Temática e alcance

Estudos de Lingüística Galega é unha revista universitaria de publicación anual e temática centrada nos estudos de lingüística das linguas románicas, de xeito especial nas investigacións sobre a lingua galega. De acordo con este propósito, na revista publícanse artigos de investigación orixinais sobre investigación lingüística das variedades románicas (sección Pescuda) e comentarios críticos de publicacións que atangan ó ámbito da revista (sección Recensións)

  • Pescuda. Na sección Pescuda publícanse artigos de investigación orixinais sobre lingüística das variedades románicas. Os artigos que se propoñan para publicar teñen que ser orixinais e non deberon ser publicados anteriormente noutro formato ou idioma, nin deben estar postulados ou aceptados para a súa publicación noutra revista. Todos os traballos recibidos serán examinados de forma anónima por avaliadores externos.
  • Recensións. No apartado Recensións publícanse comentarios críticos de traballos lingüísticos publicados e que atangan directa ou indirectamente á investigación en lingüística románicas. As recensións propostas para publicar teñen que ser orixinais e non deberon ser publicados anteriormente noutro formato ou idioma nin deben estar postulados ou aceptados para a súa publicación noutra revista.

As linguas de publicación son o galego, portugués, catalán, español, francés, italiano e inglés.

Proceso de revisión por pares

Os traballos recibidos na redacción serán revisados por un membro do Comité de Redacción que determinará se o traballo cumpre cos requisitos para a súa publicación. Determinarase se o traballo encaixa temática e formalmente na revista e se se cumpren as normas de publicación. O incumprimento das condicións esixidas será motivo para o rexeitamento dos artigos; neste caso o autor recibirán en breve prazo (un mes) unha comunicación razoada do rexeitamento.

Os traballos que cumpran os requisitos mínimos indicados serán remitidos en forma anónima a dous expertos, que, no prazo dun mes, deberán emitir un informe sobre a conveniencia da súa publicación. O Comité de Redacción da revista seleccionará os avaliadores externos que, pola súa traxectoria investigadora, xulgue idóneos para avaliar o contido do traballo presentado. O Comité poderá considerar a proposta de expertos suxerida polo propio autor. O autor poderá tamén recusar o nome de dous potenciais revisores cos que teña un tipo de relación que, do mesmo xeito, poida dar lugar á introdución de criterios alleos á calidade do traballo na avaliación deste. O nome dos avaliadores non será dado a coñecer ao autor ou autores do traballo (sistema de dobre anonimato). Para que o artigo se publique, os informes dos avaliadores deben ser positivos. No caso de que só unha das avaliacións recomende a publicación do traballo, este remitirase a un terceiro informante e o seu ditame será definitivo.

As recensións serán avaliadas en forma anónima polo Comité de Redacción, en función da afinidade temática co contido do libro recensionado.

A comunicación sobre a aceptación do traballo realizarase nun prazo máximo de tres meses despois da recepción. A comunicación irá acompañada dos informes anónimos dos avaliadores.

Os traballos aceptados deberán ser adaptados ás normas de publicación da revista e modificados de acordo coas indicacións dos revisores. A nova versión do traballo deberá ser enviado á revista nun prazo máximo dun mes e destacando no documento os cambios realizados. De ser necesario, a nova versión será enviada de novo aos revisores, os cales, nun prazo de quince días, deberán emitir un informe sobre a conveniencia ou non da publicación. Con todo, se a entidade dos cambios solicitados non fai preciso o reenvío, a nova versión será revisada polo Comité de Redacción, que tamén terá un prazo de quince días para comunicar a súa decisión.

Frecuencia de publicación

Estudos de lingüística galega é unha revista de publicación continua e os volumes son compilados e numerados anualmente.

Política de acceso aberto

Estudos de Lingüística Galega facilita o acceso sen restricións a todo o seu contido.

A publicación non ten ningún custo para os autores.

Formatos de edición

Os artigos publicados na revista edítanse nos seguintes formatos: PDF, XML e HTML.

