Temática e alcance

Boletín Galego de Literatura (BGL) é unha publicación científica de acceso libre e periodicidade semestral, editada polo Grupo de Investigación LITER21 (GI-1839-Literatura galega. Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas) do Instituto de Ciencias da Educación (ICE)-Universidade de Santiago de Compostela e publicada polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela.

Está patrocinada pola Xunta de Galicia por medio de Galicia Innovación e o Ámbito cultural de El Corte Inglés.

Creouse en 1989 co obxectivo de dar soporte e difusión a traballos de investigación sobre literatura, en xeral, escritos en lingua galega que, doutra maneira, poderían ficar inéditos por falta de apoio.

Para cumprir estes obxectivos, a revista presenta seis seccións: Estudos, con traballos de investigación dunha certa extensión (30 páxinas) e que incorporan necesariamente as fontes e referencias bibliográficas a onde pode acudir o lector para comprobar as asercións que se fagan no texto. Notas, traballos de menor extensión (12 páxinas), que formulan propostas de lectura ou calquera suxestión ou anotación e que non requiren necesariamente unha apoiatura bibliográfica ou documental.Encontros, referidos a entrevistas con figuras relevantes da cultura, en xeral, e da literatura, en particular. Documentos, sección na que se reproducen literalmente orixinais de textos ou documentos audiovisuais, en xeral. Libros, onde se reúnen recensións descritivas e/ou críticas de publicacións resultantes de procesos de investigación ou ensaísticas dunha certa actualidade. Creación, onde, seguindo a tradición desta revista na súa etapa impresa, se invita a colaborar a personalidades da literatura galega.

Aceptaranse traballos escritos en galego, castelán, portugués, catalán, francés, italiano, inglés e alemán, aínda que todos, excepto os portugueses e os que teñan por destino a sección “Documentos”, aparecerán en galego co permiso do/s autor/es.

O portal dixital do Boletín Galego de Literatura pódese consultar en galego, castelán e inglés.

Proceso de revisión por pares

Os traballos deben ser  recibidos na redacción antes de finais do mes de marzo, para o primeiro semestre, e antes de mediados de setembro para o segundo, e serán revisados en primeira instancia pola Dirección e Secretaría ou polos membros do Comité de Redacción, segundo os casos e as necesidades. Con isto determinarase se os textos cumpren cos requisitos mínimos para a súa publicación, se encaixan temática e formalmente nalgunha das seccións da Revista e se se axustan ás normas de publicación e aos requirimentos da Revista para iniciar os trámites para a súa aparición na Revista. Cando o traballo non cumpra eses requisitos mínimos, enviarase en breve prazo (a poder ser, antes dun mes) unha comunicación razoada do rexeitamento.

Os traballos que cumpran os requisitos mínimos indicados serán remitidos en forma anónima a un mínimo de dúas persoas de recoñecida competencia na materia, quen, no prazo dun mes, deberán emitir un informe sobre a conveniencia da súa publicación. A Dirección, A Secretaría e/ou o Comité de Redacción da Revista seleccionará referees externos que, pola súa traxectoria investigadora, xulgue pertinentes para avaliar o traballo. Ademais, poderanse considerar tamén nomes suxeridos por quen envía o texto, sempre que non participasen na elaboración do traballo nin manteñan relacións que poidan facer depender o resultado da avaliación de criterios que non sexan estritamente científicos, e polo mesmo, poderase tamén recusar o nome dun máximo de dous potenciais referees polas razóns que se aleguen. En calquera caso, o nome dos referees non será dado a coñecer (sistema de dobre anonimato). Para que os traballos se publiquen  os dous informes deben ser positivos. Se só unha das avaliacións recomenda a publicación do traballo, este remitirase a un terceiro referee anónimo cuxo ditame será definitivo.

Os traballos encargados pola Dirección da Revista non serán sometidos á revisión por pares.

A Secretaría comunicará nun prazo máximo de tres meses despois da recepción do traballo e mediante correo electrónico a aceptación (definitiva ou condicionada) ou o rexeitamento das colaboracións. A comunicación irá acompañada dos informes anónimos dos avaliadores. Eventualmente, poderá enviarse un único informe elaborado polo Comité de Redacción a partir dos formularios entregados polos avaliadores.

