Este libro xorde vencellado á realización dunha exposición, Voces. La llingua n’Asturies al traviés de los sieglos, organizada no ano 2018 pola Conseyería de Cultura do Principado de Asturias. Na obra que comento, Xulio Viejo pretende expor “de manera cenciella y ordenada les claves históriques y les informaciones básiques relatives al patrimoniu llingüísticu de los asturianos” (p. 9). O autor busca axudar a formar “una base duradera y consistente pal conocimientu y la reflexón crítica sobre lo que la llingua asturiana representa socialmente”. Para poder acometer este labor, quere “describir con un casu prácticu y familiar cómo la capacidá humana d’interactuar col mundu al traviés del llinguaxe da camín a la forma de falar específica d’una comunidá de persones”.
O libro constrúese desde unha premisa tan simple coma incontestable: o asturiano non é outra cousa ca unha realización histórica máis da facultade da linguaxe, coma tódalas outras realizacións históricas que se produciron e producirán ó longo da historia. Se a lingua asturiana é simplemente iso, debería ser un obxecto lingüístico dunha natureza intrínseca similar á de calquera outra lingua, sexa o castelán, o inglés ou o maxakalí.
En moitos manuais de lingüística sostense que non existen variedades lingüisticamente superiores ou inferiores a outras. Con lingüisticamente referímonos a superiores ou inferiores en canto ás súas propiedades estruturais. Con todo, sabemos ben que esta premisa non lle resulta tan obvia a todo o mundo, pois é fácil encontrarmos prestixiosos lingüistas profesionais que acadan cargos de relevancia social e que pretenden levarnos a pensar o contrario: que algunhas variedades son dalgún xeito lingüisticamente inferiores a outras; son incompletas ou non aptas para as funcións sociais elevadas ás que algúns infelices as queren levar; estas variedades acaban por ser consideradas suntuarias, inútiles e mesmo prescindibles, que no mellor dos casos só achegan valores etnográficos, folclóricos ou sentimentais.
Non hai moitos anos, un lingüista español con moito prestixio só xulgaba probable que se puidese soster que o keresano e o inglés fosen cientificamente iguais, aínda que para iso houbese que invocar os manes idealistas de Karl Vossler. Supoño que por “cientificamente iguais” quería dicir “obxectos lingüísticos cunha natureza similar”. (Do valor do estudo científico de linguas coma o keresano supoño que non dubidará ningún lingüista serio.) En todo caso, debo confesar que non sei a que se refería o noso autor con “manes idealistas de Vossler” e, polo tanto, non podo invocalos, pero sigo a crer que o asturiano, o keresano ou o inglés son obxectos dunha natureza lingüística similar en tanto que diferentes concrecións históricas da facultade da linguaxe, como quere mostrarnos Xulio Viejo. (Do valor e interese científico do estudo do asturiano dá idea toda a produción lingüística que se lle leva dedicado.) As razóns son claras: é moi posible que se analizamos inglés e keresano vexamos que conteñen no seu seo non só unidades do primeiro e do segundo modo de articulación, senón tamén construcións que combinan e recombinan estas unidades para transmitiren significados que remiten a referentes externos. Isto é así porque keresano e inglés son producidas exactamente coas mesmas ferramentas cognitivas e sometidas ás mesmas presións e estratexias comunicativas básicas. Soster que as variedades do keresano son lingüisticamente inferiores ás variedades do inglés é soster que as mentes que ó longo dos séculos xeraron o keresano son inferiores ou menos perfectas cás mentes que xeraron o inglés. Realmente, a única diferenza entre o keresano e o inglés está na fortuna histórica do keresano: o que Xulio Viejo chama “oportunidaes históriques” (p. 11). E a fortuna histórica do keresano, alén de ser unha propiedade externa á súa estrutura lingüística, é só consecuencia da fortuna histórica do pobo keresano. A estas alturas resultaría insultante recordar que o fundamento das diferentes fortunas históricas dos distintos pobos non radica en bases biolóxicas, senón en causas sociohistóricas.
Vemos que algúns lingüistas profesionais mesmo se valen do seu saber e do seu prestixio para combateren os intentos de promocionar o cultivo e os usos altos das variedades lingüísticas que consideran dalgún xeito ou por algunha razón inferiores, imperfectas, insuficientes, pequenas. Cando os políticos, escritores, intelectuais, lingüistas ou cidadáns defenden a promoción da súa lingua ou variedade minorizada (ou simplemente minoritaria), poden ser acusados de formar parte dunha elite local egoísta e reaccionaria que só busca o seu propio beneficio mantendo a súa comunidade na ignorancia, no illamento e no atraso. Pola contra, cando os políticos, escritores, intelectuais, lingüistas ou cidadáns promoven o uso dunha lingua forte (desas que aquí en España acostuman a chamar comúns), gozan de mentes abertas, xenerosas e racionais que só pretenden ampliar os horizontes de liberdade, cultura e progreso da súa comunidade.
