Clássicos da Literatura Infantojuvenil em Forma(to) de Livro-Objeto, Sara Reis da Silva (Org.) Braga: Uminho Editora/Universidade do Minho 2020, 191 pp. Volume n.º 3 (ISBN impresso 978-989-8974-20-4) (ISBN digital 978-989-8974-21-1) DOI https://doi.org/10.21814/uminho.ed.13
María Lucía González-Castro
Clássicos da Literatura Infantojuvenil em Forma(to) de Livro-Objeto, Sara Reis da Silva (Org.) Braga: Uminho Editora/Universidade do Minho 2020, 191 pp. Volume n.º 3 (ISBN impresso 978-989-8974-20-4) (ISBN digital 978-989-8974-21-1) DOI https://doi.org/10.21814/uminho.ed.13
Elos: Revista de Literatura Infantil e Xuvenil, no. 8, 2021
Universidade de Santiago de Compostela
Copyright © Universidade de Santiago de Compostela
Esta obra está bajo una Licencia Creative Commons Atribución-NoComercial-SinDerivar 4.0 Internacional.
Received: 15 June 2021
Accepted: 14 September 2021
Os libros son comunmente valorados polas ideas que conteñen e non pola súa materialidade, pero que pasaría se ambas traballasen conxuntamente para retroalimentarse? Este tipo de cruzamentos entre o material, o visual e o textual é precisamente o que propón o libro-obxecto, elemento central do monográfico Clássicos da Literatura Infantojuvenil em Forma(to) de Livro-Objeto, coordinado pola profesora Sara Reis da Silva, no que non só se procura o cruzamento intermedial, senón tamén o cruzamento entre os clásicos da literatura e as súas reescrituras.
A presentación elaborada pola coordinadora do volume inaugura o monográfico, inserido no ámbito dos Estudos da Criança do Instituto de Educação da Universidade do Minho. Nela explícase que a obra é o resultado da colaboración de investigadoras pertencentes a diferentes universidades de Portugal, España e Brasil. O monográfico contén trece estudos que xiran arredor do libro-obxecto, unha amalgama de rexistros de carácter artístico, literario e visual que combinados crean un libro híbrido e multimedia no que se tratan obras e autores dos clásicos universais da literatura desde unha perspectiva revisionista, experimental e orixinal. Tal e como explica Reis da Silva, as obras de referencia que integran cada un dos capítulos están orientadas a un amplo lectorado, desde as crianzas máis cativas ata a mocidade. Tras facer unha breve descrición da estrutura e presentar cada un dos temas de cada capítulo, a profesora subliña a extensa potencialidade deste tipo de creacións a nivel lúdico, educativo e didáctico. Os apartados que compoñen o monográfico principian coa presentación inicial xa mencionada, seguida dos trece traballos –todos eles exemplificando a pertinente bibliografía empregada– e rematan cunhas páxinas dedicadas á traxectoria de cada unha das autoras a modo de “Bionotas”.
Co primeiro traballo, “Coração, pano e voz: reflexões sobre a matérica de certos destinos dos clássicos recriados”, Cláudia Sousa Pereira ensínanos a utilizar libros-obxecto como apoio narrativo para a creación de performances a modo de playlist que permiten ao lectorado xuvenil adquirir conciencia e responsabilidade. Trátase dunha proposta contextualizada na LIX en Portugal de carácter vangardista, como ben explica a autora. O seu enclave reside nos estudos literarios e ten por obxectivo cuestionar o cambio que experimenta o tecido verbal nas historias recreadas empregando o close reading como metodoloxía. O artigo céntrase na literatura de tradición oral, como é o caso do conto O lagarto Pintado e dos libros da contadora Bru Junça, para explorar de cerca os aspectos estéticos visuais, así como as diferentes lecturas e formas de repensar a tradición oral e atopar camiños completamente agochados.
O seguinte traballo, “Para que serve um livro sem ilustrações?: Alice recriada em novos formatos”, de Ana Margarida Ramos, explora a obra clásica Alicia no País das Marabillas para propoñer unha constelación das reconfiguracións da historia escrita por Lewis Carrol. Ao comezo do estudo fanse referencia ás producións cinematográficas, así como videoxogos, libros electrónicos e aplicacións dixitais que perfilan un extenso abano de adaptacións do conto. A continuación abórdase o consumo destas producións entre o lectorado que, como Wilkie-Stibbs sinala, configuran un sistema intertextual. Ramos menciona as diferentes tipoloxías e características de cada libro-obxecto e presenta a análise dun extenso corpus constituído por variadas edicións contemporáneas do clásico: libros pop-up, libros acordeón, libros carrusel, libros de conceptos en cartón ou obras en coleccións pull-the-tab. Ademais, este traballo dá conta das diferentes transformacións que sofre a historia nos novos formatos do libro, facendo unha reescritura daqueles elementos que se manteñen e amosando lecturas que son capaces de desenvolver as capacidades sensoriais e cognitivas do lectorado.
