Xela Arias: poeta homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021
No ano 2021 dedicóuselle o día das Letras Galegas á escritora, editora, tradutora, profesora, e ante todo poeta Xela Arias. Con motivo desta homenaxe, a profesora de literatura galega na USC e crítica literaria María Xesús Nogueira Pereira publicou da man da editorial Xerais o volume Xela Arias. Os territorios da liberdade, un libro divulgativo sobre a vida e a obra da autora, e mediante o Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela o tomo Xela Arias. A literatura e a vida, por elección, que reúne un total de sete estudos, algúns de carácter máis memorial e outros propiamente académicos, xunto con once enquisas a autoras do panorama galego actual.
Xela Arias, filla do tamén escritor Valentín Arias, nace o 4 de marzo de 1962 nunha aldea de Sarria. En 1969 trasládase coa súa familia a Vigo, cidade na que pasará a maior parte da súa vida e na que falece o 1 de novembro de 2003, con tan só 41 anos. Como se adiantaba arriba, a súa figura é unha destas que se poden describir como polifacética pola cantidade de actividades ás que se dedicou na súa vida, todas relacionadas dalgún xeito ou outro coa literatura e a palabra. Unha muller que non se deixou levar nunca polas convencións sociais e que antepuxo o “escoller ata as últimas consecuencias, primando sempre a coherencia sobre a facilidade” (). Figura clave para o galego da súa época e para o idioma que as seguintes xeracións herdariamos, destaca especialmente como poeta, sendo unha desas personalidades imposibles de clasificar nun movemento ou xeración concretos.
A pesar de cadrar a súa data de nacemento coa das voces máis novas da poesía dos oitenta, e malia publicar o seu primeiro libro en 1986, a poética de Xela Arias, amante de seguir o seu propio camiño e escapar de calquera etiqueta, afastouse da estética maioritaria naqueles anos. Así o reflectía Ana Romaní cando afirmaba que o seu era un nome que se pronunciaba sen xeración e sen grupo, por se tratar dunha desas voces singulares, inclasificábeis, que se constrúen á marxe dos manuais. É por iso polo que a autora se preguntou onde estaba a súa xeración poética en galego, e tamén, de seguro, polo que o seu nome quedou en máis dunha ocasión esquecido nas costuras dos capítulos que conforman antoloxías e historias da literatura. ()
A poética de Xela Arias é un reflexo do que foi ela como muller, pois conseguiu coas súas palabras mostrar o máis profundo do seu carácter. Unha autora rupturista, moderna, rebelde, nacionalista e defensora dos dereitos das persoas, cuxa obra, polas súas características, atrae inevitable, aínda que non exclusivamente, a atención das xeracións máis mozas. Unha muller que viviu con intensidade as décadas dos oitenta e dos noventa, próxima polo tanto ás novas promocións e fortemente ligada á contemporaneidade do noso país. Como consecuencia, Víctor F. Freixanes ten apuntado que “o Ano Xela Arias foi para a Real Academia Galega moi intenso e unha das celebracións máis participativas que lembramos, cunha conexión especial coa xente nova. A figura de Xela permitiunos viaxar por rexistros moi diversos na súa personalidade”. O nome da poeta recuperouse e púxose en valor durante o 2021, aínda que, en palabras do presidente da RAG, se debe ter en conta que “non é un día, é todo o ano. Aínda máis, en realidade o Día das Letras Galegas é unha fiestra que se abre cara ao futuro” (). É partindo desta premisa, e co obxectivo de pór en valor non só a persoa, senón tamén a súa produción, como Mª Xesús Nogueira, unha das investigadoras que maior tempo e coñecemento dedicou á figura homenaxeada, presentou estes dous volumes sobre a autora durante o ano 2021.
