Sumario
Summary
1. INTRODUCIÓN
No espazo lingüístico de Galicia é habitual que, en conversas realizadas en español como lingua principal, os falantes citen outras persoas en galego. Nestas citas reprodúcense con suposta fidelidade as palabras emitidas por estas outras persoas, dándose no proceso unha certa dramatización da súa maneira de falar. Dáse en ocasións, polo tanto, unha mestura de códigos lingüísticos que, consideramos, debe ser analizada. Este tema de traballo esixe dar resposta ás seguintes preguntas: 1) inserir citas en galego en discursos construídos en español responde a unha certa finalidade pragmática ou debe ser entendido como un fenómeno inmotivado?; 2) que tipo de conexións existen entre o cambio de código lingüístico e o uso de citas referidas en galego?; 3) que tipo de información sociolingüística nos proporciona este fenómeno? No presente artigo imos analizar este fenómeno lingüístico utilizando dúas categorías como eixe epistemolóxico, o discurso referido directo e o cambio de código. Interésanos entender cales son os principios pragmáticos sobre os cales se sostén este fenómeno, ademais de reflexionar sobre as súas consecuencias e implicacións. Consideramos que o tema deste artigo é pertinente, posto que nos vai proporcionar informacións sobre as relacións sociolingüísticas existentes entre o galego e o español falado en Galicia. Ademais, vainos permitir afondar no estudo actual do cambio de código dentro da contorna lingüística de Galicia. Como veremos, o estudo do propio cambio de código está suxeito a debate no eido da sociolingüística actual. Isto explica, na nosa opinión, por que un traballo centrado nesta categoría é pertinente no eido da sociolingüística galega.
No segundo apartado do presente artigo, en consecuencia, imos analizar de xeito sintético a noción de cambio de código, tomando como referencia o enfoque proposto por Celso Álvarez Cáccamo (, , , ). A seguir, imos caracterizar o discurso referido directo como fenómeno asociado á fala coloquial. Empregaremos nesta caracterización o marco teórico deseñado por e o grupo Val.Es.Co. Esta caracterización esixiranos analizar cales son os dous tipos de discurso referido na fala coloquial, para a seguir conectala coa definición de cambio de código proposta por Álvarez Cáccamo. Neste punto introduciremos unha diferenza clave, a existente entre o discurso referido directo e o discurso referido indirecto, indicando por que este primeiro ocupa o núcleo da nosa investigación. Repasaremos, ademais, as conclusións ás que chegaron distintas investigacións centradas neste tema. No apartado número 3 aplicaremos as nocións de discurso referido directo e cambio de código á análise de distintas ocorrencias recollidas no corpus ESLORA, que inclúe entrevistas semidirixidas en español gravadas na área de Santiago de Compostela. Neste punto, pretendemos analizar este corpus na súa totalidade, centrando a nosa atención, especificamente, nos casos de discurso referido directo en galego. O noso obxectivo será establecer se estes casos son, todos eles, susceptibles de ser catalogados como fenómenos asociados ao cambio de código. No apartado número 4 introduciremos a discusión sobre o alcance e límites epistemolóxicos da nosa investigación. Finalmente, recolleremos no apartado número 5 as nosas conclusións.
2. MARCO TEÓRICO E METODOLÓXICO
2.1. Debate arredor do cambio de código: o enfoque teórico de Celso Álvarez Cáccamo
O cambio de código, en si mesmo, é un tema central do debate sociolingüístico actual. Tradicionalmente considérase que este fenómeno se produce sempre en territorios multilingües, sendo a propia noción de multilingüismo un concepto sometido a debate e discusión. Normalmente tómase a definición de como punto de partida. Segundo esta definición, un falante multilingüe é aquel que ten competencias en dous ou máis idiomas, de xeito que é quen de introducir nas súas producións discursivas elementos procedentes destas linguas. Agora ben, os estudos contemporáneos sobre o cambio de código limitan o alcance desta definición á realidade lingüística dos territorios bilingües. É o caso, por exemplo, das investigacións de Shana Poplack (, ), centradas, entre outros temas, nas interaccións discursivas que se producen entre falantes de orixe portorriqueña que residen en Nova York. Segundo Poplack, o cambio de código é sempre un fenómeno lingüístico asociado a comunidades bilingües (). Haugen, porén, obviou nas súas investigacións o cambio de código como obxecto de estudo. Un dos motivos que explican este feito é, en palabras de , que durante moitos anos o monolingüismo foi entendido como a norma lingüística no mundo. Cando esta suposta realidade deixa de ser representativa da situación lingüística mundial, ábrese o espazo á reflexión sobre os fenómenos lingüísticos asociados ao multilingüismo e, concretamente, ao bilingüismo ().
Na actualidade, o debate arredor do cambio de código está vencellado ao desenvolvemento da perspectiva pragmática no eido lingüístico. Un dos primeiros autores representativos desta tendencia é J, quen integra na súa teoría elementos procedentes da socioloxía, a pragmática, a sociolingüística, a etnografía lingüística e a análise do discurso. Gumperz argumenta que o cambio de código se produce normalmente no plano gramatical. Cando os falantes bilingües introducen nos seus discursos elementos que pertencen a dous sistemas gramaticais diferentes, estase a producir un cambio de código. A función deste fenómeno é dual, e está ligada á propia identidade social e lingüística. En certos casos, o uso do cambio de código serve para marcar a pertenza a unha comunidade xeral de falantes; noutros, serve para mostrar a pertenza a unha minoría lingüística concreta. Esta teoría, de todos os xeitos, non é quen de explicar cando e como se transmite esa información identitaria indexada nos elementos discursivos que foron elaborados polos falantes, quen constrúen os seus discursos usando as normas dos diferentes sistemas gramaticais dos que teñen competencias.
O lingüista británico Li Wei (, ), ao igual que Gumperz, relaciona o uso do cambio de código coa noción de identidade social. Seguindo o enfoque teórico proposto por , Li Wei considera que as interaccións comunicativas teñen como obxectivo chegar a algún tipo de acordo. No caso de que este acordo non sexa posible, as interaccións resolveríanse nun escenario de desacordo. Li Wei considera que os falantes comparten un certo nivel de racionalidade instrumental, a cal lles permite analizar, en clave empírica, os beneficios aos que se pode chegar a través das distintas interaccións comunicativas. O cambio de código como fenómeno lingüístico insírese, precisamente, neste xogo de custos e beneficios: nun discurso netamente producido nunha lingua A, os falantes optan ás veces por introducir elementos nunha lingua B para obter un certo beneficio, sendo A e B linguas faladas no mesmo territorio.
A lingüista canadense Carol Myers-Scotton (, ), pola súa banda, considera que toda investigación sobre o cambio de código debe estar necesariamente relacionada co estudo do seu significado social. Seguindo a liña de traballo de Gumperz, Myers-Scotton considera que o cambio de código se produce sempre en situacións conversacionais. Consiste no uso motivado por parte dun falante de, como mínimo, dúas ou máis variedades lingüísticas. A introdución de palabras ou frases en dúas ou máis variedades lingüísticas proporciónanos información sobre a expectativas ou desexos dos falantes, quen procuran un certo equilibrio entre os dereitos e as obrigas asociados a ditas variedades. Myers-Scotton sérvese da noción de marcación (Markedness) para caracterizar como os falantes xestionan este grupo de obrigas e dereitos. Segundo a súa teoría, os falantes teñen unha certa noción das marcas (isto é, dos significados sociais) asociadas ás diferentes variedades lingüísticas, e poden optar por usar unha ou outra dependendo da persoa coa que falan, ou mesmo do tipo de relación que quererían ter con ela. Nalgúns casos, os cambios de código introdúcense no discurso sen que exista unha motivación transformadora. Noutros, os cambios de código son utilizados de xeito motivado para introducir unha negociación que ten, como obxectivo principal, cambiar a distancia social que existe entre os falantes. considera que o uso motivado de frases ou termos nunha certa variedade lingüística persegue, en ocasións, amosar a existencia dunha certa autoridade política (baseada, ás veces, no propio nivel educativo). Noutros casos, este fenómeno non procura introducir de xeito motivado unha certa xerarquía sociopolítica, senón que busca suavizala, introducindo un certo nivel de solidariedade entre os falantes.
Peter Auer (, , ) introduce na súa teoría unha diferenza clave que, como veremos a seguir, será utilizada por Celso Álvarez Cáccamo. Trátase da existente entre Alternancia de linguas e Cambio de código. Segundo o lingüista alemán, existen dous tipos de Alternancia de linguas. Usa o termo transferencia (Transfer) para se referir ao primeiro (). Este prodúcese cando nunha interacción comunicativa nunha lingua A se introducen elementos propios dunha lingua B sen que, como consecuencia, A deixe de ser a lingua vehicular da conversa. Este fenómeno é unitario e breve, e dáse en situacións concretas de comunicación —é o caso dunha situación na cal un falante descoñece un termo concreto na lingua A, mais non na lingua B, e bota man del para resolver un problema de comunicación—. Por outra banda, ábrense en ocasións procesos de renegociación da lingua no momento no que eses elementos procedentes da lingua B son inseridos no discurso. Este proceso si implica que cando menos un dos falantes mude de lingua, pasando da lingua A á B, ou viceversa. Este fenómeno, diferente da transferencia, é denominado por Auer cambio de código.
Outros autores actuais que levan tempo a traballar a noción de cambio de código son —quen considera que o cambio de código non sempre está ligado á reafirmación identitaria, senón que ás veces ten por único obxectivo a consecución dun certo beneficio—; —quen considera que o cambio de código é unha ferramenta discursiva que ten por obxectivo conectar o contido dos discursos cunha certa realidade social—; e —quen analiza a dimensión emocional asociada a este concepto, conectando nos seus estudos os ámbitos teóricos da sociolingüística e da psicoloxía—.
