Sumario
Summary
1. INTRODUCIÓN
A publicación das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego () supuxo a culminación dun proceso de codificación da lingua galega que se estendeu por preto de dous séculos (). Tras catro décadas de difusión do estándar a través, principalmente, do sistema educativo e dos medios de comunicación públicos, achamos necesaria unha avaliación da efectividade dos esforzos realizados para a súa implementación.
Coñecer a relación dos falantes coa variedade estándar adquire unha enorme importancia nun contexto onde unha comunidade de galegofalantes tradicionais numerosa, mais en declive demográfico, rural e avellentada convive cun aínda pequeno grupo de neofalantes urbanos (). A situación do galego como lingua minorada e o pouco tempo transcorrido desde o remate do proceso de codificación fan agromar prexuízos cara ás variedades lingüísticas características destes dous perfís de falantes (nomeadamente, o do galego tradicional e o do galego estándar), que non contribúen, senón máis ben o contrario, ao proceso de normalización lingüística (; ).
Só a partir do coñecemento da relación dos falantes actuais e potenciais de galego coa variedade estándar vixente, poderemos valorar as estratexias máis axeitadas para optimizar a súa divulgación a través dos medios e o seu ensino a través do sistema educativo, así como promover campañas de sensibilización desde as institucións, se fose o caso.
Decidimos escoller o alumnado de segundo de bacharelato como poboación obxecto de estudo por seren os estudantes dos centros educativos de Galicia o sector da poboación sobre o que máis directa e continuadamente actuaron e actúan os procesos de difusión da variedade estándar do galego. De entre a totalidade dos estudantes, son os de segundo de bacharelato os que máis tempo acumulan —máis de catorce anos no caso dos que cursaron desde educación infantil a bacharelato no país— recibindo ensino de e en lingua galega universal e preceptivamente.
Situaremos un dos focos da investigación sobre as ideoloxías da estandarización e a súa (non) reprodución. Concordamos con en que as ideoloxías lingüísticas constitúen “a mediating link between social structures and forms of talk, if such static imagery for some very dynamic processes can be forgiven” e en que a súa importancia reside en que “the motive force of linguistic change lay in conceptions and evaluations of language”. falan da ideoloxía da estandarización, que nos induce a ollar as linguas como entidades fixas e invariables. define a ideoloxía do estándar como “the pervasive belief in the superiority of the abstracted and idealized form of language based on the spoken language of the upper middle classes—i.e., the standard variety”.
Ademais da reprodución da ideoloxía do estándar, analizable en calquera comunidade na que existe unha variedade codificada, na codificación e difusión do estándar da lingua galega adquiriu especial relevancia a ideoloxía do purismo. Segundo , “o purismo defínese como actitude lingüística relacionada coa liberación fronte a elementos alleos ou indesexables e maniféstase como un medio a utilizar para resistir ante unha lingua máis poderosa en situacións de substitución lingüística”.
A ideoloxía do estándar e o purismo, malia seren claramente diferenciables no plano teórico, van a miúdo da man nos discursos prescritivistas que invitan aos falantes a usaren unha lingua de calidade, libre de elementos espurios que non coinciden co estándar (; ).
Por último, antes de comezar, faise necesario aclarar un par de cuestións verbo dos conceptos utilizados nas páxinas que seguen. Entenderase por lingua inicial (declarada) aquela en que se aprendeu a falar, tal como se desprende da resposta á pregunta 1 do cuestionario: “En que lingua aprendiches a falar?”.
Tamén queremos facer un apuntamento acerca do concepto do cambio lingüístico ou cambio de lingua. Entendemos estes fenómenos, por norma xeral, ao xeito que o fan cando propoñen a súa noción de muda, que pretende expresar “the recognition that language choice has implications for social identity that need to be empirically established and may or may not imply ethnolinguistic identities”, afastándose da concepción das linguas “as an index of ethnicity, national adscription or a sense of belonging to a cultural group”.
Porén, comprendemos que o proceso que caracteriza o caso concreto do neofalantismo en lingua galega, tal e como expresan , é “el proceso de conversión lingüística y no el de muda lingüística”, xa que “la conversión supone no solo activar una segunda lengua, sino convertir esa segunda lengua en la primera, abandonando, en la mayor parte de los casos, la que primero se aprendió”. Un exemplo de muda –e non conversión– comentado no documento sería o uso do galego que os castelanfalantes habituais fan cando lles é requirido nas aulas de Lingua Galega e Literatura. O neofalantismo, ao transcender este cambio performativo, é definido como unha conversión, ademais dunha muda.
E tamén falaremos de persoas bilingües –ou bilingües iniciais– en galego e castelán. A información que posuímos das persoas integrantes da nosa mostra, que analizaremos polo miúdo no apartado 3, é a que elas mesmas nos proporcionaron sobre os seus usos pasados e presentes. Non podemos coñecer as circunstancias de socialización primaria daquelas que declaran que aprenderon a falar en galego e castelán, mais achamos este primeiro contacto con ambas as linguas un motivo suficientemente relevante para a súa constitución como grupo propio fronte aos monolingües iniciais –en galego ou castelán– e os que comezaron falando outras linguas distintas destas dúas.
A categorización das persoas bilingües de acordo cos seus hábitos no presente resulta máis conflitiva. Na nosa mostra atopamos dous perfís bilingües: o das persoas que declaran falar máis galego que castelán e o das persoas que declaran falar máis castelán que galego. Non coñecer en detalle cada caso individual pode ser problemático: tomando por exemplo o segundo dos grupos, este pode incluír desde persoas monolingües en castelán fóra das aulas de Lingua Galega e Literatura —posiblemente unha parte delas declarará ser monolingüe en castelán ao deixar atrás o bacharelato— ata individuos con frecuencias de uso de ambas as linguas próximos entre si.
advirten da existencia dun “esquema muy arraigado en la sociedad gallega” que denominan bilingüismo equitativo utópico. Avisan estes autores dos riscos de empregar como variable de referencia a práctica lingüística autodeclarada, xa que “si bien, en realidad, en Galicia todo el mundo puede considerarse receptivamente “bilingüe”, ello está lejos de constatarse en la práctica activa”. No seu traballo puideron observar como a “relación de equidad con respecto al uso del español y del gallego” declarada por un grupo importante da poboación participante para describir os usos de galego e castelán “distaba significativamente de corroborarse en las prácticas lingüísticas”.
Este é un dos motivos polos que achamos máis conveniente empregar a lingua inicial —e non a habitual— como variable independente á hora de estudar os resultados. O outro: a lingua inicial demostrou ser unha variable máis significativa para explicar as diferenzas nas respostas dos membros de diferentes grupos.
2. OBXECTIVOS E HIPÓTESES
O obxectivo principal da nosa investigación é coñecer con detalle cal é a relación dos estudantes galegos coa variedade estándar. Atenderemos a tres aspectos fundamentais: a lexitimidade que o alumnado lle concede á norma do galego, o seu grao de identificación con esta e os seus coñecementos sobre ela.
Salientamos outros tres obxectivos secundarios:
-
Avaliar a reprodución das ideoloxías da estandarización, en especial a ideoloxía do estándar e a do purismo, a través da difusión do estándar.
-
Identificar diferenzas en canto á lexitimación, autoidentificación e coñecemento do estándar —atendendo tamén, neste último caso, á influencia exercida polo contacto co castelán— en función da lingua inicial do alumnado.
-
Coñecer as dinámicas de muda e conversión lingüística que se producen durante a primeira etapa da vida da mocidade galega.
A nosa investigación parte das seguintes hipóteses:
-
O grupo das persoas que recibiron formación regrada de e en lingua galega durante os últimos once anos tenderá a lexitimar a existencia dunha variedade estándar para o galego e aceptará a vixente na actualidade, configurada pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega.
-
A identificación con esta variedade será máis débil que a súa lexitimación.
-
A seguridade lingüística á hora de falar en galego será maior nos falantes iniciais desta lingua que nos falantes iniciais de castelán.
-
Os falantes nativos de galego tenderán a rexeitar determinadas formas identificadas como características do galego estándar e alleas ao seu modelo de lingua.
-
As interferencias do castelán no galego actuarán en maior medida no plano léxico do galego dos galegofalantes iniciais, mentres que afectarán máis o nivel gramatical do galego falado polos castelanfalantes nativos.