Como aproximarse á narración dunha vida?
apunta que “los diccionarios señalan, con pocas variaciones, que biografía es la historia de la vida de una persona. [...] La biografía reduciría el panorama amplio de la historia al ámbito estrictamente individual”. En efecto, o Dicionario da Real Academia Galega non fai máis que verificar esta afirmación, pois define o termo coma unha “obra onde se narra a vida dunha persoa”. propón dúas características básicas coas que debe contar toda biografía: a ordenación cronolóxica dos feitos e a obxectividade. Con respecto a esta última, engade que “cuando el biógrafo intercala diatribas o elogios acerca del biografiado, esto es, cuando emite juicios de valor explícitos, es lícito sospechar que la reconstrucción de la vida del personaje ha sido hecha de acuerdo con esos juicios, tal vez preexistentes” ().
Ya había señalado Cicerón (De inventione, I, 24-25) los requisitos que debía cumplir un retrato para ser completo: el nombre del personaje, su naturaleza, su origen, su modo de vida, sus costumbres, sus relaciones, sus gustos, las acciones realizadas en su vida... ()
En relación a isto, sostén que existe un “pacto de lectura” intrínseco a este tipo de obras que “hace que el lector dé por supuesto el principio de sinceridad del sujeto de la enunciación y acepte como realmente ocurrido lo que se le cuenta”. Non obstante, resulta evidente que “a todo autor de una biografía lo mueve una intención, una motivación o finalidad” e que “no se limita a transcribir desapasionadamente la información que conoce, sino que la selecciona y reinterpreta mediante comentarios, cualificaciones, valoraciones, etc.” (). Esta mesma autora defende no seu traballo que a biografía é un tipo de xénero argumentativo, xa que neste formato se utilizan certos tipos de recursos moi frecuentes no rexistro desta clase de textos, como poden ser os “argumentos de autoridad”, “argumentos por comparación”, “argumentos por la causa y las consecuencias”, etc. ().
O obxectivo desta nota académica é realizar unha comparación entre os dous libros publicados sobre Xela Arias por Mª Xesús Nogueira o pasado ano, tendo en conta que isto dará lugar a unha serie de interesantes similitudes e contrapuntos que exemplificarán á perfección dúas formas distintas de facer chegar ao lector a vida e obra dun autor, dependendo do rexistro que sexa utilizado. Xela Arias. Os territorios da liberdade é un volume que se autoproclama claramente biográfico, mentres que Xela Arias. A literatura e a vida, por elección, aínda que se presenta coma unha recompilación de estudos académicos en torno á figura da homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021, remata sendo inevitablemente tamén unha forma “de iluminar diferentes vertentes da traxectoria da escritora, tanto na literatura como na vida” ().
Os territorios da liberdade e A literatura e a vida, por elección
Xela Arias. Os territorios da liberdade e Xela Arias. A literatura e a vida, por elección, dous volumes sobre unha mesma autora, escritos –no segundo caso, editado– pola mesma profesional e publicados no mesmo ano. Dúas maneiras de enfrontarse á narración dunha vida con públicos moi distintos, pero paradoxalmente con formatos moi semellantes. Como carta de presentación, na contraportada de Os territorios da liberdade, o lector atopará a seguinte descrición: “Un libro divulgativo sobre a vida e a obra da autora das Letras Galegas 2021. Unha poeta apaixonada pola contemporaneidade. Unha biografía que parte da voz da propia Xela Arias. Unha traxectoria marcada por un ideal de independencia”. Por outro lado, A literatura e a vida, por elección, adianta tamén no seu exterior algúns dos detalles máis notorios das súas páxinas: “Xela Arias: unha voz transgresora, insubmisa, desconforme, defensora radical da independencia. Dende o non privilexio, cuestionou a orde, fuxiu do establecido, interrogou, afastouse do esperado. Poeta fóra das convencións, desobediente, Xela escribiu e viviu por elección”.