Celso Álvarez Cáccamo parte da teoría da comunicación como base da súa concepción do cambio de código. Comparte con Poplack a idea de que este fenómeno está sempre asociado a unha contorna bilingüe. Segundo , a presenza dun posible cambio de código implica necesariamente a existencia dunha contorna bilingüe, posto que se produce sempre en situacións bilingües de comunicación. Agora ben, para poder entender como se produce este fenómeno, é fundamental analizar os elementos socioeconómicos, culturais e políticos asociados á substitución lingüística (). En efecto, se pretendemos estudar cal é o significado social que implica a escolla doutra lingua, debemos analizar previamente como inflúen os distintos factores ideolóxicos existentes na escolla desta lingua. Álvarez Cáccamo critica aquí, de xeito directo, a perspectiva cuantitativa aplicada ao estudo do ámbito sociolingüístico. É o caso de, entre outros autores, , quen analiza a realidade lingüística de Galicia atendendo, única e exclusivamente, a criterios descritivos. Esta teoría pode resultar útil á hora de establecer a clasificación dos distintos trazos lingüísticos propios de cada variedade lingüística, mais non é quen de explicar como funcionan as relacións entre os usos lingüísticos dunha contorna social, así como as súas actividades sociais e de prestixio. O interese central desta obxección é analizar, finalmente, a construción da identidade lingüística dos falantes, entendida esta como un proceso determinado pola propia contorna social (). propón, como xeito de superar esta eiva teórica, unha revisión da propia noción de código lingüístico. Cáccamo entende por código lingüístico o conxunto de elementos léxicos, gramaticais, fonéticos e prosódicos que permiten a comunicación entre os falantes que teñen competencias en dito código. Se aceptamos que a través dun certo código lingüístico podemos elaborar un repertorio lingüístico dentro dunha comunidade de falantes dada, estamos a afirmar que o seu obxectivo é a comunicación. Álvarez Cáccamo, por este motivo, recodifica a noción de código lingüístico para entendela como código comunicativo. Esta recodificación permítelle darlles relevancia ás estruturas sociais compartidas polos falantes, e que determinan sempre os propios procesos comunicativos, ademais de influír nos procesos de aprendizaxe das linguas faladas nunha certa contorna bilingüe; se todo código lingüístico se resolve nun código comunicativo concreto, implica a existencia dunha identidade social definida que é construída a través da lingua. Esta identidade é, por definición, fondamente complexa. Álvarez Cáccamo contextualiza o fenómeno do cambio de código neste marco teórico (), afirmando que o cambio de código é sempre un fenómeno comunicativo, non estrutural. Para clarificar o seu funcionamento, propón diferenciar entre dúas dimensións asociadas á lingua como código comunicativo, o código lingüístico e a variedade lingüística. Co primeiro fai referencia ao procedemento xeral que permite que os falantes reciban e interpreten as intencións lingüísticas dos seus interlocutores. Pola súa banda, a variedade lingüística remite ao conxunto de elementos lingüísticos que é activado polos propios códigos lingüísticos nas interaccións comunicativas. O código lingüístico, á súa vez, é clasificado en tres grupos: 1) códigos situacionais: proporcionan información sobre a variedade lingüística máis axeitada nun encontro social concreto; 2) códigos de actividade: permiten a identificación da función discursiva asociada a unha certa expresión lingüística, o cal posibilita que os falantes interpreten a intención subxacente do propio falante; 3) códigos ilocucionarios: implican a existencia dun fenómeno de recontextualización do propio código comunicativo, que pode mudar en función das intencións dos falantes.
Para poder determinar se estamos diante dun cambio de código, debemos, en consecuencia, identificar os valores sociais indexados nas interaccións comunicativas, posto que deles depende que os falantes muden de lingua nos seus intercambios comunicativos. A alternancia de linguas, pola contra, redúcese a un fenómeno lingüístico puramente estrutural, posto que non implica a existencia deste proceso de recontextualización do código comunicativo. Álvarez Cáccamo explica o funcionamento do cambio de código comunicativo utilizando unha entrevista realizada en outubro do ano 1997 a Xesús Casal, coordinador da Festa do Marisco do Grove. Os mecanismos epistemolóxicos dos que se serve o lingüista para determinar se estamos diante dun cambio de código semellan ser especulativos, posto que del depende interpretar se, de facto, o falante está a renegociar a contorna discursiva para, como consecuencia, mudar de variedade lingüística. En inclúese unha análise crítica máis detallada deste caso. Porén, consideramos que o enfoque teórico proposto por Álvarez Cáccamo é de especial interese para a sociolingüística actual, posto que, ao se centrar no cambio de código como fenómeno comunicativo, pon enriba da mesa a necesidade de pensar as estruturas sociais e como estas determinan os usos lingüísticos dos falantes, así como as súas escollas lingüísticas. De igual forma, este desenvolvemento teórico introduce interrogantes sobre a intencionalidade lingüística dos falantes que, malia a súa natureza aparentemente especulativa, permítennos reflexionar sobre como o marco epistémico dun contexto lingüístico concreto pode influír na súa motivación lingüística.
Como vimos de indicar, consideramos que é fundamental establecer unha diferenza taxativa entre a alternancia de Linguas (AL) e o cambio de Código (CC), conceptos que, durante anos, foron tomados por sinónimos en distintas investigacións. Na nosa opinión, o uso da AL non contempla a presenza dunha motivación social, política ou identitaria que se traduza nun proceso de renegociación da lingua da conversa. Dáse AL cando nun contexto lingüístico dado un falante que adoita expresarse nunha lingua A introduce elementos procedentes dunha lingua B. Cómpre sinalar que esta lingua B non ten por que ser, expresamente, unha lingua falada no territorio onde reside este falante. A introdución de termos en inglés nunha conversa netamente en galego, por exemplo, ilustra como funciona a AL. Malia que esta decisión poida ser consciente e deberse a unha certa motivación argumental ou ilocutiva —a necesidade de usar palabras que semanticamente se axusten mellor ao contexto enunciativo que calquera outro termo existente na lingua vehicular da conversa—, carece de afán negociador. Cando un falante fai uso da AL, non semella que pretenda amosar un certo compromiso ético-político coa súa propia contorna cultural e social. Porén, o CC esixe a presenza dun proceso de negociación do código comunicativo por parte dos falantes, o cal parece estar motivado polas súas propias intencións discursivas. Por este motivo, ao introduciren de xeito aparentemente motivado termos ou frases proferidos nunha lingua B en discursos construídos nunha lingua A, os falantes semellan amosar un compromiso cultural, precisamente, coa lingua B.
No noso artigo imos analizar se a presenza de citas en galego en conversas realizadas integramente en español teñen unha motivación política e cultural, ou se pola contra son expresións orais non motivadas. Preguntámonos, pois, se o uso do DR pode ser entendido como un fenómeno asociado ao CC, ou se, pola contra, pertence ao ámbito da AL.
2.2. A natureza coloquial do discurso referido
Ao longo dos últimos anos, o estudo do discurso referido (DR) en español ten sido obxecto de distintas investigacións, a meirande parte das cales teñen optado por se achegar a este fenómeno lingüístico dende posicións teórico-gramaticais. Esta achega epistemolóxica ten dúas consecuencias. En primeiro termo, este tipo de investigacións adoitan se centrar na lingua escrita como obxecto de análise e estudo, posto que se sobreentende que o DR é unha ferramenta discursiva propia deste rexistro. En segundo lugar, neste tipo de investigacións desbótase, por implicación, a dimensión oral do propio DR. Ao se centrar na lingua escrita, o DR como fenómeno conversacional fica fóra da análise académica. Podemos sinalar, neste senso, os estudos de Concepción Maldonado (, ).
Cómpre sinalar, asemade, que a presenza do DR en situacións bilingües de comunicación introduce na investigación a dificultade engadida de , analizar os motivos polos cales os falantes introducen citas nunha lingua B en conversas construídas nunha lingua A. Estámonos a referir a contextos lingüísticos netamente bilingües, onde nun mesmo territorio se falan dúas linguas diferentes entre as cales existen relacións de adstrato. No caso galego, comprobamos como hai falantes que, en conversas realizadas en español como lingua principal, ás veces usan o galego para introducir as citas referidas. A que se debe este fenómeno? Responde a unha simple práctica discursiva non motivada, espontánea, ou depende dalgún tipo de recontextualización do código comunicativo asociado á cultura propia dos falantes? Compartimos, nesta altura, as implicacións derivadas da noción de Contexto situacional (Context of Situation), tal e como foi formulada por : toda actividade simbólica —lingüística— ten un significado concreto dentro dun contexto dado. A dita actividade, pois, terá unha función concreta, sempre determinada por dito contexto. Consideramos, seguindo esta idea, que o DR é un fenómeno discursivo propio da fala coloquial que depende dun contexto en virtude do cal pode ter distintas funcións, todas elas de natureza pragmática. Defendemos, pois, que o uso do DR transcende a propia dimensión gramatical, posto que o seu uso responderá a distintas funcións sociais, sempre asociadas a un contexto enunciativo dado. Podemos introducir nesta altura a nosa hipótese de traballo: o uso de citas directas en galego, dentro de discursos referidos en español, podería —e pode— ser entendido como un fenómeno lingüístico asociado ao cambio de código. Por este motivo, o estudo do DR en situacións de comunicación bilingüe esixe o uso de categorías conceptuais asociadas a este fenómeno.