3. METODOLOXÍA
Para a realización desta investigación cuantitativa, calculamos o tamaño mínimo dunha mostra aleatoria representativa da poboación obxecto de estudo. Partimos, pois, dun total de 15.442 estudantes de 2.º curso de bacharelato en Galicia, unha heteroxeneidade do 50%, unha marxe de erro do 5% e un nivel de confianza do 95%. A aplicación da seguinte fórmula informounos da necesidade de obter un mínimo de 375 respostas:
onde n é o tamaño da mostra a obter; N é o tamaño da poboación total; σ é a desviación estándar da poboación (0,5 ao considerarmos unha heteroxeneidade do 50%); z é o nivel de confianza; e e é a marxe de erro admitida.
Distribuímos esta cantidade en trinta e seis estratos resultantes do cruzamento dos tres parámetros que pensamos relevantes: o tipo de centro —público ou concertado (non incluímos centros privados)—, o contexto no que está situado —zona densamente poboada (ZDP), zona intermedia de poboación (ZIP) ou zona pouco poboada (ZPP)— e a provincia na que se encontra.
A continuación, deseñamos un formulario con dezaoito preguntas que pensamos que nos poderían fornecer a información desexada. Este formulario, que pode ser consultado no Anexo, consta de catro preguntas introdutorias de control e de seis partes:
-
dúas cuestións sobre a lingua inicial e habitual dos informantes;
-
catro sobre a necesidade dunha variedade estándar e os criterios para a súa configuración;
-
outras dúas acerca da identificación do alumnado coa fala de persoas que consideramos exemplos recoñecibles de usuarios de galego estándar;
-
unha pregunta sobre a súa disposición a empregar unha serie de palabras con diferentes connotacións —asociables ao estándar ou á fala popular—;
-
cinco cuestións relacionadas coa percepción do galego propio e a percepción do galego estándar e a relación con el; e
-
un exercicio de tradución ao galego de catro oracións escritas en castelán nas que introducimos algúns elementos de referencia para estudarmos os efectos do contacto entre as dúas linguas e a competencia en galego estándar do alumnado.
Con fin de levar a cabo unha proba piloto, pedimos a dous centros pertencentes a estratos ben diferenciados —un instituto público de Vigo e outro de Celanova— que respondesen o cuestionario e identificasen posibles complicacións. O formulario foi enviado aos enderezos electrónicos de todos os centros educativos públicos e concertados que contaron con alumnado de segundo curso de bacharelato durante o ano académico 2021/2022. Non foi posible supervisar in situ o cumprimento das instrucións para contestar o cuestionario, mais tomamos algunhas medidas paliativas a este respecto: tratamos de establecer sempre un contacto previo e de fornecer instrucións moi precisas á persoa encargada do alumnado. Cando o volume de respostas recibidas acadou o mínimo establecido para cada estrato, pechamos o formulario.
Para conseguir que as respostas correspondentes a cada un dos estratos na nosa mostra se relacionasen na mesma proporción na que o fan os estudantes dos diferentes estratos no total do noso universo poboacional, foi necesario calcular e aplicar coeficientes de ponderación que reducisen ou aumentasen o peso de cada resposta en relación ao total das mesmas.
Na análise das respostas ao cuestionario puidemos recompilar e estudar información sobre a relación dos estudantes galegos coa variedade estándar atendendo a tres aspectos fundamentais que estruturarán o capítulo dos resultados: a lexitimidade que o alumnado lle concede á norma do galego, o seu grao de autoidentificación coa mesma e os seus coñecementos sobre esta.
No capítulo que segue presentaremos os nosos principais achados non só bosquexando o panorama global das relacións do estudantado galego co estándar, mais tamén establecendo unha comparación constante entre o expresado polos monolingües iniciais en galego, os monolingües iniciais en castelán, as persoas que aprenderon a falar en ambas as linguas e quen o fixeron noutros idiomas distintos a estes dous.
4. CARACTERÍSTICAS DA MOSTRA
O número de persoas que enviaron o formulario foi 1.531 —un 9,91% do total de 15.442 estudantes de segundo de bacharelato. Deles, 847 son mulleres; 641, homes e 43, persoas non binarias; 1.314 acoden a centros de ensino públicos e 217, a centros concertados. A provincia con maior número de enquisados é Pontevedra (611), seguida da Coruña (527), Lugo (233) e Ourense (160). A Táboa 1 presenta a distribución das respostas obtidas para cada un dos 24 estratos establecidos, comparando este dato co do número de respostas mínimas necesarias en cada caso.
Na distribución da lingua inicial dos estudantes predomina claramente o castelán (42,25%) fronte ao galego (14,45%). Un 35,56% declara que aprendeu a falar en ambas as linguas e un 1,73%, noutra(s) lingua(s) diferentes a estas dúas.
A porcentaxe do alumnado que ten o galego como lingua inicial (Gráfico 1) é superior nas provincias de Lugo e Ourense, as menos poboadas, que nas de A Coruña ou Pontevedra, sendo esta última a que presenta un maior índice de castelanización. É a mesma orde que indican os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre a lingua inicial do conxunto da poboación galega no ano 2018.
A titularidade do centro educativo ao que acode o estudantado é tamén un factor relevante: as alumnas e alumnos dos centros públicos usan, polo xeral, máis a lingua galega nas primeiras etapas da socialización no fogar que os dos centros concertados de titularidade privada.
A influencia da densidade de poboación das localidades onde están situados os colexios e institutos é aínda máis clara. O galego resiste como principal lingua inicial da rapazada nas aldeas, mais xa foi desprazado polo castelán nas vilas e, especialmente, nas cidades. A porcentaxe de bilingües iniciais sitúase entre o 31% e o 39% nos tres casos, sendo as zonas intermedias de poboación as que ofrecen os valores máis elevados.
Mediante a realización da proba chi-cadrado, puidemos comprobar que a variable “Lingua inicial” é dependente das variables “Provincia”, “Tipo de centro” e “Contexto do centro”. Polo tanto, as diferenzas que acabamos do comentar, produto do cruzamento entre a primeira variable e cada unha das seguintes, son significativas. Non ocorreu o mesmo coa variable “Xénero”: a lingua inicial do alumnado non varía significativamente entre homes, mulleres e persoas non binarias.
O castelán é tamén a principal lingua habitual do alumnado. O 14,66% dos estudantes declara expresarse sempre nesta lingua, mentres que o 67,24% di facelo con maior frecuencia que en galego. O 18,10% fala máis en galego (8,21%) ou só en galego (9,89%).
Ao estudarmos as mudanzas de hábitos lingüísticos dos integrantes da nosa mostra (Táboa 2), contrastamos que o sentido principal destes cambios vai desde o galego cara ao castelán. Un 22,34% das persoas que aprenderon a falar en galego xa adoptou, na súa adolescencia, o castelán como lingua principal. , no seu estudo cualitativo sobre mudanzas lingüísticas en adolescentes dun instituto dunha vila galega, sitúa o motivo principal desta tendencia na “vontade de integración [dos e das adolescentes] no ambiente hexemónico da sociedade”. salienta, nesta mesma liña, a importancia dos “grupos de amigos ou, polo menos, os de iguais” nos centros educativos, “lugares onde os rapaces e rapazas conforman as súas redes sociais”. Ao preguntar a catro persoas sobre a súa experiencia lingüística no seu paso polo sistema educativo para estudar as dinámicas de cambio de lingua na xuventude, a autora atopa que “as catro [...] declaran que nos seus grupos a lingua habitual é o castelán, ás veces con actitudes abertamente negativas cara ó galego” ().
En contraste, a porcentaxe de castelanfalantes iniciais que afirma empregar máis ou só o galego é dun escaso 2,15%. Podemos definir este grupo de persoas como neofalantes, pois produciuse un desprazamento da súa lingua inicial en favor do galego. É dicir, non só se trata dun proceso de muda, senón tamén de conversión (). Os usos do galego por parte dos castelanfalantes iniciais enquisados que incorporaron a lingua propia de xeito subalterno (73,28%) constitúen exemplos de mudas sen conversión.
Os datos da nosa investigación son coherentes co debuxo que nos presenta dos centros educativos como contextos favorables á castelanización do alumnado galegofalante e hostís cara ao uso do galego. Cando Carnota (Íbid.: 273) analiza os discursos dos informantes que tentaron (re)adoptar o galego como lingua habitual, salienta que “as poucas que fan efectiva tal mudanza deben pagar portaxes en termos de socialización e que os ataques que reciben algunhas despois de mudaren de lingua son severos e crueis”.