O traballo “Drácula a escena. Rompiendo los límites del libro”, de Lourdes Sánchez Vera, analiza o transvase da obra canónica de Bram Stoker ao formato do libro-obxecto en Dracula. A Toy Theatre (2007), de Edward Gorey. Para abordar o tratamento dos clásicos da literatura exponse unha xénese na que se poñen de relevo diversas definicións do termo “clásico”. Entrando na materia folclórica que reside na obra, coméntanse de forma clara e concisa as razóns da súa orixinalidade no tratamento dos temas que sentaron as bases de producións posteriores. Pasando polas diferentes linguaxes ás que foi adaptada a obra, como a cinematográfica ou a teatral, e deténdose no comentario dos libros-obxectos teatralizados, Sánchez entra na análise e sucesiva reflexión da obra de Gorey, unha proposta interactiva que consegue potenciar a creatividade apelando a un lectorado-receptor activo.
Mergullámonos agora no traballo “Era uma vez... três livros-objeto da Editorial Majora: recriações de Branca de Neve”, de Diana Martins, que se centra na análise de 3 libros-obxecto publicados pola editorial Majora a partir do clásico da literatura oral Brancaneves. Ao comezo explícase o proceso de configuración híbrida dos actuais libros-obxecto de carácter experimental e os seus propósitos. A continuación abórdase a historia e percorrido da Editorial Majora e ofrécese un resumo cunha breve análise do texto dos irmáns Jacob e Wilhelm Grimm, que serve para enmarcar o corpus obxecto de estudo. Explícanse claramente os criterios que se empregaron na análise das obras, na que se comentan en detalle as dúas traducións de Costa Barreto caracterizadas por un deseño gráfico diferente que, sen dúbida, conseguen estimular o lectorado promovendo a coeducación e a lectura por medio de elementos paratextuais.
Seguidamente atopamos o traballo “Livros onde nascem os sonhos: revisitações de Peter Pan em forman(to) de livro-objeto”, de Sara Reis da Silva, que xira arredor da obra clásica Peter Pan and Wendy (1911) de James Matthew Barrie –baseada no obra de teatro PeterPan; or, the Boy Who Wouldn´t Grow Up (1904)–, e de catro reconfiguracións gráficas editadas na última década do século XXI. Comeza destacando a importancia da lectura dos clásicos para logo presentar brevemente a obra de Barrie, facendo un repaso polas adaptacións dramático-musicais, cinematográficas e propostas reconfiguradas que mesturan os aspectos textual, visual e gráfico. O corpus deste estudo intégrano catro libros-obxecto que reescriben a obra de Barrie: edicións pop-up, edicións ilustradas e edicións con elementos paratextuais. Todos eles constitúen unha constelación intertextual do clásico, ao mesmo tempo que conseguen estimular as competencias lectoras dunha forma lúdica.
A continuación encóntrase “Babar e os elefantes. Dos orixinais ás adaptacións” de Blanca-Ana Roig Rechou e Olalla Cortizas. Partindo da construción do imaxinario na LIX e das acepcións de “memoria”, este traballo céntrase na utilización dos libros-obxecto –nomeados polas autoras como “Preliter”– con carácter formativo-didáctico e formativo-literario, favorables para os estadios mais temperás da infancia. Rechou e Cortizas explican adecuadamente a diferenza entre os libros infantís e a LIX, para logo pasar a centrarse na obra clásica obxecto de estudo: L´historiede Babar, le petit éléphant, de Jean de Brunhoff. Faise un pequeno resumo da obra, do proceso de publicación e animación, así como do proceso creativo, e explícase o motivo do éxito en ventas que acadou no 1939. Ademais faise referencia á extensa bibliografía e aos diferentes recursos que xorden da matriz. Finalmente, enuméranse de maneira sintética, pero tamén detallada, cada un dos motivos que as animaron a traballar con este clásico literario.
