A considerada “novena arte” é o obxecto de análise de Cómic e Literatura, o novo monográfico da Rede Temática de Investigación “Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano” (LIJMI), coordinado por Marta Neira Rodríguez, Blanca-Ana Roig Rechou e Isabel Soto López, que pretende ofrecerlle ao persoal docente de diferentes niveis educativos e ás persoas mediadoras entre o libro e a lectura unha ferramenta útil coa que encarar o traballo coa banda deseñada, tanto en lingua galega coma noutras linguas.
Como é habitual en volumes anteriores da colección iniciada por LIJMI e Edicións Xerais de Galicia xa hai preto de vinte anos, Cómic e Literatura ofrece en primeiro lugar un conxunto de cinco panorámicas do ámbito ibérico: castelán (pp. 15-30), catalán (pp. 31-47), galego (pp. 49-81), portugués (pp. 83-103) e vasco (pp. 105-128); e dúas máis doutros ámbitos lingüísticos, nesta ocasión concretamente dos ámbitos brasileiro (pp. 131-146) e mexicano (pp. 147-164) nas que se realiza unha visión de conxunto da banda deseñada na respectiva lingua.
Nesas aproximacións á banda deseñada ofrécese, en termos xerais, un repaso a esta dende os seus inicios, situados xeralmente no caso dos ámbitos ibéricos nos anos sesenta ou setenta do século XX (aínda que nalgún ámbito poden ser un pouco máis tardíos), até a actualidade, destacando tanto autores e autoras que sobresaen polo momento en que publicaron, pola temática que abordaron, polo tratamento que desta fixeron etc, como títulos de referencia, publicacións, editoriais e promotores desta modalidade editorial a cabalo entre a arte e a literatura. É o caso dos estudos asinados por Moisés Selfa, Caterina Valriu e Xavier Mínguez para o ámbito catalán; Juan Lorenzo e Carmen Franco para o ámbito galego; Elisama Oliveira e Ana Cristina Macedo, para o portugués; Xabier Etxaniz e Manu López, para o vasco, e de Alice Áurea Penteado e Vera Teixeira, para o brasileiro. Con todo, tamén se poden atopar outros traballos máis centrados en subxéneros do cómic, tal é o caso da biografía gráfica literaria, centro de interese do estudo realizado por José Rovira Collado para o ámbito castelán, ou outros que mesmo propoñen clasificacións do cómic posmoderno, como o do estudo realizado por Laura Guerrero, Itzel Vargas e Ana María Fortoul para o ámbito mexicano.
Seguindo o ronsel de monográficos anteriores, estas panorámicas dos diferentes ámbitos son complementadas con dous apartados, “Unha selección para a educación literaria” (pp. 167-206) e “Comentarios cara á formación lectora” (pp. 209-472), que pretenden afondar nunha cuestión xa presente máis ou menos explicitamente nalgunha das achegas iniciais: a importancia da presenza da banda deseñada nas aulas ou o seu tratamento como obxecto cultural no ensino da literatura. Así, o primeiro deses apartados, “Unha selección para a educación literaria” ofrece un total de sesenta e catro obras, pertencentes a diferentes ámbitos e a diferentes modalidades ou subxéneros dentro do cómic, cuxa descrición, acompañada da ficha bibliográfica concreta, lle permiten ao lectorado descubrir o destinatario ao que está dirixida, así como enxergar as razóns polas que pode ser de interese o emprego desa obra nas aulas. Pola súa banda, as vinte e cinco análises de obras, todas con edición primeira ou reeditadas no século XXI, incluídas en “Comentarios cara a formación lectora”, teñen como finalidade animar as persoas mediadoras entre o libro e a lectura ao uso do cómic como ferramenta didáctica. Correspóndense con estudos minuciosos de biografías gráficas literarias, adaptacións á banda deseñada de obras clásicas da literatura de adultos e/ou da Literatura Infantil e Xuvenil, obras que tematicamente cobren baleiros ou cómics realizados ex professo para a abordaxe de problemáticas sociais da adolescencia de hoxe en día que permiten descubrir aspectos nos que os mediadores e mediadoras poder deterse nunha aula de infantil, primaria ou secundaria, dependendo do lectorado ao que a obra se dirixa.
Finaliza esta nova publicación de LIJMI cun traballo de Kenya Pineda titulado “Cómic y mediación lectora” (pp. 475-494) no que se achega a cuestións terminolóxicas ao redor do cómic e á súa posibilidade de uso como instrumento para a adquisición da competencia lectora. Un estudo que remata abordando o cruzamento entre dúas formas de arte como son o cómic e a literatura e que, de seguro, pode ser enriquecedor para quen conte con pouca formación ao redor deste obxecto cultural.
Malia non realizarse en todas as achegas incluídas no último monográfico de LIJMI unha análise do cómic dende a perspectiva da imaxe e os estudos afondar máis na súa vertente literaria, tal como o título anticipa, e malia existir outras publicacións que axudan a salientar o papel da “novena arte” en Galicia (pénsese, por exemplificar cunha obra das máis recentes, en A historia do cómic en Galicia, da autoría de Octavio Beares e publicado por Galaxia en 2021), Cómic e literatura convértese igualmente nun volume de referencia para calquera persoa mediadora interesada neste produto híbrido entre arte e literatura coñecido como banda deseñada, cómic, historieta, história em quadrinhos etc. Esta nova publicación de Edicións Xerais e LIJMI, que conta co apoio de Centro Ramón Piñeiro para Investigación en Humanidades, traspasa fronteiras ao achegarse á banda deseñada dende diferentes ámbitos lingüísticos cuns estudos que permiten realizar a comparativa entre o noso e o que nos rodea. Unha publicación necesaria no estante das librarías de bibliotecarios e bibliotecarias, mestres e mestras ou calquera persoa interesada no mundo da banda deseñada.