Jesús Camacho Niño (2020): Diccionario histórico de la terminología metalexicográfica. A Coruña: Universidade da Coruña (Anexo 43 da Revista de Lexicografía), 95 pp.
Jesús Camacho Niño (2020): Diccionario histórico de la terminología metalexicográfica. A Coruña: Universidade da Coruña (Anexo 43 da Revista de Lexicografía), 95 pp.
Verba: Anuario Galego de Filoloxía, vol. 48, 2021
Universidade de Santiago de Compostela
María Álvarez de la Granja
Universidade de Santiago de Compostela, España
Copyright © Universidade de Santiago de Compostela
Esta obra está bajo una Licencia Creative Commons Atribución-NoComercial-SinDerivar 4.0 Internacional.
A Revista de Lexicografía da Universidade da Coruña publica como anexo 43 o Diccionario histórico de la terminología metalexicográfica (en diante DHTM), obra da autoría de Jesús Camacho Niño, profesor da Universidad de Jaén. Trátase dun libro breve, de 95 páxinas, prologado por María Águeda Moreno Moreno, da mesma universidade do autor. Deixando a un lado o prólogo, a listaxe de abreviaturas e as referencias bibliográficas, o libro está conformado por dous bloques, a Introdución, en que se explican as características fundamentais do dicionario e os criterios empregados na súa confección, e o Diccionario en si mesmo, que ocupa 56 páxinas.
O DHTM ten a súa orixe na tese de doutoramento do autor, Teoría de la lexicografía en diccionarios monolingües del español (Orígenes-Siglo XXI), defendida en 2014. Este traballo recollía tamén un corpus de textos de carácter metalexicográfico, que deu orixe á publicación da Universidade de Jaén Corpus histórico de textos metalexicográficos del español: Prólogos (2017).
De acordo co que expón Jesús Camacho na introdución, o DHTM está concibido esencialmente para alumnado de Grao e Posgrao que curse materias relacionadas coa lexicografía, sendo o seu obxectivo principal o de ofrecer información sobre unha serie de conceptos lexicográficos e sobre o seu desenvolvemento histórico na lexicografía do español.
A tal fin ofrécense un total de 63 artigos lexicográficos, correspondentes a termos de especialidade presentes en diferentes dicionarios monolingües do español, todos eles de ordenación semasiolóxica. Nesta selección de fontes, as consideradas como máis representativas do xénero lexicográfico indicado, inclúense tanto os dicionarios da Real Academia Española (desde o Diccionario de la lengua castellana de 1726-1739 ata a vixésima terceira edición do Diccionario de la lengua española, de 2014), como vinte e tres dicionarios non académicos. Por outro lado, e de acordo co autor, os lemas das 63 entradas indicadas foron seleccionados atendendo a tres criterios:
-
1) Voces que, nalgunha das fontes mencionadas, se definen con referencia explícita á lexicografía (por exemplo, contorno).
-
2) Voces que, sen cumpriren o criterio anterior, se vinculan nas definicións con conceptos que se empregan habitualmente nos estudos de carácter lexicográfico (por exemplo, glosario).
-
3) Voces que, sen cumpriren ningún dos dous criterios que se acaban de sinalar, “exponen conceptos que están documentados en textos especializados” (p. 17) (por exemplo, atlas lingüístico).
As 63 voces que conforman o lemario do DHTM son as seguintes: acepción, artículo lexicográfico, atlas lingüístico, calepino, círculo vicioso, combinación, concordancias, contorno, definición, definición circular, definición física, definición metafísica, definición quidditativa, definicional, definido -da, definiendum, diccionario, diccionario bilingüe, diccionario enciclopédico, diccionario etimológico, diccionario histórico, diccionario ideológico, diccionario manual, diccionario onomasiológico, diccionario semasiológico, diccionario de uso, diccionarista, diccioneo, diferencia específica, enciclopedia, entrada, glosario, hápax, índice, lema, lemario, lematizar, léxico, lexicografía, lexicógrafo -fa, lexicón, macroestructura, marca, microestructura, noción, nomenclador, nomenclátor, nomenclatura, onomasticón, palabra guía, panléxico,remisión, repertorio lexicográfico, sentido, subacepción, suma, tesauro, tesoro, thesaurus, vocabulario, vocabulista e voz guía.
