Introdución
Álvaro Cunqueiro encarna con toda seguridade un dos persoeiros das nosas letras máis transportado a outros idiomas. No concerninte ao castelán, e con independencia do que sucedeu con As crónicas do Sochantre, moitas das súas versións son autotraducións, como Merlín y familia (1957), Cuando el viejo Sinbad vuelva a las islas (1962), La otra gente (1975) e, en parte, Tertulia de boticas prodigiosas y escuela de curanderos (1976) e Las Historias Gallegas de D. Álvaro Cunqueiro (1981). De Xente de aquí e de acolá mesmamente se fixo unha curiosa tradución alógrafa, co título Gente de aquí y de más allá (1990), por iniciativa de Basilio Losada.
Alén diso, no xénero poético detéctanse versións propias de pezas de Mar ao Norde, Poemas do si e non e Cantiga nova que se chama Riveira, editados antes da Guerra Civil, en Elegías y canciones (1940). Á parte, non se botan de menos numerosas traducións alógrafas, como Mar al Norte (2011), por Xavier Rodríguez Baixeras, Hierba aquí o allá (1988), por César Antonio Molina, e Poesía en gallego completa (2003), por César Antonio Molina de novo e Vicente Araguas, entre outras. Por último, da obra teatral O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca contabilízanse senllas formulacións de Xosé Cermeño (1991) e Basilio Losada (1992).
Canto a linguas distintas do castelán, a vantaxe notable que separa a Cunqueiro doutros autores galegos transfórmase nunha distancia inmensa. Sen ánimo de apurar un inventario exhaustivo, hai que destacar algúns sinais ben elocuentes. Por exemplo, Merlín e familia / Merlín y familia está a disposición nun rico repertorio de linguas, o cal comprende o asturiano (Merlín y familia y otres histories, 1990, por Concha Prieto), o alemán (In Gesellschaft des Zauberers, 1992, por Elke Wehr), o inglés (Merlin and Company, 1996, por Colin Smith), o italiano (Merlino e famiglia (Miranda), 2006, por Andrea Bernardi), o portugués do Brasil (Merlim e família e outras estórias, 2015, por Manuele Masini) e o finés (Merlín ja perhe, 2021, por Santeri Siimes).
Por outro lado, é imprescindible remarcar que Xente de aquí e de acolá / La otra gente consta en inglés con dúas versións nada menos: People from here and beyond (1989, por Sheila Ingrisano) e Folks from here and there (2011, por Kathleen N. March). A mesma duplicidade establécese en francés: Gens d’ici et de là (1988, por Rosendo Ferrán) e Galiciens, corbeaux et parapluies (1992, por François Maspero). Inclusive se fraguou unha tradución encomiable de Si o vello Sinbad volvese ás illas para o árabe, coa denominación Awdaal-Sinbadal-'aguz ila al-guzur (2006, por Larbi El Harti), que estaba previamente en italiano como Se il vecchio Sinbad tornasse alle isole (1989, por Danilo Manera).
A principal meta do presente estudo consiste en profundar, nesta oportunidade, especialmente nas dúas versións en castelán d’As crónicas do Sochantre, polo feito excepcional de supor o único libro de prosa de ficción en galego que Cunqueiro non se ocupou de trasladar a tal idioma, nin na súa totalidade nin tan sequera de forma fragmentaria. A primeira tradución acometeuna Francisco Fernández del Riego algún tempo despois de aparecer o orixinal, e a segunda, co concurso do primoxénito do autor, é de recente publicación.
A creación d’As crónicas do Sochantre ()
A pródiga correspondencia cruzada por Cunqueiro con Fernández del Riego permite seguir, afortunadamente, o progreso da escritura d’As crónicas do Sochantre con abonda aproximación. Atópase talvez o primeiro dato nunha carta do 17 de maio de 1955, onde o mindoniense manifesta sen ningún disfrace unha certa dose de entusiasmo: “Estóu a escribir, en galego, e n’unha prosa diferente da do Merlín –vista dende outra sintaxis, mais severa de vocabulario–, algo semellante ao Gaspard de la Nuit, de Aloysius Bertrand”. Apunta que o título provisional é As crónicas do Sochantre, se ben matiza que prefire só As crónicas, desbotando de vez a opción As crónicas ilumiadas, fórmula en principio manexada. Antes de acabar, promete que axiña ha remitir “un par de anacos”, para que sexan valorados adecuadamente.
Noutra carta do 21 de outubro de 1955, Cunqueiro declara que está a compor As crónicas do Sochantre e, ao mesmo tempo, conducindo ao castelán Merlín e familia, que viña de saír do prelo no mes de agosto. Afirma que contempla o proxecto de se desprazar a Vigo a mediados de novembro, e prevé que a novela estea para entón pola metade, anunciando que facilitará de calquera forma todo o que dea executado. Por agora, axuíza con satisfacción aquilo co que conta: “O que teño feito é bonito, e si manteño o ton comezado, será un grande libro”. Non se localizan máis noticias d’As crónicas do Sochantre ata outra comunicación de 1956 sen data, na cal volve ponderar a novela nun ton favorable: “Ando limando i-argallando no As crónicas do Sochantre. Vai estando do meu gosto, e niste mes estará en Vigo. Coido –e sabes que non anda no meu corpo, aínda que moitos demos mo paseen, o trasgo da vaidade– que é unha grande novela, na grande liña da novela do XIX”.
Nunha carta inmediatamente sucesiva, dos primeiros meses do mesmo ano polo que se infire, Cunqueiro calcula depositar a totalidade da narración a finais de marzo: “Eu iréi a Vigo por Semán Santa, e levaréi xa o orixinal compreto de As crónicas do Sochantre, que che adianto vai ir adicado a ti”. Certamente non debeu de traizoar moito a súa palabra, porque nunha nova periodística de principios de maio asegurábase: “Álvaro Cunqueiro firmó, días pasados, con la Editorial Galaxia, de nuestra ciudad, el contrato de venta de su nuevo libro As crónicas do Sochantre, para su próxima edición” (). E a seguir engadíase: “Entró, al mismo tiempo, la mayor parte de los originales del mismo. El resto lo enviará inmediatamente. Galaxia, como siempre, hará una edición muy cuidada, en cuya preparación se trabaja actualmente”.
