Cavafis, Cernuda, Valente e Gamoneda: poetas concatenados por Claudio Rodríguez Fer
O poeta, ensaísta, profesor, narrador e escritor galego Claudio Rodríguez Ferpublicou Poetas concatenados: Cavafis, Cernuda, Valente y Gamoneda da man do Centro Editor, o mesmo que no ano 2022 deu a coñecer o seu Borges y todo (Escepticismo y otros laberintos). A través da visión que Claudio Rodríguez Fer presenta nos catro ensaios e a entrevista que compoñen o volume Poetas concatenados accédese sucesivamente ás obras e ás interrelacións entre os catro autores seleccionados.
Na «Presentación» do libro, Claudio Rodríguez Fer expón os antecedentes de cada un dos capítulos que o conforman. En primeiro lugar, «José Ángel Valente, creador odiseico, pensador antigoniano y traductor de Cavafis» actuou de conferencia de clausura dun congreso internacional en Atenas no ano 2021 e dous anos máis tarde serviu como conferencia inaugural dunhas xornadas que tiveron lugar na Facultade de Poesía José Ángel Valente en Almería. En segundo lugar, «Naranjas y nieve de Cernuda a Valente» foi conferencia inaugural e capítulo do libro homónimo Valente epistolar (Correspondencia de José Ángel Valente con sus amistades) no ano 2021, ademais de servir ao ano seguinte de clausura nunhas novas xornadas celebradas na facultade almeriense anteriormente citada. En terceiro lugar, «Antonio Gamoneda o la riqueza de la pobreza», que foi publicado no número 34 da revista Cuadernos del Lazarillo en 2008, aparece aquí actualizado. En cuarto lugar, «Gamoneda a favor de Mercurio (Correspondencia gozosa)» foi publicado no número 100 da revista Barcarola en 2022 e, un ano máis tarde, traducido ao galego por min mesma no número 34 de Evohé. Revista Cultural do Campus Terra de Lugo. En quinto e último lugar reprodúcese a «Entrevista pública a Antonio Gamoneda» que Claudio Rodríguez Ferllefixo en 2018 e que foi transcrita por Cristina Fiaño e publicada no antedito número da revista Evohé.
«José Ángel Valente, creador odiseico, pensador antigoniano y traductor de Cavafis» recolle o influxo da Grecia clásica e da moderna no poeta. Así, o autor lembra a un Valente influenciado pola Odisea de Homero, algúns de cuxos episodios inspiraron algunhas das súas composicións poéticas e narrativas. De igual modo, o seu interese por Antígona de Sófocles non só quedou reflectido no ensaio «La respuesta de Antígona» ou no galego «Incitación á desobediencia cívica», senón tamén nos seus principios, que o levaron a practicar «(…) con valor y con rigor una insumisión intelectual y una independencia radical frente a toda clase de dogma, ortodoxia, imposición o abuso sin importarle las consecuencias que por supuesto muchas veces padeció» (p. 23). Se ben Valente aprehende da Grecia clásica estes valores, non menos importante éo influxo que sobre el tivo o poeta grego Constantinos Cavafis, ao que traduciu en colaboración con Elena Vidal en 1964 no libro Veinticinco poemas, en 1971 en Treinta poemas e en reproducións soltas publicadas como adiantos en revistas nas que o autor colaborou con frecuencia. Coñecida é a pioneira introdución de Cavafis que Valente e Vidal fixeron na lingua española, pero quizais o aspecto máis descoñecido se ache na recepción privada que tiveron os volumes. Trátase das cartas de Vicente Aleixandre, José Luis Cano, Pere Gimferrer, Juan Fernández Figueroa ou Camilo José Cela ao galego. As epístolas consérvanse na Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, que, por certo, dirixe o seu amigo eo autor Claudio Rodríguez Fer. Tras un repaso pola repercusión pública que as traducións tiveron no panorama literario español, o ensaio féchase coa asimilación de Cavafis que Valente fixo tamén a través do poeta Luis Cernuda.