Non obstante, aínda que os cambios de lingua habitual sexan máis frecuentes entre os galegofalantes iniciais, os membros deste grupo son máis remisos a incorporar a outra lingua oficial de maneira puntual: o 51,68% dos que aprenderon a falar só en galego declara empregar sempre este idioma, fronte ao 24,58% de castelanfalantes iniciais que afirman usar o castelán en todas as situacións.
Poderiamos pensar na influencia que pode ter nas respostas o feito de que o formulario estea escrito en galego e que, en moitos casos, fose cuberto na clase de Lingua Galega e Literatura. Estas circunstancias poden contribuír a que o alumnado castelanfalante teña ben presente, á hora de responder, o seu uso do galego na materia desta lingua mentres que os falantes de galego non pensen tanto no seu recurso ao castelán na materia de Lingua Castelá e Literatura, por exemplo. Mesmo introducindo esta precisión, a diferenza é notable, e non sería disparatado asociar a menor disposición ao cambio de lingua dos galegofalantes iniciais cun papel máis central outorgado ao seu idioma na configuración da súa identidade. Esta apreciación encaixa coa disociación entre os valores de autenticidade e de anonimato () que confiren autoridade ao galego e ao castelán, respectivamente, na nosa sociedade.
Os falantes dunha lingua percibida como auténtica probablemente sintan máis apego por ela e teñan máis presente a noción de seren os seus propietarios, mentres que os usuarios dun idioma anónimo estarán máis inclinados a pensar nun dereito de libre acceso a calquera ferramenta comunicativa. Este sería o motivo de que os falantes de castelán, malia non sufriren a presión de substitución da súa lingua inicial que padecen os galegofalantes —ou, precisamente, por non sentiren esta ameaza—, se mostren máis flexibles á hora de cambiar de lingua en determinados contextos. Non obstante, podemos atoparnos coa lóxica oposta se, no canto de intentar comprender a actitude dos falantes fixándonos na súa lingua inicial, centramos a nosa atención na L2: a percepción do castelán como a lingua máis anónima faríaa máis accesible para os galegofalantes do que o sería o galego para os usuarios de castelán.
Mesmo en contextos con predominancia de galegofalantes, pode existir a idea entre a rapazada de que falar castelán é o normal e calquera pode facelo sen que sexa raro ou chame a atención —agás quizais nalgún caso por algún uso ou acento marcado. O galego, en cambio, pode ser máis visto como propio de determinadas persoas que falan —ou sempre falaron— galego. O seu uso por parte dos castelanfalantes só está lexitimado —pasaría desapercibido— nalgúns contextos, como a aula ou responder a un galegofalante “por educación”.
A autenticidade e o anonimato poden supoñer, a un tempo, fortalezas e limitacións, polo que este tipo de paradoxos non son estraños. A propia defende que o valor de autenticidade lingüística é unha calidade que contribúe á supervivencia lingüística baixo condicións de subordinación, mais pode converterse nun factor limitante cando a adquisición e uso por parte dunha poboación máis ampla son os obxectivos.
Será, no caso que nos ocupa, a lingua inicial —a percepción da mesma e a relación do suxeito con ela— un factor máis influente na disposición ao cambio de idioma dos falantes que a lingua meta? Ou talvez o galego acadou xa certa anonimidade/normalidade en determinados contextos, como o da escola, algunhas esferas da administración, as respostas a persoas maiores galegofalantes...?
A meirande parte dos bilingües iniciais declara un uso combinado de ambos os idiomas (88,94%). Porén, en concordancia cos datos sobre lingua inicial e a tendencia sobre cambio lingüístico comentados, só o 10,56% dos que declaran expresarse nas dúas linguas escolle facelo con maior frecuencia en galego. A gran maioría son bilingües con predominio do castelán. Comparando os datos da nosa investigación cos da Enquisa estrutural a fogares realizada polo IGE no ano 2018 (Táboa 3), descubrimos que a conversión lingüística cara ao galego por parte dos nativos en castelán é superior se estudamos a poboación galega no seu conxunto: un 2,03% dos castelanfalantes iniciais declara falar sempre en galego e un 5,45%, usar máis o galego que o castelán.
Fonte:
A menor cantidade de neofalantes identificados entre o alumnado de segundo de bacharelato podería ser síntoma dunha peor disposición cara á adopción da lingua galega por parte dos castelanfalantes iniciais desta xeración de adolescentes. Porén, coidamos que existe unha razón máis plausible: o neofalantismo adoita producirse nunha idade máis avanzada e coincidindo con cambios a nivel vital como a reconfiguración das relacións sociais ao ingresar no sistema universitario ou a maternidade/paternidade.
Fóra dos grupos de persoas que podemos considerar neofalantes, chama a atención que a porcentaxe dos que incorporaron o galego como unha lingua secundaria é sensiblemente maior na poboación do noso estudo ca no conxunto dos galegos e galegas. Unha posible explicación sería que un número importante de estudantes que empregan a lingua nas aulas da educación formal non universitaria deixará de se expresar en galego con regularidade ao abandonar ese contexto de uso ritualizado.
Por último, o abandono do galego é máis frecuente no noso estudo ca no do IGE. O papel castelanizador da socialización escolar e unha maior presión sufrida polo grupo dos galegofalantes nestas idades, factores comentados anteriormente con alusións aos traballos de e , explican esta diferenza.
No referente aos bilingües iniciais, o noso grupo de estudantes pon este bilingüismo en práctica —ou declara facelo— nunha medida superior á observable no total da poboación. A isto contribúe, sen dúbida, a escolarización nun programa educativo con materias en galego e castelán no que as variedades estándar de ambas as linguas “play a central role in principal and institutional classroom interaction”, aínda que o uso das mesmas non se traslade ás interaccións espontáneas entre os estudantes ().
Estas prácticas mixtas declaradas, no entanto, caracterízanse por un predominio do uso do castelán sobre o uso do galego máis acusado que no estudo do IGE, o que ratifica as observacións realizadas sobre a tendencia á castelanización no contexto educativo. Por sintetizar o argumentado nos últimos parágrafos, reformularemos dúas ideas: 1) os cambios de lingua predominante ata segundo de bacharelato prodúcense case exclusivamente no sentido do galego ao castelán, e 2) a presenza da lingua galega como vehicular nalgunhas materias no sistema educativo galego fornece o alumnado castelanfalante dun contexto para empregar o galego, aínda que de maneira subalterna á súa primeira lingua.
5. A RELACIÓN DO ALUMNADO CO ESTÁNDAR
5.1. Lexitimación da variedade estándar
O alumnado de segundo de bacharelato de Galicia avala a necesidade dunha variedade estándar da lingua galega, de xeito que un altísimo 84,3% responde afirmativamente á pregunta “paréceche necesario que exista unha variedade estándar de galego (é dicir: o galego normativo)?” (P. 3 do cuestionario). Esta porcentaxe confirma cuantitativamente o observado en traballos de corte cualitativo como o de , onde “todos os grupos [de discusión establecidos para a súa investigación] teñen conciencia de que é precisa unha variedade normativa, unha variedade común”.
Os motivos nos que os participantes sosteñen esta necesidade son varios: “permite a intercomprensión entre persoas de diferentes zonas xeográficas”, axuda a “evitar que as diferentes variedades locais acaben derivando en linguas distintas” e “é preciso como norma para que aprendan a lingua os estranxeiros” (Ibídem.).
Na comparación que establece o Gráfico 4 podemos observar como os estudantes que foron expostos a galego e a castelán desde o comezo da súa vida e se consideran bilingües iniciais son lixeiramente máis conscientes e partidarios da existencia dunha variedade estándar.
A orientación autonomista que guiou o labor planificador do ILG e da RAG desde a década dos 80 tamén é aprobada polos enquisados: na resposta á pregunta 4 do cuestionario, o 92,10% amosa a súa preferencia pola fidelidade á fala popular fronte á aproximación ao portugués (4,13%) como criterio principal á hora de configurar a variedade estándar. Un 3,77% escollería unha aproximación cara ao castelán. Ademais, os informantes relacionan o galego normativo con todos os identificadores positivos propostos, descartando ao tempo todos os negativos, como se pode observar no Gráfico 5 .
