Introdución
As vinculacións entre o obxecto-libro e as artes plásticas son fundamentais no mundo do libro infantil, literario e non literario, xa que a presenza de ilustracións é un aspecto enriquecedor a nivel cognitivo e afectivo. Ademais, tamén facilitan a lectura nunha etapa onde a habilidade de ler palabras e comprendelas está en vías de desenvolvemento. fala da posibilidade dun cambio de paradigma con respecto á lectura que lle dea prioridade á comprensión fronte á codificación, que pasa necesariamente por un afastamento inicial do verbal, centrando a atención na linguaxe visual. Deste xeito é posíbel focalizar o traballo no vínculo afectivo, creando unha base emocional que permita afrontar os retos posteriores da alfabetización (), mentres se desenvolve a alfabetización visual. defínena como o desenvolvemento de competencias relacionadas coa habilidade de comprensión e interpretación dos elementos visuais que posibilita a comunicación do seu significado, tanto aqueles que se atopan de maneira natural no ambiente como os creados polo ser humano. Así, o individuo é capaz de interpretar e gozar das diversas obras artísticas. Por outra parte, destacan a importancia de desenvolver a alfabetización visual nas distintas etapas educativas debido a que estamos inmersos nun mundo baseado na comunicación a través das imaxes que confire gran importancia á cultura visual na aprendizaxe da infancia.
Con todo, o acompañamento visual de textos ou a exploración da materialidade do libro con pretensións artísticas non son as únicas formas de vincular ambos os mundos, dando presenza aos denominados como libros de arte. A pesar da complexidade inherente á definición do concepto de libro de arte para a infancia, explica que se refire a diversos tipos de libros infantís de temática artística que utilizan unha linguaxe textual e visual adecuada para o lectorado en formación. Por tanto, tratan algún aspecto sobre o produto creativo, o proceso creador, o propio artista ou contidos da historia da arte pensando na aprendizaxe e goce do lectorado infantil.
A vinculación destas obras coa aprendizaxe sitúaas nun lugar con límites difusos dentro do campo de produción do sistema literario infantil e o mundo do libro infantil. En base ao seu contido e forma, alternan entre a ficción e a non ficción, a narrativa e a descrición, a divulgación e o entretemento. Con todo, faise evidente a súa proximidade cos libros informativos, tamén coñecidos como libros de coñecementos, de divulgación, documentais ou de non ficción. explican que se trata de propostas vinculadas co uso do discurso informativo, estruturado e veraz que estimulan a curiosidade e o interese do público lector. recolle que o espectacular crecemento que sufriron estas obras a partir das últimas décadas do século XX, especialmente aquelas dirixidas a un público infantil, foi impulsado polas reformas pedagóxicas que recomendaron o uso de materiais externos aos libros de texto. Ademais, a autora tamén ofrece unha serie de características aplicables á gran variedade de propostas presentes no mercado actual do libro informativo, entre as que se atopan:
-
- A súa intención principal é divulgar un tema.
-
- Están realizados para un público lector determinado.
-
- Son fiables, rigorosos e científicos.
-
- Ademais do interese divulgativo, transmiten tamén o gusto pola lectura e por saber máis sobre o lido, apelando a un lectorado activo co que interactúan para facelo partícipe.
-
- Utilizan diversos recursos que os vinculan con distintos tipos de libros, como os álbums ilustrados ou os libros-obxecto.
A continuación, trátase de analizar como os libros de arte, entendidos como recursos educativos, poden contribuír á adquisición da competencia en conciencia e expresións culturais. Para iso, iníciase cunha proposta taxonómica non restritiva da pluralidade de propostas que encerra o concepto de libro de arte; a continuación, analízanse a definición e as características principais da devandita competencia, vinculando o seu desenvolvemento coa tipoloxía de libros de arte proposta.
Os libros de arte: proposta taxonómica
O persoal docente é o principal axente educativo do proceso de ensino-aprendizaxe en contexto escolar. Segundo , o seu rol como mediador entre a infancia e os libros debe ser contemplado dende tres perspectivas distintas: como modelo de lector, como incitador á lectura e como planificador de itinerarios e programacións. Nos tres casos, o coñecemento do mercado editorial para a infancia e o desenvolvemento de estratexias de selección e análise de obras resulta fundamental.
En efecto, a formación dos docentes non debería focalizarse só nas obras literarias, senón ter en conta a profusión de propostas dentro do mundo do libro infantil, ao cal pertencen unha gran parte dos libros de arte.