O tomo publicado por Xerais, integramente escrito por Mª Xesús Nogueira, conta cun total de trece capítulos acompañados dunha nota da autora, os agradecementos e unha lista de referencias bibliográficas. Os capítulos estrutúranse da seguinte forma: o primeiro, “A nena cun lapis na man”, narra os primeiros anos da vida de Xela Arias e o seu amor pola literatura e a escritura xa dende pequena; a continuación, “Un portal da miña rúa” abarca a súa adolescencia, cando comeza a escribir poesía, abandona os estudos e comeza a traballar na editorial Xerais; en “Aqueles anos oitenta”, Nogueira destaca a importancia dos recitais e da música na traxectoria da poeta, que chegou a escribir letras para algúns dos grupos máis simbólicos do movemento que coincidiu con esta etapa, coñecido como “a Movida”; en “Escribo poesía”, como o propio título indica, faise un repaso dos primeiros anos nos que Xela Arias desenvolveu este xénero; en “Denuncio o equilibrio” plásmase a primeira publicación da autora en formato libro, en lugar de nunha revista ou outro tipo de obra periódica, no que se reunía todo o que escribira até ese momento; “O meu primeiro traballo: editora” describe o labor de Xela na editorial Xerais, tanto como editora coma como correctora e destácase a súa faceta de defensora do galego e do seu pensamento sobre a necesidade dunha norma estandarizada para o idioma; en “Había toda unha literatura por traducir” detállase o seu labor como tradutora; “A fotografía e o poema pendurados da parede: Tigres coma cabalos” recolle unha explicación deste título que Arias publicou da man do fotógrafo e futuro cónxuxe Xulio Gil nun exercicio de intermedialidade e interdisciplinariedade; “O regreso ás aulas e a escritura sempre” narra o período no que Xela Arias decidiu acceder finalmente á universidade, ao mesmo tempo que seguía traballando en Xerais, se dedicaba á súa propia produción e experimentaba a maternidade; o décimo capítulo, “Darío a diario”, dedícase integramente a comentar este libro, que foi o resultado dos seus primeiros anos como nai; en “Anos de docencia e voces na rúa” o lector coñece á Xela docente, que seguía creando no ámbito literario e interactuando con outras artes como a fotografía e a música, á vez que se dedicaba a tarefas de normalización lingüística e participaba en intervencións políticas, mobilizacións e mantiña un forte compromiso cívico, especialmente coa catástrofe do Prestige e a Guerra de Iraq, que marcaron aqueles anos; “Declárome, Intempériome” pon o foco precisamente en Intempériome, o último libro publicado pola autora, moi enfocado ao posterior recital acompañado de melodías que xa non foi posíbel pola celeridade da súa tráxica morte, que tivo lugar ese mesmo ano; por último, en “Xela despois de Xela”, Nogueira compila diferentes homenaxes que se fixeron á súa figura dende o seu falecemento.
A celebración das Letras Galegas 2021 propiciou a circulación polas redes de versos, fotografías, recortes de prensa e outros materiais nunha sorte de homenaxe colectiva. As diferentes achegas que están a ver a luz coinciden no retrato dunha muller que viviu e se implicou nos conflitos do seu tempo, que escolleu a independencia como camiño e que procurou constantemente territorios de liberdade. Entre eles, e nun lugar moi principal, a poesía. ()
Resulta interesante, ademais da cantidade de referencias bibliográficas que se recollen ao final do libro, a nota da autora, na que se declara que “a voz de Xela Arias foi (re)construída a partir de entrevistas, autopoéticas, conferencias e outros textos escritos por ela en primeira persoa. A autora do libro deixouse levar nalgunha ocasión por versos, letras de cancións e prosas de (auto)ficción” (). O comezo de cada capítulo iníciase cun fragmento escrito por Xela Arias en primeira persoa, que pode ter distintas orixes dentro da súa obra e do legado que deixou documentado, como explica a autora. Este primeiro texto desemboca nunha explicación máis detallada e con datos precisos que achega a profesora da USC, tomando así o papel de narradora en terceira persoa e biógrafa de Arias. Ao longo destas 176 páxinas, Mª Xesús Nogueira non só fai un percorrido pola vida da poeta, senón que mesmo chega a analizar algúns dos seus textos. Isto demostra un profundo coñecemento da figura de Xela Arias, pero tamén da súa obra, pois ao contrario do que podería pasar nunha biografía divulgativa común, neste caso éntrase en detalle e en especificacións literarias, mais sempre facéndoo de xeito que resulte entendíbel para calquera lector. Recursos coma a inserción de poemas en medio da narración permiten ler directamente as obras que se analizan e explican. Unha gran parte do público deste volume quizais non chegaría a ler a produción poética de Xela Arias tras a súa consulta, polo que esta é unha boa estratexia para introducila, xa sexa de cara a coñecer realmente á autora ou para fomentar a lectura da súa obra, máis alá do coñecemento de datos biográficos básicos.
