Resumo

Neste artigo analízase o uso de citas referidas directas en galego en discursos realizados en lingua española. Tomamos como base empírica as entrevistas dirixidas recollidas no corpus ESLORA, as cales son clasificadas en tres grupos: 1) presenza de citas directas en español; 2) presenza de citas directas en español e/ou galego; 3) ausencia de citas directas. A seguir, reflexionamos sobre a función sociolingüística dos casos recollidos no grupo número 2. Seguindo a formulación teórica de Celso Álvarez Cáccamo (1987, 1998, 2000), conectamos esta análise coas diferencias entre o cambio de código, que implica a apertura dun proceso de recontextualización do código comunicativo por parte do falante, e a alternancia de linguas, que carece del. A alternancia de linguas prodúcese en contextos bilingües cando un falante introduce termos, expresións ou formas dunha lingua A nun discurso proferido nunha lingua B, sen que exista dito proceso de recontextualización. Argumentamos que as citas referidas directas en galego, en discursos construídos en español como lingua principal, deben ser codificadas como fenómenos asociados ao cambio de código: a introdución deste tipo de citas directas é o resultado dunha negociación discursiva que deriva na recontextualización do código comunicativo, isto é, no cambio dunha lingua A a unha lingua B. Consideramos que este cambio está determinado polas estruturas sociais dos falantes. Na nosa investigación aplicamos unha metodoloxía cuantitativa na análise das ocorrencias recollidas no corpus, e unha perspectiva cualitativa na interpretación da motivación lingüística dos informantes.