Emilia Pardo Bazán reivindicou a súa galeguidade e reflectiu a súa paixón por Galicia ao longo de toda a súa obra narrativa. Como di Ramón Villares: "nada de Galicia lle era alleo", unha afirmación que se ve corroborada polo seu profundo coñecemento da paisaxe e da paisanaxe da súa terra. Con esta premisa, José María Paz Gago analiza a obra literaria, ensaística e periodística da autora de Los Pazos de Ulloa. Catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada na Universidade de A Coruña, Paz Gago pon o colofón ao ano pardobazaniano con Emilia Pardo Bazán e Galicia, unha obra que vén completar a súa triloxía de homenaxes dedicadas á autora coruñesa xunto coa edición da novela inédita Selva e a obra ilustrada La vida contemporánea. Emilia Pardo Bazán en su tiempo y en el nuestro, ambas editadas por Hércules de Ediciones.
Facendo gala dun exhaustivo coñecemento sobre a obra da condesa, Paz Gago elabora unha guía pormenorizada dos espazos xeográficos nos que dona Emilia ambientou as súas obras. A Galicia de Pardo Bazán non é unha terra soñada ou inventada, senón que é o país que ela coñeceu moi ben e que unicamente modificou levemente na súa nomenclatura mediante a creación de topónimos que son identificábeis coas principais cidades e vilas galegas. Marineda, Portodor, Vilamorta, son nomes asociábeis facilmente con A Coruña, Sanxenxo ou O Carballiño e que dona Emilia utiliza como escenario de novelas como La Tribuna, Doña Milagros, La sirena negra ou El cisne de Vilamorta. Pola súa banda, Santiago de Compostela ou Pontevedra son nomes reais conservados pola autora, quen recrea incluso os pormenores do seu trazado urbanístico e artístico en obras senlleiras como Pascual López. Autobiografía de un estudiante de medicina e Una cristiana.
A monografía estrutúrase en sete bloques. Os seis primeiros constitúen un estudo pormenorizado, amplísimo e minucioso da xeografía vital e ficticia de Pardo Bazán. O último apartado, titulado "Emilia Pardo Bazán ante a lingua e a literatura galegas", reivindica o labor da condesa como firme defensora da cultura e do patrimonio lingüístico galegos a pesares da súa inimizade con persoeiros do galeguismo como Curros Enríquez ou Manuel Murguía.
A introdución de Emilia Pardo Bazán e Galicia, apunta, ademais, outro tema de plena actualidade neste ano de efemérides pardobazanianas, como é a importancia do feminismo na obra de dona Emilia, revisitado, esta vez, a partires do coñecemento das características da feminidade da muller galega. En obras periodísticas como La gallega descríbese un modelo de muller labrega, traballadora e infatigábel, cunha marcada fisionomía sueva e dotada dun encanto particularísimo que se expresa na dozura do seu acento agarimoso. Tamén novelas como Insolación recollen, a través da súa protagonista, Asís, un novo arquetipo de muller independente que aspira a gozar dunha sexualidade plena, afastada de convencionalismos e de calquera tipo de represión social.
Tal e como sinala a introdución, o volume non pretende ser un traballo académico, senón máis ben unha achega ensaística á relación de dona Emilia e a súa terra. Non é esta unha tarefa doada xa que como recoñece o propio Paz Gago, trátase dun labor enciclopédico que non resulta posíbel compendiar nas 237 páxinas deste estudo.
A pesares disto, o autor consegue trasladarnos aos ambientes e escenarios da obra de Pardo Bazán, facendo gala dun coñecemento do terreo admirábel. Nótase que Paz Gago ten visitado, explorado e analizado persoalmente os lugares dos que dona Emilia fala nos seus textos. Dando mostra dunha perseveranza detectivesca, segue as pegadas deixadas nas novelas, relatos e artigos da autora para ofrecernos unha completísima descrición da Galicia de finais do século XIX e comezos do XX.
Especialmente admirábel é a análise urbanística da Marineda pardobazaniana na que Paz Gago localiza todas e cada unha das zonas da Coruña real, pasada e actual. Ancorado firmemente nos textos da condesa, o autor axúdanos a explorar a Cidade Vella, A Peixaría e os extramuros dunha vila que dona Emilia nos invita a pasear nun itinerario que ben podería constituír un reclamo turístico para os amantes das rutas literarias.
Tras unha primeira parada en Marineda, o explorador curioso podería achegarse á Galicia mariñeira das Rías Altas e visitar a Alborada literaria tras a que se esconden as Torres de Meirás. O capítulo dous do libro é precisamente un percorrido polos interiores e exteriores do retiro campestre da escritora que, dende Meirás, podía dirixirse facilmente ao porto de Sada (Areal) e á capital das Mariñas, Betanzos (Brigos), escenarios todos eles das andanzas reais da autora e dos personaxes de contos como La hoz ou Cuesta abajo. A visita literaria a esta zona incluiría a xeografía de pequenas aldeas como Seixedo, Soñedo, Coiro, Morcelle, Oleiros...e tantas outras que dona Emilia coñecía moi ben e das que deixou abundantes testemuños, sobre todo a través dos seus relatos breves dos que Paz Gago dá abundantes citas e exemplos (Contra treta, En silencio, Rodando...).
