Resumen
Neste traballo son estudados algúns trazos da morfoloxía non verbal e da sintaxe rexistradas nunha comarca rural do interior de Galicia (O Ribeiro, provincia de Ourense). Os datos para este estudo foron obtidos mediante entrevistas con cuestionario a trinta individuos de dez localidades diferentes. Estes datos foron complementados coa transcrición das entrevistas semidirixidas realizadas aos mesmos individuos. Con este traballo pretendo amosar como as variantes das variables estudadas están suxeitas a procesos de variación e cambio lingüístico, observable nos usos lingüísticos de tres grupos de idade diferentes. A aparición das diferentes variantes son debidas tanto a factores internos (analoxía ou simplificación do sistema), como a factores externos (contacto con outras variedades lingüísticas); a expansión dalgunhas delas é atribuíble ao contacto co castelán ou con outras variedades galegas próximas.
Palabras clave:
Algúns fenómenos de variación na morfosintaxe do galego da comarca do Ribeiro
Eduardo Louredo
Algúns fenómenos de variación na morfosintaxe do galego da comarca do Ribeiro
Verba: Anuario Galego de Filoloxía, vol. 49, 2022
Universidade de Santiago de Compostela
Some phenomena of variation in the morphosyntax of Galician in the region of O Ribeiro
Eduardo Louredo
CPI Virxe dos Remedios / Instituto da Lingua Galega (USC), España
Copyright © Universidade de Santiago de Compostela
Artigo en acceso aberto distribuído baixo os termos da licenza Atribución-Non comercial-Non derivadas 4.0 Internacional (CC BY-NC-ND 4.0).
Recibido: 11/01/2021
Aceptado: 07/05/2021
Resumo: Neste traballo son estudados algúns trazos da morfoloxía non verbal e da sintaxe rexistrados nunha comarca rural do interior de Galicia (O Ribeiro, provincia de Ourense). Os datos para este estudo foron obtidos mediante entrevistas con cuestionario a trinta individuos de dez localidades diferentes. Estes datos foron complementados coa transcrición das entrevistas semidirixidas realizadas aos mesmos individuos. Con este traballo pretendo amosar como as variantes estudadas están suxeitas a procesos de variación e cambio lingüístico, observable nos usos lingüísticos de tres grupos de idade diferentes. A aparición das diferentes variantes é debida tanto a factores internos (analoxía ou simplificación do sistema), como a factores externos (contacto con outras variedades lingüísticas); a expansión dalgunhas delas é atribuíble ao contacto co castelán ou con outras variedades galegas próximas.
Palabras chave: dialectoloxía; galego; morfoloxía non verbal; sintaxe; variación lingüística; tempo aparente.
Abstract: This study analyses aspects of non-verbal morphology and syntax found in a rural district in interior Galicia (O Ribeiro, Ourense province). The data for this study were obtained through questionnaire-based interviews with thirty people from ten different places. These data were complemented with the transcription of semi-structured interviews with the same individuals. The purpose of this research is to establish how the variants studied are subject to processes of linguistic variation and change, observable in the linguistic usage of three groups of people of different ages. The appearance of different variants is due both to internal factors (analogy or simplification of the system) and external factors (contact with other linguistic varieties); the expansion of some of them is attributable to contact with Castilian or with other neighboring Galician varieties.
Keywords: dialectology; Galician; non-verbal morphology; syntax; linguistic variation; apparent time.
1. Introdución
No ano 1995 publicouse, coordinado por Rosario Álvarez, o segundo volume do Atlas Lingüístico Galego (ALGA 1995), dedicado á morfoloxía non verbal. Os datos que contén posúen un enorme valor xa que nos dan unha información completa da distribución no territorio galegófono de centos de variantes lingüísticas de diverso tipo1. Coma en todos os atlas realizados na Península Ibérica ata ese momento, os informantes do ALGA eran, fundamentalmente, persoas de máis de 50 anos, con pouca instrución e dedicadas maioritariamente a actividades do sector primario (García et al. 1977, González González 1991, Sousa 2016). Por esta razón, este atlas dános pouca información sobre os procesos de variación e cambio lingüístico que se producían nun mesmo lugar de enquisa a mediados da década de 1970, época en que se realizou o traballo de campo (Sousa 2016).
Desde a década de 1990 son moitos os estudos sobre o galego que, para estudaren a vitalidade de certos fenómenos, empregaron informantes de diferentes idades e grupos sociais (Regueira 2009, Álvarez e Sousa 2017). Este traballo enmárcase nesta liña e pretende ilustrar algúns procesos de variación e cambio no galego actual. Os nosos obxectivos son estudar a variación xeográfica e social dentro da comarca do Ribeiro e determinar cales poden ser os factores xeográficos e sociais que inflúen na variación e o cambio lingüístico nesta zona.
Para iso estúdanse sete variables morfolóxicas e sintácticas que, como se comproba en estudos anteriores, posúen diferentes variantes que están condicionadas polo lugar de orixe do falante e o grupo social a que pertence. A escolla das mesmas fíxose tendo en conta que a maior parte delas aparecen cartografadas no alga (1995): a alternancia entre a primeira e a segunda forma do artigo (§ 3), os diferentes plurais do artigo indeterminado un e dos indefinidos algún e ningún (§ 4), as variantes dos cuantificadores alguén e ninguén (§ 5) e do adverbio antonte (§ 6), a presenza ou ausencia de -c- nos diminutivos de muller e papel (§ 7), a posición do posesivo na secuencia do tipo un meu tío ~ un tío meu (§ 8) e o uso ou non da preposición en co obxecto directo (§ 9).
As hipóteses de partida son as seguintes: a) as variantes correspondentes ás variables estudadas están sometidas a tendencias de cambio observables en tempo aparente; b) unha destas tendencias consiste na converxencia co castelán, a través da incorporación de trazos procedentes desta lingua ou do aumento na frecuencia das características lingüísticas autóctonas mais coincidentes co español2.
2. Marco teórico e metodolóxico
Este traballo intégrase nunha numerosa corrente de estudos sobre o cambio lingüístico en tempo aparente. A diferenza dos estudos en tempo real en que se comparan datos recollidos en datas diferentes (p. ex. en entrevistas realizadas nas décadas de 1930, 1970, e 2010), os estudos en tempo aparente recollen datos lingüísticos de persoas de diferentes idades nun mesmo momento (p. ex., entrevistas a persoas de 20, 40 e 60 anos no ano 2020). A hipótese que sustenta este tipo de traballos é que a lingua das persoas non cambia substancialmente co paso do tempo e reflicte a maneira de falar da súa adolescencia. Ademais, considérase que o estado de variación detectado nas xeracións máis novas é indicio dos cambios lingüísticos que se producirán no futuro (Bailey et al. 1991; Chambers 1995: 193-206; Blas Arroyo 2005: 269-270; Conde Silvestre 2007: 80; Cukor-Avila e Bailey 2013; Sousa e Rodríguez 2017)3.
O territorio estudado é a comarca administrativa do Ribeiro, no oeste da provincia de Ourense (mapa 1). Nela estableceuse unha rede de dez puntos para que esta fose o suficientemente mesta como para garantir a representatividade territorial. Neste sentido, hai que indicar que a densidade da rede é de, aproximadamente, un punto por cada 40 Km2. Os datos para o noso estudo proceden de 30 entrevistas realizadas en 10 localidades do Ribeiro (mapa 2) no ano 2014. Os puntos de enquisa escollidos foron nove aldeas (de entre 31 e 367 habitantes) e a vila de Ribadavia, a poboación con máis habitantes (3.199). Trátase das aldeas da Arnoia (concello da Arnoia), Abelenda (Avión), Vilar de Condes (Carballeda de Avia), As Bouzas (Castrelo de Miño), Esposende (Cenlle), Louredo (Cortegada), Orega (Leiro), Penavaqueira (Melón), Regodeigón (Ribadavia) e Ribadavia (Ribadavia).
Mapa 1.
Mapa 2.
En cada localidade foron entrevistadas tres persoas. Cada persoa pertence a un grupo de idade diferente: xeración I (máis de 60 anos), xeración II (entre 40 e 56 anos) e xeración III (entre 16 e 30 anos). O perfil de informante que procuramos foi o dun individuo nacido no lugar de enquisa, ao igual ca os seus pais e cónxuxe, e que vivise nel a maior parte da súa vida. Tamén se buscou que non tivese estudos superiores para que o nivel educativo dos informantes fose o máis homoxéneo posible. Cada un dos individuos é nomeado no texto mediante unha clave alfanumérica que reflicte o lugar de onde é (as tres primeiras letras), a súa idade no ano 2014 e o seu sexo (h ou m segundo sexan, respectivamente, home ou muller)4. Para as entrevistas combinouse a utilización do cuestionario coa técnica da entrevista semidirixida, destinada a recoller variables difíciles de elicitar mediante o cuestionario. A duración das entrevistas foi variable, mais en ningún caso inferior a unha hora, sen incluír o tempo onde se traballou só co cuestionario5.
Antes de comentarmos as variables verbais, cómpre facer unha breve descrición da situación demográfica, socioeconómica e sociolingüística da comarca estudada. Como consecuencia da emigración e da baixa natalidade, a poboación da comarca sufriu un claro retroceso dende mediados do século XX. Se en 1950 a poboación excedía lixeiramente das 40.000 persoas, este número descende ata os 30.00 do ano 80. Ao longo das dúas décadas pasadas, a poboación seguiu diminuíndo e, actualmente, presenta un acusado envellecemento que fai que a pirámide demográfica se estreite por abaixo (táboa 1).
|
|
|
---|---|---|
Menores de 15 anos | 1.153 | 0.07 |
Entre 15 e 64 anos | 8.693 | 0.56 |
Maiores de 65 anos | 5.729 | 0.37 |
Total | 15.575 | 1 |
A economía da comarca tamén sufriu profundos cambios durante o século XX. Dunha economía agraria, intensiva en man de obra e escasamente mecanizada, pasouse a unha estrutura económica caracterizada pola terciarización do emprego e a escasa importancia das actividades agrogandeiras, tradicionais motores da economía galega e comarcal (táboa 2).
Sector económico | Índice da poboación activa |
---|---|
Servizos | 0.61 |
Industria | 0.20 |
Agricultura e gandería | 0.10 |
Construción | 0.09 |
Segundo os datos fornecidos polo Censo de Poboación e Vivendas do (INE)6 de 2011, na área do Ribeiro o galego é a lingua utilizada de xeito preferente pola poboación. O índice de persoas que sempre falan galego sitúase na maioría dos concellos da área por riba do 0.7 e achégase ao 0.9 nalgúns casos. No concello de Ribadavia, cuxa capital é unha vila de carácter urbano, o índice de persoas que usan sempre o galego (0.47) é moi semellante á de individuos que o usan ás veces (0.4). É moi destacable o baixo índice de persoas que sempre usan o galego en Avión (0.58), en comparación cos outros concellos rurais. Na nosa opinión, isto pódese deber ás consecuencias da emigración neste concello (sobre todo a México) e ao alto número de veciños nacidos no estranxeiro (tamén presumiblemente en México)7.
Nos seguintes apartados imos estudar, por separado, cada unha das variables mencionadas ao principio deste traballo. En cada alínea comezaremos indicando as variantes de cada variable que se rexistraron no estudo (co cuestionario ou nas entrevistas semidirixidas) e ofreceremos información sobre a orixe das mesmas. A continuación describirase a distribución diatópica e xeracional de cada unha delas.