Para facilitar esta aproximación e tras a revisión de diversos estudos vinculados co libro de arte (; ) e o libro informativo (, ), delimitáronse as seguintes categorías:
-
- Libros de artista: obras cuxo compoñente visual foi realizado por un artista de renome, recoñecido por parte da crítica e cun estilo propio ao que se mantén fiel, transformando o libro nunha obra de arte máis da súa produción. Estas circunstancias son interpretadas como unha garantía de calidade artística. Por exemplo, as versións de clásicos da tradición oral ilustrados por Kvêta Pacovská, como Caperucita Roja (2008) ou Cenicienta (2012) (Figuras 1 e 2). Todas elas son facilmente recoñecibles polo estilo da artista, con multitude de formas abstractas e predominio da cor vermella.
-
- Libros de arte explicativa-descritivos: libros informativos, con texto expositivo, que presentan cuestións e explicacións sobre o mundo da arte. Por exemplo, ¿Por qué el arte está lleno de gente desnuda? (2016) (Figuras 3), de Susie Hodge, ou Historia del arte para niños (2017), de Eleonora Barsotti. O primeiro utiliza a estratexia das preguntas para expor curiosidades divertidas e interesantes que logo son desenvolvidas con rigorosidade, pero sen perder a intención de atrapar ao lector mediante o compoñente lúdico; pola outra banda, a obra de Barsotti divide o seu contido de maneira cronolóxica, aproximando ao lectorado a distintas formas de arte propias de coordenadas espazo-temporais concretas, así como a expoñentes relevantes de cada unha delas.
-
- Libros de arte narrativa-descritivos: trátase de libros co obxectivo de presentar aos lectores un (ou varios) movementos artísticos ou artistas a través do percorrido dun personaxe, xeralmente infantil e creado para a ficción, que guiará ao lectorado durante a aprendizaxe. Algúns exemplos serían Mona Lisa (2016), de Geraldine Elschner e Ronan Badel, Linnnea en el jardín de Monet (2001), de Christina Bjork e Lena Anderson ou ¿Como lo ves? (2020), de Vera Galindo. Todas elas utilizan distintas estratexias para achegar o lectorado ao mundo da arte. No primeiro caso, a autora parte do famoso roubo do cadro da Mona Lisa para narrar unha historia protagonizada por un home que queda obnubilado coa muller retratada, sen poder resistirse a facerse co cadro. Ao longo da historia profúndase no misterioso encanto da mirada e sorriso da Gioconda, así como noutros aspectos como a paisaxe debuxada tras ela. En segundo lugar, con moito máis texto e contido, alternando datos ficcionais e reais, Bjork e Anderson nárrannos a aventura de Linnea. A nena protagonista toma a palabra para relatar, en primeira persoa, como coñeceu a Monet a través dun libro que pertencía ao seu veciño, un xardineiro retirado. Este home, o señor Bloom, acompáñaa até París, onde visitan o museo e a casa de Monet, así como outros enclaves da cidade, que van sendo descubertos e vinculados co artista grazas á curiosidade de Linnea (Figura 4). Por último, tamén cun narrador en primeira persoa, Vera Galindo ofrécenos unha proposta en formato álbum ilustrado cun estilo moito máis actual, cores vivas e formas sinxelas, cuxo protagonista descobre que pintar un cabalo é unha tarefa que pode ser realizada de moitas formas distintas, dependendo do artista. Deste xeito, a narración vai guiando o lector cara a distintos movementos e técnicas mediante a presentación de artistas relevantes da arte moderna e contemporánea, como Picasso, Van Gogh, Frida Kahlo ou Bansky (Figuras 5).
-
- Libros-cadro: son libros creados a partir dos personaxes dun cadro, que poden mesmo chegar a presentarse como narradores da historia. Créanse relatos sobre a xénese da obra ou interprétase a representación artística para dotala de narratividade, a través dun proceso de reescritura interartística. As ilustracións que acompañan o relato, independentemente do artista que as realice, tenden a imitar ou render homenaxe ao estilo do artista da pintura. Por exemplo, Jane Johnson escribe e ilustra La princesa y el pintor (2005), que recrea os eventos vividos o día en que Diego Velázquez rematou o famoso cadro onde se autorretrataba xunto á infanta Margarita e as súas meninas a través da perspectiva da princesa (Figura 6). Dende un enfoque distinto, Geraldine Elschner e Peggy Nille asinan El gato y el pájaro (2014), un álbum ilustrado que interpreta, a través da narración, a escena contida no cadro homónimo do pintor Paul Klee, dando vida a un gato que, como calquera outro felino, soña con devorar ao paxaro engaiolado. Pero que ten un soño aínda máis forte: ser libre (Figura 6).
