Pedro de Llano (Santiago de Compostela, 1977) é historiador da arte e comisario de exposicións. Realizou a súa tese de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela a partir dunha investigación adicada á crítica materialista de Clement Greenberg, levada a cabo no Getty Research Institute, en Los Ángeles (EE.UU.). Participa en outros proxectos de investigación no grupo de arte contemporánea da mesma universidade e coordina o Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas.
Editou os libros En tiempo real: El arte mientras tiene lugar (Fundación Luis Seoane, A Coruña, 2001 –en colaboración con Xosé Lois Gutiérrez) e Wrong Site: Arte y globalización (Fundación Luis Seoane, 2008). Colaborou coas revistas Exit Express (Madrid), Carta (Madrid), Afterall online (Londres), Springerin (Viena) e Texte zur Kunst (Berlin), e con xornáis como La Vanguardia (Barcelona).
Escribiu textos sobre os artistas Tino Sehgal (Serralves, Oporto, 2005), Fernando José Pereira (Anamnese, Oporto, 2005), Hans Schabus (A cidade interpretada, 2006), John Knight (Afterall online, 2008), Sergio Prego (Galería Soledad Lorenzo, 2009), Stephen Prina (Afterall online, 2009), Mauro Cerqueira (Exit Express, 2011) e John Knight (2013).
Como comisario realizau os proxectos O medio é o museo (MARCO de Vigo e Koldo Mitxelena de San Sebastián, 2008 –en colaboración con Pablo Fanego) e In Search of the Miraculous, trinta anos despóis, sobre o proxecto póstumo do artista holandés Bas Jan Ader (CGAC, Santiago de Compostela, 2010).