3. Variación na alomorfia do artigo determinado
O artigo determinado galego posúe tres alomorfos cuxa aparición está condicionada polo contexto fonolóxico que precede o artigo (Álvarez 1983; Alonso Núñez 2015; Dubert García 2015). O alomorfo o, a, os, as denomínase tamén primeira forma do artigo; aparece despois dunha pausa, cando a palabra anterior acaba en vogal (1-3) ou “cando, pola razón que sexa (interrupción da secuencia fónica, dialectalismo, castelanismo...), non se usa un dos [outros dous] alomorfos” (Álvarez 1983: 170). O alomorfo lo, la, los, las, ou segunda forma do artigo, aparece cando a palabra anterior termina en /ɾ/ ou /s̺/ (4a, 5a, 6a, 7a)8. A aparición da segunda forma do artigo nestes contextos depende da non existencia de pausa. O derradeiro dos alomorfos do artigo coincide formalmente co primeiro e aparece cando a forma verbal anterior acaba en /N/ (Dubert García 2001, 2004, 2014, 2015). Nestes casos, o arquifonema /N/ pronúnciase como [n] e non como [ŋ] (8a). Esta descrición é, en xeral, válida para a lingua estándar e para moitas variedades do galego, como se pode comprobar nos datos recadados para o alga (1995: mapas 209, 210, 211, 212, 213 e 214). Noutras variedades de galego, porén, non se usan nin a segunda forma (4b, 5b, 6b, 7b) nin a terceira forma do artigo (8b).
-
(1) O can pelexa co gato
-
(2) Está a nena?
-
(3) Veu a avoa!
-
(4a) Láva-las mans mal
-
(4b) Lavas as mans mal
-
(5a) Dete-lo xogo
-
(5b) Deter o xogo
-
(6a) Imos nó-los dous
-
(6b) Imos nós os dous
-
(7a) Fomos polo camiño
-
(7b) Fomos por o camiño
-
(8a) Comen o pan [ˈkɔmeno̝ ˈpaŋ]
-
(8b) Comen o pan [ˈkɔmeŋ o̝ ˈpaŋ]
A xulgar polos datos recadados durante as entrevistas, a vitalidade do terceiro alomorfo é, na área estudada, moi escasa9. Só llo rexistramos á informante de máis idade do punto de Abelenda (o máis illado e montañoso), quen o usou en nove ocasións (9-11), fronte ás nove en que utilizou a primeira forma (12-14). As outras dúas informantes dese mesmo lugar só utilizan o primeiro alomorfo nese contexto (15-20). Por esta razón, tal e como avanzamos, centrámonos só no estudo do segundo alomorfo ou segunda forma do artigo.
-
(9) estuven a semana pasada alí [es̺ˈtuβ̞en a̝ s̺eˈmana̝ paˈs̺adaːˈli] (Abe71m)
-
(10) as mulleres recollían a palla [a̝ɾ muˈʎɛɾe rekoˈʎian a̝ ˈpaʎa̝] (Abe71m)
-
(11) os que ten as mesas [o̝s̺ ke̝ ˈtɛn a̝ɾ ˈmes̺a̝s̺] (Abe71m)
-
(12) ten o nombre de san Esteban, dicíanlle o santo Estevo [ˈtɛŋ o̝ ˈnõmbɾe̝ ð̝e̝ saŋ es̪ˈteβ̞a̝ŋ ǀ diˈθianʲʎe̝ o̝ s̺an̪to̝ es̪ˈteβ̞o̝] (Abe71m)
-
(13) trouxeron a [virxe de] Guadalupe [tɾowˈʃɛɾo̝ŋ a̝ ħwað̞aˈlupe̝] (Abe71m)
-
(14) iban as vacas [ˈiβ̞a̝ŋ a̝ɾ ˈβ̞aka̝s̺]) (Abe71m)
-
(15) naceron os meus fillos [naˈθeɾo̝ŋ o̝ɾ mewɾ ˈfiɟo̝s̺] (Abe53m)
-
(16) teñen as súas vacaciós [ˈtɛɲe̝ŋ a̝ɾ s̺ua̝ɾ β̞akaˈθjos̺] (Abe53m)
-
(17) os que teñen os negocios [o̝s̺ ke̝ ˈtɛɲe̝ŋ o̝ɾ neˈɣ̞ɔθjo̝s̺] (Abe53m)
-
(18) están os porcos [es̪ˈtaŋ o̝s̺ ˈpɔɾko̝s̺] (Abe28m)
-
(19) vén a xente [ˈβ̞ɛŋ a̝ ˈʃɛn̪te̝] (Abe28m)
-
(20) levan a comida [ˈlɛβ̞a̝ŋ a̝ koˈmið̞a̝] (Abe28m)
Os datos de que dispomos, procedentes do alga (1995: mapas 209-212) para os puntos de Abelenda (O.5) e Regodeigón (O.10) indican o seguinte: despois da preposición por utilízase a segunda forma do artigo nos dous puntos, tras forma verbal terminada en /ɾ/ emprégase a segunda forma do artigo no punto O.5 e a primeira e a segunda formas no punto O.10 e despois dunha forma verbal acabada en /s̺/ úsase a segunda forma no punto O.5 e só a primeira forma no punto O.10. Podemos supor, xa que logo, que a frecuencia da segunda forma do artigo, fronte á primeira, era menor no punto de Regodeigón ca no da Abelenda, incluso entre falantes coma os que o ALGA utilizou como informantes.
Nesta alínea ímonos deter na análise da segunda forma do artigo e do seu grao de vitalidade na área estudada. En estudos anteriores móstranse datos que semellan confirmar como este trazo lingüístico aparece con máis frecuencia na fala de persoas maiores (Regueira Fernández 1989: 532; Dubert García 1999: 108; Soto Andión 2014: 228). Esta sección organízase en cinco apartados en que analizaremos a ocorrencia das variantes o e -lo10 nas gravacións realizadas, tendo en conta o contexto fónico precedente: forma verbal acabada en /ɾ/, forma verbal acabada en /s̺/, preposición por, cuantificador todos/as e formas non verbais acabadas en /s̺/. Os datos empregados proceden das gravacións11.
3.1. Forma verbal acabada en /ɾ/
Neste contexto, a primeira forma do artigo é a que se rexistrou con máis frecuencia nos informantes (Gráfico 1); na xeración I o índice de uso supera o 0.8, na xeración II aproxímase ao 1 e é a única variante empregada polas persoas da xeración III (21-23). Con respecto, ao segundo alomorfo, o grupo de idade I é, dos tres estudados, aquel que presenta un índice de uso do alomorfo -lo máis elevado (próximo ao 0.2). Ao analizarmos os datos de cada un dos informantes deste grupo observamos que os falantes que máis empregan a variante o son os da Arnoia e Ribadavia, e os que máis empregan a variante -lo residen nos puntos de Abelenda e As Bouzas (24-26). Na xeración II, nove informantes empregan o alomorfo o e un (Pen56h) utilizou os dous alomorfos (2 ocorrencias de -lo e 8 de o). Na xeración III non recollemos ningún caso de uso de alomorfo -lo.
-
(21) ó morrer os vellos van quedando libres as casas (Abe28m)
-
(22) víñache o médico á casa ver a xente mayor (Abe53m)
-
(23) e arriba era pa facer os cuartos de baño (Rib65h)
-
(24) ir á leña pa quenta-la casa (Abe71m)
-
(25) ó pó-las maus mal fireuse (Ore69h)
-
(26) vou poñe-la chaqueta (Bou80m)
Gráfico 1.
3.2. Forma verbal acabada en /s̺/
A variante máis frecuentemente rexistrada nas gravacións neste contexto para todos os grupos de idade é o alomorfo o (27-29). O nivel de ocorrencia desta variante supera o 0.75 de índice de uso na xeración I, o 0.9 na xeración II e acada o 1 na xeración III (Gráfico 2). Con respecto ao alomorfo -lo, a xeración I é o grupo que presenta máis rexistros desta variante (30-31). Os datos referidos a cada un dos informantes deste grupo dan conta de que os que máis usan a variante -lo son os residentes nos lugares de Abelenda e Orega. Hai cinco informantes desta xeración dos que non temos ningún rexistro da segunda forma do artigo nos nosos datos (Arn63m, Lou75m, Reg77h, Rib65h e Vil72m). Polo que respecta aos demais grupos de idade, rexistrouse o uso da segunda forma de artigo nunha informante da xeración II (Bou54m) (4 ocorrencias de-lo e 1 de o) e en ningunha persoa da xeración III.
-
(27) dabas as gracias por todo (Abe53m)
-
(28) non fomos nós pero levamos as culpas (Ore26h)
-
(29) así tamén non poñemos a Seguridá Social en quiebra (Arn63m)
-
(30) fómo-las dúas á festa (Abe71m)
-
(31) ti xa non acórda-los raás [reás] pero eu acórdoos (Ore69h)
Gráfico 2.
3.3. Preposición por
Neste contexto a segunda forma do artigo é a máis usada polos grupos de idade I e III (32-34). Na xeración II, a variante máis frecuente é a primeira forma (35-37) (Gráfico 3). O máis destacable, ao noso xuízo, é que os informantes da xeración III presentan un índice de uso maior de polo ca os da xeración II. Este feito pódese deber ao contacto con outras variedades, nas cales é maioritario o uso do segundo alomorfo antes da preposición por, e á influencia da lingua estándar.
-
(32) tiñas que os vender polo que che daban (Abe71m)
-
(33) eran moi bos pa agatiñar polos piñeiros arriba (Pen56h)
-
(34) eu entereime polo facebook que senón non me enteraba (Vil22h)
-
(35) eu non digo unha cousa por a outra (Vil72h)
-
(36) fomos por a parte de atrás pa que non nos visen (Ore47m)
-
(37) podes ir coma se foras baixando por a Franqueirán (Reg21h)
Gráfico 3.
3.4. Cuantificador todos
Segundo os datos recadados das gravacións, despois do cuantificador todos poden aparecer a primeira forma do artigo (38-40), a segunda (41-43) ou producirse a contracción entre o cuantificador e o artigo (44-46) (Álvarez 1983: 175; Dubert García 2015). Os datos recollidos (Gráfico 4) amosan que a variante máis frecuente neste contexto é a segunda forma do artigo (tódolos). Non obstante, hai diferenzas entre os tres grupos de idade no uso das tres variantes. O índice máis alto de utilización da segunda forma do artigo corresponde á xeración I, o grupo de idade II presenta un índice de uso medio desta variante inferior á do grupo I e mais tamén á do grupo III. A variante tod[ɔ]s/tod[a]s é máis frecuente entre os falantes da xeración I ca entre os da xeración II, e máis frecuente entre os da xeración II ca entre os da xeración III. Nos grupos de idade II e III o índice de uso da primeira forma do artigo (todos os) é superior ao da xeración I.
-
(38) viñan todos os que estaban fóra (Rib65h)
-
(39) todas as zonas teñen as súas palabras diferentes (Abe53m)
-
(40) e o zapateiro, onde temos todos os zapatos (Arn19m)
-
(41) ela estáballe pagando o alquiler tódolos meses (Arn63m)
-
(42) tódalas que están alí, emigraron todas (Abe53m)
-
(43) de tódolos animales é o que máis me gusta (Pen23h)
-
(44) tod[ɔ]s que estaban alí eran recomendados del (Reg77h)
-
(45) e dáballe a tod[ɔ]s pedales a ver se andaba (Arn43m)
-
(46) gústanme tod[ɔ]s tipos de deportes (Rib20h)
Gráfico 4.
3.5. Outras palabras acabadas en /s̺/
No caso das palabras terminadas en /s̺/ que non son formas verbais nin o cuantificador todos, a variante maioritaria é a primeira forma do artigo (47-49). As ocorrencias de segunda forma do artigo proceden das entrevistas a cinco informantes dos grupos de idade I (Abe71m, Bou80m, Ore69h e Reg77h) e II (Bou54m) (50-62). Os falantes que con máis frecuencia empregan esta variante son Abe71m e Ore69h12.
-
(47) dispois o home marchóuselle con outra (Arn63m)
-
(48) apenas o estudiara (Pen23h)
-
(49) e despois o can non o quería (Arn19m)
-
(50) estendíano nunha eira e despoi-los homes mazábano (Abe71m)
-
(51) despoi-la [praia] de Samil é grande (Ore69h)
-
(52) e despoi-lo chaval xa non foi máis alá (Abe71m)
-
(53) había quen xa tiña o xergón de, de lana, e maila almohada (Ore69h)
-
(54) as patatas e mailo repolo (Bou80m)
-
(55) pa nó-los dous chéganos (Reg77h)
-
(56) nó-los dous (Bou54m)
-
(57) miña abuela, ámbolos dous, era moi guapa (Reg77h)
-
(58) apena-la vimos (Abe71m)
-
(59) mientra-lo fas xa cheira moi ben (Ore69h)
-
(60) sempre se ocupou de pechar mái-las portas (Ore69h)
-
(61) ademai-lo gando que era máis grande escornaba o meu (Ore69h)
-
(62) nunca tuven agotada-las hortas (Ore69h)
3.6. Recapitulación
Cada un dos alomorfos do artigo ten unha frecuencia diferente dependendo do contexto fónico precedente. Despois das formas verbais, acaben en /ɾ/ ou en /s̺/, a variante máis frecuente é a primeira forma. Tamén o é no caso das palabras que non son formas verbais nin todos. Despois de todos e por é máis frecuente a segunda forma do artigo (táboa 3)13.
