Resumo

No presente estudo proponse que a novela A porta de palla de Vicente Risco constitúe a recreación dunha historia alternativa baseada na construción de Nerbia como espazo contrafactual ou alternativo de Santiago de Compostela. Co propósito de corroborar esta hipótese, lévase a cabo a análise da novela desde os presupostos da cartografía literaria, que se fundamentan no suposto da existencia dunha interrelación entre o mundo empírico e os espazos ficcionais. Deste xeito, a partir das características narrativas de cada lugar, estabelécese unha serie de tipoloxías encamiñadas a dirimir as súas correspondencias coa xeografía real, atendendo ás súas posibilidades de representación cartográfica. Por último, conforme os mapas resultantes desta análise, que permite corroborar a suposición de partida, estúdase de que maneira a xestación do espazo alternativo trae consigo o desenvolvemento de novas premisas en torno á Historia.