Esta visión só é unha expresión parcial doutra máis ampla común e abranguente promovida por algúns círculos políticos, culturais e lingüísticos. Estes grupos critican que existan persoas con identidades ligadas a particularismos que defenden, coma as linguas rexionais ou as comunidades históricas. Realmente o que se fai, máis ben, é condenar identidades consideradas erradas coa escusa de que inclúen as persoas en comunidades xulgadas menores, pechadas, disgregadoras, insolidarias; se as persoas mantivesen só identidades xulgadas correctas, as que as vinculan a unha comunidade grande, integradora, solidaria, aberta, todo estaría ben e nada sería criticable. Mellor se todos fosen iguais coma as formigas arredor da raíña.
En definitiva, existen lingüistas e intelectuais competentes que se xulgan demócratas e que empregan discursos (xeralmente pseudo)científicos para denigraren o asturiano, negaren a súa existencia como lingua diferenciada, criticaren o seu proceso de estandarización e os intentos de promover a súa normalización e oficialización. É ilustradora a cita de Ortega y Gasset que Xulio Viejo nos ofrece na p. 175. Este é o contexto sociocultural en que se escribe este libro, de feito.
Así pois, a obra que comento sostense sobre dúas patas: dun lado, un sólido coñecemento científico que vai máis aló da Lingüística; doutro lado, un compromiso persoal co asturiano, unha lingua non só minorizada, privada do status oficial (e, polo tanto, de toda a protección que dese status lle resultaría), senón tamén mesmo negada e considerada inexistente. Alguén podería pensar que con esta combinación dos planos moral e científico, Xulio Viejo cae nunha contradición metodolóxica e comete un pecado científico, moral ou político. Penso eu que as persoas dedicadas á lingüística precisan destas dúas patas para andaren. Xulio Viejo chega a expor honradamente que dubida de que faga ben cando recoñece o propósito militante do seu libro, que podería ser “probablemente la so principal vulnerabilidá” (p. 24). Non estou de acordo con el nesta dúbida. Como eu o vexo, existen algúns axiomas científicos moralmente neutros xeralmente compartidos pola comunidade dos lingüistas, como por exemplo:
-
a) Non hai linguas ou variedades lingüísticas naturais intrínseca e inevitablemente defectuosas, incompletas, inútiles para a comunicación.
-
b) As diferentes formas de expresión lingüística das comunidades axudan a conformar estas comunidades e manan desas comunidades.
-
c) A diversidade das formas lingüísticas axúdanos a comprender de que xeitos diversos se pode manifestar e realizar a facultade da linguaxe; a perda desta variación dificulta o coñecemento das diversas posibilidades en que se pode concretar a facultade da linguaxe, o que supón unha limitación á hora de coñecermos en profundidade a natureza humana.
Postulados moralmente neutros coma estes, en persoas de mentalidades abertas con crenzas democráticas, deberan conducir a outros postulados morais que levasen, polo menos, se non á defensa da diversidade lingüística e cultural, polo menos á súa comprensión: á fin e ó cabo, respectar unha lingua ou unha variedade lingüística é o mesmo ca respectar as persoas que as falan... e tódalas persoas, só por selo, merecen respecto. Como sinala Xulio Viejo (p. 12), o que chamamos asturiano non é máis có resultado da “capacidá plena d’unes cuantes xeneraciones de persones pa modular el potencial humanu pal conocimientu y la empatía d’una manera nin meyor nin peor” cá que representan outras alternativas, outras linguas, que xurdiron noutros ámbitos xeográficos, coma o inglés, o maxakalí, o keresano ou o castelán. De aí xorde o seu compromiso ético: “esfrutar ensin prexuicios de la diversidá lingüística ye poner a valir la mesma plenitú moral de la vivencia humana en términos universales”. A Xulio Viejo gozar do asturiano permítelle gozar da riqueza da diversidade humana “ensin salir de casa”.
Como xa dixen, Xulio Viejo quere ofrecerlles ferramentas teóricas útiles ós cidadáns non especialistas para detectaren os prexuízos que sobre o asturiano promove ese “sentido común” con aparente sustento científico. Por iso precisa basearse nos principios lingüísticos fundamentais amentados: o carácter universal da facultade lingüística, a variación como forma de existir de expresarse a facultade da linguaxe e a igualdade plena de tódalas linguas “en cuantes al so potencial cognitivu o les sos posibilidades d’ellaboración cultural” (p. 10). Como xa dixen arriba, xulgo evidente que a selección e exposición delongada destes principios que dan fundamento básico ó libro non resulta allea ó contexto sociopolítico hostil en que vive a lingua asturiana.