Somos conscientes de que o DR pode, e debe, ser analizado tanto dende unha perspectiva teórico-gramatical como dende un enfoque pragmático. A primeira centrarase no DR como fenómeno propio da lingua escrita, namentres que a segunda vai concentrarse no estudo do DR como fenómeno oral. Este segundo enfoque esixe a necesidade de analizar a prosodia dos falantes, posto que, como veremos máis adiante, as pausas e a entoación serven, en ocasións, como introdutores da cita. Porén, pensamos que estas dúas dimensións non implican necesariamente a existencia dun mesmo fenómeno lingüístico que pode ser estudado de dous xeitos diferentes: un texto escrito onde se usa o DR como ferramenta estilística debe ser diferenciado, tanto a nivel metodolóxico coma ontolóxico, do DR como recurso en situacións orais de comunicación. Neste senso, o carácter mediato da lingua escrita fai que este fenómeno sexa, grosso modo, unha técnica expresiva vencellada intimamente á creación literaria, poética ou mesmo xornalística. Porén, o DR como fenómeno oral vencellado ao contexto responde a unha lóxica diferente, a da inmediatez discursiva como estratexia dialóxica. Neste senso, pensamos que o uso do DR na conversa ten, no plano argumentativo, tres funcións fundamentais: 1) unha función argumentativa propiamente dita, a través da cal se constrúe e artella a propia intervención do falante; 2) unha función ilocutiva, posto que vai posibilitar e establecer o intercambio de información entre os falantes; 3) unha función reforzadora da argumentación, posto que axuda a formular e reformular as mensaxes proferidas polos falantes. Esta última función ten por obxectivo tentar resolver os distintos problemas de índole comunicativa que, en certos contextos, poden aparecer nos intercambios comunicativos. considera que os falantes se serven destas tres funcións á hora de expresarse oralmente, posto que funcionan como instrucións reguladoras dos procesos comunicativos. Agora ben, nós pensamos que existe unha cuarta función asociada á presenza do DR en situacións de comunicación bilingües, que podemos definir como político-identitaria. Consideramos que os falantes, en ocasións, indexan nas súas producións discursivas contidos e informacións como resultado dun proceso de recontextualización do código comunicativo que están a utilizar. Estes contidos funcionan, aparentemente, como elementos dirixidos a reafirmar a propia identidade cultural e lingüística dos falantes.
, seguindo esta liña, considera que o estudo do DD, en situacións bilingües de comunicación, pode nos proporcionar información sobre o conflito lingüístico e as loitas lingüístico-ideolóxicas que determinan os usos lingüísticos dunha comunidade. Dado que que o uso do DD como recurso pragmático permite que os falantes xeren alianzas locais de poder, ademais de reconstruír a súa propia realidade sociolingüística, o seu estudo proporciónanos información relevante sobre a súa posible motivación lingüística. Os falantes, cando introducen DD nunha lingua B en discursos netamente elaborados nunha lingua A, reconstrúen os discursos proferidos por outras persoas en base a distintas necesidades conversacionais, mais tamén co obxectivo de subliñar as ideoloxías lingüísticas que determinan o uso dos distintos códigos (). O estudo do marco epistémico dos falantes convértese, por este motivo, nun dos obxectivos centrais da análise pragmática do DD. Ao se reconstruír o discurso emitido por outro(s) locutor(es), ábrese un proceso de renegociación do contexto que persegue influír nas decisións dos falantes, sempre dentro dun contexto social caracterizado por unha certas relacións de poder asociadas ás linguas. Como veremos no apartado dedicado á discusión teórica, o estudo da dimensión pragmática do DD en situacións bilingües de comunicación dános información sobre como a ideoloxía asociada a unha ou outra lingua semella influír nos seus propios usos.
Propomos, en consecuencia, unha achega epistemolóxica baseada en criterios empíricos para abordar o estudo do DR como fenómeno conversacional. Sendo o DR un fenómeno oral, partimos da súa caracterización como fenómeno propio da lingua coloquial. Neste punto, o uso do DR como ferramenta dialóxica cumpre as características da lingua coloquial definidas por e o grupo Val.Es.Co.:
-
Este rexistro lingüístico dáse en situacións comunicativas nas que existe unha relación de igualdade ou proximidade entre os interlocutores. Esta relación de igualdade pode definirse, mesmo, como familiar, posto que entre os interlocutores existe unha relación de cotiandade.
-
Esta relación de proximidade está condicionada pola existencia dunha serie de saberes e experiencias compartidas.
-
Dáse tamén unha cotiandade temática na interacción: os temas sobre os cales falan os interlocutores adoitan ser temas non especializados, propios do día a día.
-
A construción discursiva, así como as interaccións dialóxicas, planifícanse de xeito espontáneo, no curso da propia conversa, sen que haxa necesariamente unha reflexión mediata por parte dos interlocutores.
Neste tipo de conversas, finalmente, dáse un achegamento interpersoal entre os interlocutores, achegamento que mesmo pode medrar á vez que avanza a interacción. No caso das entrevistas semidirixidas recollidas no corpus ESLORA, corpus que imos usar como fonte de información, estas máximas reprodúcense con certa claridade. Malia que a asignación dos roles entrevistadora/persoa entrevistada estea ben definido, as entrevistadoras adoitan empregar un ton amigable e próximo. Este ton, ademais de animar os informantes a falaren sobre as súas propias vivencias e experiencias, permite que as entrevistadoras introduzan sistematicamente temas de conversa propios do día a día: experiencias académicas pasadas; hábitos gastronómicos e de lecer; vivencias relacionadas coa cidade e as súas transformacións; opinións sobre a situación política e social da comarca de Compostela e do propio país etc.
2.3. Formas do discurso referido
O DR, como recurso xeral, pódese desdobrar en diferentes modalidades. As máis empregadas son a do discurso directo (DD) e a do discurso indirecto (DI). O DD defínese como un procedemento a través do cal tanto o falante como o escribidor incorporan nos seus discursos unha secuencia textual que é presentada como se fose un feito literal. Ao usar o DD, os falantes reproducen de xeito literal as palabras proferidas por outra persoa. En ocasións, reproducen tamén discursos realizados no pasado por eles mesmos. De limitarmos unicamente ao ámbito formal, damos co feito de que este recurso inclúe sempre un verbo enunciativo flexionado e unha cita directa. No caso do español, este verbo é, normalmente, o verbo decir, mais o DD admite outros verbos de dicir ou contar, como é o caso de contar, susurrar e narrar (). O DR, segundo este enfoque, consiste na recreación dunha situación discursiva na que intervén unha voz, a evocada na cita, e onde tamén se reconstrúe o contexto de enunciación desta. Na súa forma escrita, o comezo da cita está delimitado por un signo gráfico, os dous puntos. Ademais, a cita debe delimitarse con guións ou comiñas. Na súa forma oral, o comezo da cita directa introdúcese, cando menos normalmente, cunha baixada da curva de entoación. Non sempre temos un verbo introdutor explícito, mais, de habelo, adoita proporcionarnos información relacionada co acto de fala que se lle atribúe á cita. De igual xeito, os falantes adoitan utilizar pausas antes de introducir a cita directa. Podémolo ver no seguinte exemplo extraído do corpus ESLORA. A conversa prodúcese na rúa, cando unha persoa descoñecida tenta venderlle algo ao informante. Indicamos a persoa citada marcando as quendas. Cómpre sinalar que optamos por este sistema de transcrición para facilitar a comprensión da conversa, posto que no discurso propiamente dito, os informantes producen o seu discurso sen establecer explicitamente ditas quendas. As barras laterais marcan pausas breves e a dobre barra lateral indica a presenza dunha pausa máis prolongada. De habelo, marcamos en cursiva o verbo introdutor da cita para facilitar a súa localización. Por último, indicamos co termo contexto, entre corchetes, a presenza de información adicional coa cal o informante aclara ou amplía o marco enunciativo da conversa:
- 1)
[Contexto] no sé / me eché allí con uno / con uno / me dice / me para //
Persoa descoñecida: para ahí / tú eres del hotel /
[Contexto] no sé qué //
Persoa descoñecida: yo trabajo allí /
Informante: y yo // fff / pues serás <risa/> trabajarás allí /
Podemos apreciar que o informante introduce o discurso referido do seu interlocutor utilizando o verbo decir e, de igual xeito, distintas pausas, máis ou menos prolongadas. Para introducir as súas propias palabras, o informante opta por facer uso, precisamente, da pausa.
O DI, pola súa banda, contén unha expresión introdutoria onde se incorpora un verbo enunciativo flexionado e unha cita indirecta, a cal está normalmente introducida no discurso coa conxunción subordinada que. Neste caso, non se produce ningunha baixada na entoación nin pausa. Dende un punto de vista puramente gramatical, a cita introducida por esta conxunción mantén unha relación de subordinación co verbo enunciativo principal. A rixidez normativa e gramatical do DI evidénciase cando parafraseamos unha cita proferida a través do DD usando os requirimentos gramaticais do DI. Esta operación afecta a toda a cita, e inflúe, entre outros elementos, na selección do léxico, na conxugación verbal e nos tempos verbais escollidos, así como na adaptación das diferentes referencias deícticas presentes no DD (). Vémolo cun exemplo, tamén extraído do corpus ESLORA. No fragmento que destacamos, o informante fala sobre as cousas que fai durante o seu tempo de lecer. Indicamos novamente as pausas curtas cunha barra lateral, e as longas cunha barra lateral dobre. Optamos por marcar en cursiva o verbo introdutor da cita e a conxunción subordinante para que a súa localización sexa máis doada:
- 2)
Y así alguna vez / hasta los // cuarenta años o así aún echaba así algún partido y tal así los fines de seman y tal // pero ahora nada a veces mi hijo incluso me dice que vaya con ellos // porque mi hijo también jugó al fútbol / jugó en el Conxo.
Como podemos apreciar no Exemplo 2, o informante non reproduce de xeito literal as palabras pronunciadas polo seu fillo, senón que as introduce na lóxica temporal do relato a través dunha estrutura subordinada.
