Ánxela Gracián (pseudónimo de Ánxela Rodríguez Rodríguez, Gracián-Castroverde-Lugo, 1968) comezou a escribir poemas e relatos durante a súa época universitaria publicando algúns deles nas revistas Ólisbos e Dorna, pero sería na Literatura Infantil e Xuvenil na que se estreou como autora na década dos 90, con títulos como Cos petos cheos de cinza (Everest Galicia, 1998), As bolboretas douradas (Sotelo Branco Edicións, 1999), Eu tamén fun peliqueiro de Laza (Everest Galicia, 2001), Chis Chisgarabís (Tambre/Edelvives, 2004), A toupiña cegarata (Tambre/Edelvives, 2005), Nun lugar chamado Labirinto (Tambre/Edelvives, 2006), Camiño solitario (Galaxia, 2006), Pinga de choiva (Xerais, 2009), Carrapeto (Ediciones Macmilan, 2009); Carapuchiña “en rose” (Everest Galicia, 2009); As palabras do silencio (Edicións Xerais de Galicia, 2012), Xoaniña, rei-rei (Sotelo Blanco Edicións, 2014) e a serie de contos infantís dedicados ao elefante Gombó: Gombó e a viaxe á lagoa (Fervenza Edicións, 2017) e Gombó e o medo á escuridade (Fervenza Edicións, 2017). Como poeta, publicou Paisaxes de pan (Bourel Edicións, 2014), libro autobiográfico dedicado ás mulleres da súa infancia. Traballa no Servizo de Tradución da Xunta de Galicia dende o ano 1996 e cultiva tamén a tradución literaria, oficio que, xunto coa escrita de ficción, lle apaixona, dando voz en galego a Margarite Yourcenar, Hugo Pratt, Sandra Comino, Blanca Álvarez, María Teresa Andruetto, João Manuel Ribeiro, entre outros.