Alberto Casal, con quen Cunqueiro cultivaba unha amizade antiga, prognostica o 11 de xullo de 1956: “Tu nuevo libro saldrá cuando esta carta llegue a tus ilustres manos. Le pregunté a Paco y aseguró que era cosa de tres días” (). Segundo o colofón, As crónicas do Sochantre vería a luz o 22 de agosto, con cuberta de Suárez Llanos e ilustracións de Xohán Ledo, e ofrendado efectivamente a Fernández del Riego (). Nunha carta de 1956 sen data, Cunqueiro quéixase con acedume de que unha persoa identificada da editorial tomou a liberdade de intercalar mudanzas que non lle agradaban: “O cabroncete de Vidal meteu varias verbas que eu non uso nin usarei nunca: pingueiras, pecoreiro, memiño, acretase, etc., e na primeira páxina, onde eu decía se amece con Francia, vai e pon se apega. Merez unha bronca, por túzaro e insolente”.
As crónicas da Sochantre acolleuse cunha ansiosa expectación, como consecuencia do éxito rotundo que obtivera Merlín e familia en pouco tempo. Nunha rápida recensión, describía en particular ese ambiente receptivo tan propicio: “Aún vibra en el aire la flecha con que Álvaro Cunqueiro acertó un perfecto blanco en las letras gallegas al brindarnos Merlín e familia, cuando el escritor mindoniense clava una diana nueva con As crónicas do Sochantre”. Noutra nota crítica, Ricardo Carballo Calero enxergaba con intuición a xerarquía de clásico acadada prematuramente polo escritor: “Cunqueiro ¿es, pues, un escritor del pasado, del presente o del futuro? ¿Goza de una ubicuidad temporal que le permite ser a la vez muesca de las tres ruedas del laberinto de Fortuna? ¿Ha superado la sucesión cronológica, y vive fuera de la categoría del tiempo?” ().
Nun comentario coevo máis, de extensión non reducida, Borobó eloxiaba a novela con admiración, aínda que demandaba, desde un ángulo máis severo, que Cunqueiro se prestase sen demora a materializar un título de meirande alento, a partir das extraordinarias virtudes que atesouraba como fabulador:
Pues las portentosas facultades literarias de Cunqueiro ya va siendo hora que se empeñen en una obra de auténtica creación, con personajes de carne y hueso, no solo de día sino también por la noche. Una obra, teatro o novela, donde aparezcan hombres y mujeres con sus vivas preocupaciones, y no personajes fantásticos y decadentes, como en sus deliciosos cuentos, que constituyen sin duda la repostería literaria más golosa que hoy existe en la Península. Y lo más triste de la obra que hasta ahora escribe Cunqueiro es que encanta y apasiona a los espíritus almibarados y currinches de las letras, que darían un ojo de la cara por escribir como Cunqueiro. En fin, que Álvaro cree por fin la gran obra que todos venimos esperando de él –agradeciéndole entretanto el buen rato que nos ha hecho pasar con As crónicas do Sochantre [...]. ()
O proceso de tradución d’As crónicas do Sochantre
Nunha carta de febreiro ou marzo de 1958, Cunqueiro encárgalle a Fernández del Riego explicitamente a versión en castelán do libro, case dous anos despois de saír en galego:“¿Cándo te podes poñer a traducir As crónicas do Sochantre?”. Indica que desexa aproveitar, sen a menor dilación, o ofrecemento que recibiu para o publicar decontado nesta lingua: “Teño agora a ocasión de que me faiga o libro AHR na mesma coleición do Merlín, e que poida saír en outono. Conviría que eu llo puidese pasar aló pra maio”. En xaneiro, compartira con Fernández del Riego a cálida benvida que estaba a concitar Merlín y familia, nas librerías desde outubro de 1957, a cal xustificaba a urxencia da tradución d’As crónicas do Sochantre: “O meu editor catalán está mui contente, que o Merlín ten éisito, e véndese moito”
Cunqueiro levara Merlín e familia a esta lingua á par que forxaba As crónicas do Sochantre, como se viu con anterioridade, entre 1955 e 1956. Fernández del Riego, pola súa parte, molestárase en enviar a versión castelá ao selo AHR a mediados de 1957, como el mesmo lle recoñecía: “Moitas gracias por ter mandado o Merlín a Barcelona. Coido que farán alí unha edición mui boa”. O feito de que Cunqueiro se decantase por delegar a tradución d’As crónicas do Sochantre habería que o imputar, de xeito crucial, a dúas causas, consonte insinúan os indicios que se rastrean nos contactos epistolares con Fernández del Riego. A primeira, propiamente literaria, descansa en que Cunqueiro se achaba enteiramente sumido nunha crecente espiral creadora, e non só en galego senón tamén en castelán.
Nunha carta de 1957, revela no que atinxe ao segundo idioma: “Estóu traballando en Las mocedades de Ulises. Coido que sae un grande, fermoso libro, cheo de vida e de novidá, nun castelán quizaves nunca usado. Poderei télo rematado pra Santos, e xa teño cáseque seguro editor: Noguer, de Barcelona”. Acerca do galego pormenoriza: “Tan axiña o remate, poreime a un tomo de teatro galego pra vos: un Hamlet, que xa teño matinado, e duas pezas mais, unha romántica, outra do noso tempo”. Ou sexa, Cunqueiro estaba atarefado en confeccionar paralelamente Las mocedades de Ulises e Don Hamlet. Corrobórase noutra carta de marzo ou abril dese ano: “Toda ista tempada estiven escribindo no Ulises, que vai de remate, e do que vos darei unha leitura en petit comité cando caia por Vigo, despoixas de Semán Santa”. E confesa logo: “Teño cáseque rematado o Hamlet, e tamén o levarei”.
