se axusta aos intereses temáticos da revista. Os comentarios do revisor han vencellarse cunha toma de decisión sobre a publicación do traballo. Deste xeito, deberá indicar se o artigo debe ser:

  • aceptado
  • aceptado con modificacións
  • rexeitado

Formulario de avaliación

Directrices éticas

A publicación de artigos científicos involucra varios axentes, entre os cales se atopan a editorial, a dirección da revista, os/as avaliadores/as dos traballos e os/as autores/as. De cada un deles agárdase unha conduta ética referida a uns principios, na nosa revista inspirados parcialmente nos que fornece o Committee on Publication Ethics (COPE) Best Practice Guidelines.

Editorial

A editorial proporciona asistencia e apoio técnico á dirección da revista no uso da plataforma web; así mesmo, mantén o software actualizado e en condicións de facilitar o proceso de envío, avaliación e publicación dos traballos. Colabora tamén coa dirección da revista na súa indexación e na facilitación de información sobre aqueles requisitos que contribúan a un mellor posicionamento da mesma nas clasificacións ao uso. En xeral, axuda ao incremento da calidade editorial da revista e á súa mellor e maior visibilización, internacionalización e impacto.

Dirección da revista

A dirección da revista asegura que os manuscritos enviados son avaliados atendendo exclusivamente ao seu contido intelectual, sen ter en conta a raza, xénero, orientación sexual, crenza relixiosa, adscrición política ou escola filosófica dos autores. Garante a confidencialidade dos traballos, non revelando a identidade dos mesmos a outros actores que non sexan os membros autorizados da editorial, os avaliadores potenciais, os avaliadores efectivos ou ao consello de redacción da revista. A dirección da revista pode declinar a publicación dun traballo por non cumprir este os requisitos formais esixidos ou por tratar unha temática allea ao seu ámbito. Debe comunicar, dentro dos prazos establecidos, unha vez vistos os informes dos avaliadores e ouvido o consello de redacción, a aceptación ou o rexeitamento dos traballos presentados.

Avaliadores

Os avaliadores deben rexeitar a encomenda de valorar un traballo de non recoñecérense cualificados na área temática do mesmo, de non poderen asumir a avaliación dentro do prazo que establece a revista. O informe de avaliación ha ser obxectivo, e expresarse de maneira razoada e clara, evitando alusións ad hominen, ofensivas ou humillantes. Os comentarios han perseguir a mellora do traballo. Os manuscritos recibidos deben ser tratados como documentos confidenciais e o seu contido non pode ser usado en traballos propios. Os avaliadores deben rexeitar avaliar artigos cando exista algún conflito de interese resultante dunha eventual relación, pasada ou presente, cos autores do traballo ou coas institucións das cales estes dependan.

Autores

Os traballos presentados á revista han presentar unha investigación orixinal sobre un tema claramente identificábel e non previamente publicado; non deben incluír unha parte substancial doutros xa publicados, nin poden estar submetidos a avaliación noutra revista. Os traballos deben redixirse de xeito intelixíbel. O plaxio é unha conduta inaceptábel e a súa detección implica o arquivo do traballo ou a súa retirada da páxina web, de xa estar publicado. No caso de coautoría, son autores/as dun traballo todos os que contribúen significativamente ao mesmo. Cada autor/a ten de ser capaz de identificar as partes do traballo de que son responsábeis os outros coautores, e ha gardar confidencialidade dos diversos contidos até que o artigo sexa publicado. Os/as autores/as deberán facer constar calquera conflito de intereses posíbel entre as conclusións do seu traballo e as fontes de financiamento do mesmo.

Estas directrices están en consonancia co código ético da Universidade de Santiago de Compostela, editora da revista: RIPS: Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas

Política de preservación de arquivos dixitais

Esta revista desenvolve diversos procesos destinados a garantir a accesibilidade permanente dos obxectos dixitais que alberga nos seus propios servidores:

- Copias de seguridade.
- Seguimento da contorna tecnolóxica para prever posibles migracións de formatos ou software obsoletos.
- Metadatos de preservación dixital.
- Utilización de DOI.

Os arquivos publicados nesta páxina web están dispoñibles en formatos facilmente reproducibles.

Política antiplaxio

Esta revista é membro de Similarity Check, unha iniciativa lanzada por Crossref que agrupa a varias editoriais co fin de protexer a orixinalidade dos contidos que publican.

Similarity Check utiliza o software iThenticate para detectar coincidencias e similitudes entre os textos sometidos a avaliación e os publicados previamente noutras fontes.

Protocolos de interoperabilidade

Semata proporciona unha interface OAI-PMH (Open Arquives Initiative Protocol for Metadata Harvesting) que permite que outros portais e servizos de información poidan acceder aos metadatos dos contidos publicados.

Especificacións:

OAI-PMH Protocol Version 2.0
Dublin Core Metadata 1.1

Ruta para os colleitadores:

http://www.usc.es/revistas//index.php/semata/oai

Patrocinadores

  • Facultade de Xeografía e Historia. Universidade de Santiago de Compostela

Historia

O primeiro número publicouse en 1988 e na actualidade editáronse 23 volumes.