Contido principal do artigo

Ana María Iglesias Álvarez
Universidade de Vigo
España
https://orcid.org/0000-0002-4447-7455
Biografía
Virginia Acuña Ferreira
Universidade de Vigo
España
https://orcid.org/0000-0001-6845-4242
Vol 14 (2022): Estudos de Lingüística Galega, Pescuda, páxinas 1-23
DOI https://doi.org/10.15304/elg.14.7382
Recibido: 09-01-2021 Aceptado: 17-09-2021 Publicado: 03-03-2022
Imaxes
Copyright Como citar Artigos máis lidos do mesmo autor/a(s) Citado por

Resumo

O obxectivo deste traballo é examinar a influencia dos factores contextuais e da comunidade nos resultados de políticas lingüísticas familiares (PLF) orientadas ao mantemento interxeracional do galego. Con este fin analizamos tres entrevistas semi-dirixidas con nais galegofalantes que foron seleccionadas en función do tipo de hábitat, buscando o contraste no contínuum rural-urbano. A análise céntrase nas ideoloxías e formas de xestión lingüística no ámbito familiar, así como nas observacións e expectativas sobre o desenvolvemento lingüístico dos fillos e fillas. Como esperabamos, o tipo de hábitat destácase como un factor contextual de gran relevancia nos resultados da PLF declarada polas informantes. No contexto semirrural, a socialización dos nenos e as nenas no ámbito escolar e nas relacións cos iguais desenvólvese principalmente en galego, o que contribúe ao éxito da PLF. En cambio, nos contextos semiurbanos e urbanos, onde a presenza do galego é minoritaria, esta socialización fóra do fogar e das relación familiares prodúcese en castelán e actúa así como unha forza externa contraria á PLF, ata o punto de ser considerada como a causa principal do seu posible fracaso. Porén, a análise tamén detecta nos tres casos abordados unha infravaloración da xestión lingüística, que semella especialmente problemática para o éxito da PLF nos contextos urbanos e semiurbanos, xa que o mantemento do galego depende unicamente nestes casos da súa escolla como lingua de interacción cos fillos/as.