Digusión e calidade editorial

DIFUSIÓN

Bases de datos de calidade

  • Journal of Citation Indicator (JCI percentil): 35.385 (2022)
    • Posición por JCI: 248/383 (Q3, Language & Linguistics)
  • FECYT: 25.98 (2023)
    • Posición 46/80 (C3, Lingüística)
  • MIAR, difusión (ICDS): 9,6 (2021)
  • Dialnet (2022): impacto 0,18; 34/71 Lingüística; 66/322 Filoloxía

Bases de datos

  • Scopus, Web of Science, ERIH PLUS, ESCI, CSA Linguistics and Language Behavior Abstracts, MLA (Modern Language Association), Linguistic Bibliography, REDALYC, DOAJ, Open Access Digital Library, ISOC, ULRICH, DIALNET, CiteFactor, Cabell's Directory, REDIB etc.

CALIDADE EDITORIAL

  • Sello de Calidad FECYT 2023 (cuartil C3 en 2022)
  • CIRC (Clasificación integrada de revistas científicas): A en Ciencias Humanas, B en Ciencias Sociais
  • CARHUS+: B
  • LATINDEX: 31 de 38 criterios (2018)
  • JCR: 0.2 (factor de impacto 2022; 0.24 JCI)
  • Sistema Integrado Capes (Qualis Periodicos): A4 (Linguística e Literatura)

Exención de responsabilidade

Estudos de Lingüística Galega non se fai responsable do contido de ningún artigo e o feito de patrocinar a súa difusión non implica, necesariamente, conformidade coas teses expostas.
O editor, en calquera caso, exímese de toda responsabilidade derivada da eventual vulneración de dereitos de propiedade intelectual por parte do autor.

Instrucións para os revisores

Obxectivo da revisión

O obxectivo da revisión é determinar se o artigo avaliado posúe o interese e a calidade suficientes para ser publicado, con modificacións ou sen elas, en Estudos de Lingüística Galega, ou se pola contra, debe ser rexeitado.

Enfoques da revisión

  • Interese temático. Na sección Pescuda de Estudos de lingüística galega só se publicarán artigos de investigación orixinais sobre lingüística e filoloxía nas súas distintas ramas. Ocuparán un lugar relevante na revista os estudos focados sobre o galego ou de interese para o galego (traballos do campo da romanística, da lingüística xeral, traballos de corte teórico ou metodolóxico etc), así como os referidos ao portugués nas súas distintas variedades.
  • Calidade. O revisor deberá indicar así mesmo se o artigo reúne os requisitos mínimos de calidade para ser merecente de publicación. A este respecto deberá ter en conta os seguintes aspectos:
    • Orixinalidade e relevancia: o autor fai unha achega nova e relevante para o campo investigado?
    • Adecuación da metodoloxía: o autor emprega unha metodoloxía axeitada?
    • Adecuación das conclusións: están plena e axeitadamente xustificadas as conclusións do traballo a partir dos datos expostos?
    • Presentación da información: o autor organiza e expón a información axeitadamente?
    • Explotación da bibliografía: o autor emprega para a súa investigación a bibliografía precisa?, é adecuada a discusión bibliográfica?

Presentación da revisión

O revisor deberá cubrir o formulario que acompaña estas instrucións. De acordo co exposto, deberá indicar e xustificar se o traballo se axusta aos intereses temáticos da revista. Só no caso de que a resposta sexa positiva, deberá indicarxustificar tamén se o traballo se axusta aos criterios de calidade da revista.

Aínda que os criterios de calidade foron desdobrados en varios aspectos, que deben ser atendidos na revisión e comentados no informe, o avaliador poderá organizar libremente a súa exposición. En calquera caso, agradecemos que todas as apreciacións realizadas, sexan positivas ou negativas, se xustifiquen debidamente. Tamén sería aconsellable que, na súa argumentación, o avaliador diferenciase entre observacións fundamentais e observacións secundarias.

Os comentarios do revisor deben vincularse cunha toma de decisión sobre a publicación do traballo. Deste xeito, deberá indicar se o artigo

  • a) pode publicarse sen modificacións,
  • b) pode publicarse, pero con modificacións menores,
  • c) pode publicarse, pero con importantes modificacións,
  • d) non se pode publicar.

No caso de que as opcións marcadas sexan b) ou c), o revisor deberá explicar con claridade cales son os cambios que se deben realizar para que o traballo poida ser publicado. Esa explicación deberá ir acompañada da correspondente xustificación ou da correspondente remisión aos comentarios verbo da calidade do artigo.

Estilo da revisión

O informe debe ser claro e preciso. Rogamos que sexa especialmente nidio na exposición dos aspectos que cómpre modificar para que o artigo se poida publicar e que ofreza a referencia completa de calquera traballo ao que remita.