O uso do DD ten interesantes implicacións epistemolóxicas. Como indica , o DD permite que o falante se desdobre, dándose na produción discursiva a mestura entre o eu que narra e interactúa e o eu que actúa. A través do DD constrúese un relato onde converxen, pois, distintas voces e contextos temporais. O DD é, en definitiva, o procedemento por excelencia para o falante tomar distancia respecto de si mesmo, o cal lle vai permitir avaliar critica e reflexivamente as palabras que enuncia en boca doutro eu. Dáse, como consecuencia, unha manipulación dun suposto previo, orixinal, o cal é reportado por un falante segundo os seus propios intereses e experiencias. Por este motivo, Benavent conclúe que o uso do DD ten unha función social. Ademais de funcionar como unha ferramenta discursiva, o DD permítelle ao falante a construción dun relato onde o seu mundo de relacións e intereses persoais teñen un rol protagonista ().
Cómpre salientar que neste artigo imos centrar a nosa atención nos casos asociados ao DD. Porén, sería de interese estudar no futuro a frecuencia de uso do DD e do DI nos casos recollidos no corpus ESLORA. Segundo distintas investigacións, como é o caso dos traballos realizados por Doina Repede (, ), semella existir unha relación directa entre o perfil académico dos informantes e o uso das formas do DR. Outras investigacións conclúen que a hipotética relación entre o nivel educativo dos falantes e o uso do DD como forma paradigmática do DR é, cando menos, discutible.
Neste artigo imos analizar, tomando como referente distintas entrevistas recollidas no corpus ESLORA, se o uso do DD se resolve, finalmente, como unha forma do cambio de código, e non como un fenómeno asociado á alternancia de linguas, tal e como xa indicamos na introdución. O corpus ESLORA, deseñado e producido pola Universidade de Santiago de Compostela, compila distintas entrevistas semidirixidas realizadas a falantes que residen na área de Santiago de Compostela. Todas as entrevistas contidas neste corpus foron feitas en español. Cómpre sinalar que o español, tal e como se recolle na información sociolingüística do corpus, non é a primeira lingua de todas as persoas entrevistadas. O obxectivo central deste corpus é, pois, compilar mostras orais do español falado tanto na capital de Galicia coma na súa comarca. Isto significa, como vimos de aclarar na introdución, que o uso do DD como fenómeno asociado ao CC responde, en ocasións, a un proceso de recontextualización do código comunicativo que semella ter por obxectivo amosar un certo nivel de compromiso político e cultural coa propia lingua galega. Neste senso, estudaremos: 1) Cantos informantes introducen o DD nos seus discursos; 2) Cal é a lingua na cal se introduce o DD; 3) De que xeito inflúe o perfil sociolingüístico, social e académico dos falantes na súa escolla.
Tentaremos establecer un marco pragmático para analizar se esta hipótese está fundamentada, ou non. Neste senso, consideramos que, para entender correctamente como funcionan os mecanismos do DD, debemos acometer as seguintes tarefas:
-
Identificar en que marco contextual se produce a cita. Esta tarefa esixe unha análise fonda do contexto enunciativo e dos verbos de enunciación e comunicación empregados.
-
Analizar quen introduce a cita, e quen son as persoas citadas. Este punto é especialmente importante, posto que nos permitirá especular sobre o posible proceso de recontextualización do código comunicativo subxacente no uso do DD. O uso do argumento de autoridade, por exemplo, pode darnos información sobre esta motivación. A cita dun actor social culturalmente relevante pode, en termos epistémicos, diferenciarse dunha cita proferida por un amigo ou un familiar.
-
Estudar cales son as funcións pragmáticas do DD.
-
Reflexionar sobre os factores sociais que inflúen ou poden influír no uso do DD. En contextos sociais bilingües, como é o caso do galego, pensamos que estes factores poden ser ideolóxicos, culturais e políticos. Este feito é especialmente relevante, posto que de existir o citado proceso de recontextualización do código comunicativo, poderemos establecer que o DD é unha forma do cambio de código entendido como un fenómeno sociolingüístico motivado, aparentemente, por un certo compromiso cultural e identitario. Para poder resolver estas cuestións, deberemos atender os marcadores discursivos utilizados polos informantes, ademais de analizar outros elementos suprasegmentais, tales como a entoación.
3. ANÁLISE DO CORPUS
Como xa indicamos nos apartados 1 e 2 do presente artigo, tomamos como base empírica os datos recollidos no corpus ESLORA. Neste corpus, creado pola Universidade de Santiago de Compostela, inclúense 54 entrevistas semidirixidas recollidas na área de Santiago de Compostela e zonas limítrofes. Malia que este corpus conteña unha mostra relativamente pequena dos usos lingüísticos en español dos habitantes desta zona, consideramos que si é representativa da súa área. As entrevistas foron gravadas entre os anos 2007 e 2015, e fan un total de sesenta horas de material. O corpus contén tamén unhas vinte horas de conversas realizadas por distintos falantes. Na nosa análise centramos a nosa atención nas propias entrevistas. En troques de limitar o número de casos analizados, optamos por tomar como base empírica todas as entrevistas recollidas neste corpus. Deste xeito, a nosa mostra non é aleatoria dentro do marco xeral do corpus. O obxectivo deste artigo, polo tanto, é estudar o número de casos de cambio de código recollidos no corpus ESLORA, para deste xeito tentar tirar conclusións xerais aplicables ao corpus na súa totalidade. Somos conscientes de que a mostra analizada non é representativa de toda Galicia, senón tan só da área de Santiago de Compostela. Porén, consideramos que a base empírica analizada, de base principalmente urbana, nos vai proporcionar información útil sobre os hábitos lingüísticos dos seus habitantes.
Optamos por estruturar a análise do corpus utilizando criterios cuantitativos, mais tamén unha perspectiva cualitativa. Nos apartados 3.1. e 3.2. recollemos os datos relacionados coa frecuencia de uso do DD tomando en consideración distintas variables sociolingüísticas. No apartado 3.3. entramos na análise propiamente cuantitativa, onde reflexionamos sobre as funcións pragmáticas asociadas ao uso do DD. Neste apartado resolvemos, ademais, o tipo de conexións existentes entre o DD directo e o CC.
3.1. Análise xeral de resultados: variables sociolingüísticas
Tomamos como punto de partida as ocorrencias recollidas no corpus ESLORA. Este corpus, a nivel sociolingüístico, estrutúrase atendendo a distintos criterios. Podemos destacar os seguintes, entre outros: idade dos informantes; nivel de estudos; sexo; lingua habitual de uso e lingua na que foron educados.
Estas son as variables que escollemos á hora de organizar os resultados nas táboas de traballo: 1) Idade do informante; 2) Nivel de estudos (primarios, medios ou universitarios); 3) Primeira lingua (galego, español ou as dúas por igual; 4) Lingua habitual de uso (galego, español ou as dúas por igual). En varios casos, os informantes non son monolingües en galego ou español. Estes informantes declaran que foron educados maioritariamente nunha das dúas linguas, sen excluír a presenza da segunda. De igual xeito, manifestan que malia que usan preferiblemente unha das dúas linguas nas súas interaccións cotiás, poden usar a outra dependendo das circunstancias. Por este motivo, catalogamos as posibles combinacións de primeiras linguas e linguas habituais de uso utilizando os códigos seguintes: +GAL (máis galego que español); +ESP (máis español que galego); GAL = ESP (galego e español por igual); Só ESP (unicamente español); Só GAL (unicamente galego).
Os datos acadados amósannos que o uso do DD como forma do DR é habitual entre todos os informantes, con independencia do seu nivel de estudos ou lingua de uso habitual. Como podemos apreciar na Táboa 1, só 11 informantes (7 homes e 4 mulleres) constrúen as súas intervencións sen presenza do DD como forma do DR. Non semella que o nivel de estudos dos informantes inflúa no uso do DD como forma do DR: dos setes homes, catro teñen estudos medios, dous estudos superiores e un estudos primarios. Das catro mulleres, dúas teñen estudos medios, e dúas superiores. Porén, si semella existir unha relación directa entre a primeira lingua dos falantes e a presenza do DD: dos once informantes, nove foron educados en español como primeira lingua. Só un informante afirma que foi educado en galego, e un segundo, en galego e español por igual. Se atendemos a lingua habitual de uso, os resultados son semellantes: nove informantes usan o español como lingua principal do seu día a día, ben como única lingua, ben como lingua predominante. Só dous informantes homes empregan o galego como lingua principal nas súas interaccións sociais. No caso dos informantes que introducen só citas directas en español, o 62 % foi educado en español. De igual xeito, o 73 % destes informantes bota man do español como lingua principal nas súas interaccións cotiás. Estes datos invértense de xeito relativo no caso dos informantes que si introducen citas directas en galego nas súas ocorrencias. Como podemos apreciar na Táboa 1, o 44 % destes informantes tivo o galego como primeira lingua, seguidos a curta distancia polos informantes que foron educados en español, cun 38 %. Porén, o español segue a ser a lingua de uso habitual da maioría destes informantes, co 50 % do total.
Baseándonos nestes datos, poderiamos deducir que existe unha certa conexión entre a primeira lingua dos informantes e a introdución de citas directas en galego. De todos os xeitos, a mostra é pequena de máis como para tirar conclusións pechadas. De igual xeito, os datos amosan que o galego como lingua de uso habitual non é condición sine qua non para que os informantes introduzan citas directas en galego. Como se observa na táboa 1, a metade dos informantes botan man deste recurso, por moito que a súa lingua de uso habitual sexa o español.