Todas as entradas, presentadas de maneira moi sistemática e clara, ofrecen a mesma información, que introducimos mediante os termos empregados polo autor: lema, categoría gramatical, definición, glosa, autoridad textual e autoridad lexicográfica.
No que respecta ás definicións, estas foron elaboradas por Jesús Camacho a partir de tres fontes: a introspección, dous dicionarios terminolóxicos sobre lexicografía (concretamente Martínez de Sousa 1995 e Hartmann e James 2004) e cinco textos especializados (Porto Dapena 2002, Medina Guerra 2003, Haensch e Omeñaca 2004, Martínez de Sousa 2009 e Rodríguez Barcia 2016).
As glosas ofrecen datos sobre a presenza das voces nos dicionarios empregados como fonte para a selección, pero só no caso de que na información que estes proporcionan haxa algunha referencia á lexicografía. Se non ocorre así, encontraremos o seguinte texto. “No se registra en la práctica lexicográfica española como voz vinculada a la Lexicografía” (é o que sucede cun número considerable de lemas, como atlas lingüístico, definición física, noción, omomasticón etc.).
No apartado correspondente ás autoridades textuais, o autor pretende amosar a vixencia das voces estudadas na teoría lexicográfica actual, polo que acode a 45 investigacións posteriores ao ano 2000 para aboar o emprego das formas ou para indicar a súa ausencia. A tal fin ofrece un fragmento dun dos textos que conteñen o lema, coa correspondente referencia, ou ben indica que non se atopou documentación textual.
No apartado correspondente ás autoridades lexicográficas, ofrécense as definicións proporcionadas polos diferentes dicionarios que funcionan como fonte (os académicos e as vinte e tres obras non académicas), neste caso de maneira exhaustiva, posto que se ofrecen todas as definicións rexistradas, ordenadas cronoloxicamente.
A maiores da información indicada, o autor ofrece en certas entradas, inmediatamente despois da definición, algúns sinónimos (por exemplo, para a palabra acepción proporciona os sinónimos noción e sentido). Para unhas poucas voces non ofrece definición, senón que se remite a algunha variante (por exemplo, nomenclátor e nomenclador remiten para o seu significado a nomenclatura). Por outra banda, aínda que a maior parte das formas ofrecidas son monosémicas, nos casos de polisemia a información proporciónase para cada unha das acepcións do lema.
O DHTM vén encher un baleiro na lexicografía do español na medida en que non existe outra obra destas características que nos permita rastrexar a evolución dos termos e conceptos lexicográficos, ou relacionados coa lexicografía, a través dos dicionarios. Este traballo permítenos descubrir, por unha banda, como, cando e en que medida se foi introducindo a terminoloxía lexicográfica nos dicionarios xerais e, por outra banda, como foron mudando (ou non) as concepcións das e dos dicionaristas sobre o seu propio obxecto de traballo. A modo de exemplo, con respecto á primeira cuestión, no DHTM podemos comprobar que cómpre agardar ao ano 1987 para encontrar nos dicionarios a voz lemacomo forma vinculada á lexicografía (figura por primeira vez no Diccionario general ilustrado de la lengua española) e aínda bastante máis para atopar lemario e lematizar (en ambos os casos, en 1996). No segundo sentido indicado, e unha vez máis a modo de ilustración, resulta interesante estudar como foi mudando a interpretación de dicionario, enciclopedia ou lexicografía a través do tempo e das obras. Así, por exemplo, comprobamos a través do DHTM que foi a mediados do século XIX a primeira vez que un dicionario considerou a lexicografía como unha parte da lingüística ou que aínda en 2010 algúns dicionarios a interpretaban como unha arte.
