Vol. 46 (2011): Textos a escape: a literatura e a cultura na era dixital, Estudios
Recibido: 30-04-2014
Aceptado: 30-04-2014
O filme Histoire(s) du cinéma (Jean-Luc Godard, 1998) supuxo, fóra do ámbito puramente fílmico, unha toma de posición controvertida sobre a propia disciplina da historiografía, pois, mesmo semetodoloxicamente non é prudente adscribilo claramente a esta, ten puntos en común con ela que superan a barreira institucional da disciplina. Neste traballo analízase o momento no que esta reflexión sobre a historia se concreta na historia do propio medio cinematográfico e examínase como a idea principal a este respecto implica unha apertura de natureza interdisciplinar na súa xenealoxía, de modo que o arquivo da historia do cinema non é puramente fílmico e o cinema é un capítulo na historia de moitas outras cousas. No entanto, admítese que o traballo de Godard ten unha dimensión monumental e melancólica (debida á súa propia centralidade na institución cinematográfica e á lexitimidade autorial que dela resulta) que dá lugar a unha escuridade formal e a un certo conservadorismo que contrastan coa súa visión anovadora da historia. Como antídoto, proponse un diálogo coa obra do realizador alemán Harun Farocki, cunha visión próxima á de Godard pero liberada da pesada carga autorial deste, e exemplifícase cun dos seus filmes (Arbeiter verlassen die Fabrik, 1995) a mencionada idea de que o cinema é un capítulo na historia doutra cousa –neste caso, do traballo.
cinema, Harun Farocki, historia do cinema, historiografía, interdisciplinariedade, Jean-Luc Godard