Seguindo o ata aquí exposto, poderiamos supoñer que o sistema educativo está a funcionar como un efectivo axente de reprodución das ideoloxías da estandarización. Porén, o certo é que, malia podermos falar de éxito na implementación grazas a esta lexitimación do galego estándar entre a mocidade, outras das respostas obtidas contradín os principios do que coñecemos como ideoloxía do estándar: a maioría dos enquisados (79,54%) acha conveniente que os falantes manteñan as súas características dialectais, aínda que non coincidan co estándar, mentres que só un 20,46% considera que os falantes de galego deben aproximar os seus usos todo o posible ao estándar.
Se ollamos os datos segundo lingua inicial, recollidos no Gráfico 6, atopamos que os castelanfalantes iniciais son notablemente máis favorables a unha aproximación total ao estándar. Como comentamos con anterioridade, os falantes de castelán preocúpanse menos polo valor de autenticidade que outorga a localidade dunha lingua ou variedade (no caso do galego, as características dialectais adquiren maior visibilidade a este efecto). O papel da lingua na configuración da súa identidade ocupa un lugar máis secundario para este grupo, que pode ver o estándar como unha variedade facilmente accesible para calquera usuario.
A percepción do estándar como unha variedade necesaria ou conveniente, mais non como un modelo ao que se axustar en calquera situación, é compartida polos participantes na investigación de , que
defenden claramente o uso do estándar en determinados contextos, de ámbito formal, así como a súa necesidade como instrumento de cohesión da lingua, que facilita a intercomprensión entre todos os falantes. Porén, non acaban de aceptar o padrón de corrección que supón o estándar, polo menos á hora de aplicalo á súa propia fala.
A práctica —declarada— dos nosos informantes concorda con esta idea: son máis habituais entre a rapazada de segundo de bacharelato os e as que adaptan, en maior (12,83% do total da mostra) ou menor medida (49,91%), o seu xeito de falar que os que se din expresarse sempre da mesma maneira (37,26%).
As persoas que se desenvolveron en dúas linguas —galego e castelán— desde o comezo da súa vida afirman variar en maior medida o seu xeito de se expresaren en función do contexto comunicativo. É dicir, o bilingüismo —inicial— naturaliza os cambios de rexistro.
O contraste entre o apoio ás ideoloxías da codificación e o rexeitamento da prescrición nos usos repítese cando nos fixamos na ideoloxía do purismo: malia se declararen, como veremos na seguinte epígrafe, bastante ou moi dispostos a empregar determinados castelanismos por todos coñecidos, un 62,32% dos participantes na enquisa prefire que todas estas interferencias por contacto do castelán, mesmo as de uso común, queden fóra do estándar.
O grupo dos galegofalantes iniciais é o que aposta de maneira máis decidida pola depuración total dos castelanismos na variedade normativa, mais tamén son os máis concienciados da conveniencia de que os falantes manteñan as características dialectais do seu galego aínda que non estean recollidas no estándar. Son os que acentúan máis fortemente o contraste entre o apoio ao purismo codificador e o rexeitamento do purismo como criterio de orientación da práctica cotiá. Podemos observar esta diferenza no Gráfico 6, xa presentado, e no Gráfico 8, fornecido a continuación.
Poderiamos interpretar estes datos como un indicio de que este grupo ten máis presente a oposición galego estándar/galego popular. Recoñecen, como vimos anteriormente, a necesidade dun estándar no que as interferencias froito do contacto co castelán non teñan cabida, precisamente por as percibiren propias do seu modelo de lingua, o cal contrapoñen á variedade normativa. Noutras palabras, a caracterización da “súa forma de falar pola presenza de castelanismos léxicos” () reforzaría a idea dun estándar definido pola ausencia dos mesmos.
Tamén podería estar actuando unha vontade de preservación do enxebrismo da lingua por parte dos galegofalantes iniciais. Que poidan empregar castelanismos con frecuencia non descarta o seu compromiso coa conservación das palabras enxebres que si identifican como propias da súa fala e que aínda poden ser salvadas da substitución por verbas do castelán. O dato de que máis de 4 de cada 10 castelanfalantes iniciais consideren que a norma do galego debe aceptar castelanismos pode ser síntoma da maior vixencia no seo deste grupo de prexuízos como o da artificialidade do estándar —ou mesmo o indicio dunha actitude favorable á disolución do galego na lingua castelá—.
Para o contraste destas hipóteses, sería necesario realizar investigacións desde outros prismas metodolóxicos.
5.2. Identificación coa variedade estándar
Como acabamos de ver, a tensión entre o galego dialectal e o estándar non se presenta explicitamente no plano do declarado. O rexeitamento do estándar que podemos percibir é moi minoritario. Isto podería inducirnos a pensar que quizais esteamos sobredimensionando as manifestacións de oposición á norma que se presentan na sociedade. Falamos de opinións como as expresadas nos grupos de discusión de , onde o estándar é descrito como unha variedade allea, rebuscada, artificial, pesada ou pedante, que non é normal nin natural.
Cando pasamos do terreo da lexitimación ao da identificación, a resposta favorable ao estándar diminúe, mais segue a ser maioritaria. O feito de que os enquisados se recoñezan máis no falar dos seus e as súas docentes de Lingua galega e literatura (un 71,56% afirma identificarse co seu xeito de falar) ca no dunha presentadora ou presentador do Telexornal da TVG (a porcentaxe descende ata o 59,77% entre os que declaran ver esta canle) pode ter que ver non só con que as expresións destes últimos sexan percibidas como máis próximas ao estándar, senón tamén con aspectos psicoafectivos que emerxen nas relacións docente‑discentes.
A identificación co seu profesor ou coa súa profesora de lingua galega nos centros de educación secundaria é maior por parte do alumnado que non fala unha soa lingua en exclusiva, tal e como informa o seguinte Gráfico 9. Unha explicación hipotética sería que, ao estaren máis afeitos a mudar o seu xeito de falar que os seus compañeiros, naturalizan con máis facilidade as formas de se expresaren doutras persoas.
Pode ser que os estudantes que só usan o galego outorguen á súa variedade un maior peso na configuración da súa identidade e, por este motivo, se recoñezan alleos aos usos do docente. E algo semellante acontecería cos monolingües en castelán, que son os que se identifican menos coa súa profesora ou profesor, neste caso por razóns obvias, pois son falantes de linguas diferentes.
Na pregunta 9, interesámonos pola disposición a empregar determinadas palabras que, xulgamos, poden ter diferentes cargas ideolóxicas e afectivas na medida en que representan modelos ou rexistros de lingua moi concretos. Así, puidemos obter tamén información interesante sobre a adscrición dos estudantes ao proxecto da variedade estándar.
Na disposición a utilizar certas palabras poden entrar en xogo varios factores, sendo o primeiro deles o coñecemento do significado destas verbas e do seu contexto de uso. Os termos propostos, non obstante, non deberían supoñer problema ningún neste sentido, aínda que poida acontecer que “determinado vocabulario [...] lles resulta alleo”, como observa Iglesias Álvarez na súa investigación, onde un dos participantes expresa “a min dinme o desparafusador e quédome como estaba [risas]” ().
Por unha banda, palabras de uso común que a planificación do léxico recuperou para o estándar cando o descenso no seu uso social semellaba abocalas á desaparición —é o caso de mércores, lembrar e vermello— contan cunha moi alta porcentaxe de rapaces e rapazas dispostos a incorporalas ao seu galego. Pola contra, unha palabra inequivocamente estándar mais menos común, como é beirarrúa, atópase na situación contraria. O aínda máis feble apoio recibido polo termo imposíbel é indicativo da escasa vontade de converxencia co portugués. O Gráfico 10 ofrece estes resultados.
Os termos propios do galego estándar que contan cun castelanismo correspondente de uso habitual —falamos de vermello, mércores, beirarrúa ou imposíbel — reciben unha mellor acollida por parte dos bilingües iniciais que dos monolingües iniciais en castelán e en galego, por esta orde. No Gráfico 11 e mais no 12 fornecemos os resultados para vermello e imposíbel, respectivamente, a modo de exemplo.
