Como se pode ler no prólogo de María Luisa Sotelo, o traballo da investigadora Blanca Rodríguez Garabatos, profunda coñecedora da obra de Emilia Pardo Bazán, na elaboración do monográfico que leva por título Emilia Pardo Bazán: visiones del dandismo, salienta por tratarse dun estudo erudito, froito dunha extensa investigación académica. Con todo, ten a forma dun ensaio áxil que se le con gran facilidade e que mostra á vez contidos documentados e interpretados dunha maneira orixinal. Unha orixinalidade que se fai patente en varios aspectos.
En primeiro lugar, destácase a utilización das descricións, afirmacións e consideracións sobre o dandi e o fenómeno do dandismo que poboan a obra da gran novelista galega para construír un discurso que é unha mirada que se apoia nas pasaxes que se entresacan das novelas e contos pardobazanianos.
En segundo lugar, hai unha interesante novidade na maneira de presentar este discurso sobre un tema relacionado coa estética, as actitudes vitais decimonónicas e a peculiar autoconsideración persoal de varios personaxes reais e de ficción enmarcándoos na elaborada teorización sobre o dandismo que provén do ámbito da literatura do século XIX. Os textos de Balzac, Baudelaire, Carlyle ou Wilde engarzan entre si e coas pasaxes da autora estudada para ofrecer un rico panorama de ambas as cuestións, da figura do dandi e a teorización literaria e estética que leva aparellada, por unha banda, e, por outra, da visión aguda e profunda que ofrece sobre o tema a obra de Pardo Bazán.
Un terceiro aspecto contribúe a dotar de atractivo e dunha perspectiva innovadora esta presentación dun tema literario: a propia estrutura e os contidos do libro. Organizado en dúas partes diferenciadas, precedidas dunha introdución e pechadas cun epílogo, o ensaio interpretativo propiamente dito, “Pardo Bazán e a tradición literaria sobre o dandismo” (pp. 21-86), constitúe a primeira parte e estrutúrase en varios apartados nos que se desprega a análise literaria e estética, dando como resultado un estudo detallado e profundo. A continuación, compleméntase co “Catálogo de dandis” (pp. 87-147), que ofrece unha revisión dos protagonistas das obras de Pardo Bazán que se encadran dentro da categoría. Nesta segunda parte, que se presta á indagación curiosa, cada un dos personaxes está catalogado e conta cunha ficha cuxo formato está de a cabalo entre unha ficha policial, unha catalogación académica ou un book para un casting peculiar.
Ademais, a obra complétase co estudo da actitude e o coñecemento sobre a estética, a moda e o vestir na obra de Pardo Bazán que Blanca Rodríguez Garabatos abordara nunha estupenda tese doutoral que se converteu no fermoso libro Emilia Pardo Bazán y la moda (A Coruña, Hércules de Ediciones, 2021).
Con todo, esta especie de spin-off do traballo académico centrado na visión pardobazaniana da moda e a estética é algo máis que un estudo reflexivo sobre un fenómeno relacionado coa moda. Vai máis aló desta cuestión para penetrar no ámbito do retrato psicolóxico e da actitude moral sospeitosa e disfrazada de mera inclinación estética. Deste xeito, a mirada a estes aspectos que se relacionan coa preocupación masculina pola imaxe e a vestimenta evoca cuestións interesantes sobre a idea do dandi e a banalización do termo no seu uso contemporáneo, contextualizando a figura no seu momento de creación, así como o conxunto de actitudes que encerran, á vez, un certo encanto e unha intencionada perversión.
No ensaio, que se arroupa tras unha portada cun coidado deseño, moi certeiro na elección dos símbolos e as cores, o fenómeno do dandismo e a figura do dandi quedan perfectamente disecados, explicados e argumentados a través da enorme cantidade de textos de todos os autores citados que a investigadora nos fai ler. Ademais, leva a cabo unha interpretación deles mediante a cal tece un discurso que se converte nunha fonte de coñecemento sobre os autores revisados, a propia Emilia Pardo Bazán e o tema propiamente dito.
