Resumo

En 1801, durante a Guerra das Laranxas, o territorio portugués de Olivenza foi ocupado polas tropas comandadas por Manuel Godoy e pasou a ser administrado por España (Tratado de Badaxoz, 1801). Esta mudanza de soberanía traerá fondas alteracións en diversos aspectos da vida deste territorio xunto ao río Guadiana, entre eles tamén o lingüístico. Neste contexto, o castelán desprazou o portugués e tornouse a lingua da nova administración, relegando o idioma luso a un segundo plano. Pasados máis de dous séculos, a lingua portuguesa en Olivenza vive hoxe unha situación moi precaria, as medidas de protección son escasas ou nulas e o encadramento legal practicamente inexistente.


Este artigo presenta os resultados dunha investigación sobre a situación sociolingüística de Olivenza. Para acadar ese obxectivo, presentamos unha análise dos usos e das actitudes lingüísticas extraídas dun corpus constituído por entrevistas realizadas a cidadáns e cidadás da cidade de Olivenza e o seu alfoz. Os resultados preliminares revelan que o portugués en Olivenza se encontra nunha clara situación de minorización e que as actitudes lingüísticas dos oliventinos non son, en xeral, moi favorables ao uso e preservación da lingua portuguesa.