Alonso, L. Mariño, L. e Piñeiro, L. (Eds.) (2021). Claridad. Semanario de Izquierdas. Santiago de Compostela (1933-1934). Edición facsimilar. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. 67 pp.
Inés Mosquera Calvo
Alonso, L. Mariño, L. e Piñeiro, L. (Eds.) (2021). Claridad. Semanario de Izquierdas. Santiago de Compostela (1933-1934). Edición facsimilar. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. 67 pp.
Boletín Galego de Literatura, no. 59, 2021
Universidade de Santiago de Compostela
Inés Mosquera Calvo
Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, España
Copyright © Universidade de Santiago de Compostela
Esta obra está bajo una Licencia Creative Commons Atribución-NoComercial-SinDerivar 4.0 Internacional.
Received: 09 November 2021
Accepted: 29 November 2021
A publicación seriada Claridad. Semanario de Izquierdas¸ saída do prelo do número 15 da compostelá rúa do Vilar entre os anos 1933 e 1934, chega agora a nós en edición facsimilar da man de Luís Alonso Girgado, Laura Mariño Taibo e Laura Piñeiro Pais. Preséntase nun volume que, amais de ofrecer a reprodución orixinal dos exemplares, proporciona toda a información necesaria e datos de interese sobre o semanario.
O libro estrutúrase en catro seccións froito do traballo dos tres especialistas, acompañadas dunha memoria USB que contén a reprodución dos orixinais. Estes catro apartados, denominados “Estudo de Claridad”, “Claridad: textos de recepción e comentarios críticos”, “Prensa política galega (1933-1934)” e “Índices de Claridad”, compoñen un estudo detallado da publicación e o seu contexto.
Encabeza o volume o estudo de Claridad, organizado en dúas seccións. A primeira delas consta dunha ficha técnica coa información do título, do subtítulo, o lugar de edición e imprenta, o inicio e final da publicación, a totalidade de números, a periodicidade, o número de páxinas, o formato, o prezo, a dirección e directores suplentes, os redactores, as seccións, as linguas empregadas, os contidos, as ilustracións, os colaboradores literarios, os pseudónimos utilizados e a publicidade que contiñan as súas páxinas. A segunda sección céntrase na figura de Luís Manteiga, director do xornal ata o exemplar número 23, analizando tanto a súa traxectoria vital como a súa produción escrita, consistente esta última en colaboracións en prensa, narrativa encadrada no contexto estético-xeracional das vangardas e produción teatral en galego e castelán.
Ségueo o apartado “Claridad: textos de recepción e comentarios críticos”, no que se recollen e reproducen os artigos que dan conta da aparición de Claridad en El Pueblo Gallego (1933) e A Nosa Terra (1933); unha misiva de Aquilino Iglesia Alvariño a Luís Manteiga (1933) na que fai alusión á recepción de Claridad; comentarios críticos de Antón Capelán e Xosé Enrique Acuña, ambos publicados en Luís Seoane. Compromiso e paixón creadora, (1994), de Francisco Fernández del Riego no exemplar Luís Seoane (1919-1979), Día das Letras Galegas 1994 (1994), de María Antonia Pérez Rodríguez en Luís Seoane a través da presa 1929-1979 (2003) e de Laura Tato Fontaíña en Teatro galego. Luis Manteiga, Ediciós do Castro (2003); a entrada no Diccionario da literatura galega publicado pola Editorial Galaxia (1997); alusións de Francisco Fernández del Riego no prólogo de Teatro galego. Luis Manteiga (2003); a entrada de Alfonso Mato en Ánxel Casal, un editor para un país. Catálogos de LAR e NÓS (2007); e as recensións de Antón Capelán en Luís Seoane en Compostela e outros ensaios (2010), de Jesús J. Blanco Rosas en Galicia Emigrante. Prensa e radio no exilio galego. A pegada de Luís Seoane (2010) e de Carlos López Bernárdez en Fronte da Arte (A Arte galega no contexto europeo dos anos 30) (2020).
O terceiro apartado do volume ofrece unha caracterización da prensa política galega (1933-1934) e proporciona un corpus coas cabeceiras de prensa galega de esquerdas que naceron entre 1931 e 1936, proporcionando información contextual de cada unha. No ano 1931, recompílanse un total de once: Galicia Federal (Santiago de Compostela), Galicia Radical (Pontevedra), La Hora (Pontevedra), El Momento (Viveiro), La Opinión (Ortigueira), El Radical (A Coruña), La Razón (Santiago de Compostela), Redención Marítima (Vigo), Renovación (Ponteareas), Revolución (Pontevedra) e Vanguardia Gallega (Lugo). Durante o ano 1932, compílanse Erte...! (Ferrol), Faro Villalbés (Vilalba) e El País (Pontevedra). En 1933, améntanse Loita (Sarria), Máis (Santiago de Compostela), Renovación (Ferrol), La Draga (A Coruña) e o mesmo Claridad. No seguinte ano, recóllese o nacemento de Nuevo Heraldo (A Guarda) e Alento (Santiago de Compostela, Noia). Finaliza no ano 1935 coas publicacións Guieiro (Ourense) e Ser (Santiago de Compostela).