-
- Libros de ficción sobre o/a artista: obras nas cales interesa a vida do propio artista, da cal se extraen os datos para construír a narrativa, mediante a que o lectorado profunda no coñecemento do individuo, a súa obra e/ou estilo. Non se trata de biografías, senón que algúns datos reais son utilizados para fabular sobre a persoa e achegarse á súa produción. Por exemplo, Vincent Van Gogh y los colores del viento (2010), de Chiara Lossani e Octavia Monaco, ou Vincent con amor (2000), de Brenda V. Northeast. Ambas as obras viran ao redor da figura de Van Gogh, pero de dúas maneiras distintas. Na primeira nárranse parte dos eventos da vida do artista que foron cruciais na fixación do seu estilo, utilizando como fío condutor a correspondencia que mantivo co seu irmán Theo na vida real. Por outra banda, en Vincent con amor fálase da vida do artista a través da historia dunha versión creada para a ficción del mesmo, convertido nun oso de peluche de nome Vincent Van Oso. O texto vai acompañado de ilustracións impresionistas que homenaxean gran parte das obras do artista, polas que vai transitando o pequeno xoguete.
-
- Biografías ilustradas de artistas: dentro do libro informativo ou de non ficción para público infantil, as biografías ilustradas de mulleres convertéronse nun dos subxéneros de maior éxito editorial. O seu principal interese é ofrecer modelos e referentes para a infancia, especialmente nenas, relevantes en distintas disciplinas, entre elas as artísticas, cuxo traballo foi silenciado, dificultado e menosprezado pola subordinación da muller e o feminino. Con todo, cada vez é máis frecuente atopar obras que se refiren a persoas relevantes sen centrarse nun xénero ou sexo determinado. Poden estar vinculadas tanto con obras de divulgación narrada, dende un enfoque máis literario, ou de divulgación documental, de carácter máis enciclopédico. No primeiro grupo encadraríanse obras como as que compoñen as coleccións "Pequeña & Grande", de Editorial Alba ou "Mis pequeños héroes", de Shackleton Kids (Figuras 10 e 11). No segundo grupo pódense incluír obras como Creativas. Artistas, escritoras y actrices que han hecho historia (2020), de Cristina Serret e Wuji House, Niños artistas (2019), de David Stabler e Doogie Horner (Figuras 12 e 13), ou varios dos libros da colección "Saber más" da editorial Bruño dedicadas a diversos colectivos de artistas de disciplinas como a escritura, a pintura ou a música.
-
- Libros co museo como escenario: este grupo engloba aqueles libros cuxas historias suceden dentro dun espazo recoñecido como un museo, real ou ficticio, mediante o cal é posíbel facer un percorrido polos distintos espazos que o constitúen. Nalgúns casos hai un personaxe inventado que actúa como guía, como en El museo de Carlota (2005), de James Mayhew ou en Perdido en el museo (2021), de Luisa Vera (Figura 14); noutros casos os propios personaxes dos cadros saen das obras para protagonizar a narrativa, como sucede en La gran noche de los perros (2000), de Meredith Hooper e Allan Curless ou La gata Felicia (2006), de Hooper e Bee Willey (Figuras 15 e 16).
Ademais, tras a experiencia docente con alumnado de infantil e profesorado en formación, tamén se considerou oportuno engadir dúas novas categorías vinculadas co proceso creativo:
-
- Libros sobre creatividade e confianza creativa: adóitanse presentar como álbums narrativos protagonizados por personaxes creativos que deben enfrontarse a distintas situacións que poden limitar ou afectar negativamente á súa confianza creativa. A confianza creativa está vinculada directamente co xuízo que os individuos fan de si mesmos como creadores e é moi sensíbel a ser alterada pola valoración das demais persoas ao seu arredor. Algúns exemplos serían ¿Qué haces con una idea? (2022), de Koby Yamada e Mae Beson, un álbum ilustrado onde un neno aprende que se coida as súas ideas e loita por elas rematan medrando e chegando a todas partes para cambiar o mundo (Figura 17). Outro exemplo sería o álbum ilustrado Soy un artista (2014), de Marta Altés, protagonizada por un neno que non pode evitar ver o seu mundo como un lenzo sobre o que expresarse, polo que a súa nai debe aprender a xestionar os "estragos" que causa na súa casa (Figura 18). Finalmente, tamén se destacan as obras da colección de Garabato e Tinta, de Ethan Lowry, onde un gato e un rato deben achegar posturas respecto á súa valoración da arte e os seus estilos como artistas para poder mellorar como pintores (Figura 19).