Lembremos a convicción da necesidade de conservación de características non estándar por parte dos galegofalantes iniciais. O apego deste grupo pola súa variedade de galego, diferenciada do estándar pola presenza de moitos destes castelanismos léxicos, facilita a explicación destas observacións. Nesta liña argumental, atopamos a conclusión de de que, para os falantes de galego popular, “empregar o estándar [e, engado eu, as palabras recoñecidas como propias desta variedade] é pouco práctico e incluso pode ser obxecto de crítica por parte dos seus iguais, xa que non é o galego do seu contorno e o seu uso supón un comportamento marcado”. Tamén terá que ver con esta escasa disposición que as persoas que comezaron a falar en lingua galega son os que se recoñecen como menos flexibles á hora de usar a súa lingua nai: como vimos, son os que realizan adaptacións notables en menos casos —e só os castelanfalantes iniciais, que en boa parte só empregan o idioma de xeito ritual cando se lles require na escola, declaran en maior porcentaxe non introducir ningún tipo de variacións contextuais. Pola contra, os bilingües iniciais son os menos ríxidos.
Entre os castelanismos de uso común, silla e duda reciben un apoio maioritario, superior ao de abuela, que divide máis as respostas (Gráfico 13). Entre as causas desta diferenza podería estar que a alternativa estándar avoa está máis implantada —ou que resistise mellor na fala popular— que cadeira ou dúbida, mais a carga afectiva do par abuela/avoa non debe ser obviada.
Parece claro que, tanto no grupo de termos asociables ao estándar como neste segundo de castelanismos léxicos, acontece que as palabras con máis presenza, ben nos usos do estándar ben na fala popular, reciben uns valores máis altos cando os informantes contestan sobre a súa disposición a empregalas. É dicir, semella que é a frecuencia no uso o que as lexitima para seren usadas, pechando así o círculo.
Retomando as comparacións en función da lingua inicial dos informantes, observamos un patrón: os castelanismos léxicos, por regra xeral, son mellor recibidos polos galegofalantes iniciais que polos outros dous grupos. Os menos dispostos a usar palabras como silla (Gráfico 14) ou duda (Gráfico 15) son os bilingües nativos. É a tendencia contraria á observada coas palabras asociables ao estándar.
As persoas integrantes do reducido grupo de falantes iniciais de linguas distintas de galego ou castelán amosan unha disposición alta, medida en relación aos outros grupos, a empregar tanto as palabras marcadamente estándar coma os castelanismos léxicos. É probable que, precisamente por non seren usuarios iniciais de ningunha destas dúas linguas, posúan vínculos afectivos e de identificación menos fortes con elas ou coas súas diferentes variedades. Por este motivo, serían menos sensibles á significación das palabras propostas e terían menos reparos tamén en usar calquera forma que coñezan ou aprendan.
A explicación á maior tendencia dos galegofalantes iniciais a usar estes castelanismos léxicos non sempre reside no descoñecemento dun equivalente no galego estándar. Nos grupos de discusión organizados por menciónanse “palabras normativas que [os falantes de galego] coñecen, pero non utilizan, xa que no seu lugar “prefiren” os castelanismos correspondentes”. Nos seus discursos “aparecen de forma recorrente [...] as seguintes: “garfo, culler, tesoiras, lixivia, bolboreta, xoaniña, por exemplo, escola, colexio” etc.”.
Aínda que boa parte dos nosos enquisados expresan unha alta disposición a empregar silla e duda, son perfectamente “conscientes de que estes castelanismos non forman parte do estándar” e “pasan a identificar esta variedade precisamente pola ausencia dos castelanismos léxicos” (Íbidem.). Puidemos constatar, de feito, que unha clara maioría dos galegofalantes iniciais son quen de traducir correctamente de castelán a galego estándar frases que conteñen castelanismos léxicos que consideramos de uso común (Gráficos 23, 24 e 25). Simplemente, para a súa fala cotiá prefiren as formas non estándar, para eles e elas máis auténticas .
Para pechar este punto, comentaremos que non é difícil imaxinar o que acontece cun par de termos estándar cando un coincide co castelán e o outro non. Lembrar e recordar reciben niveis de aceptación moi próximos por parte da poboación. Porén, ao mirarmos máis de preto, vemos que os falantes iniciais de galego expresan a súa preferencia por recordar (Gráfico 16) e os bilingües iniciais, por lembrar (Gráfico 17).
5.3. Autoconcepto como falantes
É lóxico pensar que poida existir unha influencia mutua entre o concepto que os rapaces e rapazas teñen de si mesmos como falantes e a relación que establecen coas outras variedades ou modelos que identifican ao seu redor. A nosa hipótese é que uns niveis máis baixos de inseguridade adoitarán redundar nunha actitude máis tolerante cara a outros xeitos de falar e, en consecuencia, unha mellor disposición a reproducilos ().
Neste senso, podemos presentar dous datos. O primeiro: ao seren preguntados pola proximidade entre o seu galego e o galego estándar, máis da metade (o 57,61%) dos estudantes identifica un nivel de similitude de 7 sobre 10 ou superior. A media das puntuacións emitidas é de 6,48 sobre 10, o que indica a conciencia dunha distancia clara mais moderada —arredor dos tres puntos e medio sobre dez—. Isto é, malia recoñeceren sen demasiados problemas as desviacións da norma no seu xeito de falar, atopan moitos puntos en común con ela e non achan remota unha potencial converxencia (Gráfico 18).
Amais, a escasa dispersión nas respostas sinala un acordo xeneralizado neste asunto. A porcentaxe de integrantes da mostra (11,64%) que salienta as diferenzas por riba das coincidencias —é dicir, as persoas que escolleron un valor igual ou inferior a 4— é realmente pequena. A lingua inicial non resultou ser unha variable significativa para a análise comparada neste caso. Estes datos sobre a distancia percibida redundan no comentado anteriormente en relación á identificación do alumnado co(s modelos de) estándar.
Outro indicio da seguridade lingüística en galego do alumnado é que a inmensa maioría dos estudantes (81,94%) declara falar galego ben (69,73%) ou moi ben (12,21%). É unha porcentaxe case idéntica á recollida na Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4.o da ESO coordinada por , onde un 82,7% dos estudantes asegura poder expresarse en galego bastante ben, ben ou moi ben. Debemos introducir un par de aclaracións ao propoñermos esta comparación:
-
O noso cuestionario ofrece ás persoas enquisadas as opcións moi mal, mal, ben e moi ben. O de , distingue entre mal/moi mal, bastante mal, regular, bastante ben e ben/moi ben. Polo tanto, non é posible establecermos unha comparación directa entre cada unha das categorías de resposta.
-
Nas conclusións da investigación coordinada por eles, advirten, non obstante, de que “o alumnado valora que ten unhas competencias lingüísticas máis altas do que demostran as valoracións externas”.
De calquera xeito, a coincidencia entre os achados da nosa investigación e a de contradí a percepción do profesorado da ESO sobre a autoestima lingüística dos seus estudantes, pois “o 74% [dos e das docentes] considera que o seu alumnado cre que [o seu galego] é regular ou malo” (). A lingua habitual é unha variable máis determinante que a inicial no que respecta á autoavaliación dos enquisados como falantes de galego. O Gráfico 19 recolle os resultados deste cruzamento: os que se expresan exclusivamente en galego considéranse bos ou moi bos falantes, con predominio desta segunda opción, mentres que case a metade dos que falan sempre en castelán pensan que falarían mal ou moi mal o galego.
Se a isto lle engadimos que os que cambian de lingua en diferentes situacións responden maioritariamente que falan ben en galego, obtemos como conclusión que canto máis uso fan da lingua os estudantes, mellor concepción teñen do seu xeito de falar. Xulgamos esta observación relevante, pois en traballos cualitativos anteriores como o de falábase dunha “actitude de inseguridade [...] común entre os falantes de linguas minorizadas” xerada pola “conciencia do alumnado [...] de que a súa competencia na lingua propia é baixa”.