De por parte, lembrámoslle que un dos obxectivos fundamentais dos procesos de revisión é contribuír a mellorar a calidade dos traballos a través da crítica construtiva. Neste sentido, pregámoslle que atenda a este cualificativo e que evite expresións acerbas que poidan desanimar os autores dos traballos no seu proceso investigador (pense que o artigo pode ser da autoría dun investigador que se está iniciando e que vostede, coa súa revisión crítica e construtiva, pode axudalo a mellorar ou reconducir aspectos básicos do seu método de traballo).

Proceso da revisión

O avaliador debe remitir o formulario de revisión no prazo máximo dun mes desde a recepción do traballo. Cada artigo será enviado a dous revisores e só en caso de discrepancia entre eles se remitirá a un terceiro, cuxo ditame será definitivo. O Comité de Redacción comunicará nun prazo máximo de tres meses despois da recepción do traballo e mediante correo electrónico a aceptación (definitiva ou condicionada) ou o rexeitamento das colaboracións. A comunicación irá acompañada dos informes anónimos dos avaliadores. Eventualmente, poderá enviarse un único informe elaborado polo Comité de Redacción a partir dos formularios entregados polos avaliadores.

Se o traballo é provisionalmente aceptado, o autor deberá realizar en breve prazo (en todo caso, sempre antes dun mes) as oportunas modificacións ou, no seu caso, as alegacións aos cambios solicitados. O novo traballo, cos cambios introducidos, deberá ser enviado á revista destacando os cambios realizados mediante formato resaltar. Así mesmo, e sempre que sexa precisa algunha aclaración, o autor deberá enviar un documento no que vincule as modificacións realizadas no traballo cos cambios solicitados polos revisores ou a redacción e no que inclúa as alegacións que considere pertinentes. A nova versión, xunto co documento indicado, será enviado de novo aos revisores, os cales, nun prazo de quince días, deberán emitir un informe sobre a conveniencia ou non da publicación.

O sistema de arbitraxe é de dobre anonimato, de xeito que nin os autores dos traballos deben coñecer o nome dos seus avaliadores nin os avaliadores deben coñecer o nome dos autores. Por tal motivo, pregamos que no informe non inclúa ningún comentario que poida desvelar a identidade dos revisores.

Avaliadores externos

A revista agradece a colaboración dos especialistas que colaboran na avaliación e revisión externa dos artigos. Periodicamente faise pública a relación de avaliadores que contribuíron nos últimos números publicados.

Directrices éticas

A publicación de artigos científicos involucra varios axentes, entre os cales se atopan a editorial, a dirección da revista, os avaliadores dos traballos e os autores. De cada un deles espérase unha conduta ética referida a uns principios, na nosa revista inspirados parcialmente nos que proporciona o Committee on Publication Ethics (COPE) Best Practice Guidelines.

Editorial

A editorial proporciona asistencia e apoio técnico á dirección da revista no uso da plataforma web, e mantén o software actualizado e en condicións de facilitar o proceso de envío, avaliación e publicación dos traballos. Colabora tamén coa dirección da revista na súa indexación e na facilitación de información sobre aqueles requisitos que contribúan a un mellor posicionamento da mesma nas clasificacións ao uso. En xeral, axuda ao incremento da calidade editorial da revista e á súa mellor e maior visibilización, internacionalización e impacto.

Dirección da revista

A dirección da revista asegura que os manuscritos enviados son avaliados atendendo exclusivamente ao seu contido intelectual, sen ter en conta a raza, xénero, orientación sexual, crenza relixiosa, adscrición política ou escola filosófica dos autores. Garante a confidencialidade dos traballos, non revelando a identidade dos mesmos a outros actores que non sexan os membros autorizados da editorial, os avaliadores potenciais, os avaliadores efectivos ou ao consello de redacción da revista. A dirección da revista pode declinar a publicación dun traballo por non cumprir este os requisitos formais esixidos ou por tratar unha temática allea ao seu ámbito. Debe comunicar, dentro dos prazos establecidos, unha vez vistos os informes dos avaliadores e ouvido o consello de redacción, a aceptación ou o rexeitamento dos traballos presentados.

