Dende que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) creou a Cátedra de Poesía e Estética José Ángel Valente no ano 2000 –despois de que o propio Valente doase á institución o seu arquivo e a súa biblioteca persoais–, foron moitos os actos celebrados e as obras que se publicaron co obxectivo de pór en valor o legado recibido. Recentemente, saíu do prelo o volume Valente epistolar (Correspondencia de José Ángel Valente con sus amistades), cuxa edición estivo ao coidado do profesor Claudio Rodríguez Fer.
Esta interesante obra que nos dispomos a comentar é o resultado dun encontro organizado pola Cátedra Valente en novembro do pasado ano 2021, onde catorce especialistas no eido dos estudos literarios se aproximaron ás relacións epistolares que o poeta ourensán mantivo con algúns pensadores e intelectuais da súa época.
As distintas achegas que compoñen o volume están organizadas en catro grandes bloques, perfectamente definidos e cohesionados a nivel interno, pois cada un deles céntrase nun ámbito particular. Concretamente, no primeiro bloque abórdanse as relacións epistolares entre Valente e importantes personalidades do panorama literario e cultural hispánico, entre as que se atopan Luís Cernuda, o filósofo Ramon Xirau e o tamén filósofo, alén de ensaísta e editor, Rafael Gutiérrez Girardot. No segundo dos bloques, analízase a correspondencia que Valente mantivo con escritores do ámbito galego como Vicente Risco, Rafael Diste, Antón Risco e Camilo José Cela. No terceiro, repásase o epistolario entre Valente e outros poetas do panorama internacional cos que mantivo grandes amizades, como o xudeu-exipcio Edmond Jabès, o peruano Emilio Adolfo Westphalen e o xudeu-arxentino Juan Gelman. Finalmente, o cuarto e último bloque, centrado especificamente na tradución, dá conta das relacións que o poeta galego mantivo co ámbito inglés, alemán, italiano e portugués.
Da correspondencia que se estableceu entre José Ángel Valente e Luís Cernuda, ocúpase o profesor Claudio Rodríguez Fer no traballo inicial, titulado “Naranjas y nieve de Cernuda a Valente” (pp. 13-40). Este primeiro estudo comeza dando conta do descubrimento dunha postal remitida por Cernuda durante a súa estadía en Los Ángeles (California, EUA) e non recollida en ningún epistolario previo na que agradece a Valente o envío do seu segundo libro, Poemas a Lázaro (1960). Posto que, até o momento, a postal era descoñecida, esta achega que abre a obra resulta de grande interese non só para os investigadores interesados na figura de Valente, senón tamén para aqueloutros centrados na figura de Cernuda. A devandita postal, que presentaba unha fotografía titulada “Oranges and Snow”, sérvelle a Rodríguez Fer para reflexionar sobre os motivos da laranxa e da neve na lírica española, e máis concretamente na produción poética dos dous autores. Ademais, Rodríguez Fer tamén presenta na súa achega unha pormenorizada análise dos lazos persoais e profesionais que uniron a ambos os dous poetas, destacando a profunda admiración que Valente sempre manifestou polo escritor andaluz.
A profesora Dolores Penarau Vidal, pola súa banda, é a encargada de abordar o diálogo epistolar entre o filósofo Ramon Xirau e Valente, labor que leva a cabo no segundo capítulo, “De Ramon Xirau a José Ángel Valente. Tres cartas y muchas correspondencias” (pp. 41-64). Por medio dun discurso claro e perfectamente fiado, a autora comeza a súa achega contrapoñendo a escasa correspondencia epistolar que existiu entre ambos os dous poetas e pensadores coas múltiples correspondencias ideolóxicas que os uniron ao longo das súas traxectorias vitais e intelectuais, para continuar deténdose na explicación de tres fitos de gran relevancia nese camiño de correspondencias. En primeiro lugar, Penarau Vidal aborda o bilingüismo que atravesa a produción literaria de ambos os dous autores; en segundo lugar, analiza a importancia que tivo a revista Diálogos (1964-1986) na súa relación –xustamente a raíz dela iniciouse o intercambio de misivas entre Xirau e Valente– e, por último, detense nos dous encontros en que Xirau e Valente coincidiron en persoa.