Las mocedades de Ulises imprentaríase en 1960, mentres que Don Hamlet veu a lume a comezos de 1959. En xaneiro de 1958, Cunqueiro avisa a Fernández del Riego: “Irei a Vigo a primeiros de febreiro. Levarei xa totalmente rematado e correxido o Hamlet. O tido definitivo é Dúbidas e morte de Don Hamlet, príncipe de Dinamarca”. Mais esa intención non se plasmaría con tanta presteza, posto que notifica no mes de setembro que se prepara para corrixir o texto: “Onte pasóu Viñas por eiquí, cun fato de mestres. Díxome que me mandaría as probas do Hamlet. Xa me tarda, ise príncipe”. Nesas datas, Cunqueiro consagrábase tamén a concibir Si o vello Sinbad volvese ás illas: “O Sinbad estará para fís de novembro. Coido que poido dar o gran libro galego distes anos, e de muitos anos”. Na primeira quincena de outubro reitera: “Teño mui adiantado as viaxes do vello Sinbad. E qué entusiasmado vai! Aínda teño sin nome o seu veleiro”.
A segunda causa que fundamentaría a renuncia de Cunqueiro a pór persoalmente As crónicas do Sochantre en castelán é de natureza máis ben emocional. Naquela altura, estaba mergullado nun estado de abatemento que non era quizais o acaído para encarar o reto de traspor a obra, ao contrario do que fixera con Merlín e familia. Como mostra visible, repárese nesta desalentada confidencia a Fernández del Riego do 8 de febreiro de 1958, é dicir, un pouco antes de lle confiar a tradución:
Estóu canso. Teño que sair uns días deiquí. César está en Lugo facendo o pre-universitario, e cáseque non teño con quén falar. Lín toda ista semana libros demáis, e teño a cachola colma e confusa. Escribo con acedía e sin xeito. I-o vento seguido i-a choiva anóxanme. Estóu, quizaves, nun mal tempo moral. Vai un na madureza da vida, e non fixo nada ou cáseque nada, salvo duas ou tres canciós ou duas ou tres páxinas. Véxome soio, aconchado nun buraco.
Á vista dos prazos transcorridos, Fernández del Riego aplicaríase puntualmente a traducir As crónicas do Sochantre, unha actividade que de maneira plausible desenvolveu durante os meses intermedios de 1958 cun ritmo relativamente constante. Cunqueiro, en outubro, anticipa: “Axiña teremos o Sochantre”. E en xaneiro de 1959 reafirma: “O Sochantre ven un día distes. Recibirás o pirmeiro que chegue, pois a ti está adicado”. Máis aínda, non aforra un parecer altamente eloxioso verbo do quefacer de Fernández del Riego: “Eu coido que queda ben, e debería ser apreciado”. Este dá resposta deseguida, sen esconder de ningún modo a súa íntima compracencia: “Alédame moito de que o Sochantre esteña xa para sair e que vaias avante no Sinbad e nos Curandeiros” ().
Cunqueiro repite por aqueles días na correspondencia con Fernández del Riego a promesa de que será retribuído, en gratitude ao seu esforzo xeneroso, co primeiro exemplar de Las crónicas del Sochantre. Sinala en febreiro de 1959: “Alberto [Casal] ten unha proba da portada do Sochantre. Mandareivos os pirmeiros eisemprares que reciba”. E no mes seguinte insiste: “Está o Sochantre en taller de encadernación. Recibirás o 1º eisemprar. Merécelo. Mereces o abrazo que eiquí vai”. Nesas semanas, recalca con palabras practicamente idénticas: “O Sochantre está no taller de encadernación, e ven decontado. Recibirás o 1º exemprar”. Sen se completar o devandito mes, Cunqueiro celebra con sincero xúbilo o 26 de marzo: “Ó fin viñeron As crónicas. Mándoche o teu exemprar e mailo de Alberto, a quen che prego llo mandes polo cativo do teu despacho tan axiña coma recibas o paquete, que saíu oxe mesmo, xoves santo”.
Las crónicas del Sochantre ()
Las crónicas del Sochantre editouse, así pois, nese mes de marzo de 1959, acompañado dunha caracterización na lapela, repleta de loanzas, de Xosé María Castroviejo (). É oportuno lembrar que, no seu preceptivo tránsito polo Ministerio de Información y Turismo, o censor alertou que recollía “lances donosísimos y a veces chocarreros”. Por esta segunda particularidade, suxería a supresión de tres decenas de fragmentos nin máis nin menos, aínda que aconsellaba, antes de impor unha resolución firme, o veredicto de “un lector especialista en Moral que los salve en gracia al positivo mérito literario de la narración” (). No eido da censura eclesiástica, determinaríase á súa vez que Las crónicas del Sochantre significaba irrevogablemente un “conjunto rechazable” ().
Se Merlín y familia aparentaba en realidade unha autotradución opaca, no canto dunha autotradución transparente, dado que en ningún lugar da edición se especificaba que era un texto traducido polo autor a partir dun orixinal noutra lingua, no caso de Las crónicas del Sochantre sería pertinente falar máis ben dunha suposta autotradución (). Esta distínguese substancialmente porque na mesma non se fai referencia a un tradutor diferente do autor, aínda que outras noticias avalan que xurdiu dun tradutor alógrafo. A verdade é que a paternidade da tradución d’As crónicas do Sochantre estivo suxeita a conxecturas contraditorias, sen que se poida pór en interdito, no entanto, que emanou de Fernández del Riego.
Cunqueiro exteriorizaba esa cooperación, en primeira instancia, pouco antes de chegar Las crónicas del Sochantre aos lectores. Nun artigo en Faro de Vigo, onde daba, con algúns apuntamentos, “Epílogo para bretones” como primicia, máis tarde integrado na edición castelá, admitía sen marxe para a confusión:
Desde que escribí en gallego As crónicas do Sochantre, y desde que las vertió al castellano Salvador Lorenzana, pensé que pudieran caer en manos bretonas –y las tengo amigos, como M. Lafont, “o francés de Carril”–, y que alguno me acusara de inventar Bretaña. Se me ocurrió entonces componer este “Epílogo para bretones”, que aclara las cosas así. ()
Non obstante, Cunqueiro asumiría en entrevistas ulteriores, de maneira desconcertante, a responsabilidade absoluta da tradución. Nunha conversación do mes de agosto de 1976, difundida na revista Grial postumamente, aseveraba no relativo á autoría das versións Merlín y familia, Las crónicas del Sochantre y Cuando el viejo Sinbad vuelva a las islas: “Son miñas, feitas por min mesmo” (). Outro tanto afirmaba, agora no xornal El País, catro anos despois: “Yo me vi forzado a hacer periodismo y a escribir libros de narración en castellano. Hay que tener en cuenta que alguno de estos libros son libros en gallego, como Merlín o como el Sochantre o como el Sinbad, traducidos después por mí al castellano” (). Con todo, resulta incontrovertible, con evidencias máis que suficientes polo que se viu, que Las crónicas del Sochantre foi froito do labor translativo de Fernández del Riego, tras unha encomenda expresa de Cunqueiro.
