Resumo

Se ben a traxectoria lírica de María Lojo se inicia a mediados dos oitenta e se consolida no decenio seguinte, non se advirte nela a pegada urbana que tanto caracteriza a algúns dos seus contemporáneos, senón máis ben referencias populares e algo illadas. Con todo, é posíbel illar unha serie de composicións que cabería incluír dentro do que Cañas chama “poesía da cidade” e en cuxa sucesión cronolóxica se advirte a evolución da visión do suxeito do urbano, que primeiro é rexeitado como falsidade e algo alleo, e logo, de modo case oposto, a través da casa, é asumido como fogar. Esta transformación pode lerse como o desenvolvemento da idea de arraigo na poesía lojiana, concomitante á mutación da noción de fronteira que a percorre: de límite solitario a espazo de intercambio.