A monografía As reescrituras de contos marabillosos na Literatura Infantil e Xuvenil Galega (das orixes a 2010), que conforma o número 4 da colección “Bibliodidáctica”, diríxese ó mediador adulto co obxectivo de axudalo especialmente no seu labor docente, aínda que cumpre tamén con outras moitas funcións. A autora, Carmen Ferreira Boo, pretende reflectir nestas páxinas a importancia que ten a literatura de transmisión oral, concretamente os contos marabillosos, na constitución da Literatura Infantil e Xuvenil Galega. Deste modo, en moita desta produción pódese apreciar as súas influencias en canto a características estruturais, formais e argumentais.
Como ben se indica dende o título, este estudo pretende realizar unha panorámica diacrónica das diferentes reescrituras narrativas publicadas na Literatura Infantil e Xuvenil Galega, dende as súas orixes ata a primeira década do século XXI. Para a análise e clasificación destas narracións, a investigadora toma como referente teórico os catro tipos de reescritura establecidos pola estudosa Caterina Valriu (2002, 2010), baseados nas distintas estratexias creativas intertextuais empregadas para a súa elaboración, tales como a imitación, a adaptación, a parodia etc. Así, distínguense, dependendo dun maior ou menor grao de semellanza co texto orixinal, un uso referencial, un uso lúdico, un uso humanizador e un uso ideolóxico destas reescrituras. Para dar conta da cantidade de novas versións que se realizaron na Literatura Infantil e Xuvenil Galega, Ferreira Boo fai un repaso por todos estes tipos. Repara primeiramente nas reescrituras referenciais, que teñen menor interese para a investigación ó manter os elementos de orixe folclórica sen cambios, para logo profundar nas humanizadoras, lúdicas e ideolóxicas, que resultarán as máis interesantes debido ás novidades, innovacións e subversións que ofrecen da materia do conto marabilloso.
Dende a primeira ollada, destaca a ilustración da cuberta, da autoría de José María Mesías-Lema, que coa técnica da serigrafía condensa o espírito do estudo cunha moi atinada reinterpretación visual. Xa no interior das páxinas, abre este tomo un limiar firmado por Blanca Ana Roig Rechou, coordinadora da Historia da Literatura Infantil e Xuvenil galega (2015). A cronoloxía empregada neste volume, e dividida en tres períodos (dende as orixes a 1980; de 1980 a 2000; e de 2000 a 2010), é, de feito, a mesma que se decide adoptar neste estudo como división temporal. Así mesmo, Ferreira Boo inclúe unha introdución a modo de presentación da obra, dos seus obxectivos e fundamentos, antes de mergullarse por completo en cada un dos períodos establecidos cronoloxicamente. Ó longo destes tres capítulos principais mantense de forma efectiva a mesma estrutura, que dá uniformidade ó volume.
Cada un dos apartados iníciase cunha breve contextualización socio-histórica e cultural na que se describen aqueles acontecementos que máis influíron na evolución da Literatura Infantil e Xuvenil en xeral, e nas reescrituras en particular. Logo aténdese ós recompiladores, versionadores e adaptadores, que publicaron reescrituras instrumentais, e diferéncianse tres tipos: as recompilacións, con peritextos ou non dirixidos ó lectorado infantil e xuvenil, que ofrecen unha reelaboración literaria a partir de diferentes versións recollidas de informantes; os álbums con adaptacións ou versións de contos da transmisión oral de diferentes lugares xeográficos nos que en coautoría escritor e ilustrador ofrecen unha dobre narrativa (textual e visual), salientando a segunda por ser máis transgresora e innovadora e ofrecer unha lectura complementaria; e as obras de autoría que empregan estrutura, argumento, motivos, marco espazo-temporal, personaxes ou fórmulas dos contos marabillosos para crear por imitación un novo conto marabilloso. A continuación, insírese unha compilación do groso da produción narrativa correspondente a cada período e catalógase en reescrituras humanizadoras, lúdicas e ideolóxicas, por orde cronolóxica de publicación e alfabética de autor. Nun último apartado, analízanse en profundidade as obras escollidas, en base ós criterios de calidade, innovación, recepción crítica e asunción de galardóns. Nesta análise, ademais dos distintos elementos estruturais e argumentais (voz narradora, espazo, tempo, estrutura etc.), repárase especialmente na configuración dos personaxes do marabilloso, isto é, se foron cargados con características transgresoras ou desmitificadoras en relación ó hipotexto, e as relacións de intertextualidade e hipertextualidade, para observar os cambios e os valores e contravalores de cada época.