No terceiro capítulo, “¿Lejos de Dónde?: Epistolario José Ángel Valente - Rafael Gutiérrez Girardot” (pp. 65-102), o profesor Manuel Fernández Rodríguez ocúpase da correspondencia entre Valente e o filósofo e ensaísta Gutiérrez Girardot. O autor deixa claro dende as páxinas inicias que no intercambio epistolar entre os dous escritores se entrelazan cuestións temáticas moi diversas, pero establece tres grandes bloques co fin de outorgarlle unha maior organización á súa análise e facilitar a comprensión dos lectores. Así pois, distingue entre os asuntos persoais e familiares, interesantes por permitiren calibrar o grao de proximidade persoal entre ambos os dous pensadores; os asuntos profesionais, que facilitan discernir os avatares vitais das súas respectivas traxectorias, e as cuestións de índole intelectual, que constitúen a auténtica cerna do capítulo.
Despois destes tres traballos iniciais, que integran o primeiro bloque de Valente epistolar, atopamos as achegas de Olga Novo, Carmen Blanco, Armando Requeixo e Arantxa Fuentes, que se centran na correspondencia de Valente cos autores galegos xa mencionados no comezo. En concreto, o capítulo asinado por Olga Novo, “Un Iceberg que sinala a Atlántida: a correspondencia entre José Ángel Valente e Vicente Risco” (pp. 103-114), aborda o intercambio de misivas entre Valente e o autor d’O porco de pé. Tras analizar a influencia que exerceu sobre o Valente mozo a figura de Risco durante a posguerra –a cal non só representaba para el o galeguismo somerxido pola guerra, senón tamén as ansias de renovación que trouxeran as vangardas–, Novo centra a súa atención nas tres misivas que Valente enviou a Risco e que, como ela mesma indica, dan conta da súa complicidade intelectual e da profunda familiaridade que os uniu durante décadas.
O capítulo elaborado por Carmen Blanco, “Poetas creando: cartas de Rafael Diste, e Carmen Muñoz, a Valente” (pp. 115-147), céntrase na correspondencia entre o escritor ourensán e o matrimonio Dieste-Muñoz. Como explica a autora nas páxinas iniciais do seu traballo, aínda que Dieste e Valente non chegaron a coñecerse persoalmente, coñecéronse grazas ás súas obras e grazas, tamén, á filósofa María Zambrano e á mestra Carmen Muñoz, esposa de Rafael. Despois de repasar pormenorizadamente os lazos de amizade que uniron aos catro intelectuais, Blanco detense na análise da carta que Dieste enviou a Valente en 1980 coa revisión lingüística do orixinal das súas Sete cantigas de alén. Ao meu xeito de ver, este é un capítulo fundamental dentro do volume, pois, a través da devandita carta e da análise que Carmen Blanco fai dela, podemos afondar no proceso de creación das Cantigas de alén (1980) e, en certa medida, mesmo recrealo da man do propio Valente.
A achega do profesor e crítico Armando Requeixo, “O epistolario José Ángel Valente - Antón Risco: Amizade, literatura e memoria” (pp. 149-177), estuda a estreita relación que mantiveron estes dous escritores dende a xuventude, así como as múltiples conexións intelectuais que existiron entre eles. Para ofrecer unha análise clara e organizada da correspondencia que cruzaron, Requeixo distingue cinco grandes núcleos temáticos, que vai desenvolvendo ao longo das páxinas que integran o seu traballo: as circunstancias de tipo profesional e autorial que implicaban a ambos autores ou eran do seu interese, as noticias de publicacións e/ou o envío cruzado de libros, as novas sobre a xestación de obras que non chegaron a ver a luz, o comentario crítico de libros e a polémica arredor da modulación ideolóxica de Vicente Risco durante a posguerra. Cinco núcleos temáticos moi variados, que dan idea da forte familiaridade que existiu entre ambos autores e que nos permiten comprender mellor as distintas facetas de Valente, así como afondar un pouco máis na relación existente entre el e o propio Vicente Risco.