O perfil académico dos informantes dános tamén información sociolingüística relevante sobre o uso das citas directas en galego, como podemos ver na Táboa 2. Segundo estes datos porcentuais, semella existir unha relación directa entre o baixo nivel educativo dos informantes e o uso de citas directas en galego: o 56 % dos informantes que fan uso deste recurso teñen estudos primarios. Porén, o 31 % dos informantes ten estudos superiores, o cal demostra que o uso do discurso referido en galego non depende exclusivamente da baixa cualificación académica dos falantes. Apreciamos, de igual xeito, que non semella existir unha conexión directa entre a formación académica e o uso do discurso referido directo, ben sexa en galego, ben sexa en español. No caso dos informantes que só introducen citas directas en español, o 38 % ten estudos medios, e o 36 % superiores, por enriba da porcentaxe de falantes que só teñen estudos primarios (o 26 % do total).
Na variable relativa á idade si damos con datos relevantes. Como podemos apreciar na Táboa 3, existe un certo equilibrio porcentual entre os informantes que introducen citas directas referidas só en español. Este recurso é utilizado tanto por informantes novos (42 %), de idade media (32 %) como de idade avanzada (26 %). Porén, os informantes entre os 19 e os 34 anos apenas introducen citas directas en galego, con só un 13 %. No grupo de idade de entre 35 e 54 anos damos cun 31 %, namentres que no caso dos informantes de máis de 54 anos, a porcentaxe sube até o 56 %. Semella existir, pois, unha correlación entre o uso da cita directa referida en galego e a idade dos informantes: a maior idade, existen máis posibilidades de que as citas directas estean en galego.
Este datos semellan relacionarse cos datos do barómetro trimestral de Sondaxe, publicado a través de La Voz de Galicia o 9 de marzo de 2023. Nesta enquisa, centrada no uso e presenza do galego en todo o territorio galego, conclúese que o galego é a lingua maioritaria de comunicación dos falantes de 65 anos ou máis. Se atendemos aos falantes de entre 45 e 64 anos, éo o español cun 23,5 % do total, mais é monolingüe en galego o 21,5 %. No caso dos falantes novos, entre 18 e 29 anos, o 27,2 % emprega fundamentalmente o español, namentres que o 25,9 % se declara monolingüe nesta lingua. Só o 14,5 % usa o galego como lingua de comunicación.
Se atendemos ao sexo dos informantes, apreciamos un certo equilibrio, como podemos ver na Táboa 4. No caso das ocorrencias onde atopamos citas directas en galego, o 56 % foron formuladas por homes, e o 44 % por mulleres. No caso das citas só en español, a relación de forzas invértese: o 58 % dos casos foi proferido por mulleres, e o 42 % por homes. No relativo ás conversas sen presenza de citas directas, o 64 % son homes e o 36 % mulleres. Baseándonos nestes datos, non apreciamos que esta variable teña peso específico na construción dos discursos onde se usa a cita directa como forma principal do discurso referido.
sexo | ||
---|---|---|
informantes | homes | mulleres |
Sen citas directas | 7 (64 %) | 4 (36 %) |
Citas directas só en español | 11 (42 %) | 15 (58 %) |
Citas directas en galego e español | 9 (56 %) | 7 (44 %) |
Todos estes datos, debido ao tamaño da mostra, non permiten que extraiamos conclusións xerais sobre a situación de todo o territorio galego, mais dannos información de interese relacionada coa contorna sociolingüística de Santiago de Compostela e da súa comarca.
3.2. Análise do corpus: citas directas en galego
Logo de analizar as entrevistas contidas no corpus ESLORA, atopamos os seguintes resultados. A efectos prácticos, cómpre sinalar a dificultade que temos á hora de establecer cando comeza e termina unha ocorrencia. En ocasións, o informante enlaza partes dunha mesma historia introducindo pausas valorativas ou mesmo pequenos recesos. Dentro destas ocorrencias localizamos as citas directas. O seu número é variable, e nelas úsase fundamentalmente o español. Cómpre sinalar que optamos por analizar os datos de xeito pormenorizado só naqueles casos onde temos citas referidas directas en galego. Porén, na Táboa 5 indicamos o número de informantes que introducen citas directas só en español.
Son once homes e quince mulleres, para un total de 26 informantes. Apreciamos na táboa 5 que semella existir unha relación directa entre a introdución deste tipo de citas e a primeira lingua dos informantes. No caso dos informantes masculinos, seis teñen o español como primeira lingua, namentres que catro afirman ter sido educados tanto en galego comao en español. Só unha persoa tivo o galego como primeira lingua. Se atendemos á lingua de uso, esta idea parece reforzarse: sete homes usan o español como lingua de uso habitual, por só catro o galego. No caso das mulleres, doce usan o español como lingua habitual de comunicación, por tres en galego. No relativo á formación académica dos informantes, non semella que haxa unha conexión directa entre o nivel de estudos e o uso das citas directas en español. Dos 11 homes, dous teñen estudos primarios, 3 medios e 6 superiores; das 15 mulleres, cinco teñen estudos primarios, sete medios e tres universitarios. De feito, podemos afirmar que o nivel de estudos dos informantes non semella influír no uso da cita directa como ferramenta discursiva. Na Táboa 6 indicamos os casos onde non se usan citas referidas directas.
Son, en total, once casos, sete homes e catro mulleres. Apreciamos que a primeira lingua de practicamente todos os informantes é o español. Isto ocorre en cinco dos informantes masculinos, e en todas as informantes mulleres. Estas, de feito, son todas falantes habituais de español. No caso dos homes, cinco usan sempre ou case sempre o español como lingua vehicular, namentres que dous o fan en galego. Se atendemos ao nivel académico dos informantes, apreciamos que dous homes teñen estudos superiores, catro medios e un primarios. Das mulleres, dúas teñen estudos superiores, e dúas medios.
Na Táboa 7 indicamos o número de ocorrencias nos que os informantes introducen citas en galego a través dos mecanismos formais do DD.
Porén, nunha mesma ocorrencia damos con diferentes citas referidas directas onde se usan tanto o español coma o galego. Como ben se pode apreciar na táboa 7, o número de citas ou ocorrencias é variable. No caso do informante SCOM_H31_043, só damos cunha única ocorrencia. Pola contra, a informante SCOM_M21_041 presenta un elevado número de ocorrencias onde emprega o galego, até as 29. Desagregamos estas ocorrencias en dúas columnas. Na primeira temos as ocorrencias feitas unicamente en español. Na segunda, todas aquelas ocorrencias nas que aparecen citas en español e, ao mesmo tempo, en galego. Desbotamos todas aquelas posibles ocorrencias onde os informantes usan termos en galego, tales como interxeccións, para introducir citas. Nas ocorrencias indicadas reprodúcense, de xeito máis breve ou máis extenso, frases proferidas en galego. Na Táboa 8 indicamos de xeito explícito o número de citas en galego por cada unha das ocorrencias. Indicamos tamén cal é o tema sobre o cal se fala, para deste xeito facilitar a súa localización contextual.
Finalmente, na Táboa 9 listamos o número de persoas citadas e o número de citas proferidas.
Como podemos apreciar na táboa 9, un informante pode citar en varias ocasións distintas frases proferidas por unha mesma persoa. Para facilitar a análise, optamos por indicar quen son as persoas citadas e, entre parénteses, o número de veces que son citadas. Isto explica por que o número de citas é, en moitos casos, superior ao número de persoas citadas. A informante SCOM_M21_041, por exemplo, cita dez persoas diferentes, mais o número de citas elévase até os 52 casos. Clasificamos as persoas citadas en cinco bloques diferenciados: 1) O informante como voz que participa na conversa referida; 2) Familiar directo; 3) Persoa pertencente ao ámbito laboral do informante; 4) Amigo ou coñecido; 5) Persoa descoñecida ou non identificada.
Como vimos de indicar no punto anterior, non semella existir unha relación directa entre a primeira lingua dos informantes e a presenza de ocorrencias en lingua galega. A informante SCOM_M21_041, quen presenta o segundo maior número de ocorrencias en galego, foi educada en español como primeira lingua, mais emprega o galego como lingua de uso habitual. De igual xeito, a lingua de uso habitual non determina de xeito férreo a lingua na que se profire a cita directa. A informante SCOM_M33_009, educada en galego, mais falante de español como lingua habitual, presenta un grande número de ocorrencias en lingua galega. Poderiamos pensar que a lingua habitual de uso é o factor que determina a introdución habitual de citas directas en galego, mais o caso dos informantes masculinos semella negar esta tese. O informante SCOM_H31_042, falante habitual de galego e galegofalante como primeira lingua, introduce máis citas directas en español (5) que en lingua galega (2). Deducimos, por este motivo, que non existe unha relación directa entre a lingua inicial e a lingua de uso habitual coa presenza de ocorrencias en lingua galega. Malia todo, a mostra é pequena de máis para tirar conclusións xerais sobre a situación do resto de Galicia.
Se atendemos á persoa citada en galego, obtemos os resultados seguintes: dos dezaseis informantes, cítanse a si mesmos en galego dez. O número de citas varía, dependendo do informante. En catro conversas, os informantes cítanse a si mesmos nunha única ocasión. En catro conversas, a cita prodúcese en dúas ocasións. Pola contra, a informante SCOM_M21_041 cítase a si mesma en até trinta ocasións. Por último, a informante SCOM_M33_009 bota man deste tipo de citas en cinco ocasións. Non semella que exista unha relación directa entre a lingua de uso habitual e cita en galego. Destas persoas, unha fala español e galego por igual, catro máis español que galego, unha só español e catro máis galego que español.
En cinco entrevistas, as persoas referidas en galego son a avoa ou o avó do informante, ou os dous ao mesmo tempo. Isto último acontece en dúas ocasións. De igual xeito, en tres ocasións introdúcense en galego citas do pai ou da nai do informante. Destas tres, en dous casos reprodúcense as palabras tanto do pai coma da nai en galego. Non podemos establecer unha relación directa entre as relacións de parentesco e o uso do DR en galego, posto que dos dezaseis casos, nove non citan a ningunha persoa da súa contorna familiar. Outras persoas referidas, todas elas pertencentes á familia da informante SCOM_M21_041, son o neto, a cuñada, o irmán e a irmá. O número de citas directas varía (ver Táboa 2, páxina 12).