O seguinte traballo corresponde a Carina Rodrigues, titulado “De lagartinhas muito brincalhonas: Recriações do livro-álbum clássico de Eric Carle em Portugal”. No comezo do estudo expóñense unha serie de apuntamentos para a lectura da obra de Eric Carle que inclúen pinceladas da súa traxectoria e biografía, así como unha breve referencia aos temas principais que caracterizan a súa obra e estilo. O propósito deste traballo é estudar as recreacións e adaptacións en libro-obxecto da obra clásica de grande éxito A Lagartinha Muito Comilona (1969), nacida como álbum ilustrado. Rodrigues céntrase especialmente nas edicións portuguesas e comenta o éxito que esta obra adquiriu trala súa publicación, salientando as súas diferentes adaptacións, que confeccionan o diálogo entre o hipotexto e as súas reescrituras. Rodrigues comenta cronoloxicamente tres edicións portuguesas e fai fincapé nas diferenzas textuais e visuais que serven para formular orixinais propostas literarias capaces de atraer a un público lector novo.
En “Era Uma Vez: a (re)leitura dos clássicos no livro-objeto”, elaborado por Diana Navas, iníciase coa contextualización das aportacións ao eido do libro-obxecto das figuras de Bárbara Bader e a Sophie Van der Liden e do seu traballo cos soportes visuais. Seguindo estes antecedentes, Navas centra o estudo na análise da obra pop-up francesa IlÉtait Une Fois (2010), adoptando unha mirada multimodal na que se exploran as diferentes linguaxes ou modos semióticos que compoñen a devandita obra: o texto verbal, as súas ilustracións, as creacións 3D, así como os efectos de movemento. Ademais, Navas tamén comenta a traxectoria editorial do autor e ilustrador francés Benjamin Lacombe e o característico estilo das súas creacións artísticas máis significativas, destacando a súa forte aposta pola relectura dos clásicos por medio de variadas linguaxes integradas no libro-obxecto. Baseándose nestes aspectos estéticos, proponse unha lectura semiótica da obra Érase unha vez, un libro que sen ningunha dúbida esperta a sensibilidade lectora conseguindo crear novos universos e estimulando a creatividade do lectorado.
A continuación atópase “Un clásico en pop-up sobre clásicos de miedo: ¿Mamá? de Maurice Sendack, Arthur Yorinks e Matthew Reinhart”, de Rosa Tabernero Sala, que explora a construción do discurso no pop-up Mommy?, de Maurice Sendack, baseado na obra teatral It´s Alive (1990) de Arthur Yorinks. Sendo un dos clásicos menos comentados pola crítica, a obra xorde dunha colaboración de Sendack e Yorinks con Matthew Reinhart. Tabernero Sala expón a estrutura narrativa de Mommy? e os diferentes soportes que acompañan a narración, ademais de comentar o éxito acadado pola publicación. Este estudo inclúe un repaso polo percorrido creativo dos autores, facendo referencia ás súas obras máis salientables que incorporan soportes contemporáneos. Ademais, a profesora explica sinteticamente os motivos polos cales a obra de Sendack é unha opción favorable para o desenvolvemento do lectorado infantil apoiándose nun estudo de Mónica Klibanski do 2012. Así, Tabernero sinala detalladamente as claves da súa lectura, abordando os aspectos da materialidade, a experiencia sensorial, o xogo proposto de autorreferencialidade, a intertextualidade e a temática do terror, os cales colaboran en consonancia para crear un universo poético abraiante.
O seguinte traballo titúlase “Os clásicos desde a visión vangardista de Květa Pacovská”, escrito por Carmen Franco-Vázquez e Marta Neira-Rodríguez, no cal se centran na obra de Květa Pacovská, gran expoñente no eido das artes plásticas, así como do seu traballo no soporte material do libro álbum e do libro ilustrado. Neste estudo analízase o traballo de Pacovská nos contos clásicos desde unha óptica plástica. Tal e como expoñen Franco-Vázquez e Neira-Rodríguez, iniciando o seu traballo editorial no século XX na editorial alemá Ravensburger, o labor artístico de Pacovská caracterízase por unha presencia do mundo multisensorial. Ademais, a súa extensa obra, traducida a diferentes linguas e citada neste traballo, pon de manifesto a innegable repercusión da figura de Pacovská. A continuación, analízanse diferentes imaxes dos contos clásicos dos Irmáns Grimm e de Hans Christian Andersen desde a visión vangardista que tanto caracteriza á artista, para rematar destacando a calidade das producións artísticas da autora e o gran valor artístico para o lectorado infantil e a súa formación.