-
- Libros sobre as profesións relacionadas coas artes: trátase de obras de carácter máis informativo, pero que tenden a manter certo grao de literariedade, a través das cales se lles fala aos máis novos sobre diversas profesións vinculadas coas artes. Por exemplo, o libro-obxecto con despregables e lapelas Así se crea el arte (2020), de Oldřich Růžička e Alexandra Májová, que mostra, paso a paso, o proceso de creación artística completo de diversas producións, como obras de teatro, películas de animación ou un megaconcerto (Figura 19). Outros exemplos serían o libro Cómo se hace un museo (2020), a cargo da Galería Morava de Brno con ilustracións de David Böhm (Figura 20), ou Tengo un papel (2018), de Marc Parrot e Eva Armisén, centrado en diversas profesións relacionados coa produción cinematográfica. Ambas as obras tenden a introducir algunhas estratexias mecánicas propias da enxeñería do papel ou elementos anexos que salientan o carácter activo do lector e posibilitan múltiples posibilidades de lectura.
Os libros de arte para o desenvolvemento da competencia en conciencia e expresións culturais
A propia definición inicial dos libros de arte permite vinculalos co desenvolvemento de propostas interdisciplinares moi vinculadas coa educación artística, entendida como a tarefa e o resultado da relación entre as artes e a educación cun criterio pedagóxico (). Dende un enfoque competencial que promova a aprendizaxe permanente, a competencia en conciencia e expresións culturais é a máis directamente vinculada co traballo con estas obras. Trátase dunha das oito competencias clave adoptadas polo Consello e o Parlamento Europeo a finais de 2006 nun marco de referencia que identifica e define por primeira vez a nivel europeo as competencias que os cidadáns necesitan para a súa realización persoal, inclusión social, cidadanía activa e empregabilidade na sociedade actual.
O explican que esta competencia “implica comprender e respectar a forma en que as ideas e o significado exprésanse de forma creativa e comunícanse nas distintas culturas, así como a través dunha serie de artes e outras manifestacións culturais”. Ademais, tamén diferencian os coñecementos, capacidades e actitudes esenciais relacionadas en tres grupos:
-
- A expresión cultural, que abarca coñecementos básicos sobre as principais obras culturais, incluída a cultura popular contemporánea.
-
- As capacidades relacionadas coa apreciación e o goce das obras de artes e das artes escénicas, así como a expresión dun mesmo a través de distintos medios, mediante o desenvolvemento de aptitudes creativas que poden trasladarse a diversos escenarios profesionais. Tamén se inclúen outras habilidades vinculadas coa comparación de opinións creativas e expresivas.
-
- Unha actitude positiva e aberta á diversidade da expresión cultural que fomente a vontade de cultivar as capacidades estéticas mediante a expresión artística e a participación na vida cultural.
A utilización dos libros de arte contribúe na adquisición, por parte do alumnado, dos distintos coñecementos, actitudes e habilidades asociados á competencia en conciencia e expresións culturais dende distintas perspectivas:
-
Ofrecen coñecementos sobre as obras, o proceso creador, a persoa creadora e o ambiente creativo, tanto persoal como social, sen descoidar o compoñente lúdico da lectura e adaptando a linguaxe, tanto escrita como visual, ás características e preferencias do lectorado non adulto. Ademais, a consideración dun público específico especialmente vulnerábel aos estímulos que se lle ofrece promove que estas obras coiden moito o tratamento das mensaxes latentes e os valores transmitidos, o cal non debería supoñer unha dulcificación excesiva dos contidos ou a forma de plasmalos.
-
Actúan como axentes mediadores entre o espectador infantil e as obras de arte, mediante estratexias como a introdución dun narrador-guía, que pode ser o propio artista durante a súa etapa infantil, no que o lector pode proxectarse a nivel psicolóxico, adoptando un rol moito máis activo na súa interpretación. Noutras palabras, transforman a arte nun produto idóneo para os máis novos, pero sen alterar o produto en si mesmo, de modo que a aprendizaxe final é sobre a obra íntegra, sen adulterar.
-
Fomentan a creatividade, a confianza creativa e o interese pola arte mediante a consideración do seu impacto no estado emocional dos personaxes da ficción e do propio lectorado, que, extrapolado á realidade vivencial do alumnado, permite a creación dun ambiente na aula respectuoso que fomente a arte e a experimentación artística.