En cinco ocasións, cítanse persoas que pertencen á contorna laboral dos informantes e que desenvolven traballos diversos. O informante SCOM_H21_039 reproduce en galego as palabras do seu xefe, dun empresario e dun compañeiro de traballo. Os informantes SCOM_H21_054, SCOM_H32_032 e SCOM_M21_041 reproducen tamén o dito por compañeiros de traballo. Esta última introduce tamén unha cita proferida polo seu xefe. A informante SCOM_M33_009, mestra de profesión, limita as citas ao ámbito da aula e todas as persoas citadas son alumnos.
En seis conversas, reprodúcense os comentarios de persoas que son amigos ou coñecidos dos informantes. A relación dos informantes con estas persoas vai da amizade (informantes SCOM_H21_053 e SCOM_H33_002) ás relacións de cordialidade con persoas das súas contornas, como é o caso de coñecidos ou mesmo veciños. De feito, só a informante SCOM_M31_037cita un veciño en galego.
En sete casos, cítanse persoas que non pertencen ao ámbito familiar dos informantes, e tampouco ao seu círculo de amizades. Son persoas descoñecidas ou relativamente descoñecidas. É o caso, por exemplo, do médico citado polo informante SCOM_H33_002.
3.3. Análise cualitativa dos datos
Como indicamos na introdución teórica deste artigo, a alternancia de linguas consiste na introdución dun termo dunha lingua B nun discurso proferido fundamentalmente nunha lingua A. No noso caso, a lingua B é o galego, e a lingua A é o español. Non existe ningún tipo de recontextualización do código comunicativo como base deste fenómeno. De feito, é probable que, en moitos casos, os informantes nin sequera sexan conscientes de que están a empregar termos procedentes do galego. Localizamos, nas ocorrencias analizadas, varios casos de alternancia de lingua dentro dos discursos referidos directos. Aquí temos dous exemplos:
- 3)
Informante SCOM_H21_053, ocorrencia 3. O informante cítase a si mesmo, nunha interacción co seu fillo, onde están a falar sobre os estudos. O informante introduce o adverbio tamén. Subliñamos en negriña quen é persoa citada, para facilitar a comprensión da conversa. En dous casos, a cita está introducida co verbo decir e, noutro caso, cunha pausa prolongada que sinalamos cunha dobre barra lateral:
- 4)
Informante SCOL_H31_045, ocorrencia 6. A informante cita a súa nai. Están a conversar sobre o que van facer no día. A nai está nunha cadeira de rodas, e a informante ofrécelle axuda. A ocorrencia é longa, así que só reproducimos a parte onde se produce a alternancia de linguas, desta volta a través do termo neniña. De novo, o informante introduce a cita referida cunha pausa, que indicamos cunha dobre barra lateral. Cómpre salientar que estas pausas, malia estar marcando a fin do enunciado fonolóxico, non establecen unha ruptura discursiva clara. A informante introduce as distintas intervencións utilizando ditas pausas, sen que a fluencia da narración se altere:
Como podemos observar no Exemplo 3 e no Exemplo 4, a introdución dos termos en galego non semella ser o resultado dun proceso onde os falantes recontextualizan os seus códigos comunicativos cunha certa intención. O uso do adverbio tamén pode se deber, sinxelamente, a un despiste do informante, dado que este foi educado en galego como primeira lingua, e emprega tanto o galego coma o español nas súas interaccións sociais. Dáse, polo tanto, unha posible vacilación entre a lingua que debe empregar na conversa. No segundo caso, o falante limítase a introducir unha forma en diminutivo co sufixo propiamente galego, trazo lingüístico habitual entre todos os falantes residentes en Galicia, con independencia da súa primeira lingua ou lingua de uso habitual ().
Porén, prodúcese o cambio de código cando os falantes entran nunha fase de negociación discursiva que dá como resultado unha recontextualización do código comunicativo. Este proceso, na práctica, implica que os falantes deixen a lingua A (neste caso, o español) pola lingua B (neste caso, o galego), cando menos momentaneamente. Semella que os informantes usan o galego para marcar de xeito intencional, a través da cita, unha certa conexión cun grupo sociocultural concreto. Por moito que a lingua vehicular das conversas recollidas no corpus ESLORA sexa o español, os dezaseis informantes analizados na Táboa 7 parecen introducir discursos referidos en galego como mecanismo de identificación social ou cultural. Isto significa, pois, que todos os casos de cita directa indicados na Táboa 9 son susceptibles de ser codificados como mostras do cambio de código, posto que todos semellan ser o resultado dun proceso de recontextualización comunicativa determinado por distintos factores. É o caso das ocorrencias onde se cita un familiar, normalmente avós, avoas, pais, nais ou outros membros da familia nuclear, mais tamén cando son citados amigos, compañeiros de traballo ou mesmo persoas descoñecidas. Tal cousa acontece no caso da informante SCOM_M31_045, quen usa o galego para citar a súa nai en até nove ocasións. De igual xeito, cítase a si mesma en galego nunha ocasión, cando está a se producir unha interacción coa propia nai. Isto parece indicar que a informante está a negociar consigo mesma o uso do código comunicativo. Cando se decata de que quere indexar no seu discurso un certo conxunto de valores sociais, semella recontextualizar o código comunicativo que está a empregar, pasando do español ao galego. Consideramos a posibilidade de que estes valores estean relacionados coa súa propia identidade lingüística e cultural, a propiamente galega, que se vería indexada no discurso a través do DD.
O exemplo seguinte, extraído do informante SCOM_H21_054, permítenos entender como parece funcionar este mecanismo de realización identitaria. O informante cita a súa nai en varias ocasións ao se lembrar dunha escena vivida cando neno. Nesta escena, o informante tivo que lle explicar a súa nai que quería ir traballar. Indicamos co signo ‘maior que’ (>) a inexistencia de pausas. Neste caso, os informantes enlazan as distintas intervencións dos locutores referidos, así como as informacións contextuais, sen facer ningún tipo de pausa. Reproducimos as intervencións de xeito organizado, indicando a quen pertence a voz citada de forma explícita. Cando o informante dá información adicional sobre o contexto da conversa, optamos por indicalo entre corchetes. Por último, marcamos a cita directa feita en galego en cursiva:
- 5)
[Contexto] Llegué a pedir trabajo, me dijo que sí / y al día siguiente empecé a trabajar / Le dije a mi madre que me llamara temprano / A mi madre no le dije que iba a trabajar /
Informante: me llamas temprano >
Nai do informante: sí sí que hay que ir temprano con las vacas >
Informante: vale vale tú me llamas temprano //
[Contexto] y por la mañana / ella me dijo >
Nai do informante: bueno vas con las vacas para tal >
Informante: y le dije no mira me voy a trabajar con **** //
Nai do informante: que no que no vas a >
Informante: se queres fasme un bocadillo e se non marcho sen o bocadillo //
[Contexto] Y empecé, empecé a trabajar.
No Exemplo 5 observamos como o informante reproduce a conversa en español até que, na súa parte final, opta por citarse a si mesmo en galego. Esta decisión semella responder a unha motivación dual. Por unha banda, o informante parece querer marcar a súa identidade familiar a través da lingua. Por outra, semella demostrar un certo grao de identificación co galego como lingua propia da súa contorna familiar. Este feito permítenos considerar a posible existencia dun certo senso de pertenza a unha comunidade máis ampla, a formada polos galegofalantes. Deduciríamos, por este motivo, que esta lingua era a utilizada habitualmente na casa familiar. As variables sociolingüísticas parecen confirmar esta idea. Segundo a información recollida no corpus ESLORA, a primeira lingua deste informante foi o galego. En segundo termo, o informante defínese a si mesmo como falante de galego. Poderiamos pensar, por este motivo, que está a marcar a súa pertenza a un grupo social máis amplo, o formado polos galegofalantes. O galego é, de feito, a súa lingua habitual de comunicación. Este exemplo semella amosar como funciona o proceso de recontextualización asociado ao cambio de código: logo de avaliar os distintos elementos situacionais asociados á conversa —referencia ao contexto temporal e cultural da súa mocidade—, ademais de considerar a función pragmática do propio discurso —marcación das relacións de afecto con súa nai—, o informante recontextualiza o código comunicativo que está a empregar, pasando do español ao galego. Intuímos que este proceso pode deberse, aparentemente, á intención que este falante ten de amosar unha certa conexión coas súas raíces familiares e culturais a través da lingua utilizada.
No seguinte exemplo, o informante SCOM_H33_002 tamén emprega o cambio de código de xeito consciente en varias ocasións. No caso escollido, reproduce a conversa que un amigo seu tivo cun médico, anos atrás:
- 6)
[Contexto] y entonces pues llegó / al / llegó al médico y el típico médico >
Médico: bueno e usted que? >
Amigo do informante: bueno / eu tal >
Médico: ha vale pois xa sabe / mire / olvídese do café / olvídese do coñac e olvídese de fumar o puro //
[Contexto] pero claro llegó el señor y dijo >
Amigo do informante: bueno / ¿qué me queda? / si es lo único que / si es lo único que que me queda por disfrutar //
[Contexto] la empresa ya lo llevan los hijos los nietos / y dice /
Amigo do informante: si me sacan esto >
[Contexto] y efectivamente / ese tío siguió igual y le dio / le dio un infarto / echando la partida en el café.