Parece congruente concibir, de todas formas, que se está en sentido estrito diante dunha tradución alógrafa con colaboración do autor (). Isto é, Cunqueiro non desistiu de se involucrar en certa medida na tradución, supervisándoa ou cando menos deixando a súa pegada como propietario do texto orixinal. Corresponde recordar, por exemplo, que repasou e axustou as probas editoriais da versión de Fernández del Riego. Amais diso, é innegable que Cunqueiro incorporou pola súa conta “Epílogo para bretones” e algunhas modificacións no apéndice “Dramatis personae”, como se ha comprobar. Non se faría desapropiado considerar incluso que Las crónicas del Sochantre, probablemente, representa unha tradución autorizada. Un argumento sólido a prol desta hipótese aséntase en que Cunqueiro non rectificou, en ningunha edición posterior, o produto traducido.
No referente á idoneidade da versión de Fernández del Riego, é factible apelar a múltiples testemuños de signo inequívoco. Un deles son as palabras que Cunqueiro puxo, en marzo de 1959, no exemplar que regalou ao tradutor: “Non teño que decir aquí cánta e verdadeira vai nista dedicatoria, amistade de min pra ti”. Outro expoñente é o seu ditame en carta a Fernández del Riego, transcrito máis atrás, onde consignaba que a versión quedara ben e debía apreciarse. Unha proba contundente, ademais, é que Las crónicas del Sochantre conseguiu o Premio Nacional de Crítica Literaria, outorgado polos críticos de xornais e revistas de Barcelona, ao mellor libro de narrativa de 1959. E iso que partía dunha difícil situación de desigualdade en comparación con outras candidaturas:
Nos atrevemos a decir que, de todas las obras que entraron en consideración del jurado que concede este premio –compuesto por los críticos literarios más importantes de España–, era este libro el menos vendido, el más absolutamente desconocido, el que iba más contra corriente de la moda narrativa del momento, tan social y espesa, tan respetable. Pero Las Crónicas obtuvo el premio amplia, sosegada, rotundamente. Y ha quedado desde entonces como una de las piezas claves de la actual novelística española. La de la evasión poética, barroca, fascinadora. ()
Outra demostración da relevancia do empeño tradutor de Fernández del Riego radica en que Las crónicas de Sochantre avaliouse como se fose escrito en castelán, posto que se identificaba a súa lingua de modo notorio co discurso tipicamente cunqueirián. Antonio Valencia, crítico literario de Arriba, púñao de manifesto sen reticencias nunha recensión neste xornal reproducida en El Progreso:
Encontramos en Las crónicas del Sochantre, de Álvaro Cunqueiro, uno de los libros mejor escritos que se pueden leer en la actualidad. Fluye por sus páginas un castellano pingüe en la construcción, irónico en el énfasis y fino como para pasar por el ojo de una aguja, cuya mezcla constituye uno de los mejores placeres que puede gustar ante un libro un catador del idioma. Cunqueiro, creemos, es escritor bilingüe, y si no podemos determinar el grado de excelencia que alcanza en la lengua de Rosalía y de Pondal, sí podemos dar fe, con cualquiera de las lecturas de sus libros castellanos, de la alcanzada en estos que ha publicado últimamente, tales como Merlín y familia y este que comentamos, Las crónicas del Sochantre, en donde puede gustarse su idioma en perfecta plenitud. ()
Igualmente asignaba con rotundidade o estilo da versión a Cunqueiro, noutra colaboración, o xornalista Manuel Cerezales (1959): “Me parece recordar que una versión anterior de Las crónicas del Sochantre fue escrita en gallego; pero esta es una circunstancia nada importante, puesto que Cunqueiro no maneja con menos garbo, gracia y desenfado el castellano que su lengua nativa”. En fin, a mesma impresión perante a tradución destilaba : “Obra ante todo de un consumado poeta en prosa, cuyo talento mítico y fabulador estriba tanto en su inagotable imaginación creadora como en la refinada elegancia de su estilo”. Desde Galicia, Borobó facíase eco da xusta sona conquistada por Cunqueiro como escritor en castelán grazas a Merlín y familia y Las crónicas del Sochantre:
Álvaro cuenta ya en Barcelona con una clientela literaria tan devota casi como la que le hace coro en Vigo o en Lugo. Las ediciones castellanas de dos libros suyos originariamente escritos en gallego, Merlín y familia y Las crónicas del Sochantre, le bastaron para situarse a la cabeza de los escritores españoles de su tiempo. Y cuando en los medios literarios madrileños impera el aburrimiento, la mediversidad y la falta de imaginación, es muy natural que los círculos barceloneses, hastiados de escritores premiados sin mayor trascendencia ni interés, se hayan agarrado a la tabla de salvación estética que supone la obra de nuestro portentoso artista. ()
É sintomático, en sentido análogo, que nalgunhas investigacións arredor do castelán de Cunqueiro se cualificase Las crónicas del Sochantre de auténtico orixinal, sen vacilar o máis mínimo. Percíbese con claridade en contribucións plurais de Luisa Blanco (, , ), onde se pescudaba a presenza de trazos idiomáticos de raíz galega na versión en castelán como se a levase a cabo o escritor. Polo demais, hai que lembrar o acontecemento significativo de que se elaboraron traducións a outros idiomas a partir do texto traducido por Fernández del Riego. Ocorreu na versión italiana Cronache di un maestro di coro de Giovanni Allegra (), na versión francesa Les Chroniquesdusous-chantre de ClaudeBleton () e na versión alemá DieChroniken des Kantors de ElkeWehr ().
