A revista Verba. Anuario Galego de Filoloxía publica anualmente estudos lingüísticos e filolóxicos. Naceu en 1974 coa intención de difundir os estudos filolóxicos realizados en Galicia e coa vocación de lle dedicar unha atención preferente á lingua galega. Desde entón o seu principal campo de estudo é o das linguas románicas, entre as que salientan o español, o galego e mais o portugués. Os seus volumes abordan temas variados que se inscriben en diferentes ámbitos da investigación lingüística e filolóxica: gramática, fonoloxía, léxico, edición de textos, teoría lingüística e pragmática. Cada anuario da revista Verba contén, alén de artigos de investigación inéditos, notas breves sobre cuestións concretas e recensións de libros. Admítese a presentación de traballos nas seguintes linguas: galego, castelán, portugués, catalán, francés, italiano e inglés.
Ademais do volume anual, a revista edita unha colección de anexos monográficos. Ata o ano 2010 Verba editouse en versión impresa (ISSN: 0210-377X). Desde 2011 edítase en formato dixital co ISSN 2174-4017.
O portal dixital de Verba publícase en galego, español e inglés.
Verba conta co Selo de calidade da FECYT desde 2014, está incluída en SCOPUS, ESCI, e ERIH PLUS, Latindex. CIRC catalógaa no grupo B en Ciencias Humanas. En MIAR ofrécese a listaxe de entidades en que Verba está indizada.