A relación entre a(s) inclinación(s) estética(s) do mindoniense Álvaro Cunqueiro (1911-1981) e a(s) do autor arxentino Jorge Luis Borges (1899-1986) é un feito que non pasa desapercibido ben dende a lectura da obra de ambos, onde os trazos comúns saltan á vista, ben dende que o propio Cunqueiro afirmara en diversas ocasións a altura de mestre que para el supuña o autor de Historia universal de la infamia—declaración do propio Cunqueiro a Antonio R. de las Heras no xornal ABC do 17-4-1969, p. 53; onde estima ó arxentino coma “el mayor escritor de la lengua castellana en este momento”—. Así o reproduce Rodríguez Fer na primeira das notas a pé da monografía intitulada Borges e Cunqueiro creadores de labirintos, publicada o pasado ano 2021, arredor da que xira a presente recensión.
De entre todas as coincidencias, e consecuencias das coincidencias, destes dous autores atravesados polo máxico, Rodríguez Fer salienta, e analiza en maior profundidade, a grande valoración que ambos profesan polo polígrafo Alfonso Reyes; o interese maior polo xudaísmo que en común teñen ou, moi en especial, a curiosidade—que chega á fascinación para o mindoniense— que mostran polos seres animais fantásticos, soñados polo ser humano ó longo da súa historia.
Ademais de nesta especial inclinación polos animais fantásticos e mitolóxicos, segue tamén Cunqueiro a Borges nas propias lendas medievais, coma as do contexto nórdico; ou, máis en particular, por certos obxectos de tales lendas medievais que posúen algún tipo de particularidade, normalmente de nesgo fantástico. Por outro lado, sendo talvez a característica máis coñecida tanto nun como noutro autor, comparten tamén a ruptura da lóxica espazo-temporal que aboca, logo, á reinvención da propia realidade.
Son estas inmediatamente previas as características que tanto o arxentino coma o galego comparten, e sobre as que pasaremos a continuación a afondar así coma no libro fai Rodríguez Fer; mais tamén se dan conta doutras similitudes e diferenzas, posiblemente de menor calado cás anteriores, entre os dous autores. Entre as similitudes recolle Rodríguez Fer a técnica do manuscrito encontrado, que Borges realiza en “El informe de Brodie”—recollido no conto homónimo— , e Cunqueiro en As crónicas do Sochantre; a tarefa de prologuistas en, por exemplo, Viajes de Gulliver, onde tanto o arxentino como o mindoniense prologan a novela de Jonathan Swift en cadansúa tradución ó español—Cunqueiro en 1969 e Borges en 1985—. Todo isto mentres que se dá conta das diferenzas entre cada un dos autores, xa que xa o propio Cunqueiro admite que estas mesmas existen, quizais por “temor de ser considerado inxustamente un mero epígono de Borges” (2021, p. 45), como é na propia dinámica das súas historias—das do mindoniense— que talvez, el mesmo admite, teñen que ver máis coas de Alejo Carpentier (1904-1980) ca coas do mesmo Borges (p. 46); e isto ó non presentar o mundo de ciencia-ficción que, di o mesmo Cunqueiro, está artellado sobre diversos labirintos matemáticos no caso do arxentino.
Realiza Rodríguez Fer, como adiantabamos máis arriba, unha análise en profundidade de certos elementos en común entre os dous protagonistas da súa monografía. O primeiro destes elementos é a estima pola figura de Alfonso Reyes, que se traduce en palabras de Cunqueiro, referíndose ó mexicano, coma “uno de los grandes maestros de las castellanas letras”, e nas de Borges coma “el mejor prosista del idioma español” (p. 14).
Se atendemos ó interese polo pobo xudeu que ambos mostran, atopamos que o Talmud e a figura lendaria do Golem chaman a atención dos dous, se ben, no caso do Golem, de xeito distinto e, mesmo, oposto; xa que mentres que para Borges, no seu poema “El Golem”, a figura lendaria é motivo de cavilacións e sensacións transcendentais e mais sinistras, no poema que sobre o Golem escribe Cunqueiro, este ser acaba humanizándose nun ton livián e amábel propio da literatura cunqueiriana (p. 19). Pero ademais, no caso do mindoniense, resalta Rodríguez Fer, este pretendía levar a cabo unha obra en galego onde se resaltasen as conexións do pobo galego co hebreo; mentres que a fascinación do arxentino se reforza en feitos coma o seu prólogo de La metamorfosis de Kafka—autor, efectivamente, xudeu—.