Avaliadores

Os avaliadores deben rexeitar o encargo de valorar un traballo se non se recoñecen cualificados na área temática do mesmo ou se non poden asumir a avaliación dentro do prazo que establece a revista. O informe de avaliación debe ser obxectivo e debe expresarse de maneira razoada e clara. Debe evitar alusións ad hominen, ofensivas ou humillantes e os comentarios deben perseguir a mellora do traballo. Os manuscritos recibidos deben ser tratados como documentos confidenciais e o seu contido non pode ser usado en traballos propios. Os avaliadores deben rexeitar avaliar artigos cando exista algún conflito de interese resultante dunha eventual relación, pasada ou presente, cos autores do traballo ou coas institucións das cales estes dependan.

Autores

Os autores deben enviar traballos que presenten unha investigación orixinal sobre un tema claramente identificable e non previamente publicado. Non deben enviar traballos que inclúan unha parte substancial doutros xa publicados. Os traballos deben redactarse de modo que poidan ser comprendidos ou replicados polos avaliadores. Se fosen usadas ideas doutros, deben ser claramente referenciadas; o plaxio é unha conduta inaceptable e a súa detección implica o arquivo do traballo ou a súa retirada da páxina web, se estivese xa publicado. En caso de coautoría, son autores dun traballo todos os que contribúen significativamente ao mesmo; cada autor debería ser capaz de identificar as partes do traballo de que son responsábeis os outros coautores e debe gardar confidencialidade dos diversos contidos até que o artigo sexa publicado. O envío simultáneo do traballo a outra ou outras revistas é condición suficiente para o seu arquivo. Se no proceso de edición os autores descobren erros ou impropiedades no seu traballo, comunicarano coa maior celeridade ao director da revista, e colaborarán na súa subsanación. Os autores deberán facer constar o posible conflito de intereses entre as conclusións do seu traballo e as fontes de financiamento do mesmo.

Estas directrices están en consonancia co código ético da Universidade de Santiago de Compostela, editora da revista.

Recomendacións sobre linguaxe inclusiva e non sexista

A revista recoméndalles aos autores que empreguen nos textos nunha linguaxe inclusiva libre de prexuízos asociados ao xénero, á raza, á orientación sexual, á diversidade funcional, ás crenzas e á ideoloxía. No tratamento dos datos analizados nos traballos considérase inadecuado ofrecer información detallada sobre persoas que resulte irrelevante para o estudo e tamén ignorar as diferenzas específicas dos individuos cando estas existan e sexan relevantes.

A revista velará porque os autores citados nas referencias bibliográficas dos traballos figuren por extenso e de forma completa, de xeito que sexan inequivocamente identificables.

Política de preservación de arquivos dixitais

Esta revista desenvolve diversos procesos destinados a garantir a accesibilidade permanente dos obxectos dixitais que alberga nos seus propios servidores:

- Copias de seguridade.
- Seguimento da contorna tecnolóxica para prever posibles migracións de formatos ou software obsoletos.
- Metadatos de preservación dixital.
- Utilización de DOI.

Os arquivos publicados nesta páxina web están dispoñibles en formatos facilmente reproducibles.

Detección de plaxio

Esta revista é membro de Similarity Check, unha iniciativa lanzada por Crossref que agrupa a varias editoriais co fin de protexer a orixinalidade dos contidos que publican.
Similarity Check utiliza o software iThenticate para detectar coincidencias e similitudes entre os textos sometidos a avaliación e os publicados previamente noutras fontes.

Política de datos abertos

Estudos de Lingüística Galega facilita o acceso sen restricións a todo o seu contido. A publicación non ten ningún custo para os autores.

Os editores da revista recomendan que os autores compartan os datos (crus e procesados) e procedementos de análise utilizados nos artigos a través de repositorios de datos abertos. Recoméndase a utilización do repositorio de acceso aberto Zenodo e a inclusión no texto do artigo do identificador de acceso correspondente (DOI). A transparencia e reproducibilidade da investigación contribúen á mellora e avance do traballo científico.

Protocolos de interoperabilidade

Esta revista proporciona unha interface OAI-PMH (Open Arquives Initiative Protocol for Metadata Harvesting) que permite que outros portais e servizos de información poidan acceder aos metadatos dos contidos publicados.

Especificacións:

OAI-PMH Protocol Version 2.0
Dublin Core Metadata 1.1

Ruta para os colleitadores:

https://revistas.usc.gal/index.php/elg/oai