Agrupando as respostas agora segundo lingua inicial (Gráfico 20), atopamos que as persoas que aprenderon a falar en galego son as que mellor concepto teñen do seu xeito de falar; isto é, as que amosan unha maior autoestima lingüística. Un dato moi relevante e positivo é que, aínda que só un 3,79% dos castelanfalantes iniciais pensa que fala moi ben o galego, un 66,53% considérase un bo ou unha boa falante. Achamos estes datos obtidos no noso estudo un punto de partida favorable para o cambio lingüístico, pois a competencia autopercibida inflúe directamente sobre o autoconcepto lingüístico. Se os estudantes se valoran a si mesmos como bos falantes de galego, é máis doado que se atopen cómodos falando nesta lingua. De feito, sinalan a percepción dunha baixa competencia lingüística propia entre un dos factores que frustran os intentos de conversión cara ao neofalantismo:
Uno de los perfiles más comunes con que nos topamos es el de una persona castellanohablante “por hábito” y que confiesa que, a pesar de que no le importaría emplear más frecuentemente el gallego, termina por abandonar dicha iniciativa [por] razones diversas, como por ejemplo la percepción de una escasa competencia propia, la dificultad de abandonar la “comodidad” que implica vivir en su lengua habitual, o, directamente, la consideración de que ya es tarde para embarcarse en una transición que se anticipa como un cambio de personalidad o de identidad muchas veces difícil de asumir.
Somos conscientes de que acompañar unhas actitudes positivas cara ao idioma dunha boa competencia en lingua galega non é suficiente para que se produza o cambio de lingua, mais é un paso previo relevante. Como apuntan , “the new language usually came [comes] from meeting new people and the new social spaces and activities” e, polo que sabemos do neofalantismo galego, a miúdo require dun importante grao de compromiso ideolóxico que sosteña o esforzo que demanda a conversión ().
Xulgamos esta, en termos xerais, alta autoestima lingüística, insistimos, máis relevante que a competencia obxectivamente medida á hora de falarmos de usos lingüísticos: a práctica totalidade da poboación galega entende ben o galego e posúe os coñecementos e as capacidades suficientes para emprender o camiño do neofalantismo. É dicir, desde o punto de vista da competencia —case— todos e todas son neofalantes potenciais; non teñen a necesidade de mellorar a calidade do seu galego para comezaren a falalo.
O importante é, alén de atoparen as súas motivacións para faceren do galego a súa lingua habitual, que se sintan cómodos falándoo e, malia ser verdade que unha maior competencia é un factor que pode contribuír a incrementar a autoestima do falante, o indicador verdadeiramente significativo é este último: a valoración de si propio como usuario. Este bo autoconcepto é ratificado pola escolla de adxectivos que os estudantes atribúen ao seu galego. Dun xeito similar ao que acontecía co galego estándar, todas as etiquetas positivas propostas, agás culto, reciben a aprobación xeral, ao tempo que as negativas son rexeitadas sen excepción (Gráfico 21).
Aínda que existen, iso si, diferenzas na maneira en que ordenan as etiquetas máis acaídas para definir cada un dos modelos de galego, non deixa de ser significativo que os enquisados non perciban o galego estándar como artificial nin o galego propio como pobre ou incorrecto.
Unha confirmación do alto concepto que os falantes iniciais de galego teñen como usuarios é o feito de seren os máis contundentes á hora de escoller adxectivos con connotacións positivas e descartar os negativos para caracterizar a súa variedade (Gráfico 22; Natural é a etiqueta máis valorada e artificial, a pouca distancia de pobre, a peor). A opinión dos usuarios iniciais de ambas as linguas é similar, mais as diferenzas entre as valoracións positivas e as negativas son algo menos acentuadas: a puntuación máxima e a mínima atópanse menos afastadas. As puntuacións proporcionadas polos castelanfalantes iniciais son aínda moito máis próximas entre si.
A etiqueta Correcto merece un par de reflexións. Como seguiremos mantendo máis adiante, e como demostran os estudos cualitativos realizados a este respecto, os galegofalantes iniciais son perfectamente conscientes de que empregan con asiduidade formas non admitidas no estándar e que recoñecen, asumindo ás veces a dualidade de corrección-incorrección que establece a ideoloxía do estándar, como “incorrecto, “que non está ben dito”” ().
Noutras ocasións, porén, impugnan este xeito de pensar, intentando reivindicar a súa maneira de falar e rexeitando “a súa cualificación de incorrecto, por exemplo por parte do profesorado” (Ibídem.). O valor de 3,33 sobre 5 outorgado a Correcto indícanos que esta é a forma de pensar que prevalece: o galego dos galegofalantes iniciais é correcto pese a conter formas non recollidas nos manuais e dicionarios.
Pode ser tamén interesante comparar a visión que os galegofalantes iniciais teñen da súa variedade coa súa percepción da variedade normativa. O Gráfico 23, deseguido presentado, sitúa as principais diferenzas nas etiquetas dialectal e culto, asociadas co galego propio e co galego estándar, respectivamente. Son os únicos dous casos nos que unha variedade aproba e a outra suspende.
Aínda que os galegofalantes iniciais non vexan o seu galego como culto, asóciano aínda menos co cualificativo pobre, ao xeito que os estudantes da investigación de , malia empregaren a etiqueta castrapo para se referiren á súa variedade de uso habitual, negábanse “a aplicarlle [...] adxectivos pexorativos como “vulgar””.
Os valores atribuídos ao adxectivo artificial tamén se afastan notablemente —1,51 puntos—, como podía ser previsible, mais as puntuacións que lles outorgan non superan o valor intermedio de 2,5. O caso espello de artificial é o do seu antónimo, natural: asóciase a ambas as variedades, pero en maior medida ao galego propio —1,6 puntos de diferenza—.
5.4. Coñecemento do estándar e influencia do contacto co castelán
Abordamos deseguido a análise das competencias en galego estándar do alumnado a partir das súas propostas de tradución —na pregunta pídese concretamente a conversión a galego estándar— para unha serie de oracións formuladas en castelán.
A nivel léxico, termos normativos como ponte (96,36% fronte ao 2,22% de puente), onte (97,85%) e laranxas (84,36%) son dominados por unha ampla maioría do alumnado. Unha porcentaxe menor dos estudantes emprega algunha forma elaborada a partir do estándar culler (53,76%) para referenciar o castelán cucharada. O maior uso por parte do grupo dos galegofalantes iniciais das formas naranxas ou naranjas no canto de laranxas (Gráfico 24) suxire a confirmación dunha idea amplamente estendida na sociedade: o léxico dos galegofalantes tradicionais —habitualmente, usuarios iniciais da lingua— contén máis interferencias froito do contacto co castelán ().
Porén, a tradución de cucharadas (Gráfico 25) amosa resultados diferentes. Os falantes iniciais de castelán son os que máis usan esta mesma forma inalterada ou algunha derivada. Quizais o motivo sexa que, pese a que tanto naranja/naranxa/laranxa como cuchara/culler son palabras familiares para os falantes de galego, os falantes de castelán estarán probablemente máis afeitos a leren ou escoitaren no seu día a día laranxa que culler, case só escoitable a algún familiar ou coñecido de avanzada idade.
A reflexión que facemos tocante á castelanización léxica é a seguinte: o uso de castelanismos léxicos en casos nos que existe unha alternativa estándar facilmente recoñecible polo seu uso frecuente —pensemos nos días da semana ou nas cores— pode inducirnos a pensar que o dominio do léxico galego dos galegofalantes iniciais é inferior. Porén, se no canto de fixarnos exclusivamente nestes casos, minoritarios mais evidentes, abordamos esta cuestión dunha perspectiva máis global, atoparemos que a súa competencia supera a dos castelanfalantes iniciais.
O grupo que se amosa máis consistente no dominio dos termos do estándar é o dos bilingües iniciais. É interesante engadir estas observacións sobre a lingua inicial ao descuberto por , que acharon que “as puntuacións medias na CLG [competencia léxica en galego] dos estudantes van aumentando a medida que o galego esta máis presente como lingua habitual”.
Nos planos morfolóxico e gramatical, o estudantado demostra un coñecemento lixeiramente inferior das opcións normativas. Quizais teña que ver co feito de que as desviacións da norma a estes niveis son menos perceptibles e, en consecuencia, corrixidas con menos frecuencia. O plural en -is das palabras agudas rematadas en <l> non supón ningún problema para os enquisados: o 91,64% traduce animales como animais. Filtrando os resultados por lingua inicial, este procedemento normativo para a formación do plural é menos usado polos galegofalantes iniciais que polos outros grupos (Gráfico 26).
Non obstante, teremos precaución á hora de tirar conclusións sobre o nivel de castelanización morfolóxica dos que aprenderon a falar en galego a partir do estudo deste único trazo, especialmente se temos en conta que o plural en -les das palabras agudas rematadas en <l> é unha cuestión fundamentalmente dialectal (consultar ).