Por outra banda, A literatura e a vida, por elección, homenaxe ideado polo Departamento de Filoloxía Galega dentro da serie “Día das Letras Galegas”, consta dunha introdución, sete “estudos que ilustran distintas facetas dunha figura poliédrica coñecida sobre todo pola súa poesía” (), e once enquisas “que pretenden dar conta tanto da valoración como da posíbel influencia da escritora en poetas nacidas entre a década dos oitenta e dos noventa” (). No preludio, a editora dá conta da orixe, estrutura e obxectivos do libro, ademais de facer unha breve recompilación dalgúns datos biográficos de Arias e apuntamentos sobre a súa produción, é dicir, realiza unha sorte de resumo moi conciso de Os territorios da liberdade; a continuación, en “Xela Arias no mundo editorial”, Xulián Maure Rivas repasa a traxectoria de Xela como editora e tradutora, precisando como foi o achegamento ó oficio, a traxectoria en Xerais, o papel que xogou na normalización lingüística, como rematou realizando traducións, etc.; baixo o título “Xela: alumna, profesora e amiga” Ana Iglesias Álvarez achega un relato que intercala a terceira persoa para narrar momentos da vida da poeta coa segunda persoa, tomando a palabra para dirixirse directamente a Xela, e agasalla ao lector con vivencias da súa etapa como alumna e docente, pero tamén con apuntamentos da súa vida persoal e social, construíndo así un retrato de Xela Arias dende o punto de vista dunha compañeira, primeiro de estudos, despois de profesión e, despois de todo, amiga; o director da revista Dorna, Ramón Lorenzo Vázquez, realiza en “Xela Arias na revista Dorna” un percorrido pola historia desta publicación periódica, aparecida fai 40 anos, que acompaña da inserción das distintas achegas da poeta á mesma; Xosé Lois Gutiérrez Faílde produce mediante “Tacto en paralaxe: unha aproximación improvisada arredor da intermedialidade en Tigres coma cabalos” un artigo propiamente académico no que contextualiza a posición da fotografía e da poesía na Galicia da época e o resultado da súa fusión e, así mesmo, reivindica a necesidade dunha metodoloxía e teoría que ofrezan as ferramentas necesarias para a análise deste tipo de obras; “Xela Arias escritora de fronteira. Sobre Non te amola! e a súa significación na literatura infantoxuvenil do seu tempo” é o quinto estudo, firmado por Montse Pena Presas, que examina literariamente as prosas da autora para centrarse en Non te amola!, libro de relatos que tivo un importante papel na LIX da época, pero que buscaba tamén a complicidade do público adulto; en “Muller, miope, galega”, Dolores Vilavedra Fernández pon o foco na antoloxía publicada por Xerais Contos eróticos/Elas e no que Xela Arias participou cunha narración que se valora neste estudo; de novo firma Mª Xesús Nogueira, esta vez “Prosas soltas de Xela Arias”, coa fin de achegar información sobre o contexto de creación das publicacións en prosa da autora e de clasificalas en distintos apartados, dende “relatos de infancia e xuventude” até “manda testamentaria”, pasando por “apuntamentos sobre literatura”, “páxinas de opinión”, “unha achega ao audiovisual” e “bandos, pregóns e outros textos públicos”; por último, inclúense as enquisas ás poetas contemporáneas Susana Sánchez Aríns, Olga Novo, María Reimóndez, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, Antía Otero, Oriana Méndez, Andrea Nunes Brións, Lara Dopazo Ruibal, Alicia Fernández e Berta Dávila.
