Acerca do Xornal
Temática e alcance
A revista Verba (Anuario Galego de Filoloxía) publica anualmente estudos lingüísticos e filolóxicos. Naceu en 1974 coa intención de difundir os estudos filolóxicos realizados en Galicia e coa vocación de dedicar unha atención preferente á lingua galega. Porén, a súa recepción nos ambientes universitarios españois, europeos e americanos abriu o camiño para que especialistas de distintas procedencias –e nomeadamente os dos centros de estudo peninsulares– ampliasen o seu catálogo de temas e de linguas de traballo. Desde a súa fundación, moitos investigadores contribuíron a orientar a súa temática cara a campos como a gramática, a fonoloxía, o léxico, a edición de textos, a teoría lingüística ou a pragmática.
Cada volume da revista Verba contén, ademais de artigos de investigación inéditos, notas breves sobre cuestións concretas e recensións de libros. Admítese a presentación dos traballos nas seguintes linguas: galego, castelán, portugués, catalán, francés, italiano e inglés.
Ademais do volume anual, a revista edita unha colección de monografías como Anexos.
O equipo de dirección da revista Verba (Anuario Galego de Filoloxía) invita a profesores e investigadores a difundiren os seus traballos a través deste medio.
As áreas de coñecemento a que a revista Verba está máis directamente vinculada son as seguintes:
- Filoloxía románica
- Filoloxía galega
- Filoloxía española
- Filoloxía portuguesa
- Filoloxía catalá
- Filoloxía francesa
- Filoloxía italiana
- Lingüística xeral
Proceso de revisión por pares
Os traballos recibidos serán revisados por un membro do Comité de Redacción que determinará se cumpren os requisitos mínimos esixidos para a súa publicación (áreas temáticas da revista, anonimato, propiedades formais, etc.). O incumprimento das condicións mínimas esixidas pola revista será motivo suficiente para o rexeitamento do traballo.
Os traballos que cumpran os requisitos mínimos serán avaliados anonimamente por dous informantes, quer integrantes dos comités científico e asesor da revista Verba, quer especialistas no tema estudado. En última instancia, será o comité de redacción o que decida sobre a súa publicación.
Cada un dos avaliadores elaborará un informe motivado que especifique as razóns para a aceptación, revisión ou rexeitamento do orixinal que se someta á súa consideración, segundo as pautas do formulario de revisión da revista. En todo o proceso se preservará o anonimato tanto dos autores coma dos avaliadores.
A comunicación aos autores irá acompañada dos informes anónimos dos avaliadores. Eventualmente, poderá enviarse un único informe elaborado polos editores a partir dos formularios empregados polos avaliadores.
O tempo medio transcorrido desde o envío do orixinal ata a comunicación ao seu autor do resultado da avaliación non excederá de 5 meses, agás circunstancias imprevistas.
Os criterios básicos de avaliación serán os seguintes:
- Adecuación ás liñas temáticas da revista.
- Orixinalidade e relevancia científica da contribución (tema, método, datos, resultados, etc.).
- Rigor metodolóxico.
- Presentación formal.
- Redacción e puntuación.
- Sistema de citas.
- Bibliografía
- Adaptación ás normas de estilo da revista.
Os avaliadores poderán recomendar: a) Aceptación sen correccións; b) Aceptación con correccións menores; c) Reenvío do texto reelaborado para ser sometido a unha segunda rolda de avaliación; d) Rexeitamento.
No suposto c), ademais de subir á plataforma un novo texto reelaborado (na mesma páxina de “Envío activo”), os autores deberán remitir ao responsable da edición do seu traballo un documento no que se especifique de que modo foron atendidas as suxestións dos avaliadores. Tanto a nova versión como o documento mencionado serán enviados novamente aos revisores, para que estes emitan un informe sobre a conveniencia ou non da publicación, no prazo dun mes. O Comité de redacción, no prazo máximo de 15 días a partir da recepción dos novos informes, deberá acordar e notificar a aceptación ou o rexeitamento do artigo.
Frecuencia de publicación
Anual. Co obxectivo de acurtar o tempo de espera no proceso editorial, o equipo de dirección de Verba tomou a decisión de iniciar a partir do volume 49 (ano 2022) a publicación en modalidade de fluxo continuo dos artigos, sen agardar pola integración completa dos anuarios. Cada artigo publicarase a medida que estea codificado en JATS e maquetado, polo que levará paxinación independente.
Política de acceso aberto
Verba facilita o acceso sen restricións a todo o seu contido.
A publicación non ten ningún custo para os autores.
