Introdución
O día que Lewis Carroll concibiu a historia de Alicia, durante un tranquilo paseo polo Támesis, non podía saber a repercusión que a súa obra ía ter no sistema literario en xeral, e no infantoxuvenil en particular. explica que a publicación de Alice in Wonderland no 1865 supuxo a orixe real da entronización do modelo fantástico para público infantil e a constitución decisiva dunha Literatura Infantil e Xuvenil (LIX) con voz propia, afastada dos propósitos didácticos típicos da época.
Mais a expansión vivida até o día de hoxe do mundo creado por Carroll, que posibilita a consideración da historia de Alicia como unha narrativa transmedial () que se expande en distintos medios, alén do literario, fixo nacer propostas moi orixinais. Neste sentido, explica que “a globalização da imagem de Alice e o seu reconhecimento imediato por parte de um público que ultrapassa largamente o universo dos leitores da obra-prima de Carroll resulta de um processo de releituras sucessivas, transformando-a numa espécie de topos literário”.
Deste proceso continuo nace o álbum ilustrado sobre o que xira esta nota, Madame le lapin blanc (2012), con texto e ilustracións de Gilles Bachelet (Francia, 1952), publicada en español por Adriana Hidalgo Editora en 2016, e reimpresa catro anos máis tarde. A obra vincúlase coa tendencia pola reescritura subversiva de materiais literarios clásicos característica da literatura infantil actual, que en moitos casos aposta polo formato álbum. Segundo, hoxe en día é posible atopar un corpus importante de álbums ilustrados mediante os cales se “ofrecen reescrituras de textos clásicos que se apartan de versiones originales porque las historias son narradas no desde la perspectiva de un narrador omnisciente, sino de uno o varios personajes que intervienen en ellas”. Neste sentido, a reescritura é vista como unha estratexia para a reflexión metaficcional que esixe unha lectura activa, ao mesmo tempo que pretende fomentar o gusto pola transgresión e a transformación (), que se ve reforzada polo xogo intertextual acometido polas ilustracións. Segundo explica , centrando a atención no caso concreto da reescritura da tradición oral,
Fairy- tale illustrations, like fairy- tale retellings and criticism, can thus off er to the reader a variety of interpretations of a given tale, among other means by drawing special attention to aspects or parallels in the story that may have escaped the reader’s attention, by contradicting messages in the text, or by situating scenes in a broader context
As alteracións de focalización e da voz narrativa é algo central na reescritura que se pretende estudar, xa que a través delas constrúese unha narrativa orixinal próxima aos intereses da corrente feminista que, na década dos 70 do século pasado, comezou un importante traballo de análise e denuncia do sexismo presente en gran parte das obras da literatura infantil. En efecto, a consideración da influencia da literatura infantil na reprodución e interiorización de patróns e estereotipos de xénero non só motivou o estudo das obras existentes, senón que reforzou o interese por escribir álbums ilustrados que apostaran polo empoderamento dos personaxes femininos e a súa liberación de roles e tramas estereotipadas ().
Por todo o dito, a presente nota ten por propósito facer unha breve análise da obra de Bachelet, tanto das compoñentes narrativas, visuais e textuais coma ideotemáticas, aplicando a perspectiva de xénero, para poder alumar a intencionalidade que subxace na construción dunha historia que lle dá aparente visibilidade a un personaxe descoñecido para o gran público.
La esposa del Conejo Blanco como reescritura literaria
Partindo dos estudos de , a reescritura literaria pode ser entendida como un proceso de hipertextualidade (forma de intertextualidade ou dialoxismo intertextual) polo cal un texto A (hipotexto) se inclúe dentro dun texto B (hipertexto) dalgunha maneira que non é o comentario. explica que, tras a consolidación do sistema literario infantoxuvenil, empezaron a xurdir reescrituras que subverten e deconstrúen o material de partida nun acto creativo totalmente liberador.
La esposa del Conejo Blanco é un claro exemplo da reescritura literaria de Alice in Wonderland (1865), de Lewis Carroll. Trátase da primeira novela protagonizada pola pequena Alicia que relata as súas viaxes e aventuras no País das Marabillas. A súa consideración de reescritura faise patente xa dende os paratextos exteriores. O propio título introduce a un dos personaxes fundamentais da obra, o Coello Branco, cuxo nomeamento serve tanto para vincular a reescritura co seu hipotexto como para reforzar a denuncia social en materia de xénero da obra. No obstante, a ilustración que o acompaña (Fig. 1) pon e primeiro plano á verdadeira protagonista, a súa esposa, cunha expresión que deixa clara a súa incomodidade ante o seu rol de esposa e nai. Ao mesmo tempo, o marido aparece representado ao fondo, a través da ventá, atafegado pola súa incesante necesidade de chegar a tempo ao seu destino, mirando desesperado o reloxo, como foi introducido no hipotexto.