No apartado correspondente ó período que abarca dende as orixes a 1980, só se analiza a que se considera obra pioneira das reescrituras ideolóxicas e que ademais inaugura a narrativa xuvenil, Margarida a do sorriso d’aurora (1927), de Evaristo Correa Calderón. Na fase de 1980 a 2000, son obxecto de comentario seis obras: Aventuras de Sol (1986), de Alberto Avendaño; O demo presumido (1987), de Xesús Pisón; A princesa Lúa e o enigma de Kián (1988), de Palmira G. Boullosa; Os Mornias (1993), de Lola González; O castrón de ouro (1994), de Darío Xohán Cabana; e Tanis I o Mocos (1998), de Manuel Lourenzo González. E na última etapa, de 2000 a 2010, analízanse oito reescrituras: Matapitos.com (2000), de Gloria Sánchez; No corazón do bosque (2001), de Agustín Fernández Paz; Feitizo (2001), de Xosé Miranda; Resalgario (2001), de Antonio Reigosa; O misterio do príncipe pastor (2007), de Xoán Babarro; Unha bruxa ben rara (2007), de Carlos Mosteiro; Titiritesa (2007), de Xerardo Quintiá; e Velliñas (2009), de Charo Pita.
Comentario á parte merece o apartado dedicado ás conclusións ás que chegou a estudosa na súa investigación en relación ós elementos estruturais (narrador, espazo, tempo, heroe e estrutura), ós valores representados e ós personaxes marabillosos das reescrituras humanizadoras, lúdicas e ideolóxicas, nas que, ademais de analizar o argumento, as ilustracións e os personaxes arquetípicos, tamén se reparou no uso da voz narrativa, apuntando que se mantén polo xeral o narrador omnisciente en terceira persoa ou se opta por outras voces, como a narración en primeira persoa. En relación ó tempo, se o conto marabilloso é atemporal con fórmulas iniciais ritualizadas, as reescrituras acostuman a situarse no momento actual maiormente, nun tempo pasado (época medieval e castrexa), nun tempo fóra do real (tempo mítico) ou nunha alternancia entre tempo real e fantástico. En canto ó espazo, a autora destaca tres que se manteñen nas reescrituras: o lugar onde vive o protagonista (a casa no mundo rural ou urbano, no caso dos nenos, e o castelo no caso de príncipes e princesas); o camiño, polo xeral no bosque e onde se concentra a acción, ou a viaxe por mar; e o reino afastado.
Ó reparar na figura do heroe ou protagonista da acción, parece predominar o heroe individual, xeralmente unha nena ou neno nas narrativas infantís, ou mozo ou moza nas xuvenís, que mantén as características do heroe-salvador ou heroe-vítima en canto a idade, aspecto físico e valores de bondade, xenerosidade, valentía, humildade, valor, intelixencia, enxeño e habilidade. De maneira esporádica aparecen heroes con defectos físicos ou psíquicos, protagonistas adultos ou seres con poderes ou calidades marabillosas. Tamén hai casos de protagonismo colectivo, conformado por unha cuadrilla de nenos e nenas, liderada de xeito habitual por unha nena, o que evidencia un reparto non sexista dos roles cunha clara reivindicación feminista. En canto á importancia do obxecto ou axuda máxica, as reescrituras relegan ese elemento en mans da vontade ou capacidade persoal do heroe e a recompensa obtida materialízase non en termos de matrimonio e ascensión social, senón nun desenlace feliz no que se restablece a orde ou equilibrio, predominando o heroe altruísta.