No terceiro capítulo, dedicado a Santiago, é moi interesante encontrar un certo desapego por parte da autora de Pascual López, que se reflicte nunha análise do ambiente melancólico, gris e chuvioso da cidade que non parece, a tenor dos textos da autora seleccionados por Paz Gago, gustarlle demasiado. En cambio, queda claro que dona Emilia si admira o patrimonio artístico santiagués, representado non só pola Catedral, senón tamén polo Pazo de San Lorenzo ou o mosteiro de San Paio. Non obstante, a catedral santiaguesa como emblema da peregrinación a Compostela é obxecto dunha particular análise e consideración por parte da condesa en moitas das súas obras e Paz Gago incluso atribúe a dona Emilia a idea de empregar a cuncha de vieira como distintivo das peregrinacións compostelás. Pola súa banda, o Santiago científico e intelectual non deixa de ser fascinante para unha Pardo Bazán de mente aberta e de afeccións lectoras, que aprecia o afán polo saber e polo debate propios dunha cidade universitaria.
Novelas como Una cristiana e a súa secuela, La prueba, Insolación e La sirena negra, ambiéntanse, nalgún momento das súas tramas, nas cidades e vilas das Rías Baixas. A propia dona Emilia tamén rememora nos seus Apuntes autobiográficos os seus veraneos nesta zona de paisaxe encantador e clima privilexiado. Vigo e Pontevedra son as cidades senlleiras desta zona da Galicia sur.
A cidade de Vigo non só é escenario de ficción senón tamén obxecto de admiración e loa no artigo publicado pola condesa en La Ilustración artística en 1912. Vigo é un exemplo de desenvolvemento industrial, demográfico, urbanístico e cultural, segundo sinala Pardo Bazán, quen parece especialmente compracida pola vida teatral da cidade. Pontevedra tamén é moi importante para a autora xa que no xornal El progreso desta cidade publicou, en 1866, o seu primeiro conto: Un matrimonio del siglo XIX. A autora, ademais, recoñeceu en 1912 os encantos turísticos da capital da provincia nun texto publicado na Guía del Turista e fixo fincapé na importante variedade do patrimonio arquitectónico da cidade nun artigo publicado en La Ilustración artística en 1913. Ademais, nas novelas Una cristiana y La prueba, a autora esboza unha imaxe do caciquismo que abomina e que afecta a toda Galicia, pero que ela sitúa na cidade do Lérez.
Un dos grandes atractivos do estudo de Paz Gago é o percorrido ao que nos invita pola Galicia rural do interior a través de Los Pazos de Ulloa e La madre naturaleza. En xaneiro de 2021, no artigo publicado en ABC, "Los Pazos de Emilia", Paz Gago recollía as súas achegas sobre os lugares emblemáticos onde a autora coruñesa situara as súas novelas máis famosas. En Emilia Pardo Bazán e Galicia, afonda nesta exploración iniciática e engade, ademais, interesantes reflexións sobre a fidalguía, os oficios e a natureza abraiante da rexión.
Finalmente, Paz Gago fai honor ás súas orixes e, sempre da man de dona Emilia, transpórtanos, no penúltimo capítulo da súa monografía, aos mosteiros da Ribeira Sacra e Celanova. A provincia de Ourense é testemuña dos grandes éxitos literarios de dona Emilia e tamén a sede onde vai poder honrar o seu admirado pai Feijóo. Celanova, pola súa parte, é obxecto de interese turístico e familiar para Pardo Bazán, quen tiña antepasados, por parte de pai, nesta vila ourensá. En Celanova, dona Emilia imprégnase de espírito medieval no mosteiro de San Rosendo e reivindica a tradición cultural dunha terra que contaba cunha ampla nómina de escritores e poetas.
Emilia Pardo Bazán e Galicia é un traballo escrito dende o amor por Galicia e pola obra de Pardo Bazán. O autor consegue trasladarnos ao país da condesa sen deixar de lado as referencias á Galicia actual. O traballo, moi documentado, recolle e amplía todos os estudos parciais que se teñen feito sobre o tema. Paz Gago prescinde ao longo do texto de múltiples e moi a miúdo intricadas referencias críticas para facilitar unha lectura áxil. Non obstante, a abundante e completa bibliografía que se recolle ao final do libro acredita o seu talante rigoroso. Trátase dunha obra de valor antropolóxico, xeográfico, literario e incluso de interese turístico, válida tanto para os amantes de Galicia como para os devotos de Pardo Pazán, e que resulta moi útil para calquera lector curioso que decida explorar, literariamente, unha Galicia moi real e visitábel.