Información sobre o autoarquivo
Unha vez que o traballo foi aceptado para a súa publicación en Verba, os autores poden subir o pre-print a repositorios institucionais, blogs ou webs como ResearchGate ou Academia. En todo caso, o documento que suban debe ser o orixinal sometido á revista, previo á revisión por pares e sen incorporar as modificacións debidas aos comentarios dos revisores; do mesmo xeito, unha vez publicado o artigo pola revista, os autores poden subir a edición do editor a un repositorio institucional ou persoal.
Indexada en
Esta revista está incluída nos seguintes repertorios:
LATINDEX (catálogo)
Exención de responsabilidade
Verba non se fai responsable do contido de ningún artigo e o feito de patrocinar a súa difusión non implica, necesariamente, conformidade coas teses expostas.
O editor, en calquera caso, exímese de toda responsabilidade derivada da eventual vulneración de dereitos de propiedade intelectual por parte do autor.
Formulario de avaliación
Directrices éticas
A publicación de artigos científicos involucra varios axentes, entre os cales se atopan a editorial, a dirección da revista, os avaliadores dos traballos e os autores. De cada un deles espérase unha conduta ética referida a uns principios, na nosa revista inspirados parcialmente nos que proporciona o Committee on Publication Ethics (COPE) Best Practice Guidelines.
Editorial
A editorial proporciona asistencia e apoio técnico á dirección da revista no uso da plataforma web, e mantén o software actualizado e en condicións de facilitar o proceso de envío, avaliación e publicación dos traballos. Colabora tamén coa dirección da revista na súa indexación e na facilitación de información sobre aqueles requisitos que contribúan a un mellor posicionamento da mesma nas clasificacións ao uso. En xeral, axuda ao incremento da calidade editorial da revista e á súa mellor e maior visibilización, internacionalización e impacto.
Dirección da revista
A dirección da revista asegura que os manuscritos enviados son avaliados atendendo exclusivamente ao seu contido intelectual, sen ter en conta a raza, xénero, orientación sexual, crenza relixiosa, adscrición política ou escola filosófica dos autores. Garante a confidencialidade dos traballos, non revelando a identidade dos mesmos a outros actores que non sexan os membros autorizados da editorial, os avaliadores potenciais, os avaliadores efectivos ou ao consello de redacción da revista. A dirección da revista pode declinar a publicación dun traballo por non cumprir este os requisitos formais esixidos ou por tratar unha temática allea ao seu ámbito. Debe comunicar, dentro dos prazos establecidos, unha vez vistos os informes dos avaliadores e ouvido o consello de redacción, a aceptación ou o rexeitamento dos traballos presentados.
Avaliadores
Os avaliadores deben rexeitar o encargo de valorar un traballo se non se recoñecen cualificados na área temática do mesmo ou se non poden asumir a avaliación dentro do prazo que establece a revista. O informe de avaliación debe ser obxectivo e debe expresarse de maneira razoada e clara. Debe evitar alusións ad hominen, ofensivas ou humillantes e os comentarios deben perseguir a mellora do traballo. Os manuscritos recibidos deben ser tratados como documentos confidenciais e o seu contido non pode ser usado en traballos propios. Os avaliadores deben rexeitar avaliar artigos cando exista algún conflito de interese resultante dunha eventual relación, pasada ou presente, cos autores do traballo ou coas institucións das cales estes dependan.
Autores
Os autores deben enviar traballos que presenten unha investigación orixinal sobre un tema claramente identificábel e non previamente publicado. Non deben enviar traballos que inclúan unha parte substancial doutros xa publicados. Os traballos deben redactarse de modo que poidan ser comprendidos ou replicados polos avaliadores. Se se usaren ideas doutros, deben ser claramente referenciadas; o plaxio é unha conduta inaceptábel e a súa detección implica o arquivo do traballo ou a súa retirada da páxina web, se estivese xa publicado. En caso de coautoría, son autores dun traballo todos os que contribúen significativamente ao mesmo; cada autor debería ser capaz de identificar as partes do traballo de que son responsábeis os outros coautores e debe gardar confidencialidade dos diversos contidos até que o artigo sexa publicado. O envío simultáneo do traballo a outra ou outras revistas é condición suficiente para o seu arquivo. Se no proceso de edición os autores descobren erros ou impropiedades no seu traballo, comunicarano coa maior celeridade ao director da revista, e colaborarán na súa subsanación. Os autores deberán facer constar o posíbel conflito de intereses entre as conclusións do seu traballo e as fontes de financiamento do mesmo.
