Pronto se cumprirán cen anos desde que o Ministerio de Instrucción Pública e Belas Artes, sendo o seu ministro Fernando de los Ríos Urruti, decidira crear a Sección de Pedagoxía na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Madrid, mediante un Decreto asinado con data do 27 de xaneiro de 1932. Meses mais tarde, o 7 de setembro de 1933, crearíase unha sección homóloga na nova Facultade de Filosofía e Letras e Pedagoxía da Universidade Autónoma de Barcelona, en virtude das competencias que lle outorgaba o seu Estatuto. Os seus plans de estudos, ao dicir da profesora , nacían cun forte carácter innovador, atendendo ao que se expresaba na redacción do texto normativo, coa vontade de poñelos ao servizo do “cultivo das Ciencias da Educación e o desenvolvemento dos estudios superiores pedagóxicos e para a formación do profesorado da segunda ensinanza e das Escolas Normais, Inspección de Primeira Ensinanza e directores de grandes Escolas Graduadas”. En 1935 licenciaríanse os seus primeiros estudantes, entre eles Víctor García Hoz e Luís Pastor.
Previamente, en 1882, fora creado o Museo Pedagógico Nacional con sede en Madrid; e, en 1904, a Cátedra de Pedagogía Superior, que sería ocupada por don Manuel Bartolomé Cossío. En todo caso, sen que poida obviarse que nas primeiras décadas do século XX, en concreto no ano 1921, fora decretado que nas Facultades de Filosofía e Letras poderían, por decisión dos seus claustros, impartirse ensinanzas de Pedagoxía e da súa Historia.
Sen que nos deteñamos nas desventuras inducidas pola guerra (in)civil que vai de xullo de 1936 ata outubro de 1939, e pola longa noite de pedra que trouxo consigo a ditadura franquista, haberá que agardar ata 1944 para que un Decreto de 7 de xullo (BOE de 4 de agosto), procedera a realizar unha profunda revisión dos seus quefaceres académicos, coa intención, segundo constaba no seu Preámbulo, de “formar á xuventude española nas tarefas maxistrais e suscitar á vez rutas de orientación metodolóxica e didáctica que oriente no futuro a nosa actividade docente”. Unha misión da que se sentirán participes algunhas das Universidades mais recoñecidas da época, entre as que cabe salientar as de Barcelona e Madrid, ademais de Valencia. En 1943 editaríase o primeiro volume da Revista Española de Pedagogía; poucos anos despois, en 1948, creabase a Sociedad Española de Pedagogía, que tería un papel moi relevante na convocatoria do Congreso Internacional de Pedagogía de 1949, con cinco eixes temáticos: os fundamentos filosóficos e teolóxicos da educación; a evolución histórica da educación nos tempos modernos; a Psicoloxía do Educando; a Didáctica; e a Educación Popular.
Décadas mais tarde, mediando os anos setenta do pasado século, o Decreto 1974/1973, de 12 de xullo (BOE de 22 de agosto), en converxencia con algunhas das encomendas redactadas no articulado da Ley General de Educación y Financiamiento de la Reforma Educativa de 4 de agosto de 1970 (BOE de 6 de agosto), creaba no sistema universitario español as Facultades de Filosofía e Ciencias da Educación, activando os mecanismos que posibilitarían a súa implantación, de ser o caso, nas Universidades que entón existían en España. Cabe advertir, non obstante, a na propia Ley General, a Pedagoxía tan só é mencionada en dúas ocasións: a primeira, no título II, capítulo VII (sobre os niveis educativos), cando no seu artigo cincuenta, referido á Educación Especial, se recoñece aos Diplomados en Pedagoxía Terapéutica a súa competencia para intervir nos diagnósticos que lle sexan realizados ao alumnado, formando parte dos servicios médico-escolares e de orientación educativa e profesional; a segunda, no título III (sobre o profesorado), cando ao determinar a formación que deberá posuír para ser docente no Bacharelato, nas Escolas Universitarias e de Formación Profesional, se inclúe a obriga de cursar unha formación pedagóxica axeitada, recaendo a súa impartición nos Institutos de Ciencias da Educación, quedando “exceptuados deste requisito aqueles que houberan seguido a especialidade de Pedagoxía nos seus estudos universitarios” (artigo 102.2).