Outro síntoma revelador que acredita a excelente fortuna da tradución de Fernández del Riego repousa en que se empregou en variadas edicións. O selo Destino albergou Las crónicas del Sochantre por primeira vez en 1966, reeditándoa en 1977, 1982, 1989, 1994 e 1997 (). E a famosa colección Biblioteca Básica Salvat de Libros RTV, promovida polo Ministerio de Información y Turismo, rescatouna para o seu selecto repertorio conformado por un cento de títulos (). No prólogo, asinado por Néstor Luján, a literatura de Cunqueiro emerxía equiparada á de nomes sobranceiros doutras literaturas:
Su obra está bajo el imperio, tan irrefutable, de la imaginación. Servir a la imaginación es un oficio hermosísimo y sagrado, sobre todo en estos tiempos que vivimos: es el oficio del argentino Borges, del italiano Italo Calvino, del colombiano García Márquez, del catalán Joan Perucho. Es un oficio a contrapelo, el sutil escalofrío de acariciar un viejo terciopelo de Lyon, un terciopelo de la buena época, del siglo XVIII. Álvaro Cunqueiro, discreto y tierno, abacial de ademanes, alado en el escepticismo, contenido en la voz, dulce en la amistad, irónico y condescendiente ante la enemistad, un tanto brusco parlando en gallego, suave pronunciando el castellano, lírico departiendo en catalán, sorprendente descifrando el danés, o arrebatado comprendiendo el bretón bretonante, es uno de los personajes más portentosos de cuantos circulan, con un desembarazo espiritual de intelectual completo, por la amplia, diversa y espaciosa España. ()
Las crónicas del Sochantre ()
Non hai moito tempo, Ediciones 98 resolveu ofrecer ao público outra tradución d’A crónicas do Sochantre, ao abeiro dun ambicioso proxecto para divulgar en castelán obras de Cunqueiro. Antes dera a coñecer Los otros feriantes, retraducindo o texto transplantado polo autor case completamente no tomo Las Historias Gallegas de D. Álvaro Cunqueiro (1981). A continuación editaría, como Escuela de curanderos, o feixe de relatos Escola de menciñeiros e fábula de varia xente, vertido en parte por Cunqueiro en Tertulia de boticas prodigiosas y escuela de curanderos (1976). De momento, lanzou tamén Merlín y familia e Gente de aquí e acullá, mais cinguíndose a respectar a primeira vista as autotraducións de Cunqueiro, sen se aventurar con novas versións.
O tradutor de Las crónicas del Sochantre foi Julio Mando Barrios “con la colaboración de César Cunqueiro”, polo que se rexistra tanto na páxina de créditos como na páxina dos títulos (). Por algunhas manifestacións, dedúcese que se trata plenamente dunha colaboración colectiva, non dunha colaboración distributiva (). Resérvase a segunda etiqueta para a tradución compartida onde os participantes se encargan illadamente dunha porción do texto, mentres que pola primeira enténdese a tradución onde todas as persoas actúan sobre a integridade do texto de acordo cuns principios comúns. Deixouse constancia desa conduta tradutora do seguinte modo:
Así las cosas, Julio Manso realizó una traducción básica, agrega César Cunqueiro, en castellano. “Yo la revisé, con varios cientos de expresiones más gallegas, aclarando algunos términos del español de Galicia. Ellos [Manso y el editor Jesús Blázquez] volvieron a valorarlo, lo aceptaron en su inmensa mayoría y al final creo que quedó una traducción muy viva que estoy convencido de que a Cunqueiro le hubiera gustado”. ()
Esta versión d’As crónicas do Sochantre inclúe un interesante epílogo precisamente de César Cunqueiro, dividido en catro epígrafes: “Los difuntos”, “Los demonios”, “Epílogo para bretones” e “La presente traducción al español o cómo traducir libros de relatos escritos en gallego al español”. Os dous primeiros abordan aspectos de índole temática presentes na novela, en tanto que o terceiro se achega ao texto que Cunqueiro puxo ao final da tradución castelá. O cuarto apartado atesoura meirande transcendencia, como se desprende da designación escollida para o mesmo, pois pretende ostentar carácter normativo con relación ao procedemento máis apto para pasar obras en galego ao castelán.
César Cunqueiro parte da idea de que o “español” que se usa en Galicia –o autor postula conscientemente esa solución terminolóxica en lugar de “castelán”– exhibe trazos privativos de orde dispar que deben translucirse, cando se traduce textos galegos, no tipo de lingua. Para el, esta pauta esencial é de cumprimento inescusable, xa que do contrario o resultado “puede ser correcto formalmente, pero anodino, neutro, eunuco, infiel a la lengua de origen” (). O devandito punto de vista válelle a César Cunqueiro, como corolario, para reducir o valor da versión d’As crónicas do Sochantre de Fernández del Riego: “Esto ocurre con la traducción española existente de Las crónicas, no realizada por Cunqueiro, quien se limitó a escribir el Epilogo para bretones” ().
Agora ben, sábese que Cunqueiro non se cinguiu en exclusiva, como xa se expuxo, a introducir o paratexto mencionado, senón que foi máis aló. Por outra parte, o axioma que se sustenta encerra dúas obxeccións potenciais que non é prudente eludir. A primeira cífrase na imposibilidade material, evidentemente, de arremedar por unha man allea o toque persoal de Cunqueiro en castelán. A segunda estéase en que a estratexia de seleccionar como molde lingüístico da tradución un modelo con reminiscencias do idioma orixinal é unha alternativa, mais por suposto non a única. Cabe pensar que os receptores da versión se inclinen mellor por un formato idiomático coincidente co seu. En suma, quen traduce pode oscilar por regra común entre o universo cultural de partida ou o de chegada lexitimamente, sen que ningunha predilección ao respecto mingüe o rango da versión.
En xeral, cando se traduce outra vez unha obra ao mesmo idioma é procedente interrogarse sobre o motivo que está detrás desa decisión. O que se denomina retradución obedece, en definitiva, a un vasto abano de fundamentos. deslindou razóns heteroxéneas, desde o envellecemento da linguaxe ata lecturas discordantes do orixinal. puxo o acento en que a retradución nace da arela de se distinguir desde un prisma estético, alén de que persegue afinar versións existentes. Namentres, reparou en que cada tradución comporta nomeadamente un exercicio de interpretación: “Nombreux sont ceux qui ont souligné le rôle de messager du traducteur: celui-ci interprète le texte original de la même manière que l’acteur interprète un manuscrit ou le musicien une partition”.