Pola parte, especialmente relevante en Cunqueiro, da zooloxía fantástica, atopamos que é no Manual de zoología fantástica—logo reeditado coma El libro de los seres imaginarios— de Borges, onde se dá o nexo de unión máis forte entre os dous literatos e que, á súa vez, resultará unha influencia tal no mindoniense que este ocupará unha parte do seu Escola de menciñeiros á hora de describir uns certos animais de comportamento extraordinario e, máis importante aínda, sen ser propios de ningún tipo de tradición coñecida—nótese que o Manual borgiano data de 1957 e a Escola de Cunqueiro é do 1960; e máis importante aínda, sábese que o mindoniense posuía unha edición con diversas notas del mesmo a lápis (p. 26)—. Engadido a esta influencia descrita cómpre engadir tamén que Cunqueiro publica en 1972 un “Diccionario natural de bestias marinas” seguindo o modelo borgiano; ou que, mesmo, publica o artigo “Por el mar de China”, onde dá conta da tradición chinesa dos peixes dos espellos xa recollida no Manual do arxentino. Así, semella que é o Manual de zoología fantástica o libro de Borges máis presente na produción de Cunqueiro (p. 33).
Para rematar coa análise atende Rodríguez Fer a dúas características máis; por unha banda á épica medieval e os seus propios obxectos fantásticos e, por outra, á invención de erudicións e vidas apócrifas. A primeira das características dáse, sobre todo, nas literaturas nórdicas, co libro Antiguas literaturas germánicas de Borges coma nexo de unión, o cal foi moi frecuentado por Cunqueiro. Ademais, parece existir un interese común pola anxoloxía; se ben parece que foi no mindoniense no que a curiosidade polos anxos foi máis constante. Por suposto, como é ben sabido, existen na obra de ambos autores unha serie de obxectos e personaxes con calidades sobrenaturais—obxectos coma o aleph de Borges ou o zapato que falaba portugués en Cunqueiro; personaxes coma o protagonista de “Funes el memorioso” no primeiro, ou diversos personaxes de Xente de aquí ou acolá no segundo—.
En canto á segunda e final das características analizadas resalta Rodríguez Fer tanto a invención de erudicións—así descrito polo mesmo Cunqueiro—, entendendo como tal a “ruptura espazo-temporal e, por tanto, a deformación consciente da historia, a miúdo a través dunha pseudo-erudición inventada” (p. 39); coma o soporte racionalista de certas fantasías, se ben é esta última característica atendida de xeito diametralmente oposto polo arxentino e polo galego. Se o primeiro pretende dotar á súa literatura dun sentido científico e, mesmo, case matemático (p. 42), Cunqueiro volve literatura a tal ciencia, o que xa afasta en certo grao a un do outro autor.
En conclusión, un libro monográfico este—bilingüe en galego e en español— que serve para pescudar entre as tantas veces mencionadas redes que unen a Cunqueiro coa literatura hispanoamericana de mediados do pasado século, co seu boom latinoamericano e mais o triunfante realismo máxico. Redes en absoluto labirínticas, que axudan a dilucidar o universo compartido por ambos autores nunha sorte, no fondo, de dialéctica contradición de principios que Claudio Rodríguez Fer constata nestas páxinas de xeito claro e expresivo, cunha escrita à altura dos autores analizados e cunha sistematicidade que leva da man ó lector até o final desta análise de literatura comparada para non deixar ningunha das frontes abertas sen pechar. Tarefa do lector é resolver dita contradición e concluír para chegar deste xeito ó fondo do pouso estético e filosófico que une, na maior das veces polos extremos opostos, a ambos autores. Non se reserven de ler este pequeno libriño, perfectamente sintético e suficiente, nin investigadores iniciados nin expertos letraferidos; todo o que xa soubesen e estudasen será ampliado e todo o que descoñecesen ou intuísen, confirmado.