Por outra parte, na contracuberta refórzase a natureza da obra como reescritura, introducindo incluso o título da obra de Carroll, iniciando cunha serie de preguntas que lle confiren protagonismo ao Coello Branco, para despois introducir á súa esposa e trasladarlle a responsabilidade de guiar a narración
¿Por qué el conejo Blanco de Alicia en el país de las maravillas siempre está retrasado? ¿Qué hace fuera de sus horas de servicio en el palacio de la Reina de Corazones? ¿Está casado? ¿Tiene hijos?
A través del diario de la esposa del Conejo Blanco, vamos a entrar en la intimidad de su pequeña familia, conoceremos a su progenie y descubriremos la cara oculta de un país en el que no suceden sólo maravillas...
En efecto, a obra constrúese como un desafogo narrado en primeira persoa pola súa protagonista, a esposa do Coello Branco, que vive con infelicidade e resignación o día a día como esposa e nai. Un marido ausente, aínda que de corpo presente, e unha proxenie demandante e afectada por condicionantes sociais aos que resulta moi difícil facerlles fronte. A coella recorda o día no que cumprir o seu soño de ser escritora aínda era posíbel, e retrata a súa situación con sarcasmo, aínda que sen atreverse a esixir aquilo co que soña, que en síntese sería a corresponsabilidade do seu marido para coas tarefas do fogar e o coidado dos menores, así como a mellora da relación de parella. Neste sentido, estaríase ante unha reescritura ideolóxica, propia das obras que reutilizan os elementos ou motivos dos contos, dotándoos dun contido ideolóxico determinado (; ).
Ao longo da historia é posíbel recoñecer diversos personaxes e elementos do mundo creado por Carroll, incluso un breve cameo da pequena Alicia. Aínda que non se chega a dicir o seu nome, podemos identificala tanto polo texto, que indica que “parecía más bien educada, más allá de una molesta tendencia a cambiar de tamaño por cualquier motivo” [], así como pola ilustración que acompaña o texto. En todo caso, todos os personaxes son introducidos na nova narrativa de maneira coherente, reforzando a natureza hipertextual do álbum pero dotándoo de independencia creativa.
Texto e imaxe a mercé da mensaxe
O feito de querer darlle protagonismo a un personaxe que, de orixe, nin o tiña nin había interese por outorgarllo, non é unha tarefa fácil. Neste grupo estarían moitas mulleres que, tanto na realidade como na ficción, se viron silenciadas e subxugadas mediante unha construción machista e heteropatriarcal que aínda estamos lonxe de deixar atrás. Bachelet, cando concibe a súa obra, é consciente de que a historia da esposa do Coello Branco debía ser similar a de tantas “esposas de” que perdían o seu propio nome e identidade ao contraer matrimonio. Por esta razón, dota de coherencia a súa proposta utilizando o diario como fío condutor, cuxa utilidade expresiva reside na transmisión da realidade como se fora só linguaxe, e non literatura.
A obra fai que o íntimo se volva público, aproveitando esta transición para denunciar a relegación da muller ao doméstico provocada pola instancia do matrimonio. fala da vinculación entre marxismo e feminismo para argumentar que o sometemento do feminino se fixo efectivo grazas ao confinamento das mulleres no traballo doméstico e á súa exclusión do traballo produtivo que, á longa, as fixo dependentes e submisas aos homes, para o cal se utilizou o matrimonio monógamo.
A protagonista, privada dun nome propio e condenada a ser coñecida como a esposa do famoso Coello Branco, desafoga a frustración provocada por unha vida monótona e non desexada deixando fluír os seus pensamentos nas follas do seu diario persoal. A narración relata unha vida complexa, tanto no seu rol de esposa coma no de nai, ao mesmo tempo que utiliza a ironía para criticar a consideración elevada dos quefaceres lonxe do ámbito doméstico que realiza o seu marido. Por exemplo, mentres o texto di: “Pero mi marido tiene mucho que hacer con su trabajo en el Palacio... y en ocasiones hasta se ve obligado a volver tarde a casa” [], a ilustración a dobre páxina mostra a distintos personaxes ebrios no xardín de palacio e, en primeiro plano, á esposa do Coello Branco portando ao seu marido nunha carreta, incapaz de manterse en pé [Fig. 2].
Esta relación de contrapunto entre texto e imaxe intercálase con outro tipo de vinculacións entre ambos compoñentes, aínda que en todo caso se mantén a riqueza de información achegada pola ilustración. Aínda que non con tanta redundancia, é posíbel observar algún caso no que se utiliza a relación contraditoria. Non obstante, vincúlase co proceso de resignación da coella e a realidade que ela quere crer que vive, aínda que sexa moi consciente de que se trata dunha ilusión. Por exemplo, presenta os pequenos xemelgos Gilbert e George como “muchachos aplicados y sensatos” [], pero en diversos momentos os retratos que se ofrecen nas ilustracións fannos comprender que a imaxe idealizada se afasta moito da verdadeira.