Ferreira Boo apunta tamén que na maioría das reescrituras se emprega unha moi sinxela estrutura na narrativa infantil, mentres que na xuvenil tende a ser episódica, as funcións introdutorias de Propp practicamente desaparecen, en especial as que se relacionan coa prohibición ou transgresión, e pásase directamente á falcatruada ou carencia. Tamén se sinala como frecuente a característica de triplicar ou o uso de estruturas encadeadas. Así mesmo, os principais valores que se destacan como transmitidos polas reescrituras son a amizade e solidariedade para a maduración persoal e a solución de conflitos; a reivindicación da liberdade, por medio do diálogo, comprensión e tolerancia ou polo enxeño e astucia do protagonista; a ecoloxía e as relacións co medio natural; a reivindicación do imaxinario propio, da narración oral e da fantasía; a identidade propia, por medio da escolla de elementos propios que se configuran como obxectos máxicos, simbolizando o ser galego, caso de vexetais como o toxo, de alimentos como o caldo e de instrumentos como a gaita, ou de inserir lendas e contos da transmisión oral, preferentemente da mitoloxía celta e artúrica.
Finalmente, a análise dos personaxes nas obras seleccionadas permite concluír que, en xeral, se manteñen os trazos físicos, mais que se cambia, na maioría, a esfera de acción, pois agresores como bruxas, demos e trasnos nas reescrituras son vítimas ou aparecen humanizados, caricaturizados ou parodiados. Ofrécese unha tipoloxía de personaxes subvertidos nas reescrituras lúdicas, humanizadoras e ideolóxicas, onde predominan aqueles que pertencen ó sexo feminino –en concreto princesas, fadas e bruxas–, seguidas dos masculinos –príncipe, mago, ogro, seres diminutos (anano e trasno) e demo–, xunto co dragón. De todos eles faise unha descrición das características convencionais que manteñen e dos trazos innovadores, que permiten actualizalos. En canto ós obxectos máxicos, descríbese unha gran variabilidade e heteroxeneidade, algúns deles con claras referencias identitarias, entre os que salientan: vexetais (piñóns, pexego, flor, espiga, semente, raíz de xenciana, folla, toxo, faba, laranxa), variña, vasoira, minerais (pedra, esmeralda e cristais), partes do corpo dun animal (cornos de alicornio e de vacaloura), construídos polo home (prendas de vestir, utensilios, instrumentos musicais, os libros máxicos e máquinas ou aparellos máxicos), relacionados cos catro elementos (pós máxicos, a chama, o fume, o vento e a neve) etc.
O volume péchase cun amplo apartado de bibliografía e webgrafía, dividido en primaria e secundaria, o que pode resultar de interese para o lector atraído por profundar na temática. Por último, cómpre salientar que a autora ofrece tamén unha serie de referencias doutros estudos propios que exploran estas mesmas liñas de estudo en relación á produción aparecida nos últimos anos do noso tempo, e preséntalle así a posibilidade ó receptor destas páxinas que o precise de completar e complementar esta información en relación ó período de tempo que abarca os doce últimos anos, como é esperable aínda non recollidos neste volume.
En definitiva, este estudo establece as tipoloxías arquetípicas dos personaxes marabillosos máis representadas na narrativa infantil e xuvenil galega, feito que pode axudar e ser de interese para unha análise comparativa máis ampla con outros sistemas literarios como o castelán, o catalán ou vasco, e que achegaría unha ollada máis profunda da evolución e tratamento destes personaxes no polisistema infantil e xuvenil español dende a literatura de transmisión oral ata a Literatura Infantil e Xuvenil. Ademais, a obra permite coñecer as distintas relacións que a literatura oral e os contos marabillosos establecen coa narrativa infantil e xuvenil, e ver a pegada e a (re)creación dos distintos elementos argumentais que son aproveitados polos escritores. Así, a análise diacrónica do corpus ofrece unha visión profunda da evolución e reinterpretación de elementos da tradición oral, que configuran o imaxinario colectivo, e súa adaptación e subversión co decorrer do tempo. O labor investigador resulta novidoso, xa que non existe ningún estudo previo nese sentido sobre a Literatura Infantil e Xuvenil Galega e abre novas vías de investigación ó redor da influencia e aproveitamento da literatura oral na Literatura Infantil e Xuvenil. Sen dúbida, é unha obra que pode servir de punto de partida a outras investigacións sobre o obxecto de estudo tratado, ademais de darlles chaves ós profesionais da educación sobre a evolución á hora de representar os personaxes marabillosos na Literatura Infantil e Xuvenil e así aplicar á hora de traballar a Educación Literaria o fomento do hábito lector e a creatividade co alumnado.