Con “Humor e terror nas múltiples lecturas dun libro pop-up: A Casa Enmeigada”, Isabel Mociño e Eulalia Agrelo achegan un artigo na que a tradución ao galego da obra clásica HauntedHouse (1979), da autoría de Jan Pienkowski, se presenta como obxecto central de estudo. A obra orixinal foi galardoada co Premio Hans Christian Andersen e coa Kate Greenway Medal. Ademais, a súa publicación serviu de precedente para posteriores obras. O estudo inclúe un repaso da historia dos libros pop-up, desde o século XVIII ata a súa posterior popularización no XIX. As profesoras describen e recapitulan a obra artística de Pienkowski sinalando a súa capacidade para a creación de lecturas interactivas e explican a influencia de Hounted House para a configuración dunha segunda idade de ouro dos libros pop-up. Entrando xa en materia, Mociño e Agrelo analizan a obra A Casa Enmeigada (2016) explorando o tratamento dos xéneros cómico e de terror, os mecanismos interactivos que inclúe a edición, o seu deseño, a historia e as súas diferentes secuencias e escenas, así como os personaxes, temas, motivos e dinámicas que a integran. Unha auténtica proposta multidimensional que xoga coa temporalización e a perfecta dose de terror e comicidade.
Preto de rematar esta camiño creativo atópase “O outro lado da história também tem história: da linguagem verbal, visual e material”, de Eliane Debus e Maria Laura Pozzobon Spengler, que versa sobre dúas reescrituras dos contos clásicos dos Irmáns Grimm, ChapuzinhoVermelho e A bela Adormecida, escritas por Lola Moral, ilustradas por Sergio García e traducidas por Miguel Del Castillo. As autoras do artigo abordan a historia das narrativas do século XVII e o xénero marabilloso, así como a súa capacidade para facerse un oco en producións contemporáneas como Harry Potter ou o Señor dos Aneis. As reescrituras obxecto de estudo analizan aspectos que buscan subverter a lóxica patriarcal, ofrecendo unha perspectiva de xénero que posibilite o auxe de discusións contemporáneas que cuestionen as narrativas tradicionais. Sen lugar a dúbida, unha proposta idónea para o lectorado infantil e xuvenil na que conflúen materialidade, textualidade e o mundo visual.
O derradeiro traballo corresponde a “Monstros do Cinema: da criatura livro às criaturas que nele habitam”, de Lilane Maria de Moura Chagas e Caroline Machado. Nel procuran o cruzamento literario de clásicos e libros pop-up, poñendo de relevo o libro Monstruosdo Cinema, xurdido da colaboración de Augusto Massi e Daniel Kondo e publicado pola editorial SESI-SP. A obra recibiu o premio na categoría de mellor libro pop-up da Fundación Nacional de Literatura Infanto Juvenil no 2017 e tamén foi gañador do Premio Jabuti no mesmo ano. No estudo, as autoras abordan a significativa temática dos monstros ligada a obras de referencia como Frankenstein (1910) ou Drácula (1922), tanto no ámbito literario coma cinematográfico, explorando os procesos polos que estas dúas formas poden entrecruzarse. Tamén comentan a innovadora materialidade do libro, na que se inclúen diferentes medios de comunicación que colaboran na reescritura da tradición oral para transformala nunha interesante lectura para toda a familia.
A puntada final do monográfico atópase no curto apartado de “Bionotas”, no que se fai un repaso polas áreas de investigación e os proxectos nos que participan as autoras partícipes desta edición monográfica.
As obras aquí sinaladas confeccionan unha constelación de alternativas para a coeducación que conseguen espertar a creatividade dos e das rapazas. O traballo literario-artístico multimedial do libro-obxecto demostra con creces que existen ferramentas cuxas funcións didácticas son extremadamente positivas para o desenvolvemento da rapazada, pois permiten educar a seres críticos desde o primeiro minuto. O tempo de lecer tamén é aprendizaxe e isto é xusto o que as propostas reflectidas no monográfico Clássicosda Literatura Infantojuvenil em Forma(to) de Livro-Objeto consegue amosarnos.
Author notes
marialucia.gonzalez.castro@rai.usc.es
Additional information
Cómo citar
:
González-Castro, M. L. (2021). Clássicos da Literatura Infantojuvenil em Forma(to) de Livro-Objeto (2020). Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil, 8, “Recensións”, 1-5. ISSN-e 2386-7620. DOI http://dx.doi.org/10.15304/elos.8.7769
Vol.
Num. 8
Año. 2021
Clássicos da Literatura Infantojuvenil em Forma(to) de Livro-Objeto, Sara Reis da Silva (Org.) Braga: Uminho Editora/Universidade do Minho 2020, 191 pp. Volume n.º 3 (ISBN impresso 978-989-8974-20-4) (ISBN digital 978-989-8974-21-1) DOI https://doi.org/10.21814/uminho.ed.13
María Lucía González-Castro
Universidade de Santiago de Compostela,España
Nota de copyright
Como citar
Outros datos estatísticos
Descargas
Descargas (Últimos 12 meses)