É necesario rexistrarse Rexistrarse e identificarse Vaia a identificación para poder enviar artigos online e para comprobar o estado dos envíos.
Criterios a verificar
Os autores deben verificar que o seu envío cumpre as seguintes directrices. Os envíos que non cumpran algunha destas directrices poderán ser rexeitados.
A petición non foi publicada previamente, nin se presentou a outra revista (ou se proporcionou unha explicación en Comentarios ao editor).
O texto cumpre cos requisitos bibliográficos e de estilo indicados nas Normas para autores/as.
Se está enviando un traballo a unha sección da revista que se revisa por pares, ten que asegurarse de que as instrucións que figuran en Asegurando unha revisión a cegas foron seguidas.
Se está enviando un traballo a unha sección da revista que se revisa por pares, teña en conta que poderá suxerir nomes de expertos, sempre que estes non participasen de ningún xeito na elaboración do traballo, non o lesen previamente e non manteñan co autor un tipo de relación que poida facer depender o resultado da avaliación de criterios que non sexan estritamente científicos. Poderá tamén recusar o nome dun máximo de dous potenciais revisores cos que teña un tipo de relación que, do mesmo xeito, poida dar lugar á introdución de criterios alleos á calidade do traballo na avaliación deste. En calquera caso, o nome dos avaliadores non será dado a coñecer ao autor ou autores do traballo (sistema de dobre anonimato).
Para suxerir ou recusar use Comentarios ao editor.
Se o artigo inclúe algún material que requira permiso para a súa reprodución, fágao constar (use Comentarios ao editor). Os autores fanse responsables do respecto á propiedade intelectual na reprodución de materiais para a elaboración dos seus traballos e deben facer chegar á revista os correspondentes permisos.
Normas para autores/as
Os traballos que se propoñan para publicar en Estudos de Lingüística Galega teñen que ser orixinais e inéditos, e non deben estar en avaliación para publicación noutras revistas. A revista só acepta artigos propostos a través da aplicación en liña.
Manuscritos propostos
Os orixinais propostos para avaliación deberán enviarse en versión electrónica a través da aplicación da revista. Os orixinais deben conter o texto, as táboas e todas as figuras. Se se considera necesario pode engadirse unha versión en PDF do documento. Os artigos (sección Artigos) terán unha extensión máxima de 75.000 caracteres (incluíndo espazos, notas ao pé, títulos, resumos, palabras clave, referencias bibliográficas, etc.). As recensións non excederán os 19.000 caracteres. O contido dos artigos debe organizarse preferentemente segundo a seguinte estrutura:
Introdución Metodoloxía / Marco teórico Resultados Discusión Conclusións Bibliografía Apéndices
O comité de redacción da revista realizará unha primeira avaliación de cada un dos artigos recibidos para analizar o interese temático e a calidade. Se o traballo non cumpre os requisitos mínimos de calidade será rexeitado, o que se lle comunicará as persoas que asinen o artigo.
Manuscritos aceptados
Os manuscritos que sexan aceptados para publicar deberán subirse á aplicación da revista unha vez que se adapten ás normas de estilo de cada sección. Cando sexa necesario, os orixinais deben acompañarse dos permisos necesarios que aseguren o respecto á propiedade intelectual na reprodución dos materiais empregados no traballo, de xeito especial se se utilizan figuras tomadas de obras xa publicadas ou doutros autores. Só se publicarán aqueles traballos que se adecúen ás normas da revista.
Preparación de manuscritos aceptados
Os manuscritos aceptados para publicar na revista deben organizarse do seguinte xeito:
Título e autoría O título debe ser breve (non superará as dez palabras), claro e descritivo do contido do traballo; evitarase o uso de abreviaturas e acrónimos. As palabras do título que se queiran resaltar irán en cursiva. O nome dos autores e autoras irá seguido, en liñas independentes, da filiación, do enderezo electrónico e do código ORCID. Esta información ofrecerase para cada un dos autores. Se hai varias institucións correspondentes a un mesmo autor, os nomes deberán ir separados por barra ( / ), con espazo anterior e posterior. Non empregue abreviaturas nin acrónimos. Nos traballos de autoría múltiple debe identificarse o autor responsable, que será tamén o autor de contacto. É responsabilidade do autor responsable garantir o recoñecemento de todos os autores que comparten a responsabilidade do traballo e de asegurar que todos coñecen e aprobaron a versión final do documento. Os nomes dos autores deben figurar en ordenación alfabética polo primeiro apelido no caso de que todos contribuísen do mesmo xeito no traballo. Se a contribución de cada autor é diferente, recoméndase facelo constar en nota utilizando a terminoloxía convencionalizada CRediT (Contributor Roles Taxonomy).