As imaxes amplifican o significado das palabras e enchen os ocos baleiros que deixa o pouco texto que as acompaña. Nalgúns casos, trátase dunha interacción complementaria levada ao límite, xa que non só se trata dunha ampliación moi significativa, senón que se utiliza a imaxe para concretar o sentido figurado dunha expresión. Por exemplo, cando a coella fala doutro dos seus fillos, indícase que “A veces mi pequeño Eliot parece muy adelantado para su edad” [], mentres se observa na imaxe como lle levanta a saia a unha das bonecas da súa irmá, anunciando unha incipiente curiosidade sexual.
Outro exemplo curioso desta maneira de vincular ambos compoñentes dáse nunha dobre páxina onde a coella fala do fácil que corren os rumores e a xente chega a coñecer datos da vida privada dos demais, mentres o seu home non sabe o que pasa na súa casa porque non mostra ningún interese. Mentres indica isto, de fondo vemos a rúa, onde os veciños falan e, a través da ventá dun piso superior, a filla adolescente da coella nunha sesión de fotos onde adopta poses claramente sexualizadas [Fig. 3]. Aínda que inicialmente parece que non é posíbel coñecer a identidade do fotógrafo, do cal non se ve o rostro, no escaparate inferior vemos que se trata do estudio do fotógrafo C. L. Dodgson, iniciais e apelido real do Carroll, sobre quen aínda hoxe recaen diversas sospeitas de ter sido un pedófilo reprimido por mor de ter fotografado nenas espidas ou con pouca roupa. fai referencia a isto nun traballo onde explica que pese a que os primeiros propósitos de Carroll ao realizar esta práctica puideron responder ao seu desexo de liberar a temática artística e desacougar a puritana moral victoriana, as fotografías das súas “nenas-amigas” ―como el mesmo as denominou― remítennos ineludibelmente a intencións condenatorias:
Su fotografía evidencia una osada apuesta reivindicativa por el desnudo integral femenino y una moral sin prejuicios, menos estricta y puritana y, por supuesto, más libre, pero esta misma audacia que le lleva a fotografiar niñas descamisadas, semidesnudas o vestidas está en plena consonancia con una práctica habitual en su criticada sociedad victoriana como fue el coleccionismo de imágenes con niños y niñas desnudas con fines poco lícitos e ilegales. ()
Na mesma dobre páxina, no escaparate situado no lado dereito, que corresponde a unha tenda de sombreiros, pódese observar outra mostra da vinculación entre a realidade contextual que viu nacer a historia de Alicia e a realidade ficcional creada e orquestrada por Bachelet. A loucura do Sombrereiro co cal se atopa Alicia na obra de Carroll responde ao feito de que, naquela época, un dos compoñentes utilizados no tratamento da tela para a fabricación de sombreiros tiña efectos nocivos para as persoas, cuxos síntomas chegaron a ser confundidos con algunha enfermidade mental. Na ilustración do álbum, tras o escaparate da tenda, sobresae o sombreiro dun personaxe que non se pode identificar, pero que resulta moi similar ao que o ilustrador John Tenniel creou para o personaxe do Sombrereiro Tolo na edición orixinal da novela.
Por outra parte, as ilustracións tamén asentan o xogo metaliterario sobre o que se erixe a proposta. Mentres o texto escrito no diario pola coella se mostra encadrado de distintas maneiras, podendo ocupar a páxina simple case de maneira completa ou alternando e adaptando a súa posición en función de onde vai situada a ilustración, nas imaxes vemos en diversas ocasións a propia coella realizando a tarefa de escribilo. Ademais, ao remate da historia, a modo de epílogo, o autor deixa unha nota onde di: “Cuando se lleva un diario íntimo, hay que evitar dejarlo a la vista” [], e a ilustración mostra o esposo da coella lendo o texto sobre o que se constrúe o álbum para pasar directamente a intentar improvisar unha tarta sorpresa para a súa muller, da que nunca chegamos a ver a reacción.
Nesta ocasión, como en moitas outras, a ilustración é capaz de darlle un novo significado ou expandir o contido que se pode ler, reforzando a mensaxe latente da historia, cuxa dureza parece loitar por mostrarse con máis claridade ao lector. Por exemplo, nas expresións da coella e a súa alternancia cando está soñando cunha vida distinta ou soportando aquela na que se ve encerrada, ou as ás que lle saen ao marido co que ela fabula na súa mente, un que si participa nas tarefas do fogar. A isto teriamos que sumarlle tamén a cantidade de información que se agocha nos pequenos detalles, como os elementos e personaxes do hipotexto de Carroll que se van dando cita a través das ilustracións (por exemplo, na escena da escola mostrada na Fig. 4), ou a inclusión de referencias da realidade alén da ficción, algunhas de carácter histórico, como as noticias visíbeis no periódico que le o Coello Branco falando do Titanic, dos asasinatos de Jack o Destripador ou das manifestacións a favor do voto feminino.