Precisamente, para poder achegarse á historia do asturiano dun xeito científico, comeza o autor cunha introdución a cuestións de lingüística xeral, centrándose nas características propias da linguaxe humana e, polo tanto, de calquera lingua (por exemplo, pp. 25-30). Ten tamén un capítulo sobre a diversidade lingüística (pp. 31-37) que sitúa o asturiano filoxeneticamente entre as demais linguas do mundo. O resto do libro é xa basicamente unha historia externa do asturiano.
Cabe sinalar que estas orientacións (que tamén vemos nos traballos de Ramón d’Andrés) non me parecen comúns nas historias da lingua galega; nos traballos galegos adoitamos encontrar un enfoque máis sociohistórico, fundamentado máis nas reflexións da sociolingüística, sincrónica ou diacrónica. É posible que esta diferenza se deba a que (case) ninguén nega hoxe en día seriamente a existencia do galego como lingua (incluso a maioría dos galegos que usan o portugués como lingua padrón de referencia falan a miúdo do “galego”: o galego internacional) e, sobre todo, como lingua distinta do castelán; as preocupacións dos historiadores galegos van máis polas explicacións das relacións históricas entre galego, portugués e castelán e por explicar os procesos de emerxencia, decadencia e recuperación do galego.
Para o lector galego é interesante a lectura deste libro pois permítelle contemplar tanto coincidencias coma diferenzas na fortuna histórica das dúas linguas minorizadas veciñas no noroeste da Península Ibérica. O xurdimento das linguas a partir do latín, a castelanización tardomedieval da administración e da Igrexa (e con todo a existencia de catecismos en asturiano), o nacemento da consciencia da existencia da lingua asturiana por medio do contraste coas circundantes, o reparto diglósico das linguas, o nacemento dun castelán de Asturias. Fala tamén da creación do glotónimo bable, que non é de procedencia popular (como si o é asturiano), senón erudita. Chama a atención que o asturiano gozase sempre dun certo prestixio de fondo que promovera certo orgullo identitario. Segundo Viejo, a fundación da Universidade de Oviedo, por exemplo, contribuíu a crear un ambiente “afayadizu pa una nueva valoración intelectual del asturianu, y, como consecuencia inmediata, pal surdimientu d’una lliteratura nesta llingua”, cousa que non sucedeu en Santiago. Xa en 1639 se celebran uns Xogos Florais en que se escribe e premia o Romance de Santa Olaya; no século XVIII, Jovellanos promove a creación dunha Academia Asturiana de Buenas Letras coa finalidade de elaborar un dicionario e unha gramática do asturiano (p. 151). Interesa tamén indicar o prestixio espontáneo do asturiano central, onde figuran Oviéu, Xixón e Mieres, tanto na fala popular coma nos textos escritos.
En fin, Xulio Viejo ofrécenos unha completa visión do asturiano. É unha obra de divulgación de calidade, ben fundamentada. Un exemplo de transferencia á sociedade dos logros que a investigación en lingüística consegue.
Só unha cousa me chama a atención de maneira negativa e non podo deixar de mencionala. O título da obra é La llingua en’Asturies al traviés de los sieglos e, como expuxen ó principio desta recensión, busca expor “de manera cenciella y ordenada les claves históriques y les informaciones básiques relatives al patrimoniu llingüísticu de los asturianos”. Pero o certo é que o asturiano só é unha parte do patrimonio lingüístico dos asturianos e só unha das linguas de Asturias. Outra parte é o galego, ou o galego-asturiano, ou o galego de Asturias, ou o eonaviego ou a fala ou como se chame... Se non contei mal, esta variedade só aparece mencionada de forma circunstancial dúas veces (desculpas se aparece máis) e non é obxecto de ningunha reflexión por parte de Xulio Viejo. Non queda claramente incluída no patrimonio lingüístico dos asturianos.
Dado que hai unha certa tendencia no nacionalismo galego a considerar galegas as comarcas asturianas de fala galega e que tamén hai un certo temor da parte asturiana á intromisión dos galegos nas cousas de Asturias, esta sería unha boa ocasión para lembrarnos que o patrimonio lingüístico de Asturias e dos asturianos inclúe ese falar do occidente de Asturias que tamén é asturiano e dos asturianos, e que tamén merece ser reivindicado, descrito e protexido polos asturianos, tanto se o falan coma se non.