No que fai á retradución d’As crónicas do Sochantre, semella que o móbil se cimentou na arela de responder ao principio propugnado no epílogo antes comentado. En efecto, o que se buscaría é executar unha versión que preserve “las peculiaridades del lenguaje que se habla en una zona” (). Desta forma se facía valer na seguinte declaración de principios: “Creo que la presente traducción refleja fielmente el diasistema que todo escritor gallego lleva dentro y que actualiza como gallego o español de Galicia según los casos” (). En tal sentido, César Cunqueiro alegaba que ao escritor non lle agradou a versión de Fernández del Riego. Para iso, traía a colación unha carta a Alberto Casal, de marzo de 1959, onde se di:
Tan pronto como tenga la versión del Hamlet te la mando. He de hacerla yo, Santamaría se me ofrecía a ello, pero yo no he de olvidar que soy escritor en castellano, y debo afrontar la versión, y el tono de ella y las posibilidades expresivas han de ser mías. Las Crónicas [del Sochantre] me han enseñado a no abandonar nunca más esa tarea. ()
Ao noso entender, inducir destas palabras de Cunqueiro unha reprobación da versión de Fernández del Riego entraña unha presunción esaxerada, posto que hai que enmarcalas nun contexto específico. Realmente, Alberto Casal animárao abertamente nunha carta anterior a traducir Don Hamlet, en virtude de dúas motivacións. A primeira, para aliviar a dureza do texto, logo dos avatares que padecera coa censura ao chegar aos escenarios. A segunda residía en incitar a Cunqueiro para que aspirase a ser un escritor eminentemente en castelán, sen se circunscribir ao ámbito galego. Pola súa longa amplitude, evócanse as pasaxes máis ilustrativas desa misiva:
El traductor naturalmente genuino e infungible del Don Hamlet al castellano, tienes que ser tú. Porque de paso desarrollas la obra con vistas a los triunfales pasos que está llamada a dar por las escenas del mundo. [...]
El ser puesta en escena, es el feliz destino de esa obra. Por tanto, ponte manos a ello y haz una traducción no solo al castellano sino a las exigencias de las tablas. [...] Al ser trasvasadas al respetable pero poco sedoso y fluido castellano, en el que acaso algún período cruja como los registros de una navaja de Albacete, por esa dureza de lenguaje, es momento de navajear ciertas expresiones nada suaves y contemplar si una cortés cirugía, en los términos, sería exigida y conveniente. [...]
Por esa seguridad en el éxito, por lo descontado del triunfo de la obra que, desde luego, suscitará polémicas, como está mandado, me permito ser pesado y suplicarte que te pongas a trabajar en esa versión castellano teatral inmediatamente. ¿Por qué no te sientes hombre ejecutivo, repentino, inmediato y, con unidad de acto, te pones a hacerlo y terminarlo ahora mismo? ()
Este convite sería o que desencadeou, sen lugar a dúbidas, a vontade de Cunqueiro de facer el mesmo a tradución de Don Hamlet. De feito, aquela carta aducida polo seu fillo principiaba con ese degoxo: “Ahora mismo me pondré a la versión castellana completa; todos me animan, y tú el primero y mayor” (). Alberto Casal empurraríao con forza renovada, o 20 de outubro de 1960, a abrazar a condición de escritor en castelán: “En el mundo en que se te debe leer hacen falta obras en castellano. Y me tarda ver con su pimpante traje castellano –de diario– fuera del diario, esas prosas “sutiles”, y la versión del Sinbad” (). E acrecentaba: “Aunque en ti lo escrito en gallego nunca se queda en un típico traje de pintoresco gaitero, con montera, corto de calzón y de léxico y alcances, aún así es preciso que el Hamlet y todo lo que en gallego has escrito lo lean en toda América”.
Cabo
A dicir verdade, Cunqueiro influíu no deseño editorial de Las crónicas del Sochantre, sen se limitar unicamente a amecer “Epílogo para bretones”. Así, alterou algunhas epígrafes, de maneira que “Bretaña é unha terra” se tornou “Bretaña” e “Os viaxes” se metamorfoseou en “Viajes y aventuras”. Tamén “A carroza” se converteu en “La hueste viene por el Sochantre”, unha variación esta, como as outras, que non é verosímil adxudicar ao tradutor en solitario. Tales transmutacións perdéronse na segunda versión, ao non se apercibiren os tradutores de que proviñan do propio escritor.
Por conseguinte, non está fóra de lugar concluír que a versión de Fernández del Riego gozaría dunha certa posición de preeminencia con respecto á proposta de Ediciones 98, sobre todo por ser xenuinamente unha tradución alógrafa con colaboración do autor, non unha mera tradución alógrafa. E é que o papel activo de Cunqueiro lle confire un aliciente adicional que, obviamente, está ausente na retradución.
Notas
[1] Utilízase de primeira man o fondo epistolar da Biblioteca-Arquivo Francisco Fernández del Riego. Cómpre advertir que as cartas de Cunqueiro non adoitan estar datadas con precisión, polo que é forzoso servirse dos seus contidos ou de referencias externas para as encadrar.
[2] Gaspard de la Nuit inaugurou o xénero do poema en prosa na literatura francesa, chegando a inspirar a Charles Baudelaire e Stéphane Mallarmé. Na Fundación Penzol está depositada a tradución de Cunqueiro dun breve extracto desta obra. Expresamos o noso agradecemento a Benito Ramírez Abal pola súa colaboración.
[3] A piques de expirar o mes de decembro de 1955, desde El Pueblo Gallego informábase inesperadamente de que Cunqueiro proporcionara As crónicas do Sochantre a Galaxia: “Todavía poblando el aire los ecos del enorme éxito de Álvaro Cunqueiro con Merlín e familia, el delicioso libro editado por Galaxia en nuestra ciudad, y ya el fino poeta de Mondoñedo entregó, también a Galaxia, los originales del próximo, con este título, tan sugestivo: As crónicas do Sochantre. Valga la noticia como anticipo para que vayan haciendo boca las gentes de buen paladar” ().
[4] sostivo que Cunqueiro lle encareceu a tradución: “Tamén neste caso, o promotor catalán solicitoulle ao autor a versión castelá para a imprimir en Barcelona. Encomendou o amigo, con rogo explícito, que me fixese cargo de tal labor. Púxenme á tarea da traducción. Apremiábame el para que non demorase darlle cumprimento á encomenda [...]. Os prazos de entrega sinalados atendéronse, e As crónicas, en versión ao castelán, non tardaron en aparecer”.