Na conversa número 6 atopamos tres citas en galego, dúas proferidas polo médico, e unha polo amigo do informante. No caso do médico, semella estar a producirse un proceso de marcación da propia identidade cultural a través da lingua da cita. O médico vese a si mesmo como membro dun contexto cultural concreto, o galego, e márcao a través da lingua logo de recontextualizar o código comunicativo que estaba a utilizar. De igual xeito, o amigo respóndelle ao médico en galego como resultado deste mesmo proceso compartido de recontextualización. Por último, parece que o propio informante usa o galego nas citas para indexar valores asociados coa súa rede de amigos e coñecidos, así como co contexto situacional onde está a darse a conversa. Podemos intuír que nas intervencións do médico se aprecia unha certa carga irónica, mais dita carga non anula a existencia dun mecanismo comunicativo que persegue algo máis que a transmisión dunha certa información obxectiva, a propia do discurso en si mesmo. Malia todo, este caso é especialmente complexo, posto que, como indicamos previamente, o médico citado é unha persoa descoñecida para o informante. Este cítao a través das narracións que o seu amigo lle contou, polo que interpretar a posible intencionalidade do médico significa entrar no terreo da mera especulación. Agora ben, esta ocorrencia non pode ser codificada como un caso de AL, posto que estamos diante dun fenómeno vencellado á dimensión pragmática da lingua. Semella que son as propias estruturas sociais da contorna sociolingüística onde vive o informante as quen están a determinar o uso do galego na cita directa.
No último exemplo escollido, o cambio de código realízase a través da cita directa en varias ocasións. Pertence á conversa entre a entrevistadora do corpus ESLORA e a informante SCOM_M21_041. Neste fragmento, a informante relata as súas vivencias relacionadas co cancro que padeceu anos atrás. A informante cítase a si mesma en galego en cinco ocasións diferentes, e cita a seu irmán nunha. Non computamos a intervención da entrevistadora (*), feita en galego, por non pertencer ao discurso da propia informante:
- 7)
[Contexto] el domingo / fuimos a bailar / y viene un amigo y me >
Amigo da informante: **** pasa >
Informante: aí vai a peluca >
*Entrevistadora: Xa se enganchou a peluca >
Informante: díxenlle eu xa me engancha a peluca >
[Contexto] porque además me hizo así en el pelo me agarró / y mi amiga hace / y fue así >
Informante: dixen eu xa vai a peluca para //
[Contexto] y yo quedé así / y hice / ya hice así corriendo ¿no? //
Informante: díxenlle eu nada / ya la saco >
[Contexto] porque además el pelo ya estaba así //
Informante: mira / mira ya la saco //
[Contexto] Saquei a peluca porque vía / quedaba / y entonces me dice mi hermano / el mayor / me vio y me dice >
Irmán da informante: e a ti como se che ocorreu cortar o pelo así? >
Informante: pero gústame así
Na conversa número 7 volvemos observar como a informante semella facer un uso activo do galego nas citas directas como resultado dun proceso de negociación lingüística que devén nunha recontextualización do código comunicativo. Nesta conversa, a entrevistadora emprega o galego de xeito puntual. Poderiamos pensar, por este motivo, que a informante usa o galego logo de escoitar a entrevistadora. Este fenómeno non semella producirse, posto que neste fragmento a entrevistadora usa o galego para repetir as palabras pronunciadas pola informante e, deste xeito, reforzar o intercambio dialóxico que se produce entre as dúas. Non existe, por este motivo, unha interacción dialóxica en galego. De feito, a entrevistadora usa o español como única lingua vehicular no resto da conversa. Neste caso, pois, a informante semella empregar o galego tanto para marcar a súa identidade galega como para expresar a súa sensación de pertenza á propia unidade familiar, posto que cita a seu irmán nesta lingua.
4. DISCUSIÓN
Polos motivos expostos, consideramos que as citas referidas directas en galego poden ser codificadas como fenómenos asociados co cambio de código. En todos os casos analizados, semella que o uso do galego na introdución destas citas é o resultado dun proceso de recontextualización do código comunicativo. Nas ocorrencias analizadas, os informantes parecen indexar intencionalmente valores asociados ao seu propio contexto (familia, traballo, amigos) logo de avaliar os condicionantes situacionais e de actividade nos que se produce a conversa. Esta hipótese lévanos a outra interrogante: é posible que os cambios de código en galego introducidos polos informantes funcionen de facto como mecanismo de reforzo identitario? Este reforzo resolveríase ás veces en clave cultural e, noutras ocasións, como reforzo da pertenza a un núcleo familiar concreto. Porén, esta afirmación admite unha crítica fundamental, que pode resumirse na seguinte pregunta: os informantes están a marcar politicamente a súa pertenza a un colectivo a través da cita directa, cando menos de xeito aparente, ou limítanse a usar a lingua que era empregada pola persoa referida? O caso do médico citado no Exemplo 6 resume a nosa dificultade para dar unha resposta satisfactoria e definitiva á pregunta. Esta cuestión é problemática, posto que en varias ocorrencias son citadas as mesmas persoas tanto en galego comao en español, sen que pareza existir un criterio claro que marque esta diferenza. Porén, entendemos que este fenómeno conecta coa nosa tese inicial, posto que amosa como os informantes semellan mudar de código lingüístico como resultado dun proceso de recontextualización que, como meta, persegue indexar valores culturais e identitarios nas interaccións comunicativas.
De igual xeito, o uso como mecanismo introdutor da cita do verbo dicir, en galego, semella validar esta hipótese, cando menos aparentemente. Como analizamos previamente, os informantes adoitan introducir as citas referidas empregando verbos de cita ou pausas na entoación. Unha parte importante dos informantes que introducen citas directas en galego empregan o verbo dicir, en galego, de múltiples formas, atendendo á coherencia temporal da narración (“e dixen”; “e díxenlle eu”; “dixo”; “digo eu”). Ben certo é que este fenómeno pode amosar a falta de límites claros entre as dúas linguas, mais, na nosa opinión, pode ser interpretado tamén como un mecanismo estratéxico que, aparentemente, ten por función comprobar se a persoa entrevistadora entende que é o que se está a dicir. De ser así, a propia introdución da cita funcionaría como un fenómeno vencellado ao cambio de código, posto que no proceso estaría a producirse unha posible negociación relacionada co uso do propio código comunicativo.
Outra cuestión que analizamos ten que ver coa posible influencia que a lingua dos informantes —tanto se consideramos a primeira lingua como se pensamos na súa lingua de uso habitual— ten na introdución das citas directas: inflúe a lingua na que se educaron os informantes no uso da cita referida en galego? Como acabamos de analizar, semella que non, dado que atopamos persoas falantes de español ou galego como primeira lingua que introducen citas referidas en galego, sen que poidamos establecer unha diferenza porcentual taxativa entre os dous grupos. De igual xeito, naqueles casos onde só se usa o español como lingua nas citas referidas, damos con falantes de galego como primeira lingua. Neste caso, semella que estes falantes aceptan os compromisos lingüísticos establecidos na entrevista, e que por este motivo non usan o galego nas súas interaccións. De todos os xeitos, e como indicamos xa no apartado dedicado á análise empírica, a mostra analizada é pequena de máis como para tirar conclusións xerais que dean conta da situación sociolingüística de todo o territorio galego.
En último termo, consideramos que a análise do discurso referido directo pode proporcionarnos información relevante sobre as prácticas discursivas vencelladas á situación sociolingüística da lingua galega. Esta situación segue a estar caracterizada por unha forte diglosia, por moito que o galego, ao longo dos anos, gañara presenza nos ámbitos político, académico, científico e cultural, así como nos medios de comunicación. Esta situación diglósica determina a perda de novos falantes de galego, fenómeno que vén producíndose de xeito sostido no tempo ao longo dos últimos anos, tal e como testemuñan os datos recollidos no Censo 2021 realizado polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Podemos especular se a presenza do discurso referido en galego pode estar relacionada con este feito. De todos os casos analizados con presenza de citas en galego, só dous informantes teñen menos de 30 anos. Un informante ten 47, e o resto de casos foron producidos por persoas maiores de 50 anos. Estes datos relaciónanse tamén cos ofrecidos polas últimas enquisas sociolingüísticas sobre o uso do galego, como a referida enquisa de para o xornal La Voz de Galicia. Segundo esta enquisa, é nesta franxa de idade onde atopamos os grupos de falantes de galego máis grandes. Isto non implica necesariamente a existencia dunha militancia política en prol do galego e da cultura galega, senón que nos amosa que, para estes falantes, o uso do galego é un dos alicerces fundamentais da súa identidade social e lingüística, normalmente porque esta é a lingua que falan na casa e nos seus espazos de lecer. Se nos centramos no caso dos informantes que só introduciron citas en español, vemos como o español é a lingua de uso habitual da maioría (19 persoas de 26. Destas, 10 teñen entre 20 e 40 anos). Isto pode explicar por que estes falantes non introducen citas en galego. Ao perderse o galego en prol do español, non parecen ter a necesidade de marcar a súa propia identidade lingüística a través dun proceso de recontextualización do código comunicativo.
5. CONCLUSIÓN
No presente artigo tentamos problematizar o uso do DD dentro de situacións bilingües de comunicación. Introducimos como hipótese que o uso do DD nunha lingua B, en situacións de comunicación construídas fundamentalmente nunha lingua A, pode ser aparentemente entendido como un fenómeno lingüístico asociado ao CC. Isto acontece sempre en territorios bilingües ou multilingües, como é o caso do galego. Para traballar este tópico centramos a nosa atención en casos onde os falantes introducen citas directas en galego en conversas onde o español é a lingua principal de comunicación, para a seguir reflexionar sobre a función que ten esta estratexia comunicativa. Estudamos, na nosa análise dos datos empíricos, as entrevistas dirixidas recollidas no corpus ESLORA, todas elas gravadas na área xeográfica da comarca de Santiago de Compostela. Dende o punto de vista da metodoloxía, optamos por analizar todas as ocorrencias recollidas neste corpus, indicando en cantas delas se introducen citas directas en español e en galego. Analizamos tamén en cantos casos non se dá ningún exemplo de DD. A seguir, estudamos especificamente aqueles casos onde se introducen citas directas en galego. Na parte final do artigo, introducimos unha discusión onde reflexionamos sobre as derivadas teóricas asociadas á nosa reflexión, como é a cuestión sobre os mecanismos de poder que determinan as escollas lingüísticas dos falantes.
