A Rede Temática de Investigación “As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano” (LIXMI) foi fundada no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades en febreiro de 2004. Dende aquela ofrécelle, cada ano, ás persoas mediadoras entre o libro infantil e xuvenil e o seu posíbel lectorado, así como a aquelas persoas interesadas na Literatura Infantil e Xuvenil (LIX) en xeral, unha publicación monográfica coa que coñecer e afondar un pouco máis na LIX galega, mais tamén nas literaturas infantís e xuvenís do marco ibérico, como son a castelá, a catalá, a portuguesa e a éuscara, e do iberoamericano, como a brasileira, a mexicana ou a chilena.
Ao longo destes preto de vinte anos foron moitos os xéneros, as temáticas ou mesmo os axentes literarios abordados para o seu estudo. A narrativa, a poesía, a literatura dramática, o álbum, a banda deseñada, os premios literarios, a importancia dos clásicos, a morte e as súas representacións, o Camiño de Santiago, as imaxes das nenez e da vellez, a relevancia das mulleres como axentes literarias, as representacións do mundo árabe ou o reflexo das guerras mundiais, por só nomear algúns exemplos, foron, entre outras moitas, cuestións escolleitas polo persoal investigador e docente que conforma LIXMI para ir cubrindo posíbeis lagoas no eido da investigación en LIX e na formación daquelas persoas que se van dedicar, ou exercen xa, a docencia nas etapas educativas de infantil, primaria e secundaria.
Neste ano 2023 o monográfico publicado por LIXMI, grazas, como vén sendo habitual, a Edicións Xerais de Galicia e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, leva por título Nenas transgresoras na LIX e, como nel se anticipa, o volume céntrase naquelas producións literarias dirixidas aos máis novos que presentan personaxes nenas que na LIX dos diferentes ámbitos do marco ibérico e iberoamericano romperon ou rompen con estereotipos de xénero e coas normas para elas estabelecidas. Nenas, nalgúns casos tamén mozas, que se enfrontan ao instituído para elas de diferentes maneiras e que coas súas actitudes e comportamentos poden servir de exemplo ás posíbeis lectoras e lectores das obras.
A obra, coordinada por Marta Neira Rodríguez, Blanca-Ana Roig Rechou e Isabel Soto López, tres investigadoras cunha ampla traxectoria no estudo da LIX galega e coautoras, con outras docentes, dunha das historias da literatura infantil e xuvenil galega máis recentes –Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega, Xerais, 2012–, reflicte unha estrutura común a moitos monográficos publicados por LIXMI con anterioridade; unha arquitectura clara que permite distinguir unha introdución, breve e moi xeral, que anticipa o contido do monográfico; un estudo introdutorio centrado no tratamento dos estereotipos de xénero nos contos marabillosos; un apartado denominado “Panorámicas”, subdividido en dúas partes en función de se os estudos acollidos se corresponden con investigacións vinculadas co ámbito ibérico ou iberoamericano; un apartado denominado “Unha selección para a educación literaria” e, finalmente, un conxunto de “Comentarios cara a formación lectora”. Así mesmo, Nenas transgresoras na LIX péchase cun traballo vinculado co estudos das imaxes, das ilustracións, das obras, pois unha das características deste grupo interdisciplinar que conforma LIXMI é a atención prestada dende o momento da súa creación aos paratextos en xeral e ás ilustracións en particular.
Deste xeito, logo desa introdución xeral, responsabilidade das coordinadoras do volume, a publicación ábrese cun estudo introdutorio, “El trencament de l’estereotip: les nenes i les noies a les rondalles meravelloses”, realizado por Caterina Valriu, unha investigadora do ámbito catalá, vinculada coa Rede LIXMI dende o momento da súa creación e, como o testemuñan moitas das súas publicacións, cun gran coñecemento dos contos dos contos de transmisión oral. Nel Valriu analiza os contos marabillosos máis divulgados na actualidade para observar o papel que as personaxes de sexo feminino e pouca idade desenvolveron. Un estudo que acouta outros traballos de maior calado que a autora ten sobradamente capacidade de abordar.
