O presente volume constitúe a décimo terceira entrega da colección Cambridge Syntax Guides, que ten como obxectivo difundir resultados de gran calado, tanto teóricos como descritivos, sobre a sintaxe de linguas particulares e, desta maneira, contribuír ao estudo da sintaxe comparada. The Syntax of Portuguese pon o foco nas propiedades sintácticas comúns a todas ou á maioría das subvariedades de portugués europeo (PE) e portugués brasileiro (PB), aspirando deste xeito a ofrecer unha panorámica dos principais aspectos sintácticos do portugués contemporáneo. Os autores asumen na súa descrición a teoría de corte xenerativo de Principios e Parámetros, de maneira que o seu centro de interese é a competencia sintáctica dos falantes nativos de PE e PB na vertente espontánea oral. A modo de exemplo, Kato, Martins e Nunes seguen este criterio cando exclúen da gramática do PB os clíticos de acusativo de terceira persoa o, a, os, as, que non pertencen á competencia gramatical nativa dos falantes, senón que son adquiridos na etapa escolar.
Segundo os autores, catro aspectos diferencian este manual doutros manuais de referencia tradicionais. O primeiro é a aposta decidida por unha perspectiva teórica particular, fronte á neutralidade no plano teórico que comunmente se lle supón a un traballo de referencia. O segundo é o foco nas propiedades internas das variedades estudadas, claramente derivado do posicionamento teórico antedito, fronte á atención ás súas propiedades de uso. Desta maneira, son xeralmente excluídos factores sociolingüísticos, diacrónicos ou relacionados coa adquisición, aínda que estes son tratados cando resultan relevantes para o contraste entre PE e PB. O terceiro aspecto que singulariza este manual fronte a outros é a atención ás propiedades comúns á maioría das subvariedades de PE e PB, o cal supón a exclusión de elementos xa en desuso ou non presentes na maioría de subvariedades. Por último, o manual estuda a gramática, independentemente de se esta se considera estándar ou non. En consecuencia, o uso dos pronomes tónicos ele, ela, eles, elas en posición de obxecto en PB, a pesar de se tratar dun uso condenado desde o punto de vista prescritivo e sociolingüisticamente estigmatizado, é incluído na descrición da gramática da variedade brasileira.
O volume está constituído por oito capítulos, incluíndo a introdución (Capítulo 1) e a conclusión (Capítulo 8). Os capítulos 2 a 7 comparan as gramáticas de PE e PB a respecto dunha propiedade sintáctica particular, destacando a relevancia teórica das semellanzas e as diferenzas ilustradas. O capítulo 2, “The Pronominal System”, achéganos aos sistemas pronominais de PE e PB, que, como en calquera lingua, están asociados a propiedades sintácticas de importancia fundamental. Isto xustifica que a exposición comece por esta coordenada gramatical, pois está intimamente conectada con asuntos que centrarán a atención de capítulos posteriores como, por exemplo, os diferentes sistemas de concordancia (Capítulo 3), a través do sistema pronominal nominativo, ou as diferentes interpretacións dos posesores nulos (Capítulo 6), se pensamos nos sistemas de pronomes xenitivos, comunmente denominados posesivos no ámbito galego. O capítulo comeza presentando a división tripartita entre pronomes persoais fortes, débiles e clíticos, exemplificados, respectivamente, por você, cê e te para a segunda persoa de singular en PB. A seguir, os autores ofrecen unha descrición dos sistemas pronominais do portugués atendendo ás categorías de persoa, número, xénero, caso e reflexividade. Isto prepara o terreo para a discusión das semellanzas e diferenzas entre PE e PB no eido pronominal. Na primeira persoa, o portugués caracterízase por posuír unha única serie de pronomes singulares (que ten como nominativo eu) e dúas series de pronomes plurais (representadas no nominativo unha delas por nós e a outra por a gente). Neste respecto, a principal diferenza entre PE e PB é o diferente status de nós e a gente no paradigma pronominal. En PE, nós é a forma non marcada, empregada tanto en rexistros formais como informais e totalmente produtiva desde o punto de vista gramatical, mentres que a gente é máis restrinxida, pois non pode funcionar como pronome reflexivo, as súas formas de dativo e xenitivo son marxinais para algúns falantes e expresa empatía e solidariedade. En PB, porén, a serie non marcada é a representada por a gente, que é de uso máis frecuente, cobre todas as posibilidades de caso e ten tanto usos reflexivos como non reflexivos. En consecuencia, a serie representada por nós goza na variedade brasileira dun status moi precario, con moitos dos seus membros substituídos polos correspondentes da serie de a gente, ademais de as súas formas estaren restrinxidas ao rexistro formal. O capítulo continúa examinando detalladamente as características e contrastes dos sistemas pronominais de segunda e terceira persoa, antes de dar paso a un resumo final que sintetiza en tan só dúas táboas e unhas poucas páxinas o groso da información do capítulo, algo que, certamente, o lector agradece.