Por outra banda, de acordo co autor, o DHTM ten por finalidade sentar as bases para a elaboración dun dicionario de terminoloxía lexicográfica do español (xénero representado exclusivamente por Martínez de Sousa 1995), a partir dunha análise documental previa. Tal e como sinala Jesús Camacho, ademais de ofrecer datos para coñecer e analizar o desenvolvemento da lexicografía, preténdese “aportar materiales y fuentes para un proyecto lexicográfico mayor cuyo fin es la elaboración de un diccionario de terminología lexicográfica en español” (p. 14).
Na súa forma actual o dicionario, con só 63 voces e cunha dimensión claramente histórica, non ocupa aínda ese espazo no panorama terminolóxico español, como tampouco o pretende o autor, tal e como se acaba de indicar. Precisamente, o feito de que no DHTM só se inclúan formas presentes nos dicionarios xerais supón un problema para a elaboración dun dicionario de especialidade, posto que moitos termos frecuentes e relevantes para quen traballa en lexicografía están ausentes dese tipo de obras (ou ben está ausente a acepción especializada), o que determina de súa vez a súa ausencia do DHTM. Referímonos, por exemplo, a voces fundamentais para a/o dicionarista bilingüe como equivalente, equivalencia ou discriminador de significado, a outras propias de dicionarios monolingües e bilingües como ejemplo, marca de transición semántica, marca diatécnica etc. (no DHTM só se recolle o termo xeral marca) ou a varios tipos de dicionarios, como diccionario didáctico, diccionario de dudas, diccionario normativo etc.
Un exemplo claro do que estamos a comentar encontrámolo se analizamos os lemas que designan tipos de definicións: tal e como se pode comprobar na listaxe de entradas arriba proporcionada, figuran no DHTM as unidades definición circular, definición descriptiva, definición física, definición metafísica e definición quidditativa. Agás no caso de definición circular, os outros lemas, que son expresións empregadas na filosofía aristotélica, unicamente aparecen recollidos en obras lexicográficas do século XVIII e para varios deles o autor non encontrou documentación textual nas obras do século XXI. Así pois, están ausentes do DHTM termos presentes na lexicografía actual como definición sinonímica, definición perifrástica, definición metalingüística etc. Neste sentido, a metodoloxía empregada, que implica, tal e como indicamos, a selección de voces a partir de dicionarios xerais, restrinxe as potencialidades da obra ao limitar o lemario a un número bastante reducido de formas.
De acordo co afirmado, o DHTM é sobre todo unha ferramenta de consulta (excelente, por outra parte) para quen desexe traballar sobre a recepción e desenvolvemento histórico da terminoloxía lexicográfica nos dicionarios xerais. Por tal motivo, na nosa opinión sería preferible un título menos amplo (ou algún acoutamento a través dun subtítulo) que transmitise con maior fidelidade o sentido da obra.
En calquera caso, e tendo en conta que o DHTM é un dicionario ben construído, elaborado de maneira sistemática, rigorosa e clara, pensamos que pode ser un excelente punto de partida para a confección dun dicionario histórico completo da terminoloxía metalexicográfica do español, construído xa non só a partir dos termos e conceptos presentes, como lemas ou sublemas, nos dicionarios xerais, senón tamén a partir da análise dos prólogos destes dicionarios así como dos traballos de investigación lexicográfica, que no DHTM funcionan unicamente a modo de fontes de autoridade (e só os do século XXI). Os alicerces están postos, contamos cos ladrillos e co mestre de obras, así que agardamos que este dicionario non se faga esperar moito. E finalmente, gustaríanos convidar ás persoas amantes da lexicografía, e as/os especialistas, a facer un percorrido polas páxinas do DHTM para descubrir a historia do saber e a reflexión lexicográficos da voz das propias e dos propios dicionaristas.
Bibliografía
Alvar Ezquerra, M. (dir.) (1987): Diccionario general ilustrado de la lengua española. Barcelona: Ramón Sopena.
Camacho Niño, J. (2014): Teoría de la lexicografía en diccionarios monolingües del español (Orígenes-Siglo XXI). Jaén: Universidad de Jaén. Tese de doutoramento.
