A presente entrega d’Os Lusíadas, a cal vén sumarse a unha nómina vastísima de referencias, como non se ignora en absoluto, da epopea camoniana, é froito da colaboración da editorial Kalandraka –por intermedio da súa filial Faktoría K– e a Universidade do Minho, co apoio da Câmara Municipal de Guimarães. É dicir, axuntaron as súas vontades para levaren a cabo a empresa unha entidade privada, unha institución académica e un organismo público. Esta alianza supón unha peculiaridade relevante, que axuda en gran medida a captar as características distintivas que primordialmente ofrece o volume. Polo que se manifesta, a idea que se sitúa detrás do proxecto emanou do director artístico da Bienal de Ilustração de Guimarães (BIG), o pintor Tiago Manuel. Desde unha óptica xeral, corresponde sinalar que o destacable da edición radica, por unha banda, en que procura fornecer unha configuración actualizada do poema e, por outra, en que o texto comparece adornado cun conxunto de imaxes.
O deseño editorial inclúe, de inicio, unha condensada “Apresentação” de Rui Vieira de Castro, reitor da Universidade do Minho. Nela, alén de seren remarcados os variados motivos que lexitiman a implicación activa desa corporación na ambiciosa iniciativa posta en mans do público, saliéntase en esencia que este libro persegue o esixente beneficio de proporcionar unha nova “conversação” cunha das máis senlleiras expresións das letras portuguesas, se non a maior, e cun dos principais cultivadores da lingua portuguesa, con toda probabilidade igualmente o máximo. Como Vieira de Castro afirma no preámbulo referido, o ente universitario que preside non se desentendeu da “missão indeclinável de valorização e de criação de condições de fruição generalizada do património cultural” (p. 5).
A continuación, xorde outro escrito introdutorio, co título “A Visibilidade de Os Lusíadas” e de mediana extensión, forxado por Rita Marnoto, responsable da adaptación do poema. De corte un tanto ensaístico, trátase dun esforzado preludio que exhibe o trazo sobre todo de tentar defender cun feixe de reflexións, case sempre orientadas na mesma liña, o feito de que esta oferta non conteña unicamente o texto espido, senón que se brinde acompañada de representacións co obxecto de que o complementen. Isto é, estase de maneira cardinal ante unha interpretación que non disimula que foi construída ad hoc, algo que obrigaría, nun contexto diferente, a tachala sen outro remedio de monolítica.
Así, fálase mediante un xogo de palabras de que se concreta aquí o “diálogo entre ver e dar a ler, entre ler e dar a ver” (p. 6). Nunha pasaxe ulterior, ponse o acento con reiterada énfase en que a interacción do discurso literario e a visión pictórica tende a despregar “possibilidades extraordinariamente fecundas e sempre em aberto” (p. 6). Convén apuntar que Rita Marnoto, para fundamentar a súa perspectiva nun piar intelectual, tomou como base o capítulo dedicado por Italino Calvino ao concepto de visibilidade en Seis propostas para o próximo milenio, orixinalmente unha serie de conferencias que o narrador italiano pensaba impartir na Universidade de Harvard, propósito que se truncou fatalmente polo seu repentino falecemento en 1985.
Proseguindo coa descrición da súa estrutura organizativa, é necesario especificar que a edición recolle seguidamente unha “Nota ao Texto”, a renovación consumada d’Os Lusíadas, unha “Tabela de Rimas” e, por último, unha relación biográfica das persoas encargadas das ilustracións. Faise pertinente, por suposto, detallar sen ningunha excepción os seus nomes: Amanda Baeza, Carolina Celas, Catarina Gomes, Inês Machado, Joana Estrela, Joana Rêgo, Madalena Matoso, Mariana Rio, Marta Madureira e Marta Monteiro. Cada unha delas ocupouse dunha imaxe, de forma que os dez cantos da obra dispoñen do seu propio aditamento plástico. Naturalmente, a colección de estampas depara unha variedade heteroxénea de sensibilidades e estilos, como non podía deixar de suceder en boa lóxica á vista do amplo elenco de participantes.
Segundo se anticipou, o primeiro aspecto singular desta versión identifícase co seu designio de trasladar aos nosos días o dicir poético de Camões. Esta tarefa eríxese, sobra insistir niso, nun desafío altamente delicado. José Augusto Cardoso Bernardes, no prefacio da súa recente contribución A Oficina de Camões. Apontamentos sobre Os Lusíadas (Imprensa da Universidade de Coimbra, 2022), detíñase con atención, non por casualidade, nas diversas clases de escollos cos que adoita toparse quen se aproxima, desde un prisma xenérico, á aparencia xenuína da composición épica. El mesmo advertía, en todo caso, que o inventario de dificultades non se esgotaba nin moito menos coa enumeración que pasaba a expor.