Estas directrices están en consonancia co código ético da Universidade de Santiago de Compostela, editora da revista: https://www.usc.es/gl/goberno/valedor/codigoetico/CodigoEtico.html
Política de preservación de arquivos dixitais
Esta revista desenvolve diversos procesos destinados a garantir a accesibilidade permanente dos obxectos dixitais que alberga nos seus propios servidores:
- Copias de seguridade.
- Seguimento da contorna tecnolóxica para prever posibles migracións de formatos ou software obsoletos.
- Metadatos de preservación dixital.
- Utilización de DOI.
Os arquivos publicados nesta páxina web están dispoñibles en formatos facilmente reproducibles.
Política antiplaxio
Esta revista é membro de Similarity Check, unha iniciativa lanzada por Crossref que agrupa a varias editoriais co fin de protexer a orixinalidade dos contidos que publican.
Similarity Check utiliza o software iThenticate para detectar coincidencias e similitudes entre os textos sometidos a avaliación e os publicados previamente noutras fontes.
Protocolos de interoperabilidade
Verba proporciona unha interface OAI-PMH (Open Arquives Initiative Protocol for Metadata Harvesting) que permite que outros portais e servizos de información poidan acceder aos metadatos dos contidos publicados.
Especificacións:
OAI-PMH Protocol Version 2.0
Dublin Core Metadata 1.1
Ruta para os colleitadores:
Historia
A revista Verba (Anuario Galego de Filoloxía), editada polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela, publica desde 1974 traballos que versan sobre temas relacionados coa Filoloxía Galega, a Filoloxía Hispánica, a Filoloxía Portuguesa, a Filoloxía Románica e a Lingüística Xeral. Ten periodicidade anual e dispón dunha colección de anexos para traballos de máis extensión ca a propia dos artigos. No final de 2011 leva publicados trinta e oito anuarios e sesenta e sete anexos e está xa consagrada como unha das revistas de referencia inescusable no mundo da lingüística e a filoloxía románicas.
Segundo se di no limiar do seu primeiro número (1974), Verba naceu “como consecuencia directa del volumen que los estudios filológicos han adquirido en Galicia en los últimos años” e, sen ter como campo de estudo exclusivo o da Filoloxía Galega, si pretendía atender preferentemente “la lengua gallega en todas sus manifestaciones”, sen se adherir a ningunha liña teórica determinada. Esta orientación explicaba perfectamente o seu subtítulo de Anuario Gallego de Filología. Nos seus sete primeiros números figuraron como director e secretario dela dous dos fundadores do Instituto da Lingua Galega (Constantino García e Antón Santamarina), pero tamén deben ser mencionados como promotores seus outros tres investigadores e profesores da Universidade de Santiago de Compostela: Ramón Lorenzo, Guillermo Rojo e Xosé Luís Couceiro.
Cada anuario presentaba unha sección de artigos, outra de notas ou breves comunicacións sobre diferentes problemas e unha terceira dedicada á revista de libros. De acordo coa orientación que inicialmente se lle marcou, nos primeiros volumes abundaban os traballos sobre diferentes aspectos da lingüística galega (fonética e fonoloxía, morfoloxía, sintaxe, léxico, etimoloxía, onomástica, etc.), asinados tanto por recoñecidos especialistas estranxeiros (H. Meier, J. M. Piel, H. Bursch, D. Kremer...) coma por investigadores vinculados á Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (ademais dos fundadores, R. Carvalho Calero, A. Moralejo Lasso, J. L. Rodríguez, M. Brea, R. Baltar...) ou procedentes doutros centros docentes e investigadores (J. L. Pensado, M. Alvar, M. C. Ríos Panisse, M. C. Henríquez, J. Neira, C. Oro, E. Rivas, X. M. Lema, I. Millán, J. Schroten, D. Prieto Alonso, M. Fernández, etc.). No entanto, nestes primeiros volumes xa se inclúen tamén traballos que tratan cuestións de lingüística española (de G. Rojo, A. M. Espinosa, E. Alarcos Llorach, M. C. Boves Naves, F. Lázaro Mora, S. Gutiérrez Ordóñez, M. Taboada...), que se achegan a espazos románicos coma o asturiano (L. Rodríguez-Castellano, X. Ll. García Arias, A. M. Cano), o francés (M. Urdiales, C. Flores Varela, M. D. Olivares Vaquero, I. Sánchez Regueira) ou o italiano (I. González), ou que abordan problemas de lingüística xeral (C. Peregrín Otero, F. Marcos Marín, F. Abad Nebot, M. Fernández Pérez...).