A este traballo da investigadora pertencente á Universitat de les Illes Balears séguelle un conxunto de sete estudos nos que se ofrecen, dende a óptica dos ámbitos do marco ibérico (ámbitos castelán, catalán, galego, portugués e vasco) e os do iberoamericano (ámbitos brasileiro e mexicano), o tratamento dado ás diferentes nenas conculcadoras presentes nos libros infantís e xuvenís publicados no século XXI, se ben existen tamén aproximacións ás existentes nos editados no século XX. Son traballos da autoría de persoal docente e investigador de diferentes universidades cun gran coñecemento da literatura concreta da que se ocupan, tales como Cristina Cañamares e Jesús Díaz Armas, polo ámbito castelán; Margarida Castellano e Moisés Selfa, polo ámbito catalán; Carmen Ferreira, Marta Neira e Blanca Roig, polo ámbito galego; Madalena Teixeira da Silva, Elisama Oliveira e Carina Rodrigues, polo ámbito portugués; Xabier Etxaniz e Karla Fernández, polo ámbito vasco; Vera Teixeira e Alice Áurea Penteado, polo ámbito brasileiro, e Itzel Vargas, Ana Fortoul e Laura Guerrero, polo ámbito mexicano.
Como xa se adiantou, tamén se incorpora en Nenas transgresosas na LIX o común apartado a anteriores publicacións de LIXMI “Unha selección para a educación literaria”, que nesta ocasión acolle preto de medio cento de obras organizadas segundo os diferentes ámbitos e todas elas publicadas no século XXI, ou con reedición neste século. Un conxunto de títulos, dos que se ofrece a ficha bibliográfica e mais unha breve sinopse da súa estrutura e argumento, que, de consultarse, poden ser de gran proveito para quen queira abordar a lectura de obras con protagonistas ou personaxes secundarias nenas ou mozas que amosan insubordinación de diferente xeito ante quen ten, ou pretende ter, autoridade sobre elas.
Así mesmo, a monografía de LIXMI publicada neste 2023 engade tamén o habitual apartado denominado “Comentarios cara á formación lectora” que nesta ocasión presenta como novidade o feito de incluír un total de vinte e un comentarios de obras diferentes, non presentes, en “Unha selección para a educación literaria”, pero, igualmente, moi significativas para a temática elixida neste monográfico. Unha decisión das persoas integrantes desta rede interdisciplinar creada en 2004 que permite o coñecemento dun maior número de obras, máis de setenta, pois, a diferenza de monográficos publicados anteriormente as obras comentadas non se inclúen na selección para a educación literaria. Apóstase así polo coñecemento dunha maior cantidade de títulos dos diferentes ámbitos que conforman LIXMI, xa que o lectorado pode acceder, ademais de aos incluídos na selección por cada ámbito, a maiores, aos títulos comentados; un aumento numérico que non leva parello unha perda da calidade dos títulos seleccionados.
Péchase o volume co traballo “Reflicten as imaxes todo o poder das rapazas?”, asinado por Carmen Franco, docente na Universidade de Santiago de Compostela, especialista nas artes plásticas, que comenta como foron representadas as nenas e mozas nas ilustracións dos libros seleccionados e comentados polos diferentes ámbitos no monográfico. Unha contribución que evidencia que continúa sendo moi necesario traballar na representación en igualdade de homes e mulleres.
En definitiva, Nenas transgresoras na LIX é unha publicación de áxil lectura e fácil comprensión que pode ser unha gran ferramenta para mestres e mestras, persoas encargadas de bibliotecas etc.; xente comprometida e consciente da importancia de educar literariamente e en igualdade. Unha monografía que amosa como dende os diferentes ámbitos lingüísticos do marco ibérico e iberoamericano os autores e as autoras plasmaron nas obras a representación de nenas e mozas contraventoras do que lles viña imposto ou se lles quería poñer dende o poder patriarcal ou doutros poderes. Unha obra necesaria que recoñece a importancia das personaxes femininas que poden servir de modelos para o lectorado do século XXI.