Resumo

O concepto de non-lugar acuñado por Marc Augé hai trinta anos converteuse nun dos máis destacados fundamentos teóricos dos estudos literarios actuais. Esta tendencia débese, en grande medida, a que o espazo constitúe un dos piares intrinsecamente elementais da arquitectura narrativa. Asemade, a formulación teórica arredor da sobremodernidade que subxace a este termo resulta de gran interese para analizar os síntomas da precariedade económica, social e emocional do mundo contemporáneo e as súas manifestacións na literatura, e por tanto para a comprensión do texto. No presente traballo abordaremos esta cuestión dende a metodoloxía comparatista a través da análise dunha selección de relatos da escritora estadounidense Lucia Berlin e o galego Ismael Ramos, dous autores separados no tempo, no espazo e no estilo, mais que consideramos que comparten un tratamento do non-lugar semellante, baseado na subversión do mesmo mediante a dunha construción da voz narrativa atravesada pola subxectividade, a conciencia de clase e o afecto.