Conclúese ofrecendo os índices de Claridad, comezando polos colaboradores literarios e colaboradores artísticos listados alfabeticamente. Na nómina de colaboradores literarios figuran Gerardo Abad Conde, Niceto Alcalá Zamora, Fernando Barcia Veiras, Eduardo Blanco Amor, C. P. Busto Amante, Comisión Ejecutiva del Partido Socialista Obrero, Comité Local del S. R. I., Comité Nacional Femenino, Eduardo Díaz de Molina, Amalia Dollfuss, Grupo Claridad, Guerra Junqueiro, Luís Manteiga, Diego Martínez Barrio, Ricardo Montequi, O Escolante Anónimo, Partido de Iquierda Republicana, Partido Galeguista, Grupo da Coruña, R. Comunista, R. Otero, R. Sanjurjo, Francisco Regueira, Manuel Rodríguez, S. S. (como colaborador con maior volume de achegas), Laureano Santiso Girón, S. N. P. (Sociedad Nacionalista de Pondal), P. P. Tobio, Un Joven Comunista e Antonio Vilar Ponte. A listaxe de colaboradores artísticos abrangue a Castelao, S. S. e Tisner. Deseguido, achéganse os sumarios dos exemplares de cada ano, os números 1 e 2, que saíron á luz en 1933, e os números comprendidos entre o 3 e o 24, publicados en 1934. Inclúese tamén unha listaxe da publicidade incluída en cada número.
O facsímile atópase na cuberta traseira do libro en formato de memoria USB. A devandita memoria contén dous arquivos en diferente formato, un que contén as imaxes en formato JPG das páxinas dos exemplares e o outro PDF que compila todos os números de Claridad.
Claridad naceu co obxecto de ser o voceiro das mocidades da esquerda republicana, dirixido nomeadamente a estudantes, campesiños e obreiros. Presentándose en formato bilingüe, con vasto predominio do castelán, manifestábase a prol do proceso autonomista, a educación laica e a cultura galega. Cun carácter temático ideolóxico e formativo, albergou tamén algunhas achegas de creación e ensaio literario. Se ben Claridad non puido gozar dunha prolongada andaina, con só 24 números publicados, a súa pegada é indiscutible, órgano de relevantes figuras do galeguismo que se congregan nas súas páxinas. Agora, grazas ao traballo dos editores, podemos acceder aos exemplares con total simplicidade, posto que, ademais de reunir e dixitalizar todos os números, facilitan o procedemento de busca de contidos concretos ao indexar todos os elementos de referencia. Canto ao formato, ao achegar soamente en formato físico os contidos informativos e os sumarios, estando dixitalizados todos os exemplares do semanario, bríndase a oportunidade de aforrar espazo nos andeis á vez que se trata de reducir o impacto medioambiental. Constitúe este facsímile un excelente labor de recuperación, divulgación e interpretación dunha publicación seriada do interese tanto de lectorado curioso como de investigadores especializados.
Author notes
inesmosquerac@gmail.com
Additional information
Cómo citar
:
Mosquera Calvo, I. (2021). Claridad. Semanario de Izquierdas. Santiago de Compostela (1933-1934). Edición facsimilar (2021). Boletín Galego de Literatura, 59, “Libros”, 1-3. ISSN-e 2174-4025. DOI https://doi.org/10.15304/bgl.59.8096
ISSN: 0214-9117
Vol.
Num. 59
Año. 2021
Alonso, L. Mariño, L. e Piñeiro, L. (Eds.) (2021). Claridad. Semanario de Izquierdas. Santiago de Compostela (1933-1934). Edición facsimilar. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. 67 pp.
Inés Mosquera Calvo
Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades,España
Copyright Notice
Other statistics
Downloads
Downloads (Last 12 months)
Images.
Most read articles by the same author(s)
- Inés Mosquera Calvo, Estudos arredor de Ricardo Carvalho Calero , Boletín Galego de Literatura: No 58 (2021): 1º semestre
- Inés Mosquera Calvo, Álvarez, A., Luna, A., Reimóndez, M. (Eds.) (2021). Unha voz, moitas voces. Xela Arias tradutora. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. 176 pp. , Boletín Galego de Literatura: No 61 (2023)