Conclusións
As obras que foron presentadas ao longo deste traballo transitan entre os límites dos libros informativos e de ficción, polo que a maneira de traballalos na aula difire moito en cada caso. Poden ser utilizados como elementos introdutorios, como causantes da fase de aprendizaxe activa, ou chegar a protagonizar os momentos de maior enriquecemento cognitivo. A súa lectura pode ser parcial ou total, en función do interese que a subxace, individual ou colectiva, guiada ou independente, interactiva ou dialóxica, etc.
Por outra banda, aínda que os libros de arte para a infancia seguen sendo un ámbito pouco explorado a nivel académico e investigador, a súa utilización nas aulas é cada vez máis habitual. Trátase de recursos con moito potencial para a posta en práctica de propostas interdisciplinares que partan da consideración das artes como discursos sociais interrelacionados, así como para o desenvolvemento da educación artístico-literaria da infancia dende un enfoque competencial. Ademais, a pluralidade de temáticas e perspectivas que dan lugar a diferentes propostas ofrecen alternativas de interese para o traballo dos tres tipos de saberes vinculados coa competencia en conciencia e expresións culturais.
Agora ben, o uso dos libros de arte na aula como recursos didácticos debe ser planificado previamente e incluído dentro dunha programación coherente e solvente a nivel teórico e curricular. Para iso, resulta fundamental que o persoal docente conte cunha formación ampla sobre este tipo de obras. Neste sentido, o traballo realizado propúxose contribuír a este propósito realizando unha breve aproximación aos libros de arte pensada para docentes.
Referencias bibliográficas
1
Álvarez García, F. J. y Nieto-Migue, I. (2021). Arte y educación artística: Una reflexión sobre la creatividad y la interdisciplinariedad de los lenguajes artísticos. ARTSEDUCA, (31), 251 - 262. https://doi.org/10.6035/artseduca.6032
2
Calvo Valiós, V., C. Del Moral Barrigüete y J. Senís Fernández, J. (2021). Vidas en verso: los libros de no ficción biográficos como herramienta para una educación integral e intercultural. Lenguaje Y Textos, 54, 55–65. https://doi.org/10.4995/lyt.2021.15767
3
Crespo Martín, B. (2012). El libro-arte / libro de artista: Tipologías secuenciales, narrativas y estructuras. Anales de Documentación, 15(1) https://doi.org/10.6018/analesdoc.15.1.125591
4
Díaz-Plaja, A. (2002). Leer palabras, leer imágenes: arte para leer. En A. Mendoza Fillola (Coord.), La seducción de la lectura en edades tempranas (pp. 219-252). Centro de Publicaciones del Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. Recuperado de https://sede.educacion.gob.es/publiventa/d/10997/19/0
5
Encabo Fernández, E. y Jerez Martínez, I. (2013). Lingüística aplicada y alfabetización visual: el desarrollo de la competencia intercultural. Nebrija, 13. https://www.nebrija.com/revista-linguistica
6
Franco-Vázquez, C. e Neira-Rodríguez, M. (2021). Promoviendo el pensamiento creativo a través de las narrativas visuales y literarias: un estudio de caso en el Grado en Maestro/a de Educación Infantil. Revista de Investigación en Educación, 19(2), 162-175. https://revistas.webs.uvigo.es/index.php/reined
7
García Padrino, J. (2005). La promoción de la lectura: una permanente tarea educativa. Revista de Educación, nº extraordinario, 37-51. http://www.educacionyfp.gob.es/revista-de-educacion/numeros-revista-educacion/numeros-anteriores/2005/re2005/re2005-04.html
9
Parlamento Europeo y Consejo de la Unión Europea (22 de mayo de 2018). Recomendación del Consejo, de 22 de mayo de 2018, sobre las competencias clave para el aprendizaje permanente. https://eur-lex.europa.eu/legal-content/ES/TXT/PDF/?uri=CELEX:32018H0604%2801%29
10
Ruiz Guerrero, L. (2014). Iniciación a la lectura desde un paradigma no verbal. Posibilidades del álbum ilustrado sin texto escrito en el aula de educación infantil. En P. Miralles, M. B. Alfageme y A. Rodríguez (Eds.), Investigación e innovación en Educación Infantil (pp. 207-216). Universidad de Murcia.
11
Sampériz, M., Tabernero, R., Colón, M. J. y Manrique, N. (2021). El libro de no ficción para prelectores. Análisis de las claves de construcción del discurso. Cuadernos Del Centro De Estudios De Diseño Y Comunicación, 124, 73-90. https://doi.org/10.18682/cdc.vi124.4418
12
Trujillo García, A. M. (2011). La importancia de la lectura desde la infancia. Temas para la Educación, 16. https://www.feandalucia.ccoo.es/indcontei.aspx?d=6273&s=0&ind=279