O capítulo 3, “Agreement”, afonda na concordancia nominal e verbal. No ámbito nominal, os autores presentan as principais características morfolóxicas e sintácticas da concordancia de xénero e número. No relativo á primeira destas propiedades morfosintácticas, PE e PB non mostran grandes diferenzas. É na categoría de número onde se dan contrastes transcendentes, pois, mentres na variedade europea hai concordancia total na frase nominal, nos dialectos da variedade brasileira atopamos tres posibilidades: concordancia total (e.g. aqueles carros brasileiros pequenos), non concordancia (e.g. aqueles carro brasileiro pequeno) e concordancia parcial (e.g. aqueles carros brasileiros pequeno). No ámbito verbal, a concordancia con predicados nominais e adxectivos mostra paralelismos coa concordancia dentro da frase nominal no relativo aos contrastes entre PE e PB, xa que a concordancia de xénero é obrigatoria nas dúas variedades, pero a concordancia de número non o é en todos os dialectos brasileiros (confróntese essas médicas também são professoras, padrón propio do PE e de moitas variedades do PB, con essas médicas também são professora, exclusivo de certos dialectos brasileiros). No tocante aos predicados verbais, pode darse concordancia de xénero e número, caso dos participios, ou de persoa e número, caso das formas finitas e das infinitas flexionadas. Para a concordancia de xénero e número nos participios aplica o xa sinalado anteriormente: poucas diferenzas entre PE e PB no relativo ao xénero, contrastes notables a respecto do número. Cando se trata de concordancia de número e persoa, dado que a marca canónica do suxeito sintáctico é a forma nominativa do pronome, as diverxencias entre PE e PB están ligadas ao paradigma de pronomes nominativos examinado no Capítulo 2. Se tomamos como referencia o presente de indicativo, a variedade europea presenta cinco posibilidades de flexión de persoa e número (danço, danças, dança, dançamos, dançam), mentres que a brasileira posúe só catro (danço, dança, dançamos, dançam), consecuencia da perda do pronome de segunda persoa tu. Porén, as diverxencias son aínda maiores se se ten en conta o dito máis arriba sobre a decadencia da serie de pronomes representada por nós en PB, pois, como apuntan os autores, a forma nominativa desta serie encóntrase nun proceso de substitución por a gente e isto fai que en variedades non estándar de PB sexa común a concordancia de nós cunha forma verbal de terceira persoa. De feito, esta tendencia á concordancia coa terceira persoa de singular en PB non é exclusiva de nós, senón que tamén se verifica noutros membros do paradigma pronominal como vocês e eles. Tras examinar o comportamento das formas infinitas flexionadas (infinitivo e, nalgunhas variedades de PE, xerundio), o restante do capítulo dedícase, por unha banda, a propoñer unha reanálise dos sistemas de concordancia do portugués tendo en conta a especificación de trazos para os pronomes nominativos e o modo en que a flexión verbal corresponde con estes trazos e, por outra banda, a examinar casos especiais de concordancia, como a que se dá con verbos inacusativos ou con suxeitos coordinados.