[5] Cunqueiro dáballe noticia de Merlín y familia, en outubro ou novembro de 1957, a Fernández del Riego: “Xa saíu o Merlín en lingua castelá. Teño un soio eisemprar. Tan axiña como reciba eisemprares serás o segundo en télo. Iste que me mandaron en avangarda, remésollo oxe a Alberto Casal”.
[6] Merlín y familia estaba destinado ao primeiro á editorial Guadarrama, como se constata naquela carta do 21 de outubro de 1955 xa citada: “Agora estou traducindo ao castelán o Merlín, que mo editará a Editorial Guadarrama. Xa estou de remate, e matino mandarlla istes días a Alberto, quen cho deixará ver”.
[7] Cunqueiro viña escribindo Las mocedades de Ulises desde a publicación d’As crónicas do Sochantre, segundo desvelaba por entón: “Estou traballando arreo no Ulises. Coido que mo editará Noguer, en Barcelona. Vai ben. Casi tan ben coma o Quijote de un tal Cervantes”.
[8] Nesa carta, Cunqueiro atestaba que estaba case listo Si o vello Sinbad volvese ás illas e andaba a transferir ao galego desde o castelán, lingua na que se popularizaran como colaboracións xornalísticas en diversos casos, as historias de Escola de menciñeiros, que el chamaba sen máis Curandeiros: “Ando xa rematando i-ordeando no Sinbad. Vai mui do meu gosto. Tamén ando traducindo nos Curandeiros. Cando esteñan compretos, remesareiche a ti unha copia i-outra a García Sabell”. Por outra banda, Cunqueiro facía alusión a unha influencia de Mac-Orlan en As crónicas do Sochantre albiscada por Carballo Calero (Cadaval, 1958), a cal non aceptaba: “Xa lerías o artigo de Carballo Calero en Vida Gallega. Estaba mui ben. Eu non tiña lido o libro de Macorlan; deixóume il unha versión, mui incompreta, en castelán. Co Sochantre non ten ren que ver, salvo na indiferencia con que “ambos libros se contan os grandes crimes”. Coido que o de Macorlan perde capacidade dramática percisamentes porque isa indiferencia non chega a ser humor. Lémbrame mais o xeito de Cela, que é mui doado, ó meu ver”.
[9] No verán de 1959, Cunqueiro permanecía concentrado en Las mocedades de Ulises, Si o vello Sinbad volvese ás illas e Escola de menciñeiros: “Estou con tres cousas a un tempo, sentado cáseque dezaseis horas ó día: reformando o Ulises, que cada vez me gosta menos; escribindo no Sinbad que cada vez me gosta máis –lémbrame os días en que escribín no Merlín–, e ampriando os “curandeiros”. Iste derradeiro texto irache un día distes”. Polo que se coñece, Si o vello Sinbad volvese ás illas e Escola de menciñeiros non estarían finalizados ata principios de 1960: “Estou rematando de copiar o Sinbad. Coido, despois de pensalo moito, que o tido debe de ser Si o vello Sinbad volvese ás illas. Non importa que seña longo; si o libro tén éisito, coñecerano polo Sinbad a secas. [...] Díceme Piñeiro que Rivas Briones fará unhas fermosas ilustracións pros Menciñeiros”.
[10] Na Fundación Penzol custódiase un debuxo orixinal de Cunqueiro para a cuberta de Las crónicas del Sochantre, o que confirma o grao do seu interese.
[11] Cunqueiro facía saber a Alberto Casal en setembro ou outubro de 1958: “He corregido ya las pruebas de las Crónicas en castellano. Ahora me parece un libro que ni fu ni fa, y que no añade ni una gota de gloria a su ya veterano autor” (). En puridade, habería que atribuír esa sorte de descontento á obra en si, divisada arestora desde o filtro do castelán, e non á tradución.
[12] Cando se concedeu o premio, nalgún medio puntualizábase que a tradución pertencía a Fernández del Riego, salientándose a súa calidade: “La obra premiada ha sido la de la versión española de As crónicas do Sochantre, publicada primeramente en gallego y que obtuvo tan resonante éxito. La traducción, de Francisco Fernández del Riego –otro escritor lugués, pues es de Lorenzana–, ha recogido con fidelidad y acierto las frases del lenguaje vernáculo” (). Unha información parella subministrara, meses antes, : “¿Quién mejor que Cunqueiro escribe hoy, con bello y personal estilo, el castellano? Responda quien lo sepa. Y no juzguen por la versión de Las crónicas del Sochantre al idioma de los Fray Luis, pues no fue hecha por el propio autor”.
[13] Desde o círculo da revista barcelonesa Destino, a partir dese triunfo, a literatura de Cunqueiro sería enarborada como modelo fronte ao realismo social imperante na narrativa española durante os anos precedentes ().
[14] Con pseudónimo, Fernández del Riego saudou As crónicas do Sochantre desde Grial facendo gala xustamente dunha nítida familiaridade co dicir literario de Cunqueiro: “Hai neste libro audaces e fermosas fantasías seudohistóricas, valentemente falsas, nas que o autor puxo a proba, unha vez máis, o seu peculiar estilo. Unha das características deste estilo é a sua orixinal e saborosa amenidade. En ningún momento saíse daquela amenidade que se lle debe ao leitor, pola mesma razón que a todo mundo se lle debe a cortesía. Emporeso o leitor abrirá e leerá este libro –despóis de tantas naderías pedantescas ou vaciedades envaradas e ríxidas como a cotío se lle ofrecen–, e pareceralle que se atopa noutra luz, noutro ambiente, nun mundo máis grato” (). E finalizaba con este balance que reflectía o mesmo nivel de coñecemento: “En As Crónicas do Sochantre, como antes en Merlín e familia, a prosa ten un peculiar acento. Ten do moderno a escolla atinada da palabra e o movemento lizgairo. Do clásico, do castizo, a folgura do período. Veleiquí, pois, un estilo que lle vai ben a eso que chaman narración” (). Como Salvador Lorenzana, dixera o mesmo en La Noche ao publicarse Las crónicas del Sochantre: “Posee Cunqueiro además el genio de la lengua: domina la retórica con una gracia angelical, y su vocabulario es vasto, dilatado, preciso. En Las crónicas del Sochantre, como antes en Merlín y familia, la prosa tiene un peculiar acento. Tiene de lo moderno la selección atinada de la palabra y el movimiento ágil. De lo clásico, de lo castizo, la holgura del período” ().