Pechando este bloque dedicado á correspondencia que Valente intercambiou con autores galegos, atopamos o capítulo asinado pola profesora Arantxa Fuentes, “Las voces de la autoría: el epistolario entre Camilo José Cela y José Ángel Valente a la luz de Papeles de Son Armadans” (pp. 179-200), que dá conta do diálogo epistolar entre Valente e o Premio Nobel de Literatura. Fuentes deixa claro dende un principio que o intercambio de misivas entre Valente e Cela non reflicte unha relación de amizade, senón unha relación puramente profesional baseada na revista Papeles de Son Armadans (1956-1979), unha das empresas editoriais máis importantes da segunda metade do século XX en España. A partir do epistolario cruzado entre ambos autores, a profesora da USC centra a súa atención en dúas cuestións fundamentais: a voz autorial, que determina e condiciona a relación epistolar entre o poeta ourensán e o escritor padronés, e o labor que ambos desempeñaron como axentes culturais dentro do campo literario da época, sendo esta última especialmente interesante.
Pola súa banda, o terceiro bloque de Valente epistolar acolle as achegas de María Lopo, Juan Manuel do Río Surribas e Cristina Fiaño que, como xa sinalamos, dan conta do epistolario de Valente con algúns dos poetas internacionais cos que trabou amizade ao longo da súa vida. O capítulo titulado “Mouvement de la lettre vers la lettre. Correspondance de Jabès à Valente (pp. 201-213), asinado pola profesora Lopo, aborda o intercambio de misivas entre o xudeu-exipcio Edmond Jabès e o poeta ourensán. Tras ofrecer unhas breves notas de presentación acerca de Jabès e explicar a profunda amizade que uniu a ambos autores, Lopo céntrase na análise do material epistolar que se conserva na Cátedra Valente e que dá conta desa relación de amizade.
A achega do profesor Río Surribas, “La poesía más allá de los márgenes del texto. Estudio del corpus epistolar de José Ángel Valente y Emilio Adolfo Westphalen” (pp. 215-246), dá conta da correspondencia cruzada entre Valente e o poeta peruano. A partir da análise do diálogo epistolar entre ambos os dous autores, Río Surribas reconstrúe o marco histórico no que se produciu a biografía afectiva que os uniu e mostra a súa evolución, ao mesmo tempo que ofrece datos acerca da concepción do fenómeno poético, “entendido este como un acontecimiento que va más allá de los márgenes del producto textual hasta afectar a los detalles y decisiones que se adoptan a la hora de llevar a la prensa un determinado poemario” (p. 215).
O capítulo elaborado por Cristina Fiaño, “Poesía a carta abierta. Correspondencia y convergencia entre José Ángel Valente y Juan Gelman en la palabra y en la vida” (pp. 247-282), pecha este terceiro bloque dando conta do diálogo epistolar entre Valente e o poeta xudeu-arxentino. A pesar de que a correspondencia que intercambiaron ambos autores se inicia por cuestións de tipo laboral –na primeira carta que Gelman envía a Valente solicita a súa axuda para comezar a colaborar na sección de tradutores ao español da ONU–, co paso do tempo vai dando paso a temáticas máis íntimas e persoais, como a reflexión que suscita en ambos os dous poetas a situación política latinoamericana ou a dor que comparten pola a perda dun fillo.
Finalmente, no cuarto bloque de Valente epistolar atopamos as contribucións relacionados co ámbito da tradución, das que se encargaron Adina Ioana Vladu, Rosa M. Gómez Pato, Cristina Marchisio e Saturnino Valladares. En concreto, o capítulo asinado pola profesora Ioana Vladu, “Poetry in translation: From J. M. Cohen to José Ángel Valente” (pp. 283-300) aborda a correspondencia que mantivo Valente co principal tradutor da súa obra ao inglés. Tras ofrecer unha breve presentación da traxectoria profesional de John Michel Cohen, Adina Vladu fai un percorrido polos temas máis recorrentes no diálogo epistolar que mantiveron ambos os dous autores. A poesía, a tradución e a crítica literaria foron os máis comúns, aínda que tamén estiveron presentes outros de índole persoal, como a familia, as viaxes etc. No que respecta ás traducións realizadas por Cohen dos textos valenteanos, a profesora Vladu afonda concretamente en tres: a tradución de “El moribundo”, anunciada nunha carta de 1961; a tradución do poema “John Cornford”, realizada por Cohen en 1963, e “A don Francisco de Quevedo. En piedra”.