A partir do número 8 (1981) figuran como responsables da revista non só o director e o secretario iniciais (Constantino García e Antón Santamarina), senón tamén un comité de redacción de tres membros (Ramón Lorenzo, Guillermo Rojo e Xosé Luís Couceiro) e dúas coordinadoras (Mercedes Brea e Isabel González). Con esta estrutura organizativa, que se mantivo ata o volume 13 (1986), Verba foi transitando cara a un descenso da proporción dos traballos de lingüística galega que publicaba, ao tempo que, mantendo as sinaturas que comezaban xa a serlle habituais, se abría á colaboración de lingüistas encadrados en diferentes campos da investigación, que se foron asomando ás súas páxinas nos anos e nas décadas seguintes. O décimo terceiro volume iniciábase cun artigo dunha figura universalmente recoñecida, Veikko Väänänen, que escribiu sobre “Algunos rasgos lingüísticos y estilísticos del Itinerarium Egerieae”.
Desde o número 14 (1987), ao tempo que Alexandre Veiga asumía o cargo de secretario e Antón Santamarina substituía a Xosé Luís Couceiro no comité de redacción, Verba dotouse dun comité científico composto por romanistas de diversas universidades europeas que prudentemente se foi engrosando con novas incorporacións co paso dos anos. En 1991 (volume 18) designouse director a Ramón Lorenzo e director honorario a Constantino García, mentres que o comité de redacción quedaba integrado por Mercedes Brea, Antón Santamarina e Jesús Pena. Carlos Folgar foi o secretario que coordinou a edición do volume 20 (1993) e desde 1994 (volume 21) ata 2011 (volume 38) desempeñou este cargo Ramón Mariño Paz. Desde 1995 os anuarios inclúen, á parte dos capítulos de artigos, notas e revista de libros, unha cuarta sección en que se dá noticia das publicacións recibidas na redacción ao longo do ano.
Entre os anos 2010 e 2011 a revista foi dirixida por Antón Santamarina, que logo duns meses de traballo renunciou voluntariamente ao cargo. Desde maio de 2011 as tarefas de dirección son exercidas por Ramón Mariño Paz e María José Rodríguez Espiñeira, mentres que da secretaría se encarga Mariña Arbor Aldea. Desde entón a revista conta cun comité de redacción (formado por Nicole Delbecque, Fernando Sánchez-Miret, Ángela di Tullio, Xosé Afonso Álvarez Pérez, os directores e a secretaria), un comité asesor, composto por especialistas en distintos ámbitos da investigación a quen se consulta preferentemente sobre a calidade dos traballos recibidos, e un comité científico, no que se integran recoñecidos investigadores que, chegado o caso, poden tamén ser requiridos para emitiren o seu ditame a propósito dalgún artigo ou dalgunha nota que se queira someter á súa consideración. Alén disto, desde o seu volume 38 Verba recoñece como directores honorarios a Ramón Lorenzo e Antón Santamarina e como integrantes do seu comité de honra a diferentes personalidades que traballaron para a revista durante moitos anos.
Ora ben, estes cambios de organización, estas substitucións dunhas persoas por outras e todas as demais novidades que se foron introducindo desde a súa fundación non supuxeron ningún sobresalto na traxectoria científica de Verba, hoxe convertida nun prestixioso foro internacional que está aberto á discusión sobre as máis diversas cuestións relacionadas coa lingüística románica, coa lingüística dos diferentes dominios románicos, coa teoría lingüística ou con algunhas facetas da lingüística aplicada.
Respecto da colección de anexos, a evolución da súa liña temática correu en boa medida paralela á dos anuarios. A partir dun predominio case absoluto dos temas galegos nos números publicados ata os inicios dos anos oitenta (estudos dialectais sobre a fala de diferentes comarcas de Galicia; traballos de fonoloxía, morfoloxía, sintaxe, toponimia ou léxico; reedicións coma a dos Elementos de gramática histórica gallega de V. García de Diego), a colección, sen abandonar os eidos do estudo científico da lingua de Galicia, foise abrindo a unha maior presenza de traballos centrados en diversos aspectos do castelán antigo e moderno ou, ocasionalmente, dalgunha outra lingua románica.
Un campo de investigación abordado en non poucas destas monografías é o dos estudos filolóxicos e lingüísticos sobre a lírica medieval galego-portuguesa.
Nos seus primeiros tempos a lingua propia ou oficial da revista foi o castelán, pero desde o volume 5 (1978) adoptou como tal o galego e o seu subtítulo inicial Anuario Gallego de Filología pasou a ser o de Anuario Galego de Filoloxía.