Contexto |
|
|
---|---|---|
Forma verbal acabada en /ɾ/ | 0.06 | 0.94 |
Forma verbal acabada en /s̺/ | 0.10 | 0.90 |
Outras palabras acabadas en /s̺/ | 0.11 | 0.89 |
|
0.58 | 0.42 |
|
0.58 | 0.23 |
A idade semella influír na selección das variantes. En xeral, son os falantes da xeración I os que máis empregan o alomorfo -lo, aínda que, dependendo do contexto, esta variante pode ser a máis frecuente (por, todos) ou a menos frecuente (formas verbais e outras palabras terminadas en /s̺/). Na xeración II documéntase a segunda forma do artigo despois das formas verbais e despois doutras palabras acabadas en /s̺/ aos falantes máis vellos deste grupo (Pen56h e Bou54m). Despois da preposición por, o II é o único grupo de idade en que o alomorfo o é o máis frecuente. Na xeración III non se documenta o alomorfo -lo despois de formas verbais nin doutras palabras terminadas en /s̺/. Chama a atención que neste grupo de idade a variante máis frecuente despois de por sexa -lo, coma no grupo de idade I e ao contrario do que ocorre no grupo de idade II. Despois do cuantificador todos a variante -lo é a máis frecuente en todas as xeracións, mais cómpre destacar que a variante tod[ɔ]s / tod[a]s é menos frecuente na xeración II ca na xeración I, e máis frecuente na xeración II ca na xeración III.
Sobre a distribución xeográfica, semella haber puntos coma Abelenda, Orega e As Bouzas onde a segunda forma do artigo é máis frecuente. Esta é unha situación que xa anticipabamos máis arriba ao referírmonos aos datos do ALGA. Porén, cremos que o factor diatópico é menos relevante ca o etario para a aparición dunha variante ou doutra.
Como vimos, no Ribeiro a segunda forma do artigo é unha variante pouco frecuente despois das formas verbais, e a súa frecuencia depende da idade dos informantes (máis frecuente na xeración I e menos frecuente na xeración III). Para explicar a diminución no uso da segunda forma do artigo entre os máis novos téñense apuntado diversos factores como a analoxía, a influencia da escrita e o contacto co castelán (Regueira Fernández 1989: 532).
4. Variación na formación do plural do artigo indeterminado un e dos indefinidos algún e ningún
O plural do art. indet. masc. un constitúe unha variable para a que recollemos nas gravacións feitas na área do Ribeiro, tres variantes: uns [uŋs̺], us [us̺] e unhos [uŋo̝s̺]. A primeira é característica do occidente galego e responde á regra de formación do plural das palabras acabadas en [ŋ] no singular (pantalón > pantalóns). A segunda é pouco frecuente en Galicia e concéntrase no oriente da provincia da Coruña, no oeste da de Ourense e no galego de Asturias (alga 1995: mapa 219); e tamén é coherente coa regra de formación do plural do tipo pantalón > pantalós. En moitos deses lugares, a variante us é utilizada cabo da variante unhos, usada frecuentemente nas provincias de Ourense e Lugo. Unhos tense explicado como resultado da analoxía coa forma plural do artigo indeterminado feminino: unha/unhas [uŋa̝] / [uŋa̝s̺] > un/unhos [uŋ] / [uŋo̝s̺] (Regueira Fernández 1989: 534-535).
Na comarca do Ribeiro, unhos é a variante máis frecuente, recollida en nove localidades da área estudada (A Arnoia, Abelenda, As Bouzas, Esposende, Orega, Penavaqueira, Regodeigón, Ribadavia e Vilar de Condes). Us foi recollido en tres puntos situados no norte e leste da área estudada (Abelenda, As Bouzas e Orega) e uns en cinco localidades do oeste e do sur da comarca (A Arnoia, Louredo, Penavaqueira, Ribadavia e Vilar de Condes). Na maioría dos lugares recolléronse dúas variantes: us ~ unhos e uns ~ unhos, tal e como se pode observar nos mapas realizados cos datos das entrevistas (mapas 3a, 3b e 3c)14.
Mapa 3a.
Mapa 3b.
Mapa 3c.
Estes datos, se os comparamos cos fornecidos polo alga (1995: mapa 219), permiten falar dun devalo, en tempo real e aparente, da variante us. O ALGA dá noticia do uso das dúas variantes (us e unhos) nas localidades de Abelenda (O.5) e Regodeigón (O.10). Pola contra, nas entrevistas realizadas para este traballo ningún informante de Regodeigón usou a variante us e, na Abelenda, é forma limitada ás xeracións I e II.
O gráfico 5 permite recoñecer a relevancia que ten a idade para o uso e vixencia das distintas variantes analizadas. Comparando os datos dos falantes máis vellos cos dos máis novos, obsérvase que diminúe a frecuencia da variante us, moi pouco usada incluso polos informantes do grupo de idade I. Pola contra, a variante uns ten un índice de uso similar nos tres grupos de idade. Tamén se recolle o aumento na frecuencia da variante analóxica unhos, especialmente se se contrastan os datos das xeracións I e II.
Gráfico 5.
A variación observada na forma masculina e plural do artigo indeterminado un é paralela á atopada nas formas masculinas e plurais dos cuantificadores algún (algús [alˈɣ̞us̺] ~ [alˈħus̺], algúns [alˈɣ̞uŋs̺] ~ [alˈħuŋs̺], algunhos [alˈɣ̞uŋo̝s̺] ~ [alˈħuŋo̝s̺])15 e ningún (ningús [niŋˈɡus̺], ningúns [niŋˈɡuŋs̺], ningunhos [niŋˈɡuŋo̝s̺]). Algús, algúns, ningús e ningúns, ao igual ca us e uns, pódense explicar polos diferentes procesos de formación do plural das palabras que acaban en [ŋ] no singular. Algunhos e ningunhos son formas paralelas a unhos e analóxicas, respectivamente, con algunhas e ningunhas.
No caso do plural de algún, hai que dicir que algús se recolleu en catro lugares (Abelenda, As Bouzas, Orega e Regodeigón), algúns en cinco (A Arnoia, Louredo, Penavaqueira, Ribadavia e Vilar de Condes) e algunhos noutros cinco lugares (Abelenda, As Bouzas, Esposende, Orega, Regodeigón e Ribadavia). A distribución territorial de algús e algunhos é case a mesma. Mentres que en todos os puntos (setentrionais e orientais) onde recollemos algús rexistramos tamén algunhos, só nun punto, Ribadavia, se rexistrou a presenza de algúns e algunhos (Mapas 4a, 4b e 4c). O aumento na frecuencia da variante algunhos, e a diminución da de algús, nas xeracións II e III, semellan indicar que se está a producir un cambio en marcha.
Mapa 4a.
Mapa 4b.
Mapa 4c.
Polo que respecta á variación ningús ~ ningúns ~ ningunhos (mapas 5a, 5b e 5c) hai que indicar que a variante ningús se recolleu en cinco localidades setentrionais (Abelenda, As Bouzas, Orega e Regodeigón), a variante ningúns en seis lugares meridionais (A Arnoia, Esposende, Louredo, Penavaqueira, Ribadavia e Vilar de Condes) e a variante ningunhos nun punto do centro da área (Regodeigón). Se comparamos os datos das diferentes xeracións, comprobamos que as variantes manteñen unha distribución territorial similar. O único fenómeno destacable é a utilización de ningunhos por Reg21h e de ningúns por Esp25h, xa que nos lugares de Esposende e Regodeigón, os informantes das xeracións I e II utilizaron ningús como resposta ao cuestionario.
Mapa 5a.
Mapa 5b.
Mapa 5c.
Se temos en conta conxuntamente os datos das tres palabras detectamos que as variantes analóxicas (unhos, algunhos e ningunhos) son máis usadas polos informantes do grupo de idade III ca polos outros dous grupos, o que pode indicar un cambio en curso. Con todo, cómpre prudencia á hora de valorar esta hipótese, xa que só contamos con datos obtidos mediante o cuestionario para o plural de algún e ningún. Así mesmo, detectamos que as variantes uns, algúns e ningúns só aparecen naquelas localidades onde se recolleron plurais do tipo pantalón-pantalóns. De maneira paralela as variantes us, algús e ningús só as rexistramos en puntos onde se usan plurais do tipo pantalón-pantalós (Louredo Rodríguez 2019: 52-53)16.
Con respecto a unha posible relación entre a función sintácica da palabra, determinante (Collín uns/algúns/ningúns pexegos) ou pronome (Collín uns/algúns/ningúns), e a forma, hai que dicir que os datos que temos non nos permiten afirmar que esta exista, na liña de Dubert García (1999: 130-131). Pola contra, Taboada Cid (1979: 125-127) no val de Verín e Porto Dapena (1977: 190-191) na comarca de Ferrol si detectan unha relación entre función e forma.
Cómpre destacar, por último, que, a frecuencia do plural analóxico é maior no caso de unhos ca no e algunhos; e tamén é maior a frecuencia de algunhos ca a de ningunhos. Isto parece confirmar que o cambio se iniciou no plural do artigo indeterminado e foi progresando ata atanguer os indefinidos.
5. Variación nos cuantificadores ninguén e alguén
O galego conta no seu repertorio gramatical con dous cuantificadores existenciais que poden ser núcleo dunha frase: alguén (<alĭquĕm) e ninguén (<*nĕ-quĕm). Alguén ten o significado positivo de ‘algunha persoa’ e ninguén o significado negativo de ‘ningunha persoa’ (Álvarez e Xove 2002: 486).
A variable alguén, de significado positivo, conta no territorio estudado coas variantes alguén [alˈɣ̞ɛŋ] ~ [alˈħɛŋ], alguién [alˈɣ̞jɛŋ] ~ [alˈħjɛŋ] e alguien [ˈalɣ̞jɛŋ] ~ [ˈalħjɛŋ]. As dúas primeiras variantes foron recollidas polo alga (1995: mapa 259) na década dos 70. A forma alguén é a máis frecuente, a variante alguién, que se ten explicado como consecuencia do cruzamento entre alguén e o castelanismo alguien (Regueira Fernández 1989: 557; Dubert García 1999: 123), aparece en varios puntos do territorio, especialmente na provincia de Lugo e oeste da de Ourense. O castelanismo alguien non foi recollido polos investigadores deste atlas. Na localidade de Abelenda o alga (1995: mapa 259) recolle o uso de alguén en Abelenda e de alguién en Regodeigón.
En todas as localidades analizadas, menos na vila de Ribadavia, a variante alguien convive con alguién ou alguén (mapas 6a, 6b e 6c). Se comparamos a utilización das diferentes variantes nos tres grupos de idade, podemos dicir que a variante alguién, maioritaria entre os máis vellos, semella que foi substituída por alguien entre os máis novos. A xulgar polos datos que temos, a velocidade do cambio é acelerada; da variante alguien temos unha ocorrencia na xeración I, seis na xeración II e nove na xeración III.
En canto á distribución territorial destacan dous feitos: a) o uso de alguén nun único punto (Abelenda) nas xeracións I e III e b) a conservación de alguién no centro da área estudada en informantes da xeración II pero de máis de 50 anos.
Mapa 6a.
Mapa 6b.
Mapa 6c.
No que respecta ao cuantificador existencial negativo, cando se fixeron as enquisas do alga, a variante ninguén (~ ninguién) ocupaba a maior parte do territorio galego, sendo pouco frecuente na área oriental, onde a forma xeral era naide. Nadia era usado sobre todo no occidente e nadie estaba presente en diversas localidades do territorio, sen formar unha área compacta (cfr. alga 1995: mapa 260). Na localidade de Abelenda o alga recolleu as variantes ninguén e nadie, mentres que no punto de Regodeigón, foron elicitadas as formas nadia e nadie.