Camacho Niño, J. (2017): Corpus Histórico de textos metalexicográficos del español: Prólogos. Jaén: Universidad de Jaén.
Haensch, G. e C. Omeñaca (2004): Los diccionarios del español en el siglo XXI. Salamanca: Universidad de Salamanca.
Hartmann, R. R. K. e G. James (2001): Dictionaryof Lexicography. New York: Routledge.
Martínez de Sousa, J. (1995): Diccionario de lexicografía práctica. Barcelona: Biblograf.
Martínez de Sousa, J. (2009): Manual básico de lexicografía. Gijón: Trea.
Medina Guerra, A. M. (coord.) (2003): Lexicografía española. Barcelona: Ariel.
Porto Dapena, J. A. (2002): Manual de técnica lexicográfica. Madrid: Arco Libros.
Real Academia Española de la Lengua (1726-1739): Diccionario de la lengua castellana en que se explica el verdadero sentido de las voces, su naturaleza y calidad, con las phrases o modos de hablar, los proverbios o rephranes, y otras cosas convenientes al uso de la lengua, dedicado al rey nuestro señor don Phelippe V (que Dios guarde) a cuyas reales expensas se hace esta obra. Madrid: Real Academia Española.
Real Academia Española de la Lengua (2014): Diccionario de la lengua española, 23ª edición. Madrid: Espasa.
Rodríguez Barcia, Susana (2016): Introducción a la lexicografía. Madrid: Síntesis.
ISSN: 0210-377X
Vol. 48
Num.
Año. 2021
Jesús Camacho Niño (2020): Diccionario histórico de la terminología metalexicográfica. A Coruña: Universidade da Coruña (Anexo 43 da Revista de Lexicografía), 95 pp.
,
Nota de copyright
Ao publicar en Verba, o/o autor/a-os/os autores/as cede/n todos os dereitos de explotación do seu artigo (incluíndo distribución, comunicación pública, reprodución e transformación) á Universidade de Santiago de Compostela, que, coas condicións e limitacións dispostas pola lexislación en materia de propiedade intelectual, é a titular do copyright e, por tanto, de todos os dereitos patrimoniais expresados, retendo o/o autor/a-os/os autores/as todos os dereitos morais que por lei lle corresponde/n (art. 14 TRLPI).
Sen prexuízo do anterior, e agás indicación contraria, todos os contidos distribúense en acceso aberto baixo unha licenza internacional Creative Commons BY-NC-ND 4.0. Calquera forma de reprodución, distribución, comunicación pública ou transformación desta obra non incluída na licenza Creative Commons BY-NC-ND 4.0 só pode ser realizada coa autorización expresa do titular do copyright, non sendo excepción prevista pola lei. Pode acceder Vde. ao texto completo da licenza nesta ligazón: https://creativecommons.org/licenses/by-nc-nd/4.0/deed.gl
Como citar
Outros datos estatísticos
Descargas
Descargas (Últimos 12 meses)
Imaxes
Artigos máis lidos do mesmo autor/a(s)
- María Álvarez de la Granja, Gómez Guinovart, Xavier (coord.) / Alberte Álvarez Lugrís / Eva Díaz Rodríguez (2012): Dicionario moderno inglés-galego. Santiago de Compostela / Vigo / Ames: Xunta de Galicia / Universidade de Vigo / 2.0 Editora, 1236 pp. , Estudos de Lingüística Galega: Vol 5 (2013)
- María Álvarez de la Granja, Trastes vellos ao faiado. Análise dun subtipo de refráns sen verbo principal , Estudos de Lingüística Galega: Vol 2 (2010)
- María Álvarez de la Granja, Carmen Fernández Juncal (2013): Léxico disponible de Cantabria. Estudio sociolingüístico. [Salamanca]: Ediciones Universidad de Salamanca, [Santander]: Editorial de la Universidad de Cantabria, 542 pp. , Verba: Anuario Galego de Filoloxía: Vol 41 (2014)