Alén dunha homenaxe, o libro quere tamén engrosar unha produción crítica sobre a autora e a súa obra polo de agora escasa. Neste senso, as achegas do volume pretenden complementar tanto a bibliografía existente como as numerosas lecturas que, como adoita acontecer, están a agromar ao abrigo do Día das Letras. Será o tempo, coa súa perspectiva, o encargado de escolmar unha produción que estes días medra á calor dos afectos e das honras. ()
Certamente, xunto coa mencionada inclusión das achegas de Arias á revista Dorna e as prosas recompiladas por Nogueira en distintas categorías, reprodúcense ao longo deste título tamén os versos orixinais que se mencionan cun obxectivo ou outro en certas ocasións, así como a reprodución dalgunhas correccións feitas por Arias na súa etapa como editora en Xerais, distintos traballos nos que a intermedialidade xogaba un papel importante ―dende textos publicados en revistas e xornais a fragmentos de Tigres coma cabalos— e o relato Que si, quesi, achega de Xela ao volume colectivo de contos eróticos de Xerais. Esta decisión da inserción dos textos da autora ao longo do volume fai patente un dos obxectivos máis fortes da editora á hora de realizar este traballo-homenaxe, e que se comparte claramente coa natureza de Os territorios da liberdade: destacar a calidade e a difusión da obra literaria de Xela Arias por riba da súa figura ou das circunstancias da súa vida persoal, moi explotada nalgúns momentos e á que en ocasións se lle daba unha importancia maior que á propia produción, moi difícil de atopar individualmente, e tarefa imposíbel se se desexaba unificada. En definitiva, os dous exemplares aquí presentados son moi semellantes entre si, e a súa maior diferencia sería o rexistro e o formato da escritura, así coma os recursos dos que se valen para a narración, xustificados polo feito de que estean concibidos de cara a dous tipos de público diferentes. Un académico e outro divulgativo, mais comparten as bases e os contidos resultan moi semellantes, tal e como puido verse a través da explicación pormenorizada destes.
Retomando a teoría...
De acordo á palabra biografía tal e como se entendía en apartados superiores, podemos considerar que ningunha das obras de Nogueira resulta ser sinxelamente este formato ao uso, pois ambas conteñen máis que só certos apuntamentos da obra de Arias, converténdose en abundantes ocasións o paréntese da explicación da vida nunha análise literaria propiamente dita. En xeral, pódese dicir que os dous volumes cumpren coa condición que impón da orde cronolóxica. Con respecto á obxectividade, hai que partir do obvio contexto no que nacen as obras: a homenaxe a Xela Arias como escritora das Letras Galegas 2021. Ademais desta bagaxe, queda claro que o obxectivo que move á autora e editora é recompilar e pór en valor os textos de Xela Arias sobre a puntualización das vivencias persoais da poeta. Como consecuencia, certamente existen ao longo das dúas obras numerosas cualificacións e valoracións, pero pertencentes ao ámbito da análise literaria, no que a Mª Xesús Nogueira a avalan os seus títulos de investigadora e profesora da USC, crítica literaria e estudosa da vida e obra de Xela Arias. Así mesmo, hai que ter en conta certos fenómenos que Juan Antonio Ramírez explica de xeito conciso no seu traballo Medios de masas e historia del arte aplicados aos historiadores da arte, pero cuxa teoría se pode extrapolar a calquera outro ámbito da nosa contemporaneidade con facilidade:
El historiador del arte actual, profesional de la cultura, se encuentra con un campo de estudio problemático cuyo objeto y métodos derivan de una superposición de interpretaciones sucesivas acerca de ese objeto y de estos métodos. [...] Como persona que vive en sociedad está condicionado y solicitado por una multitud de instancias de gran complejidad: ha nacido en un determinado medio social que condiciona, a lo largo de su vida infantil y adulta, multitud de vivencias acerca de las relaciones humanas individuales, de grupo o de clase; [...] todo ello termina cristalizando en una particular historia personal en la que se acumulará una reserva de sentimientos de toda índole, vivencias, conocimientos, etc., que, contrastados con la realidad exterior de cada momento, pueden permitirle tomar decisiones, optar por una cosa o por otra, tanto en el terreno de los actos cotidianos como en el de las investigaciones profesionales. ()