Sobre «Naranjas y nieve de Cernuda a Valente», do que fixen recensións como capítulo de Valente epistolar en galego para Galicia Digital e a revista Evohé e en español para Tropelías. Revista de Teoría de la Literatura y Literatura Comparada, todas elas recensións publicadas ao longo do ano 2022, tan só direi que revela o achado dunha postal inédita que Luis Cernuda lle enviou a Valente. A postal foi descuberta por Claudio Rodríguez Fernun dos libros da biblioteca de Valente, custodiada igualmente na cátedra que leva o seu nome. O ensaio versa sobre a admiración mutua entre Valente e Cernuda, ao que o primeiro sempre se mantivo fiel incluso tras o seu falecemento, pois o galego levou unhas semprevivas á tumba do poeta, motivo do seu poema «A Luis Cernuda, con unas siemprevivas».
En «Antonio Gamoneda o la riqueza de la pobreza», Claudio Rodríguez Fer traza un repaso pola traxectoria vital e literaria do poeta leonés de orixe asturiano. Continuando con este poeta, en «Gamoneda a favor de Mercurio (Correspondencia gozosa)» presenta algunhas dedicatorias e cartas e algúns correos electrónicos enviados polo leonés a el e, frecuentemente, á poeta e profesora universitaria Carmen Blanco, ambos coordinadores de Unión Libre. Cadernos de vida e culturas, na que Gamoneda publicou algunhas entradas que foron recollidas na súa maioría en Esta luz. Antonio Gamoneda e Claudio Rodríguez Fer coñecéronse en Toledo en 1993, encontro dende o cal forxaron unha sólida amizade non exenta de humor, o que de feito caracteriza moitas das misivas enviadas polo primeiro ao segundo. En adición, Claudio Rodríguez Fer fai un repaso das entrevistas e das conferencias e dos ensaios compartidos co protagonista do seu. Nesta liña destaca Criptografías (2008) de Rodríguez Fer, que foron así nomeadas polo poeta leonés, quen se encargou de introducir o citado volume. Cara ao final do ensaio, Rodríguez Fer pon de relevo a importancia do seu propio pai, Claudio Rodríguez Rubio, e do de Antonio Gamoneda, de igual nome, nas súas traxectorias, así como outras relacións de amizade comúns, como as de Olga Novo, Cristina Fiaño ou María Lopo.
De entre todas as concatenacións presentadas neste libro sobresae a amizade que Antonio Gamoneda mantivo con José Ángel Valente e ambos á súa vez con Claudio Rodríguez Fer. Do vínculo dos dous primeiros falou Saturnino Valladares na súa tese Retrato de grupo con figura ausente da que o poeta leonés foi presidente do tribunal que a xulgou. Nesta liña, o propio Gamoneda impartiu catro conferencias na Cátedra Valente no ano 2004, o que deu orixe ao libro Valente: texto y contexto e, novamente, Saturnino Valladares contou coa súa poesía para o libro Poemas a Valente.
En «Entrevista pública a Antonio Gamoneda», transcrita por Cristina Fiaño como xa se indicou, reprodúcese o diálogo sostido entre Claudio Rodríguez Fere Antonio Gamoneda en Santiago de Compostela no verán de 2018. Nela os escritores volven, como é lóxico, sobre moitos dos temas presentes nos dous ensaios anteriores: o libro de poemas do pai de Gamoneda, a posición antifascista do poeta, a proclamación das súas traducións como versións, a súa relación con José Ángel Valente, o seu afán de reescritura da súa obra e a súa reivindicación da lingua galega.
En conclusión, Poetas concatenados: Cavafis, Cernuda, Valente y Gamoneda non só é un libro que traza un percorrido sinxelo de seguir dun ensaio a outro e dun poeta a outro, senón que, ademais, trátase dun compendio de estudos, análises ou visións ofrecidas por Claudio Rodríguez Fer, quen, á súa vez, está concatenado a todos estes poetas dunha forma ou doutra e máis inmediatamente ao seus amigos Valente e Gamoneda.