Resumo, palabras chave e sumario O resumo terá unha extensión entre 150 e 250 palabras; será claro e preciso e presentarase nun único parágrafo. Procurarase que conteña información sobre obxectivos, metodoloxía, resultados e conclusións fundamentais; non ofrecerá información que non se recolla no texto do artigo. As palabras chave irán separadas por punto e coma e ordenadas desde as máis xenéricas ata as máis específicas; serán entre 3 e 6 e servirán para catalogar o artigo. Na medida do posible, e para os descritores máis xenéricos, empregue os que se recollen no Thesaurus da Unesco (Linguistics) (http://databases.unesco.org/thesaurus).
Texto O contido do artigo presentarase en seccións numeradas; recoméndase non superar os tres niveis de organización. As referencias bibliográficas, os agradecementos e a indicación do financiamento non constitúen unha sección numerada. Os apéndices e anexos non deben ocupar máis de tres páxinas e colocaranse como última sección do artigo. No caso de seren máis voluminosos poranse a disposición dos lectores nalgún repositorio de datos e indicarase o enderezo correspondente no artigo.
Referencias e bibliografía
O estilo bibliográfico empregado para as referencias na revista é o Estilo unificado para revistas de lingüística (Unified Style Sheet for Linguistics Journals), identificado en varios xestores de bibliografía baixo o nome de Linguistics. As referencias deben figurar no texto, non nas notas a pé, seguindo o seguinte modelo: (Pinker 2015), (Dubert & Galves 2016: 410), (McMahon, Pierrehumbert & Lidz 2004), (Lewis et al. 2015), (Vikner 1995, capítulo 5), (Haspelmath 2017: 88-89), (Akmajian & Jackendoff 1970; Haspelmath 2004) e (Cysouw 2005; Borin & Saxena 2013; Jenset & McGillivray 2017). O listado de referencias debe figurar ordenado alfabeticamente na sección Referencias bibliográficas, non numerada. Deben incluírse unicamente as referencias citadas no texto de acordo cos seguintes exemplos:
Fernández Salgado, Benigno. 2001. Os rudimentos da lingüística galega: un estudio de textos lingüísticos galegos de principios do século XX (1913-1936). Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. Cidrás Escáneo, Francisco Antonio. 1994. Modelos de lingua e variación sintáctica. Cadernos de lingua 10, 103-118. Real Academia Galega. 2018. Dicionario da Real Academia Galega. https://academia.gal/dicionario. [24/05/2018]. Regueira Fernández, Xosé Luís. 1989. A fala do norte da Terra Cha. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. [Tese de doutoramento inédita]. Varela Barreiro, Francisco Xavier & Ricardo Pichel Gotérrez. 2009. O corpus do galego medieval: o Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega (TMILG). En Enrique Arias (ed.), Diacronía de las lenguas iberorrománicas: nuevas aportaciones desde la lingüística de corpus. 195-215. Madrid: Iberoamericana / Vervuert.
Gráficos, mapas, ilustracións e táboas As figuras (gráficos, mapas, ilustracións, etc.) enviaranse como arquivos separados, en formato tif, jpg, eps ou png, con calidade non inferior a 600 dpi. Ademais, tanto as táboas como as figuras incrustadas no texto deben ir identificadas mediante un número coincidente en ambos (Gráfico 1, Figura 2, Táboa 3, etc.).
Agradecementos e indicación de financiamento Os textos en que se indiquen as fontes de financiamento e os agradecementos irán antes das referencias bibliográficas, precedidos dun título en negra (Financiamento, Agradecementos) e sen numerar. Estes textos deben ser breves e constituír un único parágrafo cada un deles).
É recomendable que os autores utilicen a guía e a folla modelo que se poden descargar nos seguintes vínculos:
Ao publicar en Estudos de Lingüística Galega, o/o autor/a-os/os autores/as cede/n todos os dereitos de explotación do seu artigo (incluíndo distribución, comunicación pública, reprodución e transformación) á Universidade de Santiago de Compostela, que, coas condicións e limitacións dispostas pola lexislación en materia de propiedade intelectual, é a titular do copyright e, por tanto, de todos os dereitos patrimoniais expresados, retendo o/o autor/a-os/os autores/as todos os dereitos morais que por lei lle corresponde/n (art. 14 TRLPI).
Sen prexuízo do anterior, e agás indicación contraria, todos os contidos distribúense en acceso aberto baixo unha licenza internacional Creative Commons BY-NC-ND 4.0. Calquera forma de reprodución, distribución, comunicación pública ou transformación desta obra non incluída na licenza Creative Commons BY-NC-ND 4.0 só pode ser realizada coa autorización expresa do titular do copyright, non sendo excepción prevista pola lei. Pode acceder Vde. ao texto completo da licenza nesta ligazón: https://creativecommons.org/licenses/by-nc-nd/4.0/deed.gl