Descoñecemos se este mecanismo para a formación do plural, maioritario nos mapas do Volume II. Morfoloxía non verbal do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) da década de 1970, é un produto da influencia do castelán ou da evolución interna da lingua galega. A análise que facemos nesta investigación limítase a comparar o uso da forma estándar en -is co da coincidente co castelán -les. É posible que na mente —dalgúns— dos falantes opere este mesmo contraste asociando animales co castelán. Isto é, poderiamos entender este fenómeno dun xeito semellante ao dos castelanismos léxicos.
Para os aspectos gramaticais analizados, as respostas dos nativos en galego aproxímanse máis ao establecido como correcto nos manuais de gramática da nosa lingua. O cambio de xénero de un puente a unha ponte, realizado pola maioría dos informantes (85,09%), constitúe un exemplo paradigmático do contraste entre a maior castelanización do léxico de uso frecuente e a menor castelanización gramatical dos usos dos nativos en lingua galega. Ao propoñer unha tradución para un puente, son os que máis manteñen o substantivo sen ningunha alteración, mais son os que, no caso de o cambiaren a ponte, máis a miúdo establecen a súa concordancia co artigo indeterminado do xénero feminino. Isto é, son os que menos recorren á fórmula un ponte (Gráfico 27).
Atopamos frecuencias de escolla menos distantes entre a perífrase de futuro ir + verbo (59,94%) e o equivalente castelán ir + a + verbo (35,76%), e aínda máis parellas entre o verbo tomar con pronome reflexivo e complemento directo (49,72%) —por influencia do castelán— ou sen pronome (43,24%) —o propio do galego segundo os manuais de gramática—.
A influencia do castelán faise abafadora na predominancia de din (75,72%) como forma para a primeira persoa do pretérito de indicativo fronte ao normativo dei (17,15%); e tamén na escaseza das respostas que converten o feminino la miel no masculino o mel (25,85%).
Os Gráficos 28, 29, 30 e 31 desagregan estes resultados en función da lingua inicial dos e das estudantes, permitindo confirmar que a gramática dos falantes iniciais de galego está claramente menos castelanizada que a dos castelanfalantes iniciais. Percíbese unha diferenza salientable respecto ao plano léxico: se antes comentabamos que os bilingües iniciais amosaban un maior dominio do vocabulario do galego, agora son quen aprenderon a falar só en galego os que demostran máis coñecemento gramatical.
Volve semellar claro que ser galegofalante -inicial ou habitual- mellora o nivel de coñecemento do estándar galego do alumnado, contradicindo a visión dos docentes de lingua galega no ensino secundario (), probablemente nesgada polo evidente ou obvio da percepción dos castelanismos léxicos de uso común.
Achamos os datos que estamos a ofrecer coherentes co feito de que a Avaliación da competencia bilingüe levada a cabo polo Seminario de sociolingüística da RAG conclúa que “os monolingües en galego superan [amplamente] aos monolingües en castelán” no que respecta á súa “competencia gramatical en galego” (). Precísase, amais, que os niveis fonético e gramatical son aqueles nos que a lingua habitual marca diferenzas máis grandes a prol dos falantes de galego.
Para pechar esta epígrafe, queremos mencionar a aproximación ao estudo do fenómeno diferencialista que nos permitiu a análise das traducións do verbo comprar (Gráfico 32). Aínda que este verbo é mantido na meirande parte dos casos (54,75%), a porcentaxe de respostas nas que se produce un cambio, a priori innecesario, por mercar ascende ata o 42,95%.
Ambos os lemas son recollidos polos dicionarios tanto da Real Academia Galega como da Real Academia Española, mais existe unha asociación comprar-castelán, mercar-galego. Probablemente a orixe desta segunda identificación estea nunha reacción diferencialista dos falantes de galego estándar fronte á predominancia de comprar no castelán. A día de hoxe, é mesmo posible que haxa falantes que pensen que mercar non é correcto no castelán e comprar non o é en galego. Dando por feito que a forma mercar debe ser coñecida por unha porcentaxe da poboación próxima ao 100% debido á súa forte implantación, observamos unha menor tendencia ao diferencialismo por parte dos galegofalantes iniciais, que recoñecen a forma proposta comprar como propia da súa variedade e non ven a necesidade de realizar ningún cambio. As persoas que aprenderon a falar en castelán, en cambio, decántanse con máis frecuencia por mercar, quizais debido á vontade de demostrar un maior coñecemento da lingua ou á xa mencionada asociación desta forma ao galego (estándar).
6. CONCLUSIÓNS
A partir da análise de resultados que vimos de presentar, concluímos o seguinte:
- 1.
O galego estándar, por medio da súa difusión a través do sistema educativo e por outras canles, acadou un alto índice de lexitimación no grupo da mocidade.
- 2.
A identificación co estándar dos monolingües en galego é maior cá dos monolingües en castelán, mais menor cá dos bilingües en ambos os idiomas. A perspectiva xeral amosa uns niveis relativamente altos.
- 3.
A frecuencia de uso do galego e a súa aprendizaxe como lingua inicial son, por esta orde de relevancia, factores explicativos dun mellor autoconcepto dos rapaces e rapazas como falantes de galego. De todos os xeitos, máis da metade dos usuarios iniciais de castelán —mesmo tamén máis da metade dos que afirman non empregar nunca a lingua galega— teñen en boa consideración o seu galego e a si mesmos como falantes deste idioma. Como explicamos anteriormente, atopamos esta boa competencia autopercibida, un elemento facilitador, aínda que non suficiente, para a conversión lingüística.
- 4.
Na disposición a empregar diferentes palabras, a frecuencia de uso parece ser unha fonte de lexitimidade máis importante que a adscrición destas a distintos modelos de lingua. Os galegofalantes iniciais, con todo, amósanse máis dispostos a empregar castelanismos léxicos e menos dispostos a utilizar termos asociables claramente ao estándar que os membros dos demais grupos.
- 5.
Os monolingües iniciais en galego demostran un coñecemento das regras gramaticais do galego superiores ás dos seus compañeiros e compañeiras bilingües e castelanfalantes iniciais, por esta orde. Os membros destes dous grupos adoitan producir enunciados máis influenciados polo gramática do castelán.
- 6.
Fixándonos no emprego dalgunhas palabras de uso cotián para as que existe un castelanismo léxico común e equivalente, poderiamos pensar que os galegofalantes iniciais posúen un coñecemento do vocabulario galego inferior aos bilingües e os castelanfalantes iniciais. Porén, fóra deses termos de coñecemento xeral tamén para os falantes de castelán, amosan posuír un dominio maior ca eles, aínda que inferior có dos bilingües iniciais.
- 7.
Cando existe un par de sinónimos, dos cales un é coincidente co castelán e o outro non, os castelanfalantes e bilingües iniciais son, por esta orde, quen con máis frecuencia optan pola opción diferencialista.
- 8.
O criterio purista na codificación é apoiado maioritariamente por todos os grupos de falantes, aínda que os usuarios iniciais de castelán ou doutras linguas distintas ao castelán e ao galego son menos contundentes que as persoas que aprenderon a falar en galego, quer en exclusividade, quer xunto co castelán. Porén, no que se refire á depuración da fala propia de elementos léxicos introducidos pola presión do castelán, os galegofalantes iniciais amósanse máis reticentes que o resto dos grupos a realizar os cambios pertinentes. Os bilingües iniciais son os que máis asumen o purismo nos usos.
- 9.
A aceptación e valoración do galego normativo non supón a asunción absoluta dos principios do que coñecemos como ideoloxía do estándar. O estándar é, porén, rexeitado como unha variedade cara á que converxer en calquera contexto. Existe a idea do estándar como unha variedade máis correcta que o galego propio, mais isto non impide que os falantes avalíen de xeito claramente positivo a corrección da súa fala.
A ideoloxía do estándar establece a distinción entre uns usos —os do estándar— correctos e cultos e outros —os que quedan fóra del— incorrectos e pobres, por oposición. Puidemos verificar a vixencia da primeira premisa, mais non da segunda. O feito de que sexan os galegofalantes iniciais os que mellor valoran o galego que falan insinúa a existencia de criterios diferentes do emprego —ou non— de trazos —léxicos— non estándar para a consideración da variedade propia como ‘culta’.