Así, aprendemos que, máis que unha cuestión de acerto ou preocupación polo vestir, o dandismo é unha actitude vital e artística, e, mesmo, que non é un fenómeno soamente masculino, como se desprende da análise psicolóxica e estética da figura de Espina Porcel, unha das protagonistas femininas da novela decadentista de Pardo Bazán, La Quimera, que aparece perfectamente retratada como un dandi feminino.
A lectura de Emilia Pardo Bazán: visiones del dandismo pódese facer, con todo, en varios niveis de profundidade. En primeira instancia, lévanos, sen dúbida, ao terreo da vestimenta masculina, e, aínda máis, ao terreo da actitude masculina cara á vestidura e os seus valores; algo que resulta especialmente interesante cando se contempla no momento contemporáneo no que xa desapareceu esa “renuncia masculina”, que se explica e glosa ao longo das páxinas, esa simplicidade ou sobriedade, esa descomplicación no vestir do home, que resulta nunha sorte de uniformización que se presenta como un desinterese por todo o que vai máis aló da pura corrección. O dandi, en relación coa vestimenta, encarna, pois, un interese pola imaxe que resulta totalmente contemporáneo, aínda que nos nosos días este interese perdera, en gran medida, outras actitudes que leva aparelladas o dandismo. Subsiste, con todo, neste momento, o que considero como o centro do fenómeno: a relación da construción da propia imaxe cunha actitude que pode ser vital, moral ou sinxelamente estética. É dicir, a utilización da propia imaxe a través do vestido, o arranxo ¾mesmo o aseo¾ ou a moda como unha maneira de mostrar, afirmar ou ratificar unha actitude determinada fronte á vida ou a sociedade, entendida como o resto dos semellantes.
Ao longo do traballo de Rodríguez Garabatos explórase maxistralmente esta actitude, o que implica e o que reflicte da personalidade e da catadura dos personaxes que a encarnan. Con todo, a obra de Pardo Bazán e a súa interpretación ofrecen, ademais, a oportunidade de mostrar nunha segunda lectura máis profunda o fondo moral que se asigna ¾e case se esixe¾ para a condición de dandi, que a novelista analiza e expón con coñecemento de causa e de maneira minuciosa. Deste xeito, o fenómeno alcanza fondura, porque esta condición non afecta soamente a unha cuestión de atilamento ou preocupación pola moda e a imaxe, senón que se converte na marca dunha construción intencionada.
Así se nos descobre un dos seus aspectos máis relevantes: a relación que o dandi e o dandismo estabelecen coa arte, xa que a creación dunha propia imaxe implica a construción dunha personalidade e dunha imaxe que se exhiben e que son, ambas, auténticos artificios. No fenómeno do dandismo dalgunha maneira repúdiase o natural, e así, do mesmo xeito que a arte se opón á natureza, o dandi é unha argucia equiparábel á obra de arte e por iso está asociado á figura de artistas e poetas, como se analiza e expón no estudo que apuntamos.
En última instancia, esta cuestión do dandismo e a arte relaciónase en esencia co problema estético. Como se mostra e se desenvolve no ensaio, o dandi preséntase como un esteta preocupado pola beleza e a perfección, pero da análise parece desprenderse que é un esteta baleiro, que se move no terreo do mal, polas súas variadas inclinacións cara ao diabólico, o asasinato ou o suicidio; pero, sobre todo, porque proxecta a paixón polo belo basicamente sobre si mesmo, exercendo unha estética egoísta e narcisista que con frecuencia aboca a unha destrución que poucas veces se reconduce a través da reflexión sobre a banalidade. En resumo, ler Emilia Pardo Bazán: visiones del dandismo pode constituír toda unha experiencia de coñecemento sobre a literatura, a estética e, quizais, sobre nós mesmos.