O capítulo 4, “Null Subjects”, estuda os suxeitos elípticos, isto é, a posibilidade de omitir o primeiro argumento do predicado en determinados contextos sintácticos. Non debe sorprender que nesta coordenada gramatical PE e PB tamén amosen importantes contrastes. Como en casos anteriores, o capítulo comeza presentando os esteos teóricos que permitirán comparar PE e PB en relación co dominio sintáctico que constitúe o centro de atención, nesta ocasión, os tres tipos de suxeitos elípticos: definidos, indefinidos e expletivos. Canto aos do primeiro tipo, aínda que tanto PE como PB permiten os suxeitos elípticos definidos (e.g. terminei o trabalho), estes coñecen un uso moito máis consistente na variedade europea e mostran na brasileira unha tendencia diacrónica descendente. Os suxeitos elípticos indefinidos (e.g. demitiram o João) e expletivos (e.g. choveu ontem), pola súa parte, son obxecto dunha análise diferente, pois, pola súa natureza, carecen de homólogos non elípticos. Os autores detéñense nos detalles sintácticos e semánticos destes tipos de suxeito, así como noutros asuntos de interese, como a existencia do suxeito expletivo non elíptico ele en certos dialectos do PE, equivalente ao el pleonástico do galego. Como se adiantou, PE e PB mostran importantes disimilitudes nesta coordenada sintáctica, sendo a primeira variedade un exemplo típico de lingua pro-drop, onde a forma non marcada dos pronomes (coa excepción de a gente) é a elíptica, e a segunda un exemplo do contrario, pois a forma elíptica é claramente marcada e a súa aceptabilidade é variable e dependente do pronome e do contexto sintáctico. Como no caso do Capítulo 2, os autores ofrécennos no resumo final dúas táboas que sintetizan de maneira moi elocuente a información fundamental deste capítulo.
O capítulo 5, “Word Order”, trata a orde dos constituíntes, que en portugués, como en galego e moitas outras linguas románicas, ten como padrón non marcado SVO (suxeito-verbo-obxecto). En boa medida, este capítulo pon o foco en disposicións dos constituíntes diferentes de SVO e nos factores que as fan posibles. O capítulo comeza presentando a relación entre a orde dos constituíntes e a estrutura informativa en oracións declarativas, prestando atención aos contrastes entre a orde SV(O) e VS(O), á topicalización de elementos diferentes do suxeito e á interacción entre o foco e a orde dos constituíntes, entre outros asuntos. A seguir, os autores atenden á orde de palabras en oracións interrogativas e exclamativas e en contextos infinitos, así como á colocación dos clíticos. É neste último ámbito onde as diverxencias entre PE e PB son máis evidentes. De maneira semellante ao galego, o PE ten diferentes configuracións de próclise e énclise, sendo esta última opción a non marcada. Os factores que provocan a próclise son moi variados e inclúen a presenza de elementos negativos, dun foco contrastivo, de adverbios de foco, de cuantificadores e indefinidos, de conxuncións subordinantes etc. Ademais, existe unha complexa casuística en contextos infinitos e tempos verbais como o futuro e o condicional do indicativo, que non permiten a énclise en contextos non marcados, senón que requiren a colocación do clítico entre a raíz verbal e o morfema flexivo, isto é, a mesóclise. O PB, pola súa parte, posúe un sistema esencialmente proclítico. Porén, hai que ter en conta tres feitos que dificultan a descrición do PB neste dominio. O primeiro é o reducido inventario de clíticos en comparación co PE, que queda limitado a me, te e se. O segundo feito relevante é o contraste entre a lingua oral e a escrita, pois nesta última existe a énclise como resultado da escolarización, aínda que isto non supón que o sistema de clíticos do PB escrito sexa idéntico ao do PE. O terceiro e último factor a ter en conta é o comportamento particular dos usos indefinidos de se e dos clíticos acusativos o, a, os, as na variedade escrita, que constitúen as principais excepcións á regra xeral de próclise na variedade brasileira. No resumo final, os autores tiran conclusións interesantes que conectan os contidos deste capítulo cos de capítulos anteriores e asocian, deste xeito, características do PB como a redución do paradigma pronominal (Capítulo 2) e a falta de especificación no relativo á concordancia (Capítulo 3) cunha orde dos constituíntes máis ríxida.
O capítulo 6 titúlase “Null Objects and Null Possessors” e complementa o Capítulo 4, pois este último trata os suxeitos elípticos e o presente capítulo afonda nos obxectos elípticos e nos posesores elípticos. Os autores achégannos en primeiro lugar aos obxectos directos elípticos, centrando a atención nos obxectos directos definidos e atendendo á influencia de catro factores: o trazo [persoa], o trazo [humano], a posición do antecedente e as illas sintácticas. Estas últimas exercen unha influencia máis notable no PE ca no PB, pois, por exemplo, os obxectos elípticos dentro de illas sintácticas fortes, como as oracións de relativo ou os suxeitos oracionais, non son aceptables na variedade europea, mais na brasileira certas configuracións do trazo [humano] e da posición do antecedente si fan posible a elisión nestes contextos. A exposición pasa despois a examinar os obxectos oblicuos elípticos, que difiren en gran medida dos anteriores, xa que a elisión dos oblicuos mostra gran sensibilidade ás propiedades léxicas do verbo, mentres que a elisión dos obxectos directos é allea a este tipo de propiedades. Isto dá lugar a que a orixe das diferenzas entre PE e PB a este respecto non coincida coa do caso anterior, estando agora ligada ás características de cada verbo particular na variedade en cuestión. Os autores observan que o PB parece posuír un número maior de verbos que permiten a elisión dos obxectos elípticos có PE. Por último, o capítulo discute a elisión de expresións posesivas, sexan pronomes, frases nominais introducidas por de ou clíticos de dativo. A principal diverxencia neste eido é que o PE permite un número maior de interpretacións, pois fai uso de pronomes elípticos, fronte ao PB, que só permite a elisión de pronomes en contextos sintácticos moi determinados.