[15] Pola mesma época, Ánxel Fole emitía unha opinión similar: “Un precioso castellano sin preciosismo, claro está. Lo precioso no le viene del pulimento, del detalle deslumbrador o primoroso, sino de la agilidad, de la gracia, del oro viejo y del verde nuevo. Sí; arcaico más que antiguo y peregrinamente bárbaro a veces. Con un artificio prodigiosamente natural” ().
[16] Chama a atención que Las crónicas del Sochantre, na edición das obras completas de Cunqueiro promovida pola Biblioteca Castro, figure no primeiro tomo a carón das autotraducións Merlín y familia e Cuando el viejo Sinbad vuelva a las islas e dos títulos en castelán Las mocedades de Ulises e Flores del año mil y pico de ave ().
[17] Nun dos seus estudos, chega a enunciar directamente: “Cunqueiro publica parte de las obras estudiadas primero en gallego y, después, él mismo las traduce al castellano: Merlín e familia, As crónicas..., Si o vello Sinbad... y Xente de aquí e de acolá”.
[18] Unha primeira tradución francesa, de Juan José Fernández, baseárase tanto no texto en galego como no texto en castelán, configurando unha tradución compilada ().
[19] O periplo de Las crónicas del Sochantre nesta editorial durou moi pouco, por mor da súa repentina desaparición. Cunqueiro, no verán de 1959, deploraba ante Fernández del Riego: “Saberás que AHR suspendeu pagos. A min amolóume, que me iba a faguer niste mes as liquidaciós do Merlín e mailo Sochantre. Non hai unha sin duas”.
[20] Luján reputaba Don Hamlet como “una de las piezas dramáticas más importantes que se hayan escrito en España después de 1936” ().
[21] Polo tanto, é unha retradución dun texto autotraducido. Esta noción débese disociar do concepto tradución do texto autotraducido, reservado para o traspaso a un terceiro idioma dun texto transvasado polo autor a un segundo idioma.
[22] Xa que logo, é unha retradución parcial dun texto autotraducido. Desde unha perspectiva macrotextual, a segunda parte de Tertulia de boticas prodigiosas y escuela de curanderos abrangue nove retratos, dos cales sete proveñen de Escola de menciñeiros e fábula de varia xente. Estes son os títulos: “Perrón de Braña”, “Borrallo de Lagoa”, “El señor Cordal”, “El Cojo de Entrebo”, “Xil da Ribeira”, “Melle de Loboso” e “Lamas Vello”.
[23] No que fai a Xente de aquí e de acolá, non se conservou, así a todo, o título La otra gente, elixido polo escritor para a autotradución.
[24] “Epílogo para bretones” inseriuse nas versións en italiano, francés e alemán porque tomaron como fonte a tradución castelá, non o texto orixinal en galego.
[25] Tal preferencia deféndese nestes termos: “Escribo español y no castellano. Castellano es una clasificación que corresponde a un estado histórico de la lengua que hoy, aunque de empleo corriente, es inapropiada. A lo más podría designar las variedades del español de parte de la Península Ibérica y la correspondiente lengua literaria. Este castellano en sí no es más que una de las muchas variedades de español que hay en el mundo” ().
[26] Para , Cunqueiro inaugurou unha modalidade de castelán con ingredientes galegos en San Gonzalo e El caballero, la muerte y el diablo, a mediados dos anos corenta. Tal tendencia tomou forma supeditada a dous criterios: non se tentaba retratar o panorama lingüístico conflitivo de Galicia, por unha parte; por outra, o designio era crear unha variedade de castelán con soporte no galego, máis que un castelán vernizado con galeguismos. Esta propensión discírnese nas autotraducións de Merlín e familia, Si o vello Sinbad volvese ás illas, Xente de aquí e de acolá e Escola de menciñeiros e fábula de varia xente, pero non nas novelas en castelán Las mocedades de Ulises, Un hombre que se parecía a Orestes e Vida y fugas de Fanto Fantini.
[27] Iso si, concorre aquí a capacidade legal para facer o que se estime en virtude da posesión dos dereitos editoriais que recae no tradutor.
[28] Para evitar ambigüidades, subscríbese a definición de retradución trazada por , segundo o cal “serait une nouvelle traduction, dans une même langue, d’un texte déjà traduit, en entier ou en partie”.
[29] Cunqueiro fai mención de Luís Santamaría, quen efectuara unha recensión de Don Hamlet, repartida en dous artigos, en La Noche (Santamaría , ).
[30] Aos poucos días, o 28 de marzo de 1960, Cunqueiro aludía a esta experiencia tradutora para as táboas: “Yo copio en el Sinbad y traduzco, con cierta dificultad, el Hamlet. Te lo mandaré en la semana próxima” (). Pasadas unhas semanas, non se desanimara: “Estoy traduciendo en Don Hamlet. Me apuran de Gijón. Te mandaré una copia, y verás lo cortado y lo añadido” (). Non está documentado que tivese lugar ningunha representación en Xixón, nin tampouco se descubriu esa autotradución de Don Hamlet.
[31] O certo é que Cunqueiro, desde Merlín e familia, percorrerá un itinerario onde conviven os dous idiomas por medio da creación en galego, a autotradución do galego para o castelán e a creación en castelán ().
[32] Nunha entrevista, Cunqueiro elucidaba sobre esta novidade: “Hubo una edición gallega previa –me dice–, aunque la edición castellana va aumentada con una carta para mis posibles lectores bretones de Francia, ya que el libro pasa en Bretaña y no quería ser cogido en renuncias ni geográficas ni de fantasmas...” (). Nunha liña parecida, subliñara nun artigo xornalístico: “Este es el Epílogo. Creo que todo queda explicado. Creo que reclamo para la libre fantasía de Dios la Creación, y para la humana imaginación –a imagen y semejanza somos, del Señor–, el derecho a inventar Bretaña en Francia, caminos, países, vientos y canciones. Y todo es lo mismo, salvo que el hombre añade nostalgia” ().