En futuros estudos consideramos que deberiamos ampliar a nosa área de traballo para, deste xeito, comprobar se os datos extraídos do corpus ESLORA son representativos só da área de Santiago de Compostela, ou se, pola contra, funcionan como un espello que reflicte a situación xeral de todo o territorio galego. En vindeiras investigacións, pois, sería de fondo interese estudar cal é a situación nas áreas das outras cidades galegas, ademais de traballar a cuestión no resto de zonas do país. O punto de partida destas investigacións sería comprobar, entre outras cuestións, se o uso das citas referidas directas en galego en conversas en español é igual de frecuente en áreas urbanas e rurais. Habería que estudar, ademais, se a función pragmática asociada a este uso deriva dun proceso de recontextualización do código comunicativo, isto é, se pode ser codificada como un fenómeno asociado ao CC.
Referencias bibliográficas
2
3
4
Álvarez Cáccamo, Celso. 2000. Para um modelo do “code-switching” e a alternância de variedades como fenómenos distintos: dados do discurso galego-português/espanhol na Galiza. Estudios de sociolingüística 1(1), 111-128. https://doi.org/10.1558/sols.v1i1.111
5
Atanes Barciela, Lois Xacobe. 2022. El cambio de código según la teoría de la comunicación: problematización teórico-práctica a través de un caso del corpus ESLORA. Philologia Hispalensis 36(1), 27-50. https://doi.org/10.12795/PH.2022.v36.i01.02
6
Auer, Peter. 1985. The pragmatics of code-switching: A sequential approach. En Lesley Milroy & Pieter Muysken (eds.), One Speaker, Two Languages: Cross-Disciplinary Perspectives on Code-Switching. 115-135. Cambridge: Cambridge University Press. https://doi.org/10.1017/CBO9780511620867.006
7
8
Auer, Peter. 2005. A postscript: code-switching and social identity. Journal of Pragmatics 37, 403‑410. https://doi.org/10.1016/j.pragma.2004.10.010
10
11
Briz, Antonio. 2018. Al hilo del español hablado. Reflexiones sobre pragmática y español coloquial. Sevilla: Editorial Universidad de Sevilla. https://doi.org/10.1515/9783110362084-023
12
Cashman, Holly. 2005. Identities at play: language preference and group membership in bilingual talk in interaction. Journal of Pragmatics, 37, 301-305. https://doi.org/10.1016/j.pragma.2004.10.004
13
ESLORA: Corpus para el estudio del español oral <http://eslora.usc.es>, versión 2.1 de xuño de 2021, ISSN: 2444-1430.
14
16
17
18
Instituto Nacional de Estadística. 2023. Censo 2021. https://www.ine.es/dyngs/INEbase/es/operacion.htm?c=Estadistica_C&cid=1254736177092&menu=resultados&idp=1254735572981 [23/4/2023]
20
21
22
Myers-Scotton, Carol. 2007. Code-switching with English: Types of switching, types of communities. World Englishes, 8(3), 333-346. https://doi.org/10.1111/j.1467-971X.1989.tb00673.x.
24
Poplack, Shana. 1980. Sometimes I'll start a sentence in Spanish Y TERMINO EN ESPAÑOL: toward a typology of code-switching. Linguistics 18, 581-618. https://doi.org/10.1515/ling.1980.18.7-8.581
25
Poplack, Shana. 2015. Code Switching: Linguistic. International Encyclopedia of the Social & Behavioral Sciences, 2.ª edn, volume 3, 918-925. https://doi.org/10.1016/B978-0-08-097086-8.53004-9
26
Repede, Doina. 2018. El uso del discurso referido en el corpus PRESEEA-Sevilla. Anuario de Letras. Lingüística y Filología 6, 187-218. https://doi.org/10.19130/iifl.adel.6.1.2018.1481
27
28
29
30
San Martín, Abelardo & Silvana Guerrero. 2013. Una aproximación sociolingüística al empleo del discurso referido en el corpus PRESEEA de Santiago de Chile. Revista Signos 46(82), 258‑282. https://doi.org/10.4067/S0718-09342013000200005
31
Sondaxe. 2023. Barómetro trimestral sobre o uso do galego. La Voz de Galicia. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2022/03/04/span-langgl-galego-na-casa-castelan-traballospan/00031646412936387314513.htm [21/4/2023].
32
Vázquez Veiga, Nancy. 2003. Pero ya hablé gallego, lle dixen eu...: análisis de un caso de alternancia de códigos en una situación bilingüe. ELUA. Estudios de Lingüística, 17, 589-606. https://doi.org/10.14198/ELUA2003.17.33
33
Wei, Li. 2005a. Starting from the right place: introduction to the special issue on Conversational Code-Switching. Journal of Pragmatics 37, 275-279. https://doi.org/10.1016/j.pragma.2004.10.003
34
Wei, Li. 2005b. How can you tell? Towards a common sense explanation of conversational code-switching. Journal of Pragmatics 37, 375-389. https://doi.org/10.1016/j.pragma.2004.10.008
35
Williams, Ashley M. 2005. Fighting words and challenging expectations: language alternation and social roles in a family dispute. Journal of Pragmatics, 37, 317-328. https://doi.org/10.1016/j.pragma.2004.10.003
Notas
[1] Gumperz entende a noción de código segundo criterios non restrinxidos. Para Gumperz, un código é un sistema lingüístico formado por diferentes elementos que permiten o intercambio de información dentro dunha conversa. Cando Gumperz fala destes elementos, estase a referir ás regras gramaticais, estruturas sintácticas, trazos fonéticos e formulacións prosódicas asociadas a unha lingua.
[2] Gumperz diferencia entre dous conceptos que nos dan información sociolingüística dos falantes. Son as nocións código-nós (We code) e código-eles (They code). Un falante bilingüe usaría o código-eles en, fundamentalmente, situación formais que demandan un rexistro lingüístico concreto. É o caso da administración, a xustiza ou a sanidade. O uso do código-nós, pola contra, funcionaría como marcador da propia especificidade étnica e cultural, e serviría para reforzar o sentimento de pertenza a un grupo étnico concreto.
[4] Álvarez Cáccamo critica neste punto a noción de variedade lingüística, tal e como foi definida por . Para Gumperz, toda variedade lingüística é un código lingüístico que implica a existencia dunha identidade social definida. Ao cambiar dun código a outro, dáse tamén un cambio dunha identidade concreta a outra. Esta idea, atendendo á realidade lingüística galega, devén errónea. Como ben apunta , os falantes non mudan necesariamente de identidade cultural cando están a falar diferentes linguas. No caso galego, un falante de galego cunha identidade lingüística definida, a propiamente galega, non deixa de tela por expresarse en español.
[5] O falante, un home de 29 anos, ten estudos medios. Foi educado tanto en galego comao en español como primeiras linguas, e adoita empregar as dúas como linguas habituais de comunicación.
[6] O informante é un home de 60 anos con estudos medios. O galego é a súa primeira lingua. Adoita usar tamén o galego como lingua habitual de comunicación.
[7] argumenta, logo de analizar o corpus Encuestas de habla urbana de Sevilla, que o uso do DD está moito máis estendido que o do DI. En todas as mostras analizadas, o DD é o máis utilizado: dDo total de mostras de DR analizadas (643), 550 (un 85,53 % do total) constrúense baixo a forma do chamado paradigma canónico. Isto é, adoptan a forma do DD (389) ou do DI (161). Repede comprobou no seu estudo que o uso do DD é máis habitual entre os informantes de nivel educativo baixo. De todos os casos de DD rexistrados, 36 foron proferidos por persoas de nivel alto, 80 por persoas de nivel medio e 366 por persoas de nivel baixo. Pola súa banda, o uso do DI amosa un certo equilibrio: 68 casos entre persoas de nivel alto, 40 de nivel medio e 53 de nivel baixo.
[8] A análise de , centrado no español falado na cidade venezolana de Mérida, camiña na mesma dirección que a investigación de Repede: o uso do DD como forma do DR é xeneralizado, e moi superior, ao do DI. Ademais, son as persoas cun perfil educativo máis baixo quen fan uso deste recurso con maior asiduidade. O estudo de A amosa resultados semellantes: nas dezaoito entrevistas analizadas, todas elas recollidas no corpus PRESEEA de Santiago de Chile, obsérvase un uso predominante do DD. A porcentaxe de casos rexistrados é do 74,2 %, por un 25,8 % de ocorrencias construídas utilizando o DI. Estes autores notan, ademais, que o 61,8 % dos casos onde se usa o DD son narracións, relatos que teñen unha función contextual e experiencial. En base a isto, podemos intuír que o DD é un recurso utilizado, fundamentalmente, cunha función narrativa. De todos os casos analizados, é o grupo de persoas cun nivel educativo medio quen maior uso fai do DD, cun 31,8 %. Séguelle o grupo de persoas cun perfil educativo baixo, cun 23 %, e o grupo de persoas cun perfil alto, cun 19,5 %. Vemos aquí, pois, unha certa diverxencia entre estes resultados e as achegas formuladas por .
[9] O corpus ESLORA, na súa constitución, segue as liñas metodolóxicas do corpus PRESEAA, centrado nas variedades de español existentes no chamado mundo hispánico.
[10] Como xa sinalamos previamente, indicamos cunha barra lateral / a presenza de pausas breves. A dobre barra lateral // indica a existencia dunha pausa algo máis prolongada.