Polo tanto, a pesar da obvia subxectividade que tinxe a propia selección do suxeito biografiado, queda claro que os posibles xuízos de valor que realiza a autora e editora están máis que xustificados se se ten en conta que pertencen ao ámbito da produción de Arias e non á súa vida persoal, e que hai unha serie de antecedentes que sitúan a Mª Xesús Nogueira como unha persoa autorizada a facelos. Adicionalmente, a profesora da USC engade unha serie de argumentos e probas que farán ao lector crer na sinceridade do que se lle conta e en que o pacto de lectura () se cumpre. No caso de Os territorios da liberdade isto aparece moi claramente no apartado final que Nogueira dedica á elaboración da lista de referencias bibliográficas que consultou para a preparación desta obra divulgativa. De igual xeito, así como insire textos do puño e letra de Arias, tamén achega distintas testemuñas de persoas próximas a ela ao longo do libro e, en caso de dúbidas ou contradicións, ofrece ambas informacións: “as narracións nas que, atendendo á cronoloxía de Valentín Arias, estaba a traballar en 1991. [...] Xulio Gil matiza a datación dos relatos que el considera escritos arredor de 1994” (). En última instancia, como xa se mencionou en varias ocasións, a autora parte da voz da propia Xela e proporciona ao lector ao inicio de cada capítulo fragmentos de diversa índole firmados pola biografiada. En canto a A literatura e a vida, por elección, pouco hai que engadir se se ten en conta que ao final de cada estudo se inclúen igualmente as correspondentes fontes bibliográficas consultadas por cada autor. Noutros casos, o carácter testemuñal das achegas compensa a brevidade ou falta deste apartado: “algúns nomes que os asinan estiveron ademais directamente implicados en actividades desenvolvidas pola autora, o que confire ás súas achegas un carácter testemuñal” ().
En definitiva, Mª Xesús Nogueira vén de publicar en 2021 dúas obras en torno á figura de Xela Arias nas que o tema principal é a propia poeta, a súa vida e, especialmente, a súa obra. Parece inevitábel separar a selección deste suxeito da bagaxe co que parte Nogueira, mais, aínda así, a autora e editora consegue proporcionar a calquera lector unha forma de aproximarse á figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021 moi rica, ben traballada e todo o auténtica posíbel con respecto aos acontecementos orixinais. Tendo en conta a formación e os intereses concretos do público atraído por Xela Arias, este atopará nalgún dos dous volumes o compañeiro ideal para non só achegarse á superficie senón para mergullarse na profundidade dunha persoa e dunha obra particularmente poética, pero tamén ensaística, xornalística, etc. que reflicte máis da propia autora que calquera palabra dos seus achegados.
Referencias bibliográficas
1
Arenas Cruz, M. E. (1998). La biografía como clase de textos del género argumentativo. En J. Romera Castillo e F. Gutiérrez Carbajo (Eds.), Biografías literarias (1975-1997). Actas del VII Seminario Internacional del Instituto de Semiótica Literaria, Teatral y Nuevas Tecnologías de la UNED (pp. 313-321). Visor.
2
Freixanes, V. F (13 de maio de 2021). Xela Arias. Tribuna. Real Academia Galega. https://academia.gal/-/xela-arias-2
3
Notas
[1] Véxase a descrición do vídeo Clausura do Simposio – Simposio Xela Arias en Youtube (https://www.youtube.com/watch?v=fD5tOc1yvzE, data de consulta: 15/05/2022).
[2] González González, M. (dir.): Dicionario da Real Academia Galega. A Coruña: Real Academia Galega (https://academia.gal/dicionario, data de consulta: 26/05/2022).