A editorial Akal, na celebración do seu cincuenta aniversario, publica Nós e os Álbums de guerra, da autoría de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, tras case cinco décadas da súa publicación facsimilar na mesma casa editora. Nesta ocasión ofrécese unha preciosa caixa de cores vermellas e negras que inclúe cinco fermosos volumes en tonalidades sepia. O primeiro deles está conformado polos prólogos realizados, respectivamente, para Nós e Álbums de guerra, por Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer. Os seguintes, pola súa parte, correspóndense, seguindo a orde da súa presentación, cos facsímiles de Nós, Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos.
A escritora e docente na Universidade de Santiago de Compostela Carmen Blanco traza, no prólogo que asina ao redor de Nós, incluído no primeiro dos volumes, un repaso pola vida, baixo o epígrafe “Castelao”, e pola traxectoria artística e literaria do autor rianxeiro, en “Obra”. Baixo a entrada “Estilo”, a prologuista achega aos lectores e ás lectoras ao estilo de Castelao, innovador en moitas “cousas” que non deixaron indiferente a ninguén e que, como a propia Carmen Blanco apunta: “son as ‘cousas’, as ‘cousas da vida’ e as ‘estampas’ que o representan por antonomasia e o deron a coñecer universalmente” . O derradeiro epígrafe do prólogo a Nós, “Nós. Álbum de liberación”, supón unha análise física e interpretativa da obra, na que destacan as protagonistas, “mulleres, criaturas”, os protagonistas, “homes e animais”, e os temas centrais, “a liberdade e a opresión, o amor e o odio, a vida e a morte”, todo isto tinguido sempre da denuncia contra quen provoca o mal e cunha mirada compasiva e de folgos de apoio e de esperanza cara ós que padecen a barbarie.
Pola outra banda, Claudio Rodríguez Fer, escritor e profesor tamén, leva a cabo a presentación dos Álbums de guerra. Amais da descrición física dos volumes que se editan a continuación, aborda de maneira brillante a temática dos tres álbums. Galicia mártir e Atila en Galicia son os álbums con dez estampas de temática común, mentres que Milicianos contén once estampas de temática distinta. A profunda análise que fai Claudio Rodríguez Fer no seu prólogo vai dende os influxos creativos doutros artistas en Castelao, como, por exemplo, Goya, Hermann-Paul e Aristide Delannoy, Louis Raemaekers, Käthe Kollwitz, Delacroix e Arturo Souto, até un repaso da xénese editorial dos tres proxectos. Todo isto sen omitir o exhaustivo estudo lingüístico dos textos que acompañan os debuxos do que o prologuista destaca: “Este multilingüismo supuxo todo un esforzo políglota en plena contenda, produto da perspectiva internacionalista dominante no bando republicano e seguramente da solidariedade de voluntarios coñecedores do galego e das catro linguas de chegada que se utilizaron”, que foron o español, o inglés, o francés (agás en Milicianos) e o sueco (agás en Galicia mártir e en Milicianos).
Así mesmo, Claudio Rodríguez Fer fai un repaso sobre a importancia que supuxeron estas obras noutros autores, como Rafael Dieste, José Ángel Valente (quen legou a súa biblioteca persoal para a creación da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela e que dirixe o propio prologuista) e o mesmo Claudio Rodríguez Fer.
Tras o prólogo, o volume que o segue é “Nós por Castelao”, o máis voluminoso dos cinco cadernos que compoñen a caixa. Nel inclúense o “medio cento de dibuxos”, en palabras do propio Castelao, que integran o álbum. Á reprodución dos debuxos e dos epígrafes do autor precédelle o limiar mecanoescrito polo académico Xesús Alonso Montero e, a seguir, o popular retrato de Castelao. Este volume féchase co mesmo colofón que tivo a primeira impresión da obra no ano 1931.
O caderno “Galicia mártir” ábrese coas palabras de Castelao “Aos galegos que andan pol-o mundo” traducidas ao español, ao francés e ao ingles. Está composto por dez imaxes de tons negros e amarelos que denuncian o sufrimento das vítimas da barbarie. De igual modo que a dedicatoria inicial do autor, os textos orixinais en galego que acompañan ás imaxes tradúcense inmediatamente debaixo de cada imaxe ás tres linguas presentes no caderno.
“Atila en Galicia” comeza de novo coas palabras de Castelao que se traducen ás tres mesmas linguas que no caso anterior, ás que se lle engade o sueco. As dez estampas contan, pois, co orixinal inscrito no propio debuxo e coas traducións na esquina inferior dereita. Así mesmo, na derradeira páxina do caderno reprodúcese un escrito propagandístico do Comité Nacional C. N. T. Sección Propaganda y Prensa, en todas as linguas anteriormente indicadas, agás en galego.
“Milicianos” comeza cun debuxo e co esperábel prólogo ou explicación da obra do propio Castelao, a continuación transcrito ao español e ao inglés. As once estampas, nas que só se emprega a cor negra, contan co texto nas tres mesmas linguas na esquina inferior dereita.
En conclusión, pódese dicir que o impacto de Castelao e da súa obra seguen vixentes nunha Galiza que celebra, con esta nova edición, un Castelao defensor dunhas xentes que viu martirizadas pola súa ideoloxía e pola súa condición social e ás que quixo darlle a palabra e a imaxe, pero que acabou converténdose nun reflexo universal de calquera pobo aldraxado. Ninguén mellor que Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, gañadores no ano 2014 do Premio Galiza Mártir, patrocinado pola Fundación Alexandre Bóveda, para levar a cabo este necesario e excelente proxecto.