Resumo

Neste artigo exponse a relación literaria que mantiveron dous grandes poetas galegos: José Ángel Valente e Luz Pozo Garza, pioneiros no uso do galego como lingua escrita e literaria na posguerra. Explícase como se coñeceron, reúnense as dedicatorias mutuas que se escribiron e, por parte da poeta ribadense, expóñense as mencións que fai do ourensán na correspondencia con dous grandes amigos de ambos, os poetas Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, e os poemas que Luz Pozo Garza escribiu en homenaxe a Valente. Neles atopáronse ecos da poesía valenteana con múltiples referencias aos títulos dos poemarios de José Ángel Valente, así como ás súas fontes e poetas máis admirados, como Rimbaud ou Lautréamont. Para levar a cabo todas estas tarefas recorreuse á biblioteca persoal de José Ángel Valente, custodiada na Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela; ao legado de Luz Pozo Garza, na Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura; e ás publicacións que recollen os poemas que Luz Pozo Garza lle dedicou a José Ángel Valente, é dicir, os libros Homaxe a José Ángel Valente e Poetas con Valente e as revistas Clave Orión e Unión Libre.