Contido principal do artigo

Estela Fidalgo Garra
Universidade de Santiago de Compostela / Instituto da Lingua Galega
Spain
https://orcid.org/0000-0001-9332-5901
Miguel Guisantes Alonso
Universidade de Santiago de Compostela / Instituto da Lingua Galega
Spain
https://orcid.org/0000-0003-0761-4040
Vol. 17 (2025): Estudos de Lingüística Galega (2025), Pescuda
https://doi.org/10.15304/elg.17.10426
Recibido: 2025-01-30| Publicado: 2025-08-24

Resumo

Este estudo explora as ideoloxías lingüísticas da mocidade galega fronte á crecente hexemonía do inglés, nun contexto de contacto lingüístico global e transformación sociolingüística. O galego, tradicionalmente en situación de subordinación fronte ao castelán, enfróntase agora a novos retos derivados da expansión do inglés como lingua franca. A investigación analiza como dous grupos de discusión compostos por estudantado universitario de Galicia, un de falantes habituais de galego e outro de español, (co)constrúen discursos arredor da supremacía do inglés fronte á lingua propia e do concepto de multilingüismo. O traballo insírese na terceira vaga da sociolingüística e apóiase na Análise Crítica do Discurso, baseándose en investigacións previas sobre a construción do significado social da variación lingüística. Neste contexto, os resultados suxiren que, malia as diferenzas na lingua de uso habitual, a totalidade das persoas participantes reproduce un discurso que asume a premisa da dominación lingüística e un concepto de plurilingüismo reducionista. Deste xeito, o traballo contribúe á visibilización do impacto da globalización sobre as linguas minorizadas e á importancia de reverter unha serie de políticas que non están a promover unha convivencia lingüística equilibrada.