No Ribeiro rexistramos, mediante o cuestionario, cinco variantes: ninguén[niŋˈɡɛŋ], ninguién [niŋˈɡjɛŋ], nadia, nadie e nadies. Do punto de vista diacrónico, na nosa opinión, a variante ninguién pódese explicar por un cruzamento entre ninguén e alguién. Os presumibles castelanismos nadie e nadies derivan do participio latino NATI (Álvarez 2012; Corominas e Pascual 1980-1991: s.v. nacer)17. Nadies resulta da adición dun /s̺/ final á forma nadie18. Álvarez (2012) considera que a forma nadia, que puido ter orixe na secuencia nadi ha (Corominas e Pascual 1980-1991: s.v. nacer), non é unha variante histórica de nadie e, polo tanto, non debe ser interpretada como un préstamo do castelán19. Na miña opinión, a xulgar pola xa comentada distribución territorial de nadia (cfr. alga 1995: mapa 260) e a súa serodia aparición nos textos galego, tampouco podemos descartar que se trate dun castelanismo.
A variante ninguién foi rexistrada no noroeste da área estudada (nas localidades de Abelenda e Orega); ninguén en Abelenda e Ribadavia; nadia na Arnoia, As Bouzas, Esposende, Penavaqueira e Vilar de Condes (a zona centro-meridional do Ribeiro); nadies en Louredo; e nadie en todos os lugares investigados (mapas 7a, 7b e 7c).
Mapa 7a.
Mapa 7b.
Mapa 7c.
Existen grandes diferenzas no uso das variantes se temos en conta a idade das persoas entrevistadas. Ao compararmos os datos das diferentes xeracións podemos concluír que na xeración I se emprega un maior número de variantes ca nas xeracións II e III: catro entre os informantes da xeración I e dúas entre os informantes das xeracións II e III. Tamén se observa un menor uso de nadia, ninguién e nadies nas xeracións II e III se as comparamos coa xeración I. As variantes ninguién e nadies non son utilizadas por ningún informante menor de sesenta anos. En canto a nadia é preciso sinalar que non foi utilizada por ningún falante da xeración III e que, fronte ao seu emprego polos informantes do ALGA en Regodeigón, o informante da xeración I dese punto utilizou unicamente nadie.
Rosario Álvarez, empregando os datos do ALGA, atribúe o retroceso de nadia ao pouco prestixio desta variante: “abandónase nadia, que se interpreta (erroneamente) como pronuncia deturpada propia de persoas iletradas (e maiores), e ascende nadie, seguindo o patrón do español” (Álvarez 2012: 238). Os datos tirados da nosa investigación permiten concluír que, tanto na xeración II coma na III, a variante maioritaria é nadie. Parece probable que a súa condición de castelanismo sexa a causa que explique por que esta variante está a desprazar as outras20.
Por último, parécenos necesario deternos no feito do emprego de ninguén por parte de dous informantes do grupo de idade III. No caso de Abe28m, hai que sinalar que existe un paralelismo entre o emprego desta variante e da variante alguén21. O caso de Rib20h pode ser significativo xa que recollemos na súa entrevista outras formas propias da variedade estándar e infrecuentes ou ausentes nos rexistros dos outros falantes estudados (p. ex. coñecer, avó, etc.)22.
6. Variación no adverbio antonte
As formas correspondentes ao adverbio que designa ‘o día antes de onte’ nas variedades galegas serven para caracterizar a área estudada neste traballo23. Esta variable presenta, segundo os datos obtidos co cuestionario, na comarca do Ribeiro, catro variantes (mapas 8a, 8b e 8c): nantronte, noutronte, antonte e antes de onte (que constitúe unha única palabra fonolóxica: [an̪teɾˈðɔn̪te̝] ou [an̪tez̺ˈðɔn̪te̝]). O cruzamento entre noutronte (< no outro onte) e antonte (< ante + onte) provocou a aparición de nantronte (RAG e ILG: 173). Estas variantes, desde o punto de vista diatópico, repártense da seguinte maneira: antes de onte aparece en todos os puntos excepto en Louredo; nantronte nos lugares de Abelenda, A Arnoia, As Bouzas e Louredo; noutronte en Orega, Penavaqueira e Regodeigón; e antonte só na vila de Ribadavia.
Mapa 8a.
Mapa 8b.
Mapa 8c.
Desde o punto de vista da distribución por xeracións cómpre destacar os seguintes aspectos: a) o uso de noutronte restrínxese a algúns informantes do grupo de idade I; b) a alta frecuencia de antes de onte na xeración II (7 ocorrencias) e III (8 ocorrencias), se as comparamos coa xeración I (4 ocorrencias); c) a variante nantronte é utilizada na xeración I nos extremos da área (Abelenda, As Bouzas e Louredo) e nas xeracións II e III só se recolleu nos puntos que están ao sur do río Miño, no grupo de idade III só a utilizou Lou16h; e d) o uso de antonte polo informante máis novo da vila de Ribadavia24. Non se pode descartar, non obstante, que un mesmo falante empregue máis dunha forma, e que a maneira de recoller os datos, co cuestionario, non dea conta desta realidade25.
7. Variación na formación dos diminutivos
Do conxunto de datos estudados pode coñecerse a distribución na área estudada dos dous alomorfos do sufixo diminutivo –iño/a: –iño/a e –ciño/a (Freixeiro Mato 1996; Alonso Núñez 2000; Álvarez 2016). O primeiro alomorfo (–iño/a) utilízase cando a palabra base acaba nunha vogal átona (p. ex. casiña, Lou75m) e o segundo (–ciño/a) cando a palabra base termina en nasal (p. ex. mazanciña, Arn63m; lanciña, Lou75m; panciño, Ore26h) ou en ditongo (p. ex. paiciño, Ore69h; marrauciño, Bou54m). Cos substantivos acabados en vogal tónica, en /ɾ/ ou en /l/ empréganse tanto –ciño/a (p. ex. mamaciña! Pen56h; peciño, Pen23h; mullerciñas, Lou75m; xornalciño, Lou75m; cordelciño, Ore69h) coma –iño/a (mamaíña querida! Ore47m; señoriño, Esp25h; papeliño, Bou29h). Mais, como veremos, esta variación parece estar motivada por factores diatópicos e etarios26.
A través do cuestionario recolleuse información sobre os diminutivos de muller e papel. Os diminutivos correspondentes ao substantivo muller recollidos foron mulleriña e mullerciña (Mapas 9a, 9b e 9c). O máis frecuente é mullerciña, mais mulleriña é máis frecuente entre os informantes da xeración II ca entre os da xeración I, e máis frecuente entre os membros da xeración III ca entre os da xeración II. Na xeración III mullerciña mantense especialmente no sur da área estudada. No lugar de Esposende, ao norte da comarca, só se emprega mulleriña.
Mapa 9a.
Mapa 9b.
Mapa 9c.
Os diminutivos do substantivo papel rexistrados na área investigada foron papelciño e papeliño. A variante máis frecuente é a construída con –iño/a, recollida en todas as localidades. A variante con -ciño/a rexistrouse na metade das localidades investigadas (Louredo, Orega, Penavaqueira, Regodeigón e Vilar de Condes) (mapas 10a, 10b e 10c). É importante destacar que os únicos puntos onde se mantén papelciño na xeración II son Orega e Penavaqueira. Na xeración III ningún informante usa papelciño.
Mapa 10a.
Mapa 10b.
Mapa 10c.
A xulgar polos datos recollidos a variante –iño/a rexistrouse con maior frecuencia na fala dos máis novos e co substantivo papel e a variante –ciño/a é máis frecuente nos falantes maiores e co substantivo muller. Todos os informantes que empregan papelciño tamén usan mullerciña, pero isto non ocorre de maneira inversa. O feito de seren os máis novos os que menos usan esta última variante pode indicar que existe un proceso de cambio que privilexia o alomorfo –iño/a, maioritaria no territorio galego cos substantivos terminados en /l/. Este proceso, a diminución no uso do alomorfo –ciño/a ao longo das tres xeracións consideradas, consistiría unha simplificación do sistema.
8. Variación na estrutura determinante + substantivo + posesivo
Nas frases nominais que presentan dous determinantes, un artigo indeterminado ou un demostrativo e un posesivo, este pódese situar posposto ao substantivo (63a-64a) ou anteposto a el (63b-64b)27. No galego oral actual (Silva Domínguez 1993 e 2002: 187-188; Álvarez e Xove 2002: 475) a variante máis frecuente é a colocación posposta do posesivo, aínda que tamén se produce a anteposición do posesivo ao substantivo especialmente no suroeste da provincia de Ourense28.
-
(63a) Un amigo meu
-
(63b) Un meu amigo
-
(64a) Ese amigo meu
-
(64b) Ese meu amigo
Nas enquisas realizadas atopamos casos de posposición do posesivo e tamén casos de anteposición. Nas frases nominais onde os determinantes son un posesivo e un demostrativo rexistramos sete ocorrencias da construción demostrativo + posesivo + substantivo (65-70) e tres da construción demostrativo + substantivo + posesivo (71-73).
-
(65) nesta miña aldea de Orega (Ore69h)
-
(66) ese teu abuelo era moi curioso (Ore69h)
-
(67) aqueles teus tíos (Ore69h)
-
(68) ese meu primo (Pen78m)
-
(69) esa miña sobriña; aquel meu amigo (Arn63m)
-
(70) ese meu padriño (Reg77h)
-
(71) ese primo meu (Ore26h)
-
(72) fun con ese amigo meu (Arn19m)
-
(73) esa prima miña traballa en Santiago tamén (Bou29h)
Cando é o artigo indeterminado o que vai combinado co posesivo, obtivemos oito ocorrencias de artigo + posesivo + substantivo (73-79) e nove de artigo + substantivo + posesivo (80-86).
-
(73) un meu tío (Vil72m)
-
(74) un meu irmau (Vil72m)
-
(75) a un meu cuñado (Pen78m)
-
(76) hasta se casaba unha miña irmán (Reg77h)
-
(77) un meu fillo (Bou80m)
-
(78) unha miña cuñada (Bou80m)
-
(79) recordo un teu bisabuelo (Ore69h)
-
(80) un primo meu (Vil22h)
-
(81) vive eí unha tía miña (Bou54m)
-
(82) un amigo meu (Reg77h)
-
(83) un amigo meu (Rib20h)
-
(84) unha sobriña túa (Lou48m)
-
(85) un amigo meu (Lou16h)
-
(86) un primo meu (Lou16h)
Xeración | art. indet. / dem. + pos. + subst. | art. indet. /dem. + subst. + pos. |
---|---|---|
I | Ore69h, Pen78m, Arn63m, Reg77h |
Reg77h |
II | Bou54m, Ore47m, Rib40m | |
III | Rib20h, Lou48m, Lou16h, Ore26h, Arn19m, Bou29h, Vil22h |
Na táboa 4 recóllense os informantes que empregan cada unha das variantes. Nela compróbase que o único informante a quen lle rexistramos as dúas variantes é Reg77h (87-88)29. A xulgar polos datos expostos, pódese afirmar que a colocación tipo un meu tío caracteriza a fala dos informantes da xeración I, mentres que os individuos dos outros dous grupos de idade utilizan sempre a variante tipo un tío meu. O feito de que só os membros da xeración I utilicen a variantes con posesivo anteposto, debe ser tomado como un indicio de que hai un cambio lingüístico en marcha30.
-
(87) hasta se casaba unha miña irmán (Reg77h)
-
(88) fora comigo un amigo meu e compreina (Reg77h)
9. Variación no OD con preposición en
En galego, frases introducidas pola preposición en coma as de (89-90) son complementos verbais frecuentemente analizado como obxectos directos (OD) por algúns autores (Cidrás Escáneo 1998; Álvarez e Xove 2002: 99) e como suplemento por outros (Freixeiro Mato 2006 [2000]: 642)31.
