O león, a bruxa e o armario: recreacións e fantasía na narración infantil de C. S. Lewis
Contido principal do artigo
Resumo
Resulta difícil comprender calquera relato infantil sen recoñecer a existencia de dous mundos paralelos, o primario ou real e o secundario ou ficticio. C. S. Lewis parece comprender este feito á perfección e plasmalo con excelencia nun relato cheo de fantasía e cun alto compoñente alegórico como son Las Crónicas de Narnia (2000). O propósito desta achega é mostrar o simbolismo presente na obra de C. S. Lewis, principalmente, en El león, la bruja y el armario (1952/2002). En primeiro lugar, trátase de relacionar a escritura da obra co momento biográfico no que se escribiu (Duriez, 2013); posteriormente, analízase o simbolismo presente na obra dende dúas perspectivas principais: o mítico e o alegórico (Gray, 1998; Adey, 1998; Williams, 2012). En referencia ao mítico sublíñanse algunhas das conexións da obra co folclore nórdico e con outras tradicións, mentres que ao estudar os elementos alegóricos, comentaranse determinadas pasaxes de reminiscencias marcadamente bíblicas. Por último, extráense algunhas conclusións que pretenden contribuír ao estudo desta saga.