En primeiro lugar, á luz da súa formulación, hai que ter en conta que unha porción non pouco relevante do léxico d’Os Lusíadas áchase hoxe en día en desuso, ata o extremo de que era de utilización restrinxida mesmo na súa época. Outra rémora relaciónase coas múltiples alusións históricas e mitolóxicas que asoman por calquera parte, as cales moitas veces quedan fóra do alcance do receptor. Para o citado estudoso, un terceiro estorbo importante estribaría en que a creación de Camões distínguese “por um ritmo de escrita e de pensamento que o afasta de nós” (pp. 11-12). En definitiva, tantos embarazos esixirían a cooperación dinámica dun lector en elevado grao “preparado e motivado” (p. 12), conforme as súas palabras.
Así as cousas, é ineludible apuntar que o primeiro atributo que encerra o texto adaptado á contemporaneidade por Rita Marnoto reside en que se valeu do exemplar da edición prínceps d’Os Lusíadas, de 1572, propiedade da Sociedade Martins Sarmento, de Guimarães. Obviamente, esta elección obedecería en puridade ao mecenado prestado pola Câmara Municipal do devandito enclave, como sen esforzo se comprende. Un segundo atributo está en conexión coa vontade de facilitar un acceso xeneralizado á lectura ao máis extenso espectro posible da poboación. Nese sentido, partiuse da premisa de que a índole clásica d’Os Lusíadas dá lugar, non en balde, a que se suscite a realización de innumerables lecturas.
O notorio, en termos xerais, do labor de posta ao día materializada por Rita Marnoto provén sinteticamente de que a grafía se modernizou e, asemade, se suxeitou ao novo acordo ortográfico do ámbito lusófono. Na avaliación deste exercicio, con todo, saltan á vista algunhas curiosidades, por así dicir. A primeira é que ao final se achega unha lista das palabras reformadas. Outra descansa en que se marcan no propio texto, de xeito pormenorizado, aqueles elementos nos que non se practicou ningunha intervención co obxectivo de que as rimas non se resentisen. Unha terceira circunstancia sorprendente aséntase aínda na ausencia común de notas aclaratorias, o que contradí o espírito da tarefa emprendida, debido a que estas servirían de auxilio, sen ningunha dúbida, ante os incontables obstáculos de toda orde que agroman a cada paso.
Vasco Graça Moura, executor dunha adecuación da magna creación camoniana xestada de igual modo para favorecer a súa comprensión, designada como Os Lusíadas para gente nova (Gradiva, 2012), non esquivaba comentar entón o complicado reto que entrañara a súa misión. Subliñaba respecto diso, no seo do que sería o plano estritamente lingüístico, que a “matéria verbal do poema é muito complexa, do léxico à sintaxe e ao tecido dos processos retóricos e figuras de estilo” (p. 7). Con todo, puña aínda de relevo con non menos prioridade, á parte da “própria extensão de uma epopeia que se prolonga por 1102 estâncias” (p. 7), especialmente os apuros que se derivan sen cesar das “alusões a personagens da mitologia e da História” (p. 7).
O segundo aspecto singular deste tomo, avanzado con anterioridade, é seguramente o que mellor explica a súa existencia. E é que consta de deseños gráficos de dez artistas de condición feminina, co que se pretende dotar ao mesmo, mercé a esa decisión deliberada, de connotacións de carácter simbólico. Tal anhelo elévase expresamente á categoría de icona, pois consonte se afirma, cun ton se cadra hiperbólico, estas páxinas atesouran o primeiro produto canónico da literatura mundial visto integramente por mulleres. De conformidade co que se sustenta, transfírese a partir de aí unha perspectiva d’Os Lusíadas moi desemellante da que darían os homes. É boa oportunidade para lembrar, con todo, mulleres camonistas que lograron previamente un recoñecemento incontestado, como Cleonice Berardinelli, Maria Helena da Rocha Pereira ou Barbara Spaggiari, entre outros nomes.
Como sucinta recapitulación, cabe determinar que resulta esta unha edición d’Os Lusíadas que responde con claridade a un estímulo institucional e público de cariz ideolóxico, na cal o valor medido de acordo con parámetros exclusivamente académicos é de tamaño relativo.