A estandarización avanzou na medida en que xerou unha conciencia pública do estándar, mais o impacto dos medios de comunicación e do ensino na homoxeneización dos usos —especialmente os dos galegofalantes tradicionais— é limitado ().
- 10.
O sistema educativo está a actuar coma un axente inequívoco de castelanización dos usos lingüísticos da rapazada galega. O dato máis representativo disto é que, mentres que só un 2,15% dos castelanfalantes iniciais afirma que deixou de empregar esta lingua ou que a fala con menos frecuencia que o galego, a porcentaxe de rapaces e rapazas que fixeron o camiño contrario ascende ata o 22,34%.
Bibliografía
1
2
3
4
5
6
7
8
Instituto Galego de Estatística. 2016. Clasificación das parroquias e dos concellos galegos segundo o grao de urbanización (GU 2016). Santiago de Compostela: Instituto Galego de Estatística. https://www.ige.gal/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl [15/09/2022].
9
Instituto Galego de Estatística. 2018. Enquisa estrutural a fogares. Coñecemento e uso do galego. Santiago de Compostela: Instituto Galego de Estatística. https://www.ige.gal/web/mostrar_actividade_estatistica.jsp?idioma=gl&codigo=0206004&num_pag=4 [23/10/2022].
10
11
12
14
Loredo, Xaquín & Bieito Silva Valdivia (coords.). 2020. Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO. A Coruña: Real Academia Galega. https://doi.org/10.32766/rag.372
15
16
Moralejo Silva, Rubén & Fernando Ramallo. 2019. Las condiciones del (pre)neofalantismo y el proceso de conversión lingüística en Galicia. En Fernando Ramallo, Estíbaliz Amorrortu & Maite Puigdevall (eds.), Neohablantes de lenguas minorizadas en el Estado español, 165-194. Madrid / Frankfurt am Main: Iberoamericana / Vervuert.
17
18
19
20
21
22
Rei-Doval, Gabriel. 2013. Purismo e control normativo na lingua galega: análise crítica dunha proposta actual. En Eva Gugenberger, Henrique Monteagudo & Gabriel Rei-Doval (eds.), Contacto de linguas, hibrididade, cambio: contextos, procesos e consecuencias. 261-288. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega / Instituto da Lingua Galega.
24
25
27
Notas
[2] Recorremos a esta clasificación dos municipios galegos empregada polo Instituto Galego de Estatística, que segue o establecido no informe final do Grupo de Traballo sobre Variables Nucleares de Eurostat. A última actualización da Clasificación das parroquias e dos concellos galegos segundo o grao de urbanización no sitio web do Instituto Galego de Estatística data do ano 2016.
[4] A significatividade de todos os datos que presentamos cruzando diferentes variables neste documento foi confirmada pola proba chi-cadrado.
[5] A web do IGE non permite o cruzamento de dúas variables independentes, polo que non é posible coñecer os datos da lingua inicial por provincias acotados á franxa etaria do noso alumnado.
[6] Tomando como referencia o contexto catalán, Gonzàlez et al. (2009) recolle seis momentos no que se producen, con diferentes graos de intensidade, mudas do castelán ao catalán ou viceversa: a escolarización primaria, o paso pola educación secundaria, a universidade, a obtención do primeiro traballo, o establecemento dunha nova familia ou a paternidade/maternidade.
[7] Na súa investigación sobre neofalantes de lingua galega, presentan o universitario como “uno de los espacios autóctonos más favorables para la conversión […] pues dicho contexto destaca por acoger a un buen número de personas con características similares a las que definen el perfil mayoritario de neofalante potencial”.
[8] Tomamos como referencia o valor 2,5: consideramos aprobados todos os identificadores con puntuacións superiores.
[9] Obtivemos esta información da pregunta 14 do cuestionario: “Cando falo galego... a) falo sempre igual, independentemente da situación; b) fago pequenas adaptacións dependendo da situación; c) fago adaptacións moi notables dependendo da situación”.
[10] Cómpre ter en conta tamén a posibilidade de que algunhas das respostas se desviasen, de xeito inconsciente, cara á corrección política. Tamén podería ser que a impugnación do estándar medre co paso dos anos e a acumulación de experiencias vitais fóra do sistema educativo; ou que o rexeitamento sexa maior entre os sectores que abandonaron o ensino medio ao remate da etapa obrigatoria.
[11] A celebración dos grupos de discusión tivo lugar nos anos 2003, 2004 e 2011. A diverxencia cos nosos resultados podería explicarse, cando menos en parte, polo paso do tempo. Neste suposto, poderiamos falar dun descenso nos niveis de rexeitamento do estándar.
[13] Esta é a primeira das dúas únicas ocasións na análise de resultados en que empregamos como variable independente a lingua habitual.
[14] O correspondente de imposíbel na fala popular, imposible, non é un castelanismo, senón unha palabra admitida tanto no estándar galego coma no castelán.
[17] Á pregunta “Do 0 ao 10, canto dirías que se aproxima o galego que ti falas ao estándar?”, as respostas máis frecuentes foron 7 (30,37%), 6 (19,40%) e 8 (18,84%). O valor da desviación típica das respostas é de 1,709631.
[18] Cómpre aclarar que entre os participantes no estudo de predomina o profesorado “con docencia en poboacións de tamaño intermedio, xa que este hábitat é o que máis nos interesaba debido a que ofrece o maior espazo de contacto entre as dúas linguas cooficiais”.
[19] Para os estudantes, o galego estándar é, por esta orde: correcto, culto e normal. O galego propio é natural, correcto e dialectal.
[20] filtran os resultados por lingua habitual. Nós facémolo segundo a lingua inicial. É unha diferenza digna de consideración, mesmo constatada a correlación entre lingua inicial e lingua habitual no noso estudo.
[21] O nivel gramatical tamén é, paradoxalmente, menos permeable ás interferencias froito da influencia doutras linguas.
[22] O mapa 223 do volume I do ALGa () amosa unha distribución bastante parella das formas dei e din ao longo do territorio. Non é posible, pois, relacionar toda ocorrencia de din co contacto co castelán, mais entendemos que a grande diferenza nas porcentaxes si é debida a este contacto. Existen varios indicios: a observación de familias nas que se efectúa o cambio de dei a din dunha xeración á seguinte, o feito de que din siga a “norma” castelá de conxugar dar como segundo o paradigma das 2ª e 3ª conxugacións ou a constatación de que os falantes inciais de castelán son os que máis optan por din.
Apéndices
Anexo
FORMULARIO PARA ALUMNADO DE 2.º DE BACHARELATO
-
Enderezo electrónico:
-
En que provincia se atopa o teu centro?
-
Escribe o nome do teu centro:
- 1.
En que lingua aprendiches a falar?
- 2.
Con que frecuencia falas galego?
- 3.
Paréceche necesario que exista unha variedade estándar de galego (é dicir: o galego normativo)?
- 4.
Escolle a afirmación coa que esteas máis de acordo:
- 5.
Escolle a afirmación coa que esteas máis de acordo:
- 6.
Escolle a afirmación coa que esteas máis de acordo:
- 7.
Cando escoito falar a miña profesora/o meu profesor de lingua galega...
- 8.
Cando escoito falar un/ha presentador/a do Telexornal da Televisión de Galicia...
- 9.
Persoalmente, cal é a túa disposición a utilizar as seguintes palabras ao expresarte?
- 10.
Do 0 ao 10, canto dirías que se aproxima o galego que ti falas ao galego estándar? Marca.
- 11.
Considero que falo galego...
- 12.
Como é o galego que ti falas? Marca do 0 ao 5 en cada fila.
- 13.
Como é o galego normativo?
- 14.
Cando falo galego...
- 15.
Escribe en galego (estándar ou normativo) a seguinte oración: Ayer me había cogido el frío. Entonces, me tomé dos cucharadas de una miel muy rica.
- 16.
Escribe en galego (estándar ou normativo) a seguinte oración: No te he dado las naranjas para que te las comas tan despacio.
- 17.
Escribe en galego (estándar ou normativo) a seguinte oración: Al ir a comprar el pan, vamos por encima de un puente romano.
- 18.
Escribe en galego (estándar ou normativo) a seguinte oración: Me gusta esta carretera para animales.
- 1.