Se o traballo é provisionalmente aceptado, o Comité de Redacción da revista poderá incluír na comunicación unha listaxe coas súas propias recomendacións. Entre estas incluiranse, se é preciso, indicacións relativas ao estilo, redacción, corrección gramatical e presentación da información, así como a listaxe de incumprimentos das normas de publicación. O novo traballo, cos cambios introducidos, deberá ser enviado á Revista destacando os cambios realizados mediante formato resaltar. Cando sexa precisa algunha aclaración, o autor enviará un documento no que vincule as modificacións realizadas no traballo cos cambios solicitados polos revisores e incluíndo as alegacións que considere pertinentes. A nova versión do traballo, xunto co documento indicado, será enviado de novo aos revisores, os cales, nun prazo de quince días, emitirán un informe sobre a conveniencia ou non da publicación.

O Comité de Redacción, nun prazo de quince días a partir da comunicación dos revisores, acordará e notificará a aceptación ou o rexeitamento definitivo do traballo. Nesta notificación, que se realizará mediante correo electrónico, a non ser que o autor solicite un xustificante en papel, solicitaráselle ao autor permiso para publicar o traballo en galego e indicaráselle así mesmo en qué número da Revista se publicará o traballo.

Frecuencia de publicación

O Boletín Galego de Literatura publícase semestralmente.  Os artigos vanse publicando a medida que están preparados para publicación, engadíndoos á táboa de contidos do volume en curso.

Política de acceso aberto

O Boletín Galego de Literatura (BGL) facilita o acceso sen restricións a todo o seu contido.

A publicación non ten ningún custo para os autores.

Indexada en

CIRBICR (CSIC), ISOC (CSIC), ULRICH’S PLUS, LATINDEX, MYRIADE, ERIH PLUS, REDIB, REBIUN E DIALNET.

Exención de responsabilidade

BGL non se fai responsable do contido de ningún artigo e o feito de patrocinar a súa difusión non implica, necesariamente, conformidade coas teses expostas.
O editor, en calquera caso, exímese de toda responsabilidade derivada da eventual vulneración de dereitos de propiedade intelectual por parte do autor.

Formulario de avaliación

Achega para o progreso do coñecemento*




Calidade da redacción*



Publicación recomendada*



Se a resposta ao apartado 3 foi "Si, con cambios" ou "Non", prégase que comente ideas de mellora ou as razóns que, segundo o seu criterio, desaconsellan a publicación.

* Campos obrigatorios

Directrices éticas

A publicación de artigos científicos involucra varios axentes, entre os cales se atopan a editorial, a dirección da revista, os avaliadores dos traballos e os autores. De cada un deles espérase unha conduta ética referida a uns principios, na nosa revista inspirados parcialmente nos que proporciona o Committee on Publication Ethics (COPE) Best Practice Guidelines.

Editorial

A editorial proporciona asistencia e apoio técnico á dirección da revista no uso da plataforma web, e mantén o software actualizado e en condicións de facilitar o proceso de envío, avaliación e publicación dos traballos. Colabora tamén coa dirección da revista na súa indexación e na facilitación de información sobre aqueles requisitos que contribúan a un mellor posicionamento da mesma nas clasificacións ao uso. En xeral, axuda ao incremento da calidade editorial da revista e á súa mellor e maior visibilización, internacionalización e impacto.

Dirección da revista

A dirección da revista asegura que os manuscritos enviados son avaliados atendendo exclusivamente ao seu contido intelectual, sen ter en conta a raza, xénero, orientación sexual, crenza relixiosa, adscrición política ou escola filosófica dos autores. Garante a confidencialidade dos traballos, non revelando a identidade dos mesmos a outros actores que non sexan os membros autorizados da editorial, os avaliadores potenciais, os avaliadores efectivos ou ao consello de redacción da revista. A dirección da revista pode declinar a publicación dun traballo por non cumprir este os requisitos formais esixidos ou por tratar unha temática allea ao seu ámbito. Debe comunicar, dentro dos prazos establecidos, unha vez vistos os informes dos avaliadores e ouvido o consello de redacción, a aceptación ou o rexeitamento dos traballos presentados.

Avaliadores

Os avaliadores deben rexeitar o encargo de valorar un traballo se non se recoñecen cualificados na área temática do mesmo ou se non poden asumir a avaliación dentro do prazo que establece a revista. O informe de avaliación debe ser obxectivo e debe expresarse de maneira razoada e clara. Debe evitar alusións ad hominen, ofensivas ou humillantes e os comentarios deben perseguir a mellora do traballo. Os manuscritos recibidos deben ser tratados como documentos confidenciais e o seu contido non pode ser usado en traballos propios. Os avaliadores deben rexeitar avaliar artigos cando exista algún conflito de interese resultante dunha eventual relación, pasada ou presente, cos autores do traballo ou coas institucións das cales estes dependan.