Cunha escasa traxectoria na implantación e proxección da titulación de Pedagoxía nas Universidades que configuraban o mapa da Educación Superior en España -limitada a unhas poucas Universidades (Barcelona, Complutense de Madrid, Navarra, Pontificia de Salamanca, Valencia)-, sorprende que na España tardofranquista se aprobe a creación das Facultades de Filosofía e Ciencias da Educación, coa promulgación do Decreto 1974/1973, de 12 de xullo (BOE de 22 de agosto de 1973), outorgándolles a capacidade de “propor a división das mesmas de acordo coas seccións nelas integradas”, para sinalar que existirán as de Filosofía, Psicoloxía e Pedagoxía. Para esta última prevese a existencia de varios Departamentos: Pedagoxía Sistemática, Educación Comparada e Historia da Educación, Metodoloxía Educativa, Pedagoxía Experimental e Orientación (art. 10), coa posibilidade de fusionarse dúas delas ou mais, o mesmo que a creación de departamentos distintos aos mencionados nesta relación básica (art. 11).
En Galicia, na Universidade de Santiago de Compostela, cinco veces centenaria, nunha Orde do 13 de marzo de 1974 (BOE de 2 de abril), tras ser escoitada a Junta Nacional de Universidades, resolveríase que na súa Facultade de Filosofía e Letras poderán impartirse as ensinanzas correspondentes á división de “Filosofía y Ciencias de la Educación. Sección de Ciencias de la Educación”, atribuíndo á Dirección Xeral de Universidades e Investigación, adscrita ao Ministerio de Educación e Ciencia, a responsabilidade de ditar as disposicións que sexan precisas a tal fin.
Desde entón pasaron cincuenta anos, nunha traxectoria institucional e académica que comezará -ao igual que acontece noutras Universidades españolas- poñendo especial énfase no desenvolvemento da actividade docente das materias que conforman os seus planos de estudo. E, con elas, a inquietude por abrir os futuros sociolaborais e profesionais das persoas que se titularían nas tres Seccións existentes. Partindo dunha formación común no primeiro Ciclo, as materias obrigatorias e, no seu caso, as que se inserían nas especialidades que se ofertaban no segundo Ciclo, todo estaba disposto para que o alumnado fora asociando as súas vidas á condición de Licenciada ou Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación (Seccións de Filosofía, Pedagoxía ou Psicoloxía). Unha circunstancia que ao paso do tempo variaría significativamente coa segregación e progresiva diferenciación de cada unha delas por Facultades, Departamentos, Áreas de Coñecemento, etc., fundamentalmente a partir da aprobación da Ley de Reforma Universitaria (LRU), en 1983.
Retornando ás orixes, o profesor , entón Decano da nacente Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela, non tiña reparo en afirmar que, desde 1975, a nova Facultade tivo que afrontar dous problemas abrumadores: “o primeiro foi o edificio. Á Facultade se lle asignou un en construción, que por diversas circunstancias, non sería utilizable ata catro anos mais tarde. As condicións de extrema incomodidade do Pazo de Fonseca, entón en estado semirruinoso, dificultaron penosamente o traballo de docencia e, sobre todo, o de investigación”. En segundo lugar, os problemas que supuxo “lograr a incorporación e arraigo de profesorado de nivel superior, indispensable administrativamente para dirixir e coordinar ao profesorado mozo que, entre tanto, crecía aceleradamente en correlación co aumento vertixinoso do alumnado” ().
Nada do antedito é alleo ao que presentamos neste terceiro bloque de contido, referíndonos á investigación e a innovación educativa. Por moi aventurado que sexa volver un século ou cinco décadas atrás, no que atinxe á Pedagoxía científica e/ou académica en España e Galicia, as reflexións ou consideracións nas que se sitúan os profesores José Cajide, Juan Manuel Escudero e Francisco Javier Tejedor, non poden desprenderse dun pasado no que investigar e innovar na educación estaban moi lonxe de representar o que na actualidade acreditan, entre nós e noutros contextos. Así se infire, directa ou indirectamente, dos textos que achegan tras xubilarse como Catedráticos nas Universidades de Santiago de Compostela, Murcia e Salamanca, sendo testemuños privilexiados dos aconteceres institucionais, científicos e académicos da Pedagoxía e, por extensión das Ciencias da Educación na Universidade compostelán e alén das súas fronteiras.