Conclusión
A imaxe final coa que pecha a obra, onde vemos unha estampa familiar a través dos ollos da propia coella, co seu marido esgotado portando unha tarta á que lle costa manterse en pé, puidera ser interpretada como un halo de esperanza. Mais non parece posíbel para a protagonista desta historia. Ela é consciente da situación na que se atopa e a resignación é a única opción que é capaz de imaxinar. Isto queda claro tanto cando escribe “La vida que llevo está muy lejos de aquella con la que había soñado”, como cando a súa única petición real é “¿Mi señor marido se acordará al menos de que hoy es el día de mi cumpleaños?” []. Mais de novo Bachelet é capaz de facernos dubidar disto de maneira sutil, pero efectiva, sen achegar un final pechado ou incluíndo detalles como a noticia da manifestación de coellas a favor do voto feminino.
Mais se algo nos ofrece a ficción, neste caso literaria, é a posibilidade de asumir unha postura activa como receptores. Deste xeito podemos imaxinarnos unha secuela onde a coella pode cumprir o seu soño e vivir unha vida digna, a que ela se merece, a que tantas mulleres mereceron e non obtiveron.
O que se fai evidente é que mediante esta obra Bachelet pretende denunciar unha situación aínda en activo só remediábel polos adultos, principais destinatarios das múltiples mensaxes que de maneira evidente ou latente se transmiten ao lector, mais que no futuro só poderá ser superada pola infancia e xuventude de hoxe.
Trátase, en síntese, dunha obra de aparencia sinxela capaz de sorprender e retar a aquelas persoas cuxo intertexto lector conteña a obra orixinal de Carroll. Unha obra dura e devastadora, pese á utilización reiterada do sarcasmo, para aquelas outras que se vexan dalgún xeito identificadas coa súa protagonista. E unha obra que demostra como a simbiose perfecta xorde da unión dunha mensaxe que merece a pena ser escoitada e a mestría da súa construción a nivel narrativo, literario, artístico e compositivo. Un álbum ilustrado onde todos os detalles contan e que deixa moitos aspectos abertos á interpretación do lectorado, pois poderiamos algún de nós tan só afirmar que a escolla da especie animal que protagoniza a historia é simplemente unha casualidade?
Bibliografía
2
Carabias Álvaro, M. (2001). El arte y la fotografía, refugios tolerados para la deformación social de la imagen femenina. Arte, Individuo y Sociedad, 13, 123-142. https://revistas.ucm.es/index.php/ARIS/article/view/ARIS0101110123A
4
Ferreira Boo, C. (2020). Conto marabilloso e reescritas na Literatura Infantil e Xuvenil Galega. Elos. Revista De Literatura Infantil E Xuvenil, 7, 97-119. https://doi.org/10.15304/elos.7.6850
6
Gómez-López-Guiñones, L. (2015). Metaficción en los libros infantiles italianos del siglo XXI. Ocnos, 13, 99-115. https://doi.org/10.18239/ocnos_2015.13.06
7
8
Lozano Rubio, S. (2012). Las causas de la subyugación femenina: lecciones del feminismo marxista. EstratCrític, 6, 213-227. https://ddd.uab.cat/record/107249?ln=ca
10
Ramos, Ana Margarida (2019). “Reilustrar Alice: Tentativas de Escapar à tentação da Disney”. Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil, 6, "Artigos", 37-52. ISSN 2386 -7620. DOI http://dx.doi.org/10.15304/elos.6.5723
11
13
Smith, A. (2014) Letting Down Rapunzel: feminism's effects of fairy tales. Children's Literature in Education, 46(4), 424-437. https://doi.org/10.1007/s10583-014-9239-6
14
15
Vouillamoz, N. (2022). Reescrituras subversivas y literatura infantil. Cuando el libro-álbum da voz a personajes de cuentos clásicos. Ocnos, 21(1), 1-16. https://doi.org/10.18239/ocnos_2022.21.1.2737
Notas
[1] Segundo , nos álbums ilustrados as relacións entre texto e imaxe poden ser divididas en cinco categorías: interacción simétrica: as palabras e as imaxes contan a mesma historia; interacción de ampliación, cando as imaxes amplifican o significado das palabras ou viceversa; interacción complementaria, cando a interacción de ampliación é moi significativa; interacción de contrapunto, cando as palabras e as imaxes colaboran para transmitir significados máis alá do seu propio campo de actuación; e a contraditoria, cando as palabras e as imaxes parecen estar opostas.