O capítulo 7, “Affirmation, Negation, and yes/no Questions and Answers”, precede as conclusións e é quizais o capítulo con maior independencia do volume. O título é ben ilustrativo dos temas que aborda (afirmación, negación, preguntas e respostas absolutas) e cómpre engadir que trata con maior detemento a expresión destas coordenadas gramaticais en contextos non neutrais. Comézase a exposición atendendo á codificación gramatical da afirmación enfática. Unha afirmación neutral en oracións declarativas non recibe marca, mais existen padróns de afirmación enfática que resultan do uso ben de partículas afirmativas (sim, pois, já), ben da reduplicación do verbo. Aquí o PB mostra maiores restricións có PE, pois só neste último é posible o uso de pois como marca de afirmación, así como a reduplicación do adverbio já e a repetición do verbo co fin de sinalar asentimento enfático. Fronte á afirmación, a negación sempre require unha marca explícita, que dá lugar a diferentes tipos de negación: negación clausal, negación enfática, negación metalingüística e negación expletiva. Nesta ocasión, é o PB o que posúe un espectro máis amplo para a codificación desta coordenada gramatical, como ilustra o caso da negación enfática: a pesar de que tanto o PE como o PB permiten o uso de não ao final da cláusula, só en PB é este uso posible en cláusulas subordinadas, con imperativos negativos e en interrogativas absolutas para inclinar cara a unha resposta positiva. A seguir, os autores tratan as preguntas absolutas tendenciosas (biased polar questions), que resultan de combinar a negación cunha interrogativa absoluta, que desta maneira pasa a estar orientada cara a unha das dúas respostas (e.g. Você não vem amanhã?). Nesta área, as diferenzas entre PE e PB son mínimas.
O volume conclúe co capítulo 8, que contén a conclusión, de tan só nove páxinas, seis das cales son ocupadas por táboas que resumen varios aspectos examinados ao longo do volume e que constitúen en case todos os casos adaptacións ou reiteracións de táboas presentadas anteriormente. A pesar desta brevidade, a conclusión resulta efectiva, ao destacar as principais conexións entre os seis capítulos do volume e resumir de maneira concisa os resultados máis significativos. Nas páxinas finais da obra atopamos a sección coas referencias bibliográficas do conxunto dos capítulos, unha breve listaxe dos corpus lingüísticos empregados ao longo do volume e un completo índice temático. Desde o punto de vista formal, o libro posúe unha presentación excelente, propia da colección en que se insire.
É difícil facer xustiza, nas breves páxinas dunha recensión, á cantidade de información relevante ofrecida no volume. A pesar de o número de capítulos non ser moi elevado, a extensión e consistencia de cada un deles é notable. Isto fai que o volume sexa susceptible de diversos tipos de lecturas, pois non só resultará interesante a investigadores que sigan os preceptos teóricos da gramática xenerativa, senón a calquera que queira coñecer en detalle aspectos particulares da sintaxe do portugués. Neste sentido, aínda que o meu comentario se centrou nos contrastes entre as variedades portuguesa e brasileira, pois estes ocupan un lugar central na exposición dos propios autores, debe quedar patente que o libro non se limita a facer sintaxe contrastiva entre PE e PB, senón que tamén presenta características fundamentais para entender o funcionamento sintáctico das dúas variedades, ademais de interesantes datos diacrónicos e propostas teóricas. Cómpre sinalar, por último, que as notas ao pé son moi abundantes ao longo dos capítulos e conteñen non só aspectos secundarios á exposición principal, senón tamén unha copiosa e actualizada listaxe de referencias bibliográficas, moi valiosa para quen queira afondar en aspectos concretos dos temas tratados.