Autores

Os autores deben enviar traballos que presenten unha investigación orixinal sobre un tema claramente identificábel e non previamente publicado. Non deben enviar traballos que inclúan unha parte substancial doutros xa publicados. Os traballos deben redactarse de modo que poidan ser comprendidos ou replicados polos avaliadores. Se se usaren ideas doutros, deben ser claramente referenciadas; o plaxio é unha conduta inaceptábel e a súa detección implica o arquivo do traballo ou a súa retirada da páxina web, se estivese xa publicado. En caso de coautoría, son autores dun traballo todos os que contribúen significativamente ao mesmo; cada autor debería ser capaz de identificar as partes do traballo de que son responsábeis os outros coautores e debe gardar confidencialidade dos diversos contidos até que o artigo sexa publicado. O envío simultáneo do traballo a outra ou outras revistas é condición suficiente para o seu arquivo. Se no proceso de edición os autores descobren erros ou impropiedades no seu traballo, comunicarano coa maior celeridade ao director da revista, e colaborarán na súa subsanación. Os autores deberán facer constar o posíbel conflito de intereses entre as conclusións do seu traballo e as fontes de financiamento do mesmo.

Estas directrices están en consonancia co código ético da Universidade de Santiago de Compostela, editora da revista: http://www.usc.es/valedor/codigoetico/codigoetico.html

Política de preservación de arquivos dixitais

Esta revista desenvolve diversos procesos destinados a garantir a accesibilidade permanente dos obxectos dixitais que alberga nos seus propios servidores:

- Copias de seguridade.
- Seguimento da contorna tecnolóxica para prever posibles migracións de formatos ou software obsoletos.
- Metadatos de preservación dixital.
- Utilización de DOI.

Os arquivos publicados nesta páxina web están dispoñibles en formatos facilmente reproducibles.

Política antiplaxio

Esta revista é membro de Similarity Check, unha iniciativa lanzada por Crossref que agrupa a varias editoriais co fin de protexer a orixinalidade dos contidos que publican.

Similarity Check utiliza o software iThenticate para detectar coincidencias e similitudes entre os textos sometidos a avaliación e os publicados previamente noutras fontes.

Protocolos de interoperabilidade

BGL proporciona unha interface OAI-PMH (Open Arquives Initiative Protocol for Metadata Harvesting) que permite que outros portais e servizos de información poidan acceder aos metadatos dos contidos publicados.

Especificacións:

OAI-PMH Protocol Version 2.0
Dublin Core Metadata 1.1

Ruta para os colleitadores:

http://www.usc.es/revistas//index.php/bgl/oai

Patrocinadores

Grupo de Investigación LITER21(GI-1839 - Literatura galega. Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas)

Ámbito cultural de El Corte Inglés

Historia

O Boletín Galego de Literatura é unha publicación científica de periodicidade semestral que se creou en 1989. Acolle artigos de crítica e historiografía sobre calquera literatura do mundo e tamén traballos de investigación en Teoría da Literatura, Crítica Literaria, Poética, Retórica, Hermenéutica, Semiótica, etc, é dicir, todo o amplo campo de coñecemento de tan longa tradición como o desenvolvido ao redor do feito literario, nun senso amplo. Atópase indizada nas seguintes bases de datos: CIRBIC, Dialnet, DICE, ISOC, Latindex, Myriade, e-Revistas, Rebiun, RESH e Ulrich’s Plus.

A revista saíu impresa, sen interrupcións, entre o ano do seu inicio até o número 46 (máis tres monográficos), correspondente ao segundo semestre de 2011. Nese momento, a Universidade de Santiago de Compostela promoveu un proxecto polo que se suprimiron todas as edicións analóxicas para proceder a publicar exclusivamente en formato dixital as revistas dependentes do seu Servizo de Publicacións e Intercambio Científico. Este feito motivou que o Boletín Galego de Literatura deixase de aparecer durante os anos 2012 e 2013, debido á complexidade da nova tecnoloxía e á adaptación á mesma dos requisitos esixidos polos técnicos competentes.