A achega de Rosa Gómez Pato, “José Ángel Valente en la lengua y cultura alemana: encuentros, intercambios epistolares y afiliaciones literarias” (pp. 301-324) dá conta das relacións epistolares que o escritor ourensán mantivo con distintas personalidades do panorama intelectual xermano. Aínda que Valente estableceu un intenso diálogo con autores e filósofos en lingua alemá, tal e como reflicte a súa obra, Gómez Pato salienta a escasa correspondencia que intercambiou con personalidades do mundo cultural alemán, así como a pouca recepción da súa obra no sistema literario dese país. Con todo, ofrece unha pormenorizada análise da correspondencia que o ourensán mantivo con Joachim Sartorius, impulsor da súa obra en Alemaña; Petra Strein, tradutora dos seus textos ao alemán; Federico Bermúdez-Cañete Fernández, tradutor de autores alemáns; Johannes Kabatek, romanista e tradutor dun texto de Valente, e Manfred Gruhler, escritor alemán. Para rematar, Gómez Pato ofrece unha relación de textos valenteanos que foron traducidos ao alemán, distinguindo tres categorías: (a) manuscritos inéditos, (b) en antoloxías e (c) en prensa e revistas literarias.
O capítulo asinado por Cristina Marchisio, “Querido amigo, le escribo a vuela pluma...’ Lettere di Enrique de Rivas a José Ángel Valente” (pp. 325-354) analiza a correspondencia entre o poeta hispano-mexicano e Valente. Como explica Marchisio, a temática do diálogo epistolar que cruzaron ambos autores é variada e abrangue temas do ámbito profesional e outros máis persoais. Porén, a profesora da USC centra a súa atención en tres cuestións clave: o inicio da correspondencia entre ambos autores a raíz da colaboración de Valente coa revista Settanta (1970-1975); o proxecto de traducir a Montale que uniu a Rivas e Valente, e que constitúe a cerna do traballo de Marchisio, e as últimas cartas e a localidade saboiana de Collonges-sous-Salève, na que, por un xogo de azar, tanto Rivas como Valente viviron cunha distancia de 37 anos.
Xa por último, no derradeiro capítulo do libro, “José Bento: cartas a Valente de un traductor portugués” (pp. 355-378), Saturnino Valladares estuda as epístolas enviadas polo tradutor a José Ángel Valente. A correspondencia entre o portugués e o galego ten como motivo principal a Antologia da Poesía Espanhola Contemporânea (1985), na que Bento recolle varias composicións de Valente. É xustamente esta antoloxía a que motiva o inicio da correspondencia entre ambos, mais co paso do tempo o diálogo epistolar irá incluíndo cuestións de temática máis persoal e referencias a problemas familiares, como a enfermidade e pasamento do sogro de Bento, o cansazo da súa esposa Margarida etc.
En definitiva, Valente epistolar (correspondencia de José Ángel Valente con sus amistades) constitúe unha achega de gran relevancia para aqueles estudosos e lectores que busquen aproximarse ao epistolario do poeta ourensán, cuxa lectura resulta interesante e agradábel a partes iguais. Trátase dunha obra ben organizada, cun estilo claro e directo que se aproxima á figura de Valente dende diferentes puntos de vista, moitas veces complementarios, e que fai posíbel afondar un pouco máis na súa personalidade e na súa obra. Ademais, algúns dos traballos que integran o volume, como o elaborado por Claudio Rodríguez Fer arredor da correspondencia entre Cernuda e Valente, sérvennos para complementar epistolarios previos con nova documentación de interese e novas perspectivas de análise; o que fai que a obra non só sexa novidosa por todas as achegas que reúne, senón tamén a nivel de contido. Sen dúbida, estamos ante un volume que non debemos pasar por alto, no que os catorce expertos que participaron na súa elaboración nos ofrecen un material de primeira calidade para coñecer un pouco mellor a figura de José Ángel Valente.