Con mais longo percorrido en Galicia, no que concerne ao profesor Cajide, xa docente nas aulas de Fonseca nos últimos anos setenta do século XX, ata os anos vinte do presente. Mais curtos, no tempo, os que protagonizaron os profesores Escudero -nos primeiros anos oitenta- e Tejedor, desde mediados desa década ata os inicios dos noventa; ambos, chegando a ser, entre outros cometidos, Decanos da Facultade cando aínda estaba “integrada” polas tres Seccións.
Os tres, polas responsabilidades que teñen asumido no liderado de equipos e proxectos de investigación, na dirección da Facultade e do Instituto de Ciencias da Educación, nos Departamentos vinculados ás súas áreas de coñecemento -Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación (MIDE) ou Didáctica e Organización Escolar (DOE)- así como en múltiples iniciativas docentes e investigadoras, contribúen a este monográfico cos seus aportes arredor da investigación e a innovación educativas.
A investigación, dirá Tejedor, como unha oportunidade que nos damos e lle damos á sociedade na procura de explicacións razoables dos feitos estudados, orientándoas a proporcionar información necesaria para mellorar a acción educativa. De facelo, como lembra Cajide, sen pasar por alto os cambios sociais e a relevancia que na súa interpretación e comprensión teñen as miradas cuantitativas e cualitativas, as palabras e os números. En calquera caso, tratando de que sexan converxentes no afán de poñer a investigación educativa ao servizo da sociedade, asumindo que as metodoloxías, na súa mediación entre as teorías e as prácticas, o coñecemento e a acción educativa son fachos de luz cos que guiala cara á súa continúa renovación e innovación.
Da innovación, sempre chamada a estar na vangarda da ansias transformadoras que deben permitirnos ir da educación que temos á que necesitamos, desexamos e/ou reivindicamos, ocúpase o profesor Juan Manuel Escudero no seu texto. Facendo un balance panorámico para dar conta dos camiños transitados e dos que, ollando ao porvir, deben levarnos aos horizontes por acadar, asume o risco que supón expresar nunhas poucas páxinas a complexidade que habita nos múltiples significados, interpretacións, desenvolvementos e resultados inherentes ao feito de innovar; unha expresión que nos dicionarios queda limitada a “mudar ou alterar algo, introducindo novidades” ou, si se prefire, a “introducir algunha novidade nun dominio determinado”. Pouco, ou nada, que identifique estas palabras co que está sendo, ou pretende ser, a innovación educativa no interior das aulas e das escolas, no deseño e o desenvolvemento curricular, na formación do profesorado, ou na apertura a outras formas de educar e educarse en sociedade... Nada que, como el fai, aluda aos avances e retrocesos, ás inhibicións e ás resistencias que existen para cambiar a educación nunha sociedade que cambia, evidenciando os claroscuros, encontros e desencontros cos que calquera innovación se topa no cotián, onte e hoxe, tal vez sempre.
Cabe imaxinar, nas paisaxes do futuro, que a investigación educativa, cuantitativa e cualitativa, repousando no local para agrandarse no global, continuará sendo unha porta aberta á mellora dos saberes pedagóxicos, así como das prácticas que se propoñen e/ou desenvolven en nome da innovación educativa; tamén para que a avaliación -implícita ou explicitamente aludida nos textos dos tres autores- sexa un referente principal nos quefaceres metodolóxicos, pedagóxicos, cívicos, éticos, etc., que son consubstanciais a calquera educación que se prece, comezando por ela mesma.
Referencias bibliográficas
1
2
3
Galino, A. (2005). Vivencias y datos para la reflexión. Centenario de los Estudios de Pedagogía en la Universidad. En: Ruíz Berrio, J. (ed.), Vázquez Gómez, G. et al.. Pedagogía y Educación ante el siglo XXI (pp. 15-36). Departamento de Teoría e Historia de la Educación de la Universidad Complutense de Madrid.