-
(89) Estivo comendo no pan
-
(90) O único que fai é ler no libro ata que se lle pechan os ollos
Segundo algúns autores, o uso de en con OD “permite que a acción se estenda no tempo, ben porque dura, ben porque se repite” (Álvarez e Xove 2002: 99), como podemos ver, respectivamente, nos exemplos 89 e 90. Frecuentemente a preposición en marca un OD dependente dunha forma verbal que expresa aspecto durativo (p. ex. perífrases aspectuais de fase media ou perífrases inceptivas; Regueira Fernández 1989: 626; Álvarez e Xove 2002: 99; Freixeiro Mato 2006 [2000]: 558 e 642-644). Non obstante, mediante construcións nas que está presente o OD con en tamén se poden indicar valores “locativos (Sacha nas patacas) [e] partitivos (Comen no pan)” (Freixeiro Mato 2006 [2000]: 643).
Este fenómeno, non rexistrado no castelán mais si nalgunhas variedades do portugués falado (Lapa 1984 [1945]: 269; Buescu 1984 [1961]: 116), semella ser común a todas as variedades do galego (Rodríguez Guerra 1997; Moure 2010). Moure (2010: 81) sinala, sen ofrecer datos que permitan avaliar a información, que este trazo é máis frecuente na fala de persoas maiores ca na das persoas máis novas.
Na área estudada para este traballo recolleuse tamén este trazo sintáctico. Os datos obtidos co cuestionario están representados nos mapas 11a, 11b e 11c. Os informantes debían describir unha fotografía na cal se vían dous ratos comendo nun anaco de queixo. O entrevistador pedíalles que describisen a imaxe mediante a pregunta “Que ve nesta foto?”. Recolléronse algunhas respostas con en (os ratos están comendo no queixo) e outras sen presenza desta preposición (p. ex. os ratos están comendo queixo). En oito dos lugares investigados recollemos OD con en (Abelenda, As Bouzas, Esposende, Louredo, Orega, Penavaqueira, Regodeigón e Vilar de Condes). Tal e como intúe Moure (2010), o uso de en con OD semella estar condicionado pola idade dos informantes. Os datos que temos permiten afirmar que esta construción é característica dos falantes de máis idade.
Mapa 11a.
Mapa 11b.
Mapa 11c.
A algúns falantes que responderon ao cuestionario utilizando a preposición en co OD tamén lles rexistramos este trazo durante as entrevistas. Polo tanto, esta información, tirada das gravacións, confirma a elicitada mediante o cuestionario. Nos usos recollidos a secuencia aparece, nalgunhas ocasións, no contexto dunha perífrase verbal de fase media (91-94). Tamén recollemos casos de obxectos directos introducidos por en en oracións cuxo núcleo é un xerundio (95), unha perífrase aspectual inceptiva (96), un infinitivo (97) e un verbo en presente que indica unha acción que dura no tempo (98).
-
(91) estaba sempre arreglando nos relojes (Ore69h)
-
(92) estou desbullando no millo (Ore69h)
-
(93) andábamos collendo na flor (Ore47m)
-
(94) miña abuela estaba desbullando no millo (Ore26h)
-
(95) había unhos marraus comendo na herba (Bou56m)
-
(96) púxenme a coller nos figos (Reg77h)
-
(97) meu pai era carpinteiro, dedicábase a facer nas obras (Abe71m)
-
(98) e comen no mel mientras están na colmea (Ore69h)
10. Conclusións
Nas páxinas precedentes analizamos detidamente a distribución territorial e xeracional das variantes correspondentes ás variables propostas no inicio. No tocante á alomorfia do artigo, estudamos a distribución dos alomorfos o e –lo en función do contexto fónico precedente. Despois das formas verbais (acabadas en /ɾ/ ou /s̺/) e despois de palabras acabadas en /s̺/ que non son verbos nin o cuantificador todos, a segunda forma do artigo é minoritaria e caracteriza a fala dos informantes da xeración I. Despois do cuantificador todos comprobamos que o alomorfo –lo é máis frecuente na xeración I ca na III, e o mesmo ocorre coa contracción entre o cuantificador e o artigo (tod[ɔ]s rapaces, tod[a]s rapazas). Finalmente, despois da preposición por, a segunda forma do artigo é a máis frecuente nos grupos de idade I e III. Parécenos moi destacable que neste contexto lingüístico en particular, a frecuencia de –lo entre os falantes máis novos sexa maior ca entre os falantes do grupo de idade intermedio e fixemos alusión a unha posible influencia da lingua estándar.
Polo que se refire ao plural de un, algún e ningún comprobamos que, mentres a distribución das formas uns, algúns e ningúns se mantén estable, a frecuencia de unhos, algunhos e ningunhos aumenta na mesma medida ca diminúe a de us, algús e ningús. Na nosa opinión, neste caso podemos falar dun cambio orixinado desde abaixo (Labov 1983 [1972]), na medida en que as variantes que aumentan a súa frecuencia non son converxentes nin co castelán nin co estándar galego.
Estudados tamén a forma dos indefinidos alguén e ninguén. Para o cuantificador alguén recollemos tres variantes (alguén, alguién e alguien). Cómpre destacar que os falantes máis novos non empregan a variante alguién (8 ocorrencias na xeración I, 4 na xeración II e 0 na xeración III) e utilizan alguien máis frecuentemente ca os informantes maiores (1 ocorrencia na xeración I, 5 na xeración II e 9 na xeración III). No caso de ninguén semella destacable a redución do número de variantes comparando os datos por xeracións (4 variantes na xeración I e 2 nas xeracións II e III), o aumento na frecuencia do castelanismo nadie (2 ocorrencias na xeración I, 7 na xeración II e 8 na xeración III) e a diminución de nadia (5 ocorrencias na xeración I, 3 na xeración II e 0 na xeración III) e ninguién (2 ocorrencias no grupo de idade I e 0 nos outros dous grupos). Nestes dous cuantificadores, xa que logo, a dirección do cambio está marcada pola converxencia co castelán.
Para a variable correspondente á expresión do concepto ‘día anterior a onte’ cómpre destacar que non foi recollido noutronte nas xeracións II e III e o aumento na frecuencia de antes de onte nos grupos de idade máis novos (4 ocorrencias na xeración I, 7 na xeración II e 8 na xeración III).
O único proceso de morfoloxía derivativa estudado foi a formación do diminutivo. Trátase, polo tanto, dun proceso de sufixación apreciativa. Os datos obtidos refírense á alternancia de –iño/a e –ciño/a nas palabras terminadas en /ɾ/ (mulleriña ~ mullerciña) e en /l/ (papeliño ~ papelciño). Nos grupos de idade estudados rexistramos un aumento da frecuencia das variantes formadas con –iño/a (6 ocorrencias na xeración I, 12 na xeración II e 15 na xeración III). Neste caso semella que o comportamento da xeración II está máis próximo ao do grupo de idade máis novo ca ao do grupo de idade máis vello.
No tocante á posición do posesivo nas frases nominais cuxo determinante é un demostrativo ou un artigo indeterminado comprobamos que os informantes da xeración I utilizaron estruturas do tipo un meu tío e aquel meu amigo. A posposición do posesivo ao substantivo (un tío meu, aquel amigo meu) foi a única colocación presente nos datos recadados dos informantes de menos de 60 anos.
A variante en + OD (comendo no queixo), pola contra, está máis presente na fala dos grupos de idade II (4 ocorrencias) e III (1) ca o trazo anterior. A pesar diso, é o grupo máis vello, o I, onde máis se rexistra (8 ocorrencias).
Tal e como hipotetizabamos ao comezo, as variables estudadas presentan, na área estudada, diferentes variantes, cunha frecuencia de uso desigual en función do lugar e do grupo de idade a que pertenza o informante. Esta desigual distribución territorial e etaria permítenos, de acordo coa hipótese do tempo aparente, identificar as variantes que, probablemente, irán gañando frecuencia de uso no futuro. Estas son as máis usadas polos membros da xeración III e as máis empregadas na área central da comarca. Noutras palabras, na zona máis poboada, dinámica e próxima á vila de Ribadavia.
Con respecto á hipótese exposta ao comezo sobre a dirección dos cambios, no caso dalgunhas das variables (a preposición en co OD, os indefinidos alguén e ninguén, a segunda forma do artigo e a posición do posesivo nas secuencias do tipo un meu tío) as variantes que ven incrementada en tempo aparente a súa frecuencia de uso son, en xeral, as converxentes con outras variedades de galego e co español. Con todo, non sempre é o castelán a lingua que marca a pauta dos cambios. Tal é o caso das outras variables estudadas no presente artigo: o adverbio co significado de ‘día anterior a onte’, o plural de un, algún e ningún e os diminutivos de muller e papel.
Polo tanto, as hipóteses das que partiamos foron confirmadas. Tal e como se sabe desde os comezos da lingüística galega, existe unha tendencia forte nas variedades do galego popular á converxencia co español, ben sexa mediante a asunción de préstamos, ben polo aumento na frecuencia das variantes que coinciden na forma nas dúas linguas32. É algo lóxico se temos en conta que, ata os anos 80 do século pasado, o español estándar era a única variedade de presitixio en Galicia, a única ensinada e a única utilizada para a maioría das funcións altas (escrita, medios de comunicación…). Mais, desde hai uns 40 anos, a difusión do estándar galego supuxo a aparición doutra variedade de prestixio e tamén utilizada nalgunhas funcións altas. Con todo, a xulgar polos datos deste traballo, non parece que a lingua estándar sexa unha fonte da que beban os falantes máis novos, aínda que poida ser importante no caso dalgúns falantes, fundamentalmente persoas que non adquiriron o galego no ámbito familiar, coma Rib20h ou coma os falantes máis novos e urbanos do estudo de Dubert García (1999).
Agradecementos
Unha versión anterior deste traballo formou parte da tese de doutoramento do autor, titulada Variación e cambio lingüístico en tempo aparente: o galego do Ribeiro, dirixida polo profesor Xulio Sousa Fernández. A el, aos membros do tribunal que a xulgou (formado polos profesores Carlota de Benito Moreno, Aquilino Alonso Núñez e Francisco Dubert García), á profesora Rosario Álvarez e aos dous revisores anónimos quérolles expresar o meu agradecemento polos comentarios con que me axudaron a mellorar o texto. Os erros son só responsabilidade do autor. Para a realización da tese ao autor foille concedida unha axuda de apoio á etapa predoutoral do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015.
Bibliografía
alga 1995 = García, Constantino; Santamarina, Antón (dirs.); Álvarez Blanco, Rosario (coord.). 1995. Atlas Lingüístico Galego, vol. II: Morfoloxía non verbal, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza.
Alonso Núñez, Aquilino S. 2000. Os sufixos nominais diminutivos do galego actual. Verba 27, 133-174. http://hdl.handle.net/10347/3333.
Alonso Núñez, Aquilino S. 2015. O artigo nunha fala galega. En Ana Acuña Trabazo, Aquilino S. Alonso Núñez e Xosé Antón Palacio Sánchez (eds.), Homenaxe a Xosé Luís Sánchez Ferraces, Vigo: Universidade de Vigo, 45-59.
Álvarez, Rosario. 1983. O artigo en galego: Morfoloxía. Verba 10, 169-182. http://hdl.handle.net/10347/4947.
Álvarez, Rosario. 2012. Achegamento ao perfil lingüístico dos autores dos inicios da Idade Contemporánea. En Ramón Mariño Paz (ed.), Papés d’emprenta condenada II: lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 213-260. http://hdl.handle.net/10347/9660.
Álvarez, Rosario. 2016. Diacronía e diatopía. Achega á variación morfolóxica do diminutivo en galego. En Alexandre Rodríguez Guerra (ed.), Lingüística histórica e dialectoloxía: coordenadas do cambio lingüístico, Vigo: Servizo de publicacións da Universidade de Vigo, 101-120. https://www.researchgate.net/publication/322528865_Diacronia_e_diatopia_Achega_a_variacion_morfoloxica_no_diminutivo_en_galego [30/09/2021].
Álvarez, Rosario; Sousa, Xulio. 2017. A investigación sobre a variación lingüística do galego: desde o ALGa ata a actualidade. Labor Histórico 3(1), 63-75. https://doi.org/10.24206/lh.v3i1.17107.
Álvarez, Rosario; Xove, Xosé. 2002. Gramática da lingua galega, Vigo: Galaxia.
Bailey, Guy; Wikle, Tom; Tillery, Jan; Sand, Lori 1991. The apparent time construct. Language Variation and Change 3, 241-264. https://doi.org/10.1017/S0954394500000569.
Baleirón Sóñora, Rosario. 2004. A gheada no concello de Padrón. En Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Antón Santamarina (eds.), A lingua galega: historia e actualidade. Actas do I Congreso Internacional, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, vol. IV, 299-315. http://hdl.handle.net/10347/9846.
Blas Arroyo, José Luis. 2005. Sociolingüística del español. Desarrollos y perspectivas en el estudio de la lengua española en contexto social, Madrid: Cátedra.
Buescu, Maria Leonor Carvalhão. 1984 [1961]. Monsanto. Etnografia e Linguagem, Lisboa: Presença.
Cidrás Escáneo, Francisco. 1998. Marcaxe preposicional de obxecto en en galego. Emerxencia e vicisitudes dun proceso de gramaticalización sintáctica. En Dieter Kremer (ed.), Homenaxe a Ramón Lorenzo, Vigo: Galaxia, vol. II, 569-580.
Chambers, J. K. 1995. Sociolinguistic Theory, Oxford: Blackwell.
Conde Silvestre, Juan Camilo. 2007. Sociolingüística histórica, Madrid: Gredos.
Corominas, Joan; Pascual, José Antonio. 1980-1991. Diccionario crítico etimológico castellano e hispánico (6 vols.), Madrid: Gredos.
Couceiro, José Luis. 1976. El habla de Feás. Anexo 5 de Verba, Santiago de Compostela: Universidade.
Cukor-Avila, Patricia; Bailey, Guy. 2013. Real time and apparent time. En J. K. Chambers e Natalie Schilling (eds.), The Handbook of Language Variation and Change, Oxford: Blackwell, 239-262. https://doi.org/10.1002/9781118335598.ch11.
Dopazo Entenza, José Manuel. 2017. Variación lingüística interxeracional na Illa de Ons (Bueu). Seseo. Revista Galega de Filoloxía 18, 49-68. https://doi.org/10.17979/rgf.2017.18.0.3179.
Dubert García, Francisco. 1999. Aspectos do galego de Santiago de Compostela. Anexo 44 de Verba, Santiago de Compostela: Universidade.
Dubert García, Francisco. 2001. A alomorfía do artigo definido galego á luz da fonoloxía prosódica. En Xosé Luís Regueira e Alexandre Veiga (eds.), Da gramática ó diccionario. Estudios de lingüística galega, Santiago de Compostela: Universidade, 91-105.
Dubert García, Francisco. 2004. Achegas sobre a morfoloxía do artigo determinado e do pronome átono acusativo de terceira persoa. En Rosario Álvarez Blanco, Antón Santamarina, Francisco Fernández Rei (eds.), A lingua galega: Historia e Actualidade, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, vol. IV, 59-69. http://hdl.handle.net/10347/9933.
Dubert García, Francisco. 2014. Syntax and word-specific phonetics: the origins of the allomorphs of the Galician definite article. Loquens 1(2), e013. http://dx.doi.org/10.3989/loquens.2014.013.
Dubert García, Francisco. 2015. Variación e cambio na morfoloxía do artigo definido galego. En Ramón Mariño Paz e Xavier Varela Barreiro (eds.), Lingüística histórica e edición de textos galegos medievais. Anexo 73 de Verba, Santiago de Compostela: Universidade, 127-146.
Elvira, Javier. 2015. Lingüística histórica y cambio gramatical, Madrid: Síntesis.
Fernández Rei, Francisco. 1990. Dialectoloxía da lingua galega, Vigo: Xerais.
Freixeiro Mato, Xosé Ramón. 1996. Os diminutivos en galego, Vigo: A Nosa Terra.
Freixeiro Mato, Xosé Ramón. 2006 [2000]. Gramática da lingua galega, vol. II: Morfosintaxe, Vigo: A Nosa Terra.
García, Constantino; Santamarina, Antón; Álvarez Blanco, Rosario; Fernández Rei, Francisco; González González, Manuel. 1977. O atlas lingüístico galego. Verba 4, 5-17. http://hdl.handle.net/10347/3117.
Gauchat, Louis. 1905. L'unité phonétique dans le patois d'une commune. Aus Romanischen Sprachen und Literaturen: Festschrift Heinrich Mort, Halle: Max Niemeyer, 175-232.
González González, Manuel. 1991. Metodología de los Atlas lingüísticos en España. IKER 7, 151-177. http://www.euskaltzaindia.net/dok/ikerbilduma/51331.pdf [30/09/2021].
González González, Manuel; Vallejo, María; Juncal, Luis A.; Folgar, Esteban. 2002. El subsistema arcaico de las fricativas dentoalveolares del gallego, una reliquia en vías de extinción. En Jesús Díaz García (ed.), Cuenca Villarín, María Heliodora, José Agustín Vidal Domínguez e Marina M. Barrio Parra (eds.), Actas del II Congreso de Fonética Experimental = Proceedings of the II Congress of Experimental Phonetics (Sevilla, 5, 6 y 7 de marzo de 2001). Sevilla: Universidad de Sevilla, 215-219.
Kabatek, Johannes. 1997. Dime cómo hablas y te diré quién eres. Mezcla de lenguas y posicionamiento social. Revista de Antropología Social 6, 215-236. https://revistas.ucm.es/index.php/RASO/article/view/RASO9797110215A/10262 [30/09/2021].
Kabatek, Johannes. 2000 [1996]. Os falantes como lingüistas. Tradición, innovación e interferencias no galego actual, Vigo: Xerais.
Labov, William. 1983 [1972]. Modelos sociolingüísticos, Madrid: Cátedra.
Labov, William. 1996 [1994]. Principios del cambio lingüístico, vol I: Factores internos, Madrid: Gredos.
Lapa, Manuel Rodrigues. 1984 [1945]. Estilística da língua portuguesa, Coimbra: Coimbra Editora.
Louredo Rodríguez, Eduardo. 2018. Cambio lingüístico e morfoloxía: aproximación ao galego da comarca do Ribeiro. En Francisco Cidrás, Francisco Dubert e Xosé Luís Regueira (eds.), Gramáticas en tránsito no espazo galego-luso-brasileiro. Volume especial (I) de Estudos de lingüística galega, 61-79. http://dx.doi.org/10.15304/elg.ve1.3627.
Louredo Rodríguez, Eduardo. 2019. Variación e cambio lingüístico en tempo aparente: o galego do Ribeiro [tese de doutoramento], Santiago de Compostela: Universidade. https://www.educacion.es/teseo/mostrarRef.do?ref=1796811 [30/09/2021].
Martí i Girbau, Núria. 1999. En Preceding Direct Objects in Galician: An Indefiniteness Marker? Catalan Working Papers in Linguistics 7, 141-158. https://raco.cat/index.php/CatalanWP/article/view/18149/17990 [30/09/2021].
Míguez, Vítor. 2015. Los complementos con preposición en del gallego: una alternancia transitivo/oblicuo [traballo de fin de máster.], Barcelona: Universitat Pompeu Fabra. https://repositori.upf.edu/bitstream/handle/10230/24837/Miguez_2015.pdf?sequence=1&isAllowed=y [30/09/2021].
Míguez, Vítor. 2016. Parámetros sintácticos e semánticos das alternancias obxecto/oblicuo: unha comparación entre os complementos con en do galego e as construcións conativa e antipasiva. Estudos de Lingüística Galega 8, 167-185. https://doi.org/10.15304/elg.8.3049.
Moure, Teresa. 2010. Mallando nos complementos directos: un ornitorrinco na sintaxe do galego. Revista Galega de Filoloxía 11, 79-103. https://ruc.udc.es/dspace/bitstream/handle/2183/8395/RGF%2011%20art%203.pdf?sequence=1&isAllowed=y [30/09/2021].
Pérez Álvarez, Francisco Xavier. 2004. O rotacismo e a gheada no concello de Vilardevós. En Rosario Álvarez, Francisco Fernández Rei e Antón Santamarina (eds.), A lingua galega: historia e actualidade, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, vol. IV, 365-373. http://hdl.handle.net/10347/9921.
rag e ilg = Real Academia Galega; Instituto da Lingua Galega. 2003. Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, A Coruña: Real Academia Galega.
Porto Dapena, José Álvaro. 1977. El gallego hablado en la comarca ferrolana. Anexo 9 de Verba, Santiago de Compostela: Universidade.
Regueira Fernández, Xosé Luís. 1989. A fala do Norte da Terra Cha. Estudio descritivo [tese de doutoramento], Santiago de Compostela: Universidade.
Regueira, Xosé Luís. 2009. Os estudos de dialectoloxía galega desde 1967 á actualidade. En Esther Corral Díaz, Lydia Fontoira Suris e Eduardo Moscoso Mato (eds.), A mi dizen quantos amigos ey: homenaxe ao profesor Xosé Luís Couceiro, Santiago de Compostela: Universidade, 573-584. https://minerva.usc.es/xmlui/handle/10347/11472 [30/09/2021].
Regueira, Xosé Luís; Fernández Rei, Elisa (eds.). 2017. Estudos sobre o cambio lingüístico no galego actual, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. http://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=4301 [30/09/2021].
Rial Montes, Tamara. 2018. As sibilantes en Zas: análise dun cambio en proceso. Cadernos de lingua 36, 9-29. https://doi.org/10.32766/cdl.36.1.
Riveiro Costa, Xesús. 2004. Transitividade preposicional en galego: v.t. + preposición en + obxecto directo. En Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Antón Santamarina (orgs.), A Lingua Galega: Historia e Actualidade, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, vol. IV, 149-155. http://hdl.handle.net/10347/9935.
Rodríguez Guerra, Alexandre. 1997. Aspectos da transitividade galega: os complementos en “en”. En Benigno Fernández Salgado (org.), Actas do IV Congreso Internacional de Estudios Galegos, Oxford: Centre for Galician Studies / Centro de Estudios Galegos, vol. I, 343-352. http://hdl.handle.net/10347/11985.
Rodríguez Lorenzo, David. 2009. A gheada, un fenómeno innovador do galego. Evolución diatópica no século XX. En Alexandra Fiéis, Maria Antonia Coutinho (orgs.), XXIV Encontro Nacional da Associação Portuguesa de Lingüística: Textos seleccionados, Lisboa: Associação Portuguesa de Linguística, 453-465. https://apl.pt/wp-content/uploads/2017/09/31-Lorenzo.pdf [30/09/2021].
Rodríguez Lorenzo, David. 2012. The diatopic development of aspects of twentieth century Galician. A contrastive analysis of geographic linguistic data. Dialectologia, Special Issue III, 143-156. http://alpi.csic.es/sites/default/files/publicaciones/dialectologiaSP2012_810_602853_5220_.pdf [30/09/2021].
Sánchez Rei, Xosé Manuel. 2021. O portugués esquecido. O galego e os dialectos portugueses setentrionais, Santiago de Compostela: Laiovento.
Santamarina, Antón. 1975. El adverbio gallego: estudio basado en el habla del Valle de Suarna (Fonsagrada, Lugo). Verba 2, 59-106. http://hdl.handle.net/10347/2832 [30/09/2021].
Segura, Luísa. 2013. Variedades dialetais do português europeu. En Eduardo Buzaglo Paiva Raposo (dir.), Gramática do português, Lisboa: Fundação Calouste Gulbenkian, vol. I, 83-142.
Silva Domínguez, Carme. 1993. A combinatoria do posesivo na frase nominal. Cadernos de lingua 8, 135-155. https://doi.org/10.32766/cdl.8.565.
Silva Domínguez, Carme. 2002. Frases nominais con posesivo en galego. Estructura e valores referenciais. Anexo 50 de Verba, Santiago de Compostela: Universidade.
Soto Andión, Xosé. 1996. Algúns trazos fonéticos do galego da Terra de Montes (Concello de Forcarei). Cadernos de lingua 14, 59-84. https://doi.org/10.32766/cdl.14.173.
Soto Andión, Xosé. 2003. Aproximación al habla de la Pontevedra interior: morfología verbal. Revista de Filología Románica 20, 53-72. http://revistas.ucm.es/index.php/RFRM/article/view/RFRM0303110053A/10467 [30/09/2021].
Soto Andión, Xosé. 2014. Contacto y desplazamiento lingüístico en dos municipios del interior de Galicia. Vox Romanica 73, 218-246. https://elibrary.narr.digital/article/99.125005/vox201410218 [30/09/2021].
Sousa, Xulio. 2016. A xeolingüística e o estudo da historia das linguas. En Alexandre Rodríguez Guerra (ed.), Lingüística histórica e dialectoloxía: coordenadas do cambio lingüístico, Vigo: Servizo de publicacións da Universidade de Vigo, 39-56. https://www.researchgate.net/publication/333565271_A_xeolinguistica_e_o_estudo_da_historia_da_linguas [30/09/2021].
Sousa, Xulio; Rodríguez, David. 2017. Do espazo ó tempo: o cambio lingüístico en galego a partir da xeolingüística. En Xosé Luís Regueira e Elisa Fernández Rei (eds.), Estudos sobre o cambio lingüístico no galego actual, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 241-269. https://www.researchgate.net/publication/320282817_Do_espazo_o_tempo_o_cambio_linguistico_en_galego_a_partir_da_xeolinguistica [30/09/2021].
Taboada Cid, Manuel. 1979. El habla del valle de Verín. Anexo de 15 de Verba, Santiago de Compostela: Universidade.
Thomas, Juan Antonio. 2007. The use of gheada in three generations of women from Carballo, A Coruña. En Jonathan Holmquist, Augusto Lorenzino e Lotfi Sayahi (eds.), Selected Proceedings of the Third Workshop on Spanish Sociolinguistics, Somerville, MA: Cascadilla Proceedings Project, 61-73.
tilg = Santamarina, Antón (dir.); González Seoane, Ernesto; Álvarez de la Granja, María. Tesouro informatizado da lingua galega (Versión 4.1), Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. http://ilg.usc.gal/TILG/ [30/09/2021].
tmilg = Varela Barreiro, Xavier (dir.). 2004-. Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega, Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. http://ilg.usc.es/tmilg [30/09/2021].
Anexo. Táboas de datos
Informante | verbo -/ɾ/ | verbo -/s̺/ |
|
|
outros casos -/s̺/ | ||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
|
|
|
|
|
|
|
|
[ɔs̺] |
|
|
|
Abe71m | 21 (0.47) | 24 (0.53) | 7 (0.41) | 10 (0.59) | 0 (0) | 9 (1) | 0 (0) | 7 (0.64) | 4 (0.36) | 2 (0.4) | 3 (0.6) |
Arn63m | 33 (1) | 0 (0) | 10 (1) | 0 (0) | 16 (0.94) | 1 (0.06) | 0 (0) | 7 (0.87) | 1 (0.13) | 1 (0.33) | 2 (0.67) |
Bou80m | 4 (0.5) | 4 (0.5) | 3 (0.6) | 2 (0.4) | 0 (0) | 6 (1) | 0 (0) | 8 (0.67) | 4 (0.33) | 1 (0.5) | 1 (0.5) |
Esp72m | 18 (0.86) | 3 (0.14) | 8 (0.89) | 1 (0.11) | 2 (0.14) | 12 (0.86) | 0 (0) | 9 (1) | 0 (0) | 2 (1) | 0 (0) |
Lou75m | 6 (0.86) | 1 (0.14) | 9 (1) | 0 (0) | 2 (0.25) | 6 (0.75) | 0 (0) | 6 (0.89) | 4 (0.11) | 3 (1) | 0 (0) |
Ore69h | 24 (0.75) | 8 (0.25) | 1 (0.13) | 7 (0.87) | 0 (0) | 13 (1) | 0 (0) | 11 (0.85) | 2 (0.15) | 2 (0.25) | 6 (0.75) |
Pen78m | 27 (0.96) | 1 (0.04) | 13 (0.65) | 7 (0.35) | 8 (0.67) | 6 (0.33) | 0 (0) | 12 (0.75) | 4 (0.25) | 3 (1) | 0 (0) |
Reg77h | 14 (0.93) | 1 (0.07) | 5 (1) | 0 (0) | 0 (0) | 10 (1) | 0 (0) | 6 (0.6) | 4 (0.4) | 2 (0.5) | 2 (0.5) |
Rib65h | 6 (1) | 0 (0) | 6 (1) | 0 (0) | 1 (0.14) | 12 (0.86) | 6 (0.75) | 0 (0) | 2 (0.25) | 4 (1) | 0 (0) |
Vil72m | 14 (0.93) | 1 (0.07) | 11 (1) | 0 (0) | 9 (0.64) | 5 (0.36) | 0 (0) | 1 (0.14) | 6 (0.86) | 3 (1) | 0 (0) |
Informante | verbo -/ɾ/ | verbo -/s̺/ |
|
|
outros casos -/s̺/ | ||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
|
|
|
|
|
|
|
|
[ɔs̺] |
|
|
|
Abe53m | 10 (1) | 0 (0) | 8 (1) | 0 (0) | 8 (0.8) | 2 (0.2) | 3 (0.2) | 9 (0.6) | 3 (0.2) | 3 (1) | 0 (0) |
Arn43m | 13 (1) | 0 (0) | 6 (1) | 0 (0) | 7 (0.87) | 1 (0.13) | 0 (0) | 6 (0.43) | 8 (0.57) | 7 (1) | 0 (0) |
Bou54m | 7 (1) | 0 (0) | 4 (0.8) | 1 (0.2) | 0 (0) | 9 (1) | 5 (0.5) | 5 (0.5) | 0 (0) | 2 (0.67) | 1 (0.33) |
Esp46m | 11 (1) | 0 (0) | 9 (1) | 0 (0) | 11 (1) | 0 (0) | 0 (0) | 7 (0.67) | 2 (0.33) | 5 (1) | 0 (0) |
Lou48m | 15 (1) | 0 (0) | 13 (1) | 0 (0) | 13 (1) | 0 (0) | 0 (0) | 14 (0.67) | 4 (0.33) | 4 (1) | 0 (0) |
Ore47m | 17 (1) | 0 (0) | 16 (1) | 0 (0) | 4 (0.4) | 6 (0.6) | 0 (0) | 2 (0.33) | 7 (0.67) | 9 (1) | 0 (0) |
Pen56h | 8 (0.8) | 2 (0.2) | 15 (1) | 0 (0) | 0 (0) | 15 (1) | 2 (0.1) | 13 (0.62) | 6 (0.28) | 8 (1) | 0 (0) |
Reg52m | 14 (1) | 0 (0) | 7 (1) | 0 (0) | 9 (0.75) | 3 (0.25) | 0 (0) | 14 (1) | 0 (0) | 6 (1) | 0 (0) |
Rib40m | 10 (1) | 0 (0) | 8 (1) | 0 (0) | 12 (0.67) | 6 (0.33) | 6 (0.75) | 0 (0.25) | 0 (0) | 3 (1) | 0 (0) |
Vil48h | 9 (1) | 0 (0) | 11 (1) | 0 (0) | 7 (1) | 0 (0) | 0 (0) | 0 (0) | 18 (1) | 5 (1) | 0 (0) |
Informante | verbo -/ɾ/ | verbo -/s̺/ |
|
|
outros casos -/s̺/ | ||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
|
|
|
|
|
|
|
|
[ɔs̺] |
|
|
|
Abe28m | 7 (1) | 0 (0) | 6 (1) | 0 (0) | 0 (0) | 9 (1) | 1 (0.17) | 5 (0.83) | 0 (0) | 3 (1) | 0 (0) |
Arn19m | 15 (1) | 0 (0) | 7 (1) | 0 (0) | 0 (0) | 9 (1) | 6 (1) | 0 (0) | 0 (0) | 7 (1) | 0 (0) |
Bou29h | 6 (1) | 0 (0) | 3 (1) | 0 (0) | 4 (0.57) | 3 (0.43) | 1 (0.14) | 5 (0.72) | 1 (0.14) | 2 (1) | 0 (0) |
Esp27h | 12 (1) | 0 (0) | 9 (1) | 0 (0) | 2 (0.33) | 4 (0.67) | 2 (0.22) | 7 (0.78) | 0 (0) | 6 (1) | 0 (0) |
Lou16h | 7 (1) | 0 (0) | 4 (1) | 0 (0) | 0 (0) | 4 (1) | 0 (0) | 4 (0.5) | 4 (0.5) | 2 (1) | 0 (0) |
Ore26h | 18 (1) | 0 (0) | 12 (1) | 0 (0) | 6 (0.43) | 8 (0.57) | 1 (0.08) | 12 (0.92) | 0 (0) | 4 (1) | 0 (0) |
Pen23h | 21 (1) | 0 (0) | 17 (1) | 0 (0) | 0 (0) | 11 (1) | 6 (0.4) | 9 (0.6) | 0 (0) | 2 (1) | 0 (0) |
Reg21h | 7 (1) | 0 (0) | 4 (1) | 0 (0) | 4 (0.67) | 2 (0.33) | 2 (0.14) | 11 (0.79) | 1 (0.07) | 2 (1) | 0 (0) |
Rib20h | 9 (1) | 0 (0) | 9 (1) | 0 (0) | 3 (0.3) | 7 (0.7) | 12 (0.67) | 6 (0.33) | 0 (0) | 5 (1) | 0 (0) |
Vil22h | 15 (1) | 0 (0) | 11 (1) | 0 (0) | 2 (0.22) | 7 (0.78) | 0 (0) | 5 (0.5) | 5 (0.5) | 3 (1) | 0 (0) |
X. I |
|
|
|
X. II |
|
|
|
X. III |
|
|
|
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Abe71m | 8 (0.67) | 4 (0.33) | 0 (0) | Abe53m | 2 (0.18) | 9 (0.82) | 0 (0) | Abe28m | 0 (0) | 7 (1) | 0 (0) |
Arn63m | 0 (0) | 0 (0) | 5 (1) | Arn43m | 0 (0) | 6 (0.67) | 3 (0.33) | Arn19m | 0 (0) | 5 (0.5) | 5 (0.5) |
Bou80m | 2 (0.33) | 4 (0.67) | 0 (0) | Bou54m | 0 (0) | 7 (1) | 0 (0) | Bou29h | 0 (0) | 8 (1) | 0 (0) |
Esp72m | 0 (0) | 7 (1) | 0 (0) | Esp46m | 0 (0) | 6 (1) | 0 (0) | Esp27h | 0 (0) | 9 (1) | 0 (0) |
Lou75m | 0 (0) | 0 (0) | 6 (1) | Lou48m | 0 (0) | 0 (0) | 6 (1) | Lou16h | 0 (0) | 0 (0) | 5 (1) |
Ore69h | 1 (0.1) | 9 (0.9) | 0 (0) | Ore47m | 0 (0) | 8 (1) | 0 0 | Ore26h | 0 (0) | 11 (1) | 0 (0) |
Pen78m | 0 (0) | 0 (0) | 8 (1) | Pen56h | 0 (0) | 1 (0.11) | 8 (0.89) | Pen23h | 0 (0) | 2 (0.17) | 10 (0.83) |
Reg77h | 0 (0) | 9 (1) | 0 (0) | Reg52m | 0 (0) | 7 (1) | 0 (0) | Reg21h | 0 (0) | 0 (0) | 11 (1) |
Rib65h | 0 (0) | 7 (1) | 0 (0) | Rib40m | 0 (0) | 9 (1) | 0 (0) | Rib20h | 0 (0) | 13 (1) | 0 (0) |
Vil72m | 0 (0) | 0 (0) | 9 (1) | Vil48h | 0 (0) | 0 (0) | 9 (1) | Vil22h | 0 (0) | 6 (0.67) | 3 (0.33) |
Notas
1
Aínda que a maioría delas son variables morfolóxicas en sentido estrito (p. ex. a formación do plural dos nomes polisílabos agudos acabados en /l/, os diferentes paradigmas dos demostrativos ou a formación do feminino de nomes terminados en -ón), moitas delas pódense considerar variables fónicas (p. ex. a metafonía das palabras tipo sogra e novo), léxicas (p. ex. as variantes de fume e eixe) e sintácticas (p. ex. o uso do artigo cos nomes de persoa).
2
Estariamos, neste caso, ante o resultado dun proceso de interferencia negativa de converxencia (Kabatek 1997 e 2000 [1996]).
3
Esta técnica foi usada por Gauchat (1905) a comezos do século XX, cando este autor estudou seis cambios fonéticos na fala de varios individuos de idades diferentes e procedentes da localidade suíza de Charmey (cfr. Bailey et al. 1991: 24; Blas Arroyo 2005: 269; Labov 1996 [1994]: 56-57). No entanto, quen a integrou dentro da sociolingüística moderna foi William Labov no seu estudo da illa norteamericana de Martha’s Vinyeard realizado en 1963 (Labov 1983 [1972]). Este traballo serviu como modelo para moitos outros estudos sobre cambio lingüístico, especialmente no ámbito anglosaxón, mais tamén noutros coma o románico. Para o galego cabe citar os de Soto Andión (1996, 2003 e 2014), González González et al. (2002), Baleirón Sóñora (2004), Thomas (2007), Dopazo Entenza (2017), Louredo Rodríguez (2018) e Rial Montes (2018).
4
A finalidade deste traballo é o estudo da variación e o cambio en tempo aparente; as únicas variables extralingüístucas consideradas son o lugar de orixe e a idade do informante. Cumpriría un estudo específico para determinar se a variable sexo é un factor relevante ou non.
5
O cuestionario e unha explicación máis demorada da metodoloxía empregada pódense atopar en Louredo Rodríguez (2019).
6
Os datos do INE son os únicos desagregados ata o nivel municipal. Os datos que ofrece o IGE refírense ao conxunto das comarcas do Carballiño e O Ribeiro.
7
O índice medio de persoas nacidas no estranxeiro para o conxunto dos concellos estudados, sen incluír Avión, é do 0.07, segundo datos do IGE. En cambio, no concello de Avión este índice elévase ata o 0.26.
8
Tal e como afirma Segura (2013: 128), nalgunhas variedades setentrionais do portugués europeo “numa faixa sobretudo litoral” existe a segunda forma do artigo. A mesma autora dá dous exemplos de uso, un despois de forma verbal acabada en /ɾ/ (O fuso de fiá-lo linho era o fuso de ferro) e outra despois da forma todos (Fabricava-se todolos anos). Vid. tamén sobre isto Sánchez Rei (2021: 331-334).
9
O mapa 214 do ALGA 1995 ofrece datos que permiten estudar do punto de vista dialectal a variación entre a primeira e a terceira forma do artigo. No punto de Abelenda (O.5) recolleuse a terceira forma do artigo ([ˈkan̪ta̝n a rianʲˈʃejɾa̝]) e no de Regodeigón (O.10) a primeira ([ˈkan̪ta̝ŋ a rianʲˈʃejɾa̝]).
10
Baixo estas formas de cita incluímos todas as formas flexivas, de xénero e número, destes alomorfos.
11
Estes atópanse nas táboas 1, 2 e 3 do Anexo. A cifra entre paréntese representa o índice de uso de cada variante.
12
Aínda que non se trata do artigo determinado, cremos interesante ofrecer neste lugar os datos sobre o segundo alomorfo do pronome átono de acusativo (lo, la, los, las). Este é utilizado por algúns informantes, case todos da xeración I, cando a apalabra precedente é Dios. Trátase de expresións fixadas, utilizadas nun ámbito social con grande peso da relixión: era meu pai, Dio-lo descanse (Lou48m), Dio-lo faga millor! (Pen78m), Dio-lo teña na gloria (Lou75m), Dio-lo axude! (Reg77h).
13
Para unha correcta interpretación da táboa 3 débese ter en conta que os datos de todos están condicionados pola posibilidade dunha terceira variante (tod[ɔ]s / tod[a]s) que acada un índice de uso medio nas tres xeracións do 0.19.
14
Os datos numéricos pódense consultar na táboa 4 do Anexo II. A cifra entre paréntese representa o índice de uso de cada variante.
15
Na área estudada dáse o fenómeno da gheada, isto é, a aparición do son [ħ] no canto dos sons [ɡ] ou [ɣ̞] propios doutras variedades do galego (Fernández Rei 1990: 163-189; Álvarez e Xove 2002: 39; Rodríguez Lorenzo 2009 e 2012). Aínda que o obxectivo deste traballo non é o estudo da gheada, debemos indicar dous feitos que matizan o que se acaba de sinalar. A primeira é que este fenómeno non se dá se a consoante anterior é unha nasal ([doˈmiŋɡo̝] e non *[doˈmiŋħo̝]). A segunda é que o fenómeno é máis frecuente nos informantes maiores ca nos novos, tal e como teñen constatado outros estudos realizados en áreas diferentes (Dubert García 1999: 49; Baleirón Sóñora 2004; Pérez Álvarez 2004).
16
Creo imprescindible neste punto facer referencia á situación de variación que outras monografías dialectais detectaron a propósito das variables estudadas nesta alínea. Couceiro (1976: 89 e 108) no seu estudo de Feás (concello de Aranga) só documenta as variantes us, algús e ningús. Porto Dapena (1977: 190-191) recolle a alternancia de us ~ unhos, algús ~ algunhos e ningús ~ ningunhos e indica que as segundas son as máis frecuentes nas aldeas próximas á cidade de Ferrol, fronte aos lugares máis afastados dela, onde predominarían as primeiras. Taboada Cid (1979: 104 e 125-127) documenta, no val de Verín, as variantes us ~ uns ~ unhes [uŋe̝s̺] ~ unhos e algús ~ algunhes [alˈɣ̞uŋe̝s̺] ~ algunhos. Regueira Fernández (1989: 535 e 560-561) tamén detecta diferentes variantes no norte da Terra Cha: us ~ unhos ~ unhes, algús ~ algunhos e ningús ~ ningunhos. Este mesmo autor ofrece os porcentaxes de uso das variantes unhos (77,68%), us e 20,61% de us, e unhes (1,53%) de unhes. Por último, Dubert García (1999: 130) documenta a alternancia us ~ uns ~ unhos, mais só algús ~ algúns e ningús ~ ningúns. No que respecta á primeira variable, manifesta a escasa frecuencia de us (usado por un único informante) fronte a uns e unhos.
17
Para unha hipótese alternativa sobre a orixe de nadie vid. Elvira (2015: 51). Segundo o tilg (s.v. nadie e nadia), os primeiros rexistros de nadie e nadia en textos galegos modernos datan de 1836. Nos textos anteriores a esta data, desde 1617, só se documenta ninguén (tilg, s. v. ninguén). De acordo co tmilg (s. v. nadie e nade) as formas nadie e nade documéntanse só nos Foros de Castelo Rodrigo (finais do s. XIII), texto onde conviven trazos lingüísticos de tipo occidental e central.
18
Non encontrei unha explicación satisfactoria para a aparición desta variante. Indícame a profesora Rosario Álvarez (en comunicación persoal) que, en certas localidades do norte de Galicia, dise ontes e non onte por analoxía, quizais, con antes; e descarta a miña hipótese dunha posible analoxía cos adverbios algures e ningures, debido á moi escasa frecuencia dos mesmos.
19
A autora ofrece como argumento para apoiar o seu punto de vista o feito de que “tamén Saco [Arce] debeu entender que a única forma espúrea era nadie, que non inclúe na súa gramática, onde en cambio acolle por igual e sen reservas ninguén, nadia e naide”.
20
Sobre nadie afirma Álvarez (2012: 238) que “non hai na súa forma nada que a delate orixinariamente como castelanismo, pero é indubitable que a coincidencia formal lle engade un prestixio extra sobre as outras variantes e a axuda a prosperar”.
21
Alguén e ninguén son formas sometidas diacronicamente á forza da analoxía. O uso de alguén podería favorecer o emprego do seu antónimo ninguén, dado que teñen unha estrutura fonolóxica semellante.
22
Dubert García (1999: 124-125) opina que o uso de alguén e ninguén que fan algúns falantes urbanos e novos de Santiago se pode deber á influencia do estándar do galego. No caso de Ri20h poderiamos estar ante o mesmo fenómeno. Este mesmo autor observa que poden coexistir dúas ou máis na fala dun mesmo informante (Dubert García 1999: 122-125). Non podemos descartar que isto sexa así tamén no caso dos informantes desde estudo, mais, neste caso concreto, non temos datos que o demostren.
23
Para a distribución xeográfica desta variable en galego cfr. alga (1995: mapa 326).
24
O feito de ser esta variante a escolleita para a lingua estándar (RAG e ILG: 173) e, polo tanto, a ensinada na escola e a máis empregada na lingua escrita, pode explicar este uso de antonte por parte deste informante.
25
Un indicio que apoia esta hipótese é que o alga (1995: mapa 326) recolleu noutronte en Abelenda e nantronte en Regodeigón. Porén, os informantes destes dous puntos da xeración I deste traballo usaron nantronte, a de Abelenda, e noutronte, o de Regodeigón.
26
Para a distribución xeográfica das variantes vid. Álvarez (2016). Segundo esta autora, a práctica totalidade da comarca do Ribeiro sitúase nunha zona en que son posibles tanto a variante papelciño como a variante papeliño, típica do galego de Asturias, León e Zamora, das provincias de Lugo e A Coruña e do norte de Ourense e Pontevedra.
27
Para Freixeiro Mato (2006 [2000]: 220), a anteposición do posesivo ao substantivo é na actualidade “unha marca de estilo na lingua escrita e literaria, onde é sentida como máis tradicional e auténtica”.
28
O alga (1995: mapa 244) recolle a anteposición do posesivo ao substantivo (un meu tío) en doce puntos do territorio. A maior parte deles concéntranse no suroeste da provincia de Ourense, unha área que coincide parcialmente coa estudada neste artigo. A posposición do posesivo ao substantivo (un tío meu) é posible en todos os puntos.
29
O alga (1995: mapa 244) recolle neste punto a coexistencia de un meu tío e un tío meu. Na aldea de Abelenda, pola contra, os investigadores deste atlas, só recolleron a variante un tío meu.
30
Dubert García (1999: 120-121) unicamente recolle a estrutura tipo un meu tío a dúas persoas de máis de 50 anos na contorna rural de Santiago de Compostela.
31
Ademais dos traballos citados ao longo desta epígrafe, son de interese tamén para o estudo deste fenómeno os de Santamarina (1975), Martí i Girbau (1999), Riveiro Costa (2004) e Míguez (2015 e 2016).
32
Vid. a este respecto os traballos reunidos por Regueira e Fernández Rei (2017).
ISSN: 0210-377X
Vol. 49
Num.
Año. 2022
Algúns fenómenos de variación na morfosintaxe do galego da comarca do Ribeiro
Eduardo Louredo
CPI Virxe dos Remedios / Instituto da Lingua Galega (USC)
Aviso de derechos de autor/a
Al publicar en Verba, el/la autor/a-los/las autores/as cede/n todos los derechos de explotación de su artículo (incluyendo distribución, comunicación pública, reproducción y transformación) a la Universidad de Santiago de Compostela, que, con las condiciones y limitaciones dispuestas por la legislación en materia de propiedad intelectual, es la titular del copyright y, por tanto, de todos los derechos patrimoniales expresados, reteniendo el/la autor/a-los/las autores/as todos los derechos morales que por ley le corresponde/n (art. 14 TRLPI).
Sin perjuicio de lo anterior, y salvo indicación contraria, todos los contenidos se distribuyen en acceso abierto bajo una licencia internacional Creative Commons BY-NC-ND 4.0. Cualquier forma de reproducción, distribución, comunicación pública o transformación de esta obra no incluida en la licencia Creative Commons BY-NC-ND 4.0 sólo puede ser realizada con la autorización expresa del titular del copyright, salvo excepción prevista por la ley. Puede acceder Vde. al texto completo de la licencia en este enlace: https://creativecommons.org/licenses/by-nc-nd/4.0/deed.gl
Cómo citar
Otros datos estadísticos
Descargas
Descargas (Últimos 12 meses)