Resumo

Este traballo pretende resaltar a técnica pop-up empregada polos enxeñeiros do papel como unha vía para ter en conta á hora de potenciar o contido textual e icónico de obras clásicas como Le Petit Prince, de Antoine de Saint-Exupéry en base á materialidade do libro. Nun primeiro momento, enuméranse e descríbense os elementos do pop-up empregados na edición de O Principezinho. O Grande livro Pop- up. Texto integral pola lisboeta Editorial Presença a partir das claves ofrecidas por David A. Carter e James Díaz en 1999 e dos exemplos inseridos por David Carter nas súas propias obras 600 puntos negros e Ruido Blanco. Despois de especificar que os libros-obxecto-artefacto resultan máis adecuados para un lectorado competente, participativo e cómplice que sexa capaz de debullar o xogo textual e visual ofrecido por Saint-Exupéry desde a edición orixinal, e de captar a nova lectura visual en pop-up, destácase a proposta de (re)lectura didáctica de O Principezinho, tras